Listado de la etiqueta: lei_do_libro_e_a_lectura

Lemos +

Coincidindo coa inauguración da Feira do Libro da Coruña, a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude anunciou o visto e prace do Goberno Galego ao informe «Lemos +», que recolle até cen medidas relacionadas co sector do libro e as bibliotecas. Anuncio presentado como un «Plan de dinamización da lectura de Galicia», organizado en 24 liñas estratéxicas arredor de cinco grandes bloques, que pretende conseguir que en 2030 o 70 % da poboación galega lea libros por ocio, polo menos unha vez ao trimestre, porcentaxe que se pretende acadar tamén para a lectura en galego habitual ou ocasional. Informe, cuxo contido polo momento non parece posible localizar na rede, encadrado na «Estratexia da Cultura Galega 2021», cuxa redacción (segundo a nota de prensa) foi iniciada xa en 2018, que pola súa relevancia debería ser presentado no Consello Asesor do Libro de Galicia e consultado cos diferentes axentes profesionais e empresariais do sector do libro, entidades administrativamente interesadas, que dende hai case dúas décadas reclaman a posta en marcha dun «Plan de lectura de Galicia», que desenvolva o establecido na Lei 17/2006 do libro e da lectura, a que sabemos fixeron caso omiso os gobernos de Feijoo e Rueda. Como estraña que no anuncio  de «Lemos +» non se faga explícito que o plan contará cun desenvolvemento transversal, que afectaría moi especialmente á Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional con atención preferente aos programas de bibliotecas escolares, de educación dixital e da chamada «Hora da lectura». Como tamén botamos en falta na nota que non se faga mención ningunha a un compromiso orzamentario e a un calendario de desenvolvemento das medidas contempladas, sen esquecer que é imprescindible sexan presentadas no Parlamento de Galicia. Demasiados fíos soltos para un anuncio precipitado e confuso que tememos, non queremos ser aves de mal agoiro, indique que o Plan de lectura de Galicia quede unha lexislatura máis en auga de castañas.

Publicado en Nós diario: 07/08/2024

Un libro na man

Coincidindo coa publicación do Manifesto da revista Luzes do mes de maio dedicado á precaria situación do libro galego, Manuel Rivas lanzou nas redes unha iniciativa viral baixo a consigna: «A mellor protesta, un libro na man». Dende entón foron numerosas as fotos  de persoas erguendo un libro coa intención de expresar o seu malestar pola ausencia en Galicia de políticas sobre o libro e a lectura e apoiar así a un sector (autorías, editoras, impresoras, librarías, bibliotecas e mediadoras), que foi o gran esquecido do goberno galego durante unha «década escura» para a lingua nosa. Imaxes de libros galegos en alto que expresan, ademais, a biodiversidade dunha oferta editorial, cada vez máis ampla e coidada, como o carácter insurxente do libro como ben cultural e crítico e perturbador da lectura como actividade individual (artística, formativa e informativa) con dimensión cívica e transcendencia política. Iniciativa que reclama a recuperación daquel amplo espazo de acordo (sectorial e político) acadado hai dúas décadas e recollido logo na Lei do libro e a lectura (2006). Consenso que os gobernos de Feijoo e Rueda desandaron, amparados nos recortes esixidos pola crise de débeda e logo polas penalidades da pandemia. E así, reduciron con contundencia (nalgúns casos até nun 80 %) os fondos destinados ás políticas públicas de lectura e de fomento do galego, con especial incidencia para os programas de adquisición de novidades editoriais en galego para bibliotecas públicas e de apoio a edicións de interese cultural e social. Hoxe o libro galego precisa saír do gueto no que pretenderon arrecunchalo, recuperar a presenza e brillo nas librarías, medios e redes, incrementar os índices de vendas e de lectura, proxectar a exportación das súas creacións… En resumo, precisa recuperar o seu carácter estratéxico, como primeira industria cultural en galego. Reclamalo empuñando un libro constitúe unha protesta pacífica até o lirismo. Convido a compartila coa etiqueta #UnLibroNaMan.

