Listado de la etiqueta: luisa_villalta

Onte 1376: Manuel María 2016

MANUEL MARIA Y UN RETRATO DE CURROS ENRIQUEZ EN LA PRESENTACION LIBRO DE LA VOZ DE GALICIA DIA DAS LETRAS GALEGAS EN LA REAL ACADEMIA GALEGA 14.5.04  XURXO LOBATONon nego que nun primeiro momento quedei un chisco amolado, xa que agardaba a elección de Xela Arias, mais a do meu benquerido Manuel María constitúe unha decisión acertadísima da Academia Galega para celebrar o vindeiro 17 de maio. Múdase de rumbo coa elección dunha das voces claves da poesía galega da segunda metade do século XX, tanto pola dimensión da súa obra poética (máis de medio cento de títulos), pola súa diversidade formal e temática, polo seu compromiso político nacionalista, como pola súa difusión musical e as súas posibilidades de utilización didáctica no eido escolar. Sen esquecer a importancia do chairego como autor de 35 textos dramáticos, algúns aínda inéditos, mais tamén como ensaista, libreiro, editor e referente do país, a de Manuel María será unha figura que axudará a recuperar dinamismo e participación popular na celebración deste Día das Letras Galegas que, coincidindo co centenario da fundación das Irmandades da Fala, aventuro será moi exitosa. Parabéns, pois, á Academia, a Saleta Goi e á Fundación Manuel María. Xaora, agardo que en 2017 sexan ou ben Xela Arias, Luisa Villalta ou Pura Vázquez, a escritora homenaxeada pola Academia Galega.

Onte 1055: Segundo día de feira

Rosa_Aneiros_Bragado_02-08-2014

Intensísimo o segundo día da nosa participación na Feira do Libro da Coruña, onde ao longo de tres horas compartimos mesa con Rosa Aneiros, María Reimóndez, Pemón Bouzas e Xurxo Souto. Catro presentacións que expresan o esforzo de Xerais por chegar a públicos diversos con textos singulares na excelencia sexa no eido da literatura xuvenil, o ensaio político ou a narrativa.

Comezou a tarde Rosa Aneiros que presentaba a súa triloxía Ámote Leo A., unha obra dun milleiro de páxinas que xa é un dos cumes da nosa narartiva xuvenil. Cualificou Aneiros a obra como «unha viaxe aberta en tempo real, onde aparece a superlúa que colleu a Leo no Bósforo, os acontecementos do 15 M de 2011 a morte do Bin Landen ou o atentado do Cefé Argana; a miña intención foi ir encaixando o que sucedeu no mundo naquel primeiro semestre de 2011». Salientou Rosa o carácter aberto da obra, xa que grazas ao muro de Facebook as lectoras comparten as súas viaxes e diversas mensaxes de amor. «Ler é un xogo, a habelencia pola que nos engana o autor ou á autora é unha das razóns polas que lemos. Os textos son apenas pistas para construír a lectura. É o máis grande da literatura. Pretendo que cadaquén constrúa a súa propia viaxe. Hai moito mundo por ver».

Reimondez_Bragado_02-08-2014

María Reimóndez presentou o seu ensaio político A alternativa xa está aquí, que definiu como «unha proposta de cambio a partir das accións do día a día». Un acto no que Reimñondez contou coa participaci´pn activa do público para ir debullando algúns dos contidos da obra: os bancos de tempos, a renda básica das iguais, as características dos GAM (Grupos de Axuda Mutua), a Declaración do París…

Pemos_Bouzas_Bragado_02-08-2014

Pola súa banda Pemón Bouzas presentou A voz do vento que definiu como «novela sobre a crise e sobre María Soliño, unha persoa clave do imaxinario galego». Na súa intervención Bouzas abordou cada unha das tres partes da novela: na primeir ao pulo da sociedade de Cangas hai catrocentos anos, antes da invasión dos piratas turcos; na segundo a desolación tras o ataque e na terceira a rexeneración da sociedade a carago das propias vítimas que repesentan a dignidade.

Xurxo_Souto_Bragado_02-08-2014

Por último, pechou o serán a presentación dos Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto, que comezou lembrando os versos de Luisa Villalta, «Coruña cidade tatuada na pétrea pel do mar», e lembrando ao pintor Xaime Cabanas. Reivindicou que «Galicia non é a fin da terra, é o centro do mar, a pesar de que nunca nos falaron do mar». «Este libro é unha protesta, mais tamén é un manifesto de futuro. Non esquezamos que Galicia é a primeira potencia pesqueira de Europa e a rota mercante máis importante do mundo lame a nosa Fisterra».

A mesma cidade

No artigo da semana en Faro de Vigo, con motivo do ascenso do Deportivo, propoño recuperar a cooperación e a irmandade entre Vigo e A Coruña.

