Artigos

Xela Arias en tres conferencias

Con motivo do 25 de xullo publico un texto sobre Xela Arias incluído no suplemento do «Día de Galicia» de Faro de Vigo, que agora reproducimos na súa versión completa:

Foi Xela Arias poeta transgresora de vocación intermedial, Lou Reed feminina, facedora e modeladora dunha lingua de raíz popular aprendida no berce familiar, sempre na procura da liberdade creadora e da independencia como elementos de autoafirmación dunha escrita activista comprometida co valor das artes, co feminismo e coas causas da lingua, do medio ambiente, da paz, da solidariedade onde non faltou a súa voz. Foi Xela Arias rigorosa editora literaria de mesa durante unha década en Xerais, pioneira na fixación de criterios ortotipográficos para a necesaria modernización da edición en galego de hai catro décadas. Foi delicada tradutora literaria responsable dun catálogo pioneiro de case cincuenta títulos anosados ao galego, algúns referenciais como As bruxas, Contos ao teléfono, Dublineses, O derradeiro dos mohicanos ou Drácula, o que contribuíu tamén ao proceso de normalización do catálogo editorial en lingua galega. E foi, convén non esquecelo, Xela Arias responsable dunha valiosa obra ensaística recollida nunha ducia de prosas non ficcionais dispersas en xornais e revistas, en diversas entrevistas e sobre todo nos textos das tres importantes conferencias que pronunciou, onde é posible identificar boa parte das súas principais preocupacións políticas e literarias.

Primeira conferencia (1988): o idioma como piar

Ditada o 25 de marzo de 1988, dentro das xornadas de linguas e literaturas catalá e galega da Universidade Complutense de Madrid, cando contaba con apenas vinte e seis anos, traballaba en Xerais e acababa de publicar o seu primeiro libro de poemas, na primeira conferencia, «Paixón de militancia e escuros desertores», recollida no número 6 da Revista de Filología Románica (1989), Xela Arias expresou a súa convicción de que o idioma é «o principal signo dunha cultura», o piar sobre o que se artella un sistema literario, razón pola que consideraba que «se escribir pode ser un acto revolucionario, facelo en galego é unha revolución sempre». Un idioma que para Xela Arias constituíu a cerna de todas as súas actividades literarias e vitais, fose como poeta, editora, tradutora ou docente, como acuñou en verso memorable «non hai idioma abondo para recoñecérmonos» (1994), na súa defensa en recuperalo como a mellor mostra do respecto do país por si mesmo (1989) ou na vontade de preservalo  da propia manda testamentaria (2002): «Facede o que mellor vexades, pero pídovos que conveñades amarrar forza precisa e combinada para o combate por animar, iluminar e sumar vida a esta que nos arrefría cos tempos xa pasados e os que están por vir: lingua que nós somos, que sobamos, entre todos inventada».

Segunda conferencia (1991): o compromiso feminista

Ditada o 14 de setembro de 1991, dentro do Encontro de escritores galegos e portugueses celebrado en Santiago nunha mesa redonda sobre «Muller e literatura», nesta intervención recuperada como texto por Camiño Noia e publicada no volume Xela Arias. Quedas en nós (Xerais 2004) Xela Arias expón da forma valente e atrevida que a caracterizou a súa visión da escrita de mulleres e do feminismo. «O meu compromiso está en escribir dende min. E eu son muller, miope e galega. Só cando esqueza iso deixarei de ser fiel ao feito das mulleres, das miopes e das galegas». Afirmación da súa lealdade co movemento feminista e galeguista que xa expresara na viguesa revista Congostra (1988), «porque estou aquí e, desde logo, Galicia pertence, aínda, aos derrotados», e na entrevista que Manuel Rivas lle fixera en La Voz de Galicia (1990): «Dáme rabia ter que dicir que son feminista. Pásame igual co nacionalismo. Deixarei de ser unha cousa ou outra cando as nacións asoballadas non o sexan e as mulleres non estean discriminadas…».

Terza conferencia (2001): a poesía territorio de liberdade

Ditada o 4 de maio de 2001 no Círculo das Artes de Lugo, en presenza de Manuel María, na que sería a súa derradeira conferencia, «Para que os poetas hoxe?», Xela Arias fixo unha vibrante alegación sobre a «poesía como único territorio humano verdadeiramente libre» e unha defensa do «poema [como] un pasquín na conciencia, un libelo, que funciona como un panfleto nas memorias e nas lembranzas que nos conforman a historia propia». Unha defensa da poesía como «un dos poucos miradoiros libres que ten a sociedade» que expresara quince anos antes naquela autodefinición memorable por retranqueira en La Voz de Galicia, coincidindo coa publicación de Denuncia do equilibrio (1986): «Como regra vital, a independencia, claro. Como regra poética concibo a poesía como a intersección da poesía e a melodía». Fórmula sobre a que reflexiona unha década despois na entrevista no mesmo xornal con María Xosé Porteiro: «Considero que todo produto artístico debe saír da autoanálise da análise crítica e social. Por iso ten sentido a arte, se non sería artesanía. Só escribo cando teño ganas e algo que dicir. Busco a mestura da miña ideoloxía coa miña estética, previa á necesaria depuración».

