Listado de la etiqueta: Lenda_do_Recreo

O festival do Vigo riquiño

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Hematofesti 2025:

Tras cinco xornadas de actividades formativas e espectáculos, o Hematofesti, o festival de humor e literatura infantil de Vigo, consolidouse como un dos referentes culturais vigueses e galegos do ano. Dirixido pola escritora Ledicia Costas e o ilustrador Alberto Vázquez, concibido como homenaxe á figura do escritor coruñés Miguel López «Hematocrítico», patrocinado polo Ministerio de Cultura, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Pontevedra, o Concello de Vigo e a Zona Franca de Vigo (o que merece os parabéns para todas as cinco administracións pola súa intelixencia colaborativa) e contando coa axuda de trinta empresas colaboradoras, recoñecido polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea como unha das mellores propostas culturais novas no estado do ano 2024, este festival vigués de atrevido formato híbrido, divertida comunicación, localización expandida (en dezasete espazos da cidade) e elegante espírito transgresor volveu facer barro coa súa programación de calidade (máis de sesenta actos) para públicos diversos, dende o infantil e mozo até o profesional da edición do libro e dos videoxogos, da comunicación e xestión cultural.

Exposición de ilustracións na sede da Deputación, presentacións de libros infantís nas librarías, sesións de contos e proxeccións de curtametraxes de animación nas escolas viguesas e metropolitanas, obradoiros de fanzines, talleres de xoguetes ópticos, de ilustración con tecido e fío, de debuxo chalado e un espazo gaming en Vialia foron algunhas das actividades deste segundo Hematofesti que non defraudou. Xaora, entre as novidades máis celebradas desta segunda edición, destacou o encontro «Cultura e economía», concibido como un binomio fantástico de creatividade e emprendemento, que contou coa participación de profesionais do audiovisual e empresarios do sector cultural. Dimensión profesional continuada na xornada do sábado co encontro «Queremos literatura infantil», coordinado por Eva Mejuto e Montse Pena Presas, centrado na edición do álbum ilustrado. Houbo presencia protagonista de espazos de humor, unha das almas do festival, dende a gravación en directo con público do programa Hora veintipico de Héctor de Miguel, á academia de comedia irreverente de Ignatius Farray, que fusiona o humor absurdo coa reflexión filosófica e política. Co seu monólogo provocador, até superar a ambigüidade das marxes, o humorista canario pechou a Hematogala, na que tamén participaron Los Hermanos Pódcast e as humoristas viguesas Sobria e Serena (Arantxa Treus e Jazmín Abuín), velada conducida con moita retranca e xenio creativo por María Lado e Xosé Antonio Touriñán, onde non faltou a enerxía da música de Grande Amore, IGMIG e Silvia Superstar.

O concerto proxección d’ As aventuras do príncipe Achmed (1926), o film pioneiro de animación con siluetas de Lotte Reiniger, sobre historias das mil e unha noite, para o que o compositor Brais González do vigués grupo Caspervek fixera en 2014 banda sonora, foi outro dos momentos musicais máxicos e inesquecibles cando este Hematofesti iniciaba a súa andaina. Festival que deu unha puntada de ouro cando tributou homenaxe a actriz e cantante Teresa Rabal, recoñecéndoa co premio «Lenda do Recreo 2025» pola súa traxectoria de catro décadas como referente do entretemento musical da infancia. Creadora de cancións xogo míticas como «Veo veo» e «Me pongo de pie», protagonista da película Loca por el circo (1982), filmada no Val Miñor, Rabal marcou a educación televisiva de varias xeracións de crianzas, as maiores hoxe na fronteira da cincuentena; ademais de acompañar a mudanza da sociedade española, que tras a morte de Franco conquistou os dereitos negados pola ditadura, necesitaba dun soporte emocional e formativo alternativo para os nenos e as nenas no entorno familiar.

Deseñado coa intelixencia creadora de Ledicia Costas e Alberto Vázquez, dous ourives da creación contemporánea, contando cun excelente equipo de profesionais e persoas voluntarias, este segundo Hematofesti amosou que en Vigo tamén é posible gozar con eventos culturais nos que as artistas son respectadas como as únicas protagonistas no contacto cos seus públicos. Hematofesti en dúas edicións ofreceu en Vigo un espazo alternativo de excelencia para unha cultura infantil contemporánea, hibridada nos soportes e nos xéneros, orgullosa da súa orixinalidade creativa e riquiña na súa comunicación, como gustaba a Hematocrítico. Fronte a exaltación da hipérbole, do ditirambo, do alleo e do fuleiro, que a tantos vigueses nos leva o demo nos dous meses futuros, Hematofesti ofrece a alternativa do respecto, da retranca, do orgullo polo propio e da excelencia do orixinal. Longa vida para Hematofesti, o festival do Vigo riquiño.

Teresa Rabal, «Lenda do Recreo 2025»

Deixo para o arquivo o texto do discurso e unhas fotos da entrega do premio «Lenda do Recreo 2025» do Hematofesti á actriz e cantante Teresa Rabal. Un acto que resultou emocionante e divertido.

O discurso de gabanza pode baixarse en pdf aquí.