Desque hai corenta anos fun estudar bacharelato á universidade laboral considero A Coruña como a miña segunda patria, a cidade onde abrín os ollos a case todo, dende o galeguismo até os principios republicáns que impregnan o seu espírito liberal. Razón pola que dende comezos dos oitenta levei sempre moi mal ese enfrontamento pailán entre A Coruña e Vigo –protagonizado por tipos como Paco Vázquez, Lendoiro e “Leri”– dúas cidades portuarias atlánticas que comparten idéntico ADN e semellantes angueiras. Mágoa que unha rivalidade futbolística centenaria, anterior á fundación do Celta, protagonizada hoxe por unha rapazada pouco reflexiva e algunhas veces cunhas cervexas de máis, malogre a cooperación de dúas cidades que artellan as rexións urbanas da Galicia atlántica.

Ten razón o escritor coruñés Xurxo Souto, A Coruña e Vigo son a mesma cidade, dúas áreas metropolitanas unidas polo mesmo océano. O Berbés e o Muro son os dous portos pesqueiros de arribada e partida das embarcacións nosas que debuxan o ronsel da súa derrota no mar céltico. En ambas as dúas estacións marítimas producíronse os adeuses que abriron os camiños de alén mar da diáspora galega. As dúas cidades contan cun alma popular e obreira presente nos seus barrios. Que diferenzas substancias hai entre Coia e Navia con Elviña e o Barrio das flores? Entre a Casabranca viguesa e a Falperra coruñesa? Entre a Travesía de Vigo e Monte Alto? Entre Travesas e a Gaiteira? Entre o Calvario e os Mallos? Entre Bouzas e Labañou? Entre o Casco Vello olívico e a Cidade Vella cascarilleira? Entre Saiáns e o Portiño? Entre Matamá e Bens? En cada un destes barrios viven fillos e netos daqueles obreiros que chegaron das aldeas de Ourense ou de Lugo para darlles vida á industria e aos servizos de ambas as dúas cidades. En todos eles fálase unha lingua semellante (con cadanseu sotaque) e os problemas e as carencias non son moi distintos. Vigo e A Coruña posúen identidade de seu, aínda que son moitas máis as súas afinidades ca diferenzas.

A Coruña e Vigo eran a mesma cidade para o pintor Urbano Lugrís, que fixo de ambas as dúas a súa patria; naceu e viviu a maior parte da súa vida na primeira, para el “Percalinópolys”, e morreu un domingo de noiteboa de 1973 no hospital municipal da segunda, a que chamaba retranqueiramente “Xouba city”. O autor do cuarto do vello mariñeiro evidenciou nas súas cámaras e murais que vigueses e coruñeses respiramos idéntico arrecendo do pedramol mesturado coa maruxía da galerna. Esa atmosfera euforizante contaxiou nos anos oitenta a movida cultural viguesa e coruñesa, que mantiñan diálogo aberto en publicacións como “Tintimán” e “La naval”, entre os músicos de Siniestro Total e os de Radio Oceano, entre pintores como Antón Patiño e Cabanas, escritoras como Xela Arias e Luisa Villalta… Diálogo cultural continuado nos noventa, co movemento Bravú, musical e literario, de orixe inequivocamente cascarilleira, mais cuxo nome, segundo o xornalista vigués Antonio Ojea, puido nacer na ría de Vigo, xa que “bravú” é unha mestura da palabra “bravío” e aquel perfume Tabú, o que preferían a maioría das traballadoras da conserva da factoría Massó de Cangas.

Vigo e A Coruña son a mesma cidade como aparece no videoclip gravado para o celebrar o regreso dos Diplomáticos de Monte Alto, o poema de Celso Emilio Ferreiro “Deitado fronte ao mar”. Unha cidade onde se fusionan o balcón do paseo do Orzán co do paseo de Afonso, desde os que se enxerga idéntico horizonte; unha cidade onde a porta do Sol e a rúa do Príncipe continúa nos Cantóns. A mesma cidade popular, entusiasta, inconformista, alegre e orgullosa de formar parte do proxecto de Galicia.

Vigo e A Coruña, viradas de costas dende o inicio do período autonómico, merecen reatoparse no marco dun novo proxecto territorial de Galicia para o século XXI. Ambos os dous concellos deben cooperar no desenvolvemento das áreas metropolitanas e do novo mapa urbano do país, exixindo que isto constitúa unha prioridade na axenda autonómica. Como ambos os dous deben manter a firmeza institucional necesaria para que a prioridade principal da actuación do Ministerio de Fomento en Galicia sexa a finalización do eixo atlántico ferroviario que unirá as dúas cidades de forma permanente en pouco máis dunha hora, o que constituirá un feito case revolucionario para o recoñecemento mutuo de ambas as dúas veciñanzas.

O ascenso do Deportivo, outra proeza do mestre Fernando Vázquez, permitirá que a vindeira tempada gocemos de dous derbis, datas que deberían ser sinaladas nos calendarios como de irmanamento de ambas as dúas cidades e cidadanías, como de encontro eficaz entre as súas corporacións, deixando a rivalidade deportiva estritamente dentro dos estadios, onde eu agardo que o Celta continúe liderando o fútbol galego.