Xela Arias, escachar a palabra

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Día das Galega nas Letras que A Sega dedicou a Xela Arias:

O pasado xoves, 15 de agosto, a Plataforma de crítica literaria feminista A Sega homenaxeou a Xela Arias no parque do Castro de Vigo. Como centro da sexta edición do Día das Galegas nas Letras, unha convocatoria anual coa que este colectivo pretende facer visible de forma poliédrica, aberta e participativa o papel das creadoras na cultura galega, duascentas persoas participaron ao longo de toda a xornada en diversas actividades literarias e musicais, iniciadas cun itinerario imaxinario, conducido pola escritora Susana Arins, pola vida de Xela Arias, a escritora falecida en 2003, con apenas corenta e un anos, para quen se reclama o recoñecemento da Academia Galega no Día das Letras Galegas.

No manifesto da xornada lido pola escritora Beatriz Maceda, as compoñentes da Sega expresaron o seu compromiso de «espallar a rebeldía e o talento incomparable de Xela», «a treboada apoiada no permanente espello», ao tempo que salientaron a súa capacidade para «arrasar os marcos, desbotar as imaxes, para quedar coas palabras»; para transgredir e transcender con «cada palabra escrita co sangue da vida», fose na poesía, na tradución e na edición, eidos nos que «retorceu as palabras, ata escachalas».

Lembranza que continúa as que no inverno A Sega organizou nas librarías Chan da Pólvora e Lila de Lilith de Santiago e as que na pasada primavera tiveron lugar no concello de Redondela con motivo de asignar por votación popular a Xela Arias o nome da Biblioteca Pública Municipal de Chapela e da inaguración do grafiti no IES de Chapela, onde foi profesora substituta de lingua e literatura galegas no curso 1999-2000, no que se recolle un dos versos dun poema que publicara en 1994 no Boletín Galego de Literatura 11: «Independénciome para que eu saiba / onde quero estar atada, [onde, / as fronteiras ou a morte das fronteiras]».

Homenaxes que coinciden, ademais, coa publicación da edición da súa Poesía reunida (1982-2004) (Xerais 2018), preparada pola profesora Chus Nogueira, un fito na recuperación da obra de quen sempre reivindicou a condición de muller escritora e reaccionou contra o carácter invisibilizador das etiquetas e dos movementos xeracionais. Unha edición na que se recollen todos os seus libros publicados en vida, Denuncia do equilibrio (1986), Tigres como cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003) e reúne, ademais, a súa ampla obra dispersa, dende a recitada no Festival de Poesía do Condado, no que participou con continuidade dende 1983, até a publicada nas páxinas de Faro de Vigo dos oitenta ou nas revistas Dorna, Luzes e Festa da palabra silenciada.

Unha edición moi agardada que permite por vez primeira acceder ao corpus completo da poesía de Arias, que concibiu o texto poético como espazo de indagación e experimentación coa linguaxe. Indagación de quen, segundo a poeta e académica Ana Romaní, «non se comprace», «da que se interroga e non se acomoda». Esculca que a propia autora confesa acometer «para entenderme e facerme entender, para comprender o mundo no que vivo», actitude que contribuíu á renovación do discurso poético galego e do feminismo dos anos oitenta, aos que acompañou como pioneira. Foi Xela unha autora convencida de que a poesía «sempre é temeridade, incendio» un medio de evitar «sentir a covardía», actitude expresada co verso «vencerse é cousa de se tratar», título do traballo músico-poético que nos seus últimos días compartía con Fernando Abreu, chamado tamén da homenaxe que as asociacións profesionais da edición, tradución e escritura lle renderon en Vigo en maio de 2004 .

Foi dende os seus primeiros textos outro dos trazos caracterizadores do cromatismo da poesía de Xela, ademais dos xogos fónicos, a transgresión dalgunhas convencións da escritura e do característico emprego de colocacións pronominais, deseñar unha completa xeografía urbana, na que inevitablemente identificamos o Vigo da súa mocidade, o barrio do Calvario do instituto Castelao, onde cursou o bacharelato. Cidade onde Xela expresaba a súa vontade de reinventarse cada día, ao xeito dun Loud Reed feminino, cando entre 1987 e 1989, escribiu cinco letras para o disco El desertor (1991) de «Desertores», o grupo musical dos irmáns Díaz. O Vigo da movida, de cuxa crónica ela discrepaba e que ela definiu de forma luminosa como «cidade revolcada», quizais por que en Vigo nunca foi doado diferenciar os límites tan imprecisos entre a dor e o pracer.

Volvendo sobre a obra esencial de Xela Arias, Vigo ampliaría de forma significativa os límites do seu mapa literario, tanto polo seu carácter radicalmente contemporáneo como polas posibilidades que ofrece unha autora que, como sinalou o manifesto da Sega, «fendeu o espello, desbotou as estampas, construíu a diario». Xela Arias , quedas en nós.