Publicado en Nós diario: 21/006/2023

O libro galego á intemperie

Dedico o artigo semanal de Luzes á situación do sector editorial en Galicia:

Pasada unha década da aprobación da Lei do Libro e da Lectura de Galicia o sector do libro quedou á intemperie, abrigado pola forza dos seus lectores e lectoras e sostido pola súa dependencia do sector educativo. Pouco queda xa das intencións acuñadas nunha lei magnífica, pioneira en España, forxada co consenso do sector e dos grupos parlamentarios durante o derradeiro goberno Fraga e aprobada (con algúns recortes significativos, como o do Instituto Rosalía de Castro para a difusión da lingua e cultura e galegas no mundo) polo goberno de coalición de Touriño. Unha lei derrogada de facto polo goberno de Feijoo e coa que os seus tres conselleiros de Cultura (Varela, Vázquez e Rodríguez) nunca se sentiron identificados, a pesar de que o seu cumprimento fose reclamando de forma insistente polo sector como espazo de encontro institucional e de apoio profesional ao seu proceso de dixitalización e proxección internacional.

Un desinterese do equipo cultural de Feijoo pola lei de 2006 que podemos entender tanto pola súa concepción avanzada da lectura como unha competencia a desenvolver por toda a cidadanía, independentemente de cal fose a súa idade, como e sobre todo pola consideración explícita da lectura en galego e do propio sector editorial como un dos alicerces para a lingua galega, seguindo as recomendacións do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, aqueloutro espazo de consenso erradicado polos gobernos de Feijoo, sobre todo dende a aprobación do decreto para o plurilingüismo de maio de 2010, a peza angular das políticas de retroceso para a lingua e para a lectura en galego.

Neste contexto adverso de retroceso das políticas públicas de lectura e de fomento da lingua, o sector do libro galego afrontou de forma heroica o seu proceso de hibridación e mudanza, sometido á tormenta perfecta da dixitalización dos seus soportes e formatos, da devaluación do seu mercado imposta pola crise económica e polas políticas públicas de consolidación fiscal, como da banalización da cultura, inserida a nivel mundial no sector do lecer, coa complexidade que iso supón para artellar unha oferta editorial atractiva para públicos diversos.

Os datos da súa admirable resistencia en solitario falan por si sós. Mentres de 2007 a 2015 o sector do libro perdía en España o 27,70 % da súa facturación (mil millóns de euros), en Galicia facíao nun 12,73 %, mantendo o libro galego o seu nivel de vendas (arredor dos vinte millóns de euros), a pesar de que reduciu o seu número de títulos nun 15,00 % e o de exemplares producidos nun 31,36 %. Retroceso intensificado no período 2010-2015, que coincide cos gobernos de Feijoo, no que os títulos editados en Galicia se reduciron á metade, sobre todo os impresos en lingua galega (-58,34%), expresando a forte incidencia da hibridación dixital que neste período supuxo xa o vinte por cento da oferta do sector. Cifras ás que non son alleas as diminucións dos fondos da Xunta de Galicia para a edición en galego, referidos a compra de novidades editoriais para bibliotecas públicas, axudas á edición de materiais didácticos e subvencións a tradución. Recortes dunha media do 80 %, si leron ben, do oitenta por cento, que pasaron de supoñer en 2007 o 11,61% sobre a facturación do sector ao 2,29 % en 2015. O mito do editorial como un sector hipersubvencionado pola Xunta foise a pique.

Unha situación precarizada do libro galego na que cómpre recoñecer a existencia nesta última década de espazos alternativos de esperanza, como o das bibliotecas, sobre todo do programa de bibliotecas escolares da Consellaría de Educación, e a dinamización que supuxeron iniciativas como Culturgal, O Salón do libro de Pontevedra, asociacións de voluntariado como Espazo Lectura ou o activismo teimoso dalgunhas librarías e editoras para visibilizar as novidades, que expresan as posibilidades de recompoñer espazos de encontro dos poderes públicos (Xunta, pero tamén dos concellos e deputacións) cos sectores profesionais do libro e da lectura (editoras, librarías, autoras, bibliotecarias e lectoras) para deseñar e activar políticas de fomento da lectura.

No entanto, tamén hai datos inquedantes, como os publicados sobre índices de lectura, nos que Galicia volve situarse por debaixo da media española na lectura de libros en tempo libre, sendo a comunidade autónoma menos lectora das do norte da península. Como tampouco convida ao optimismo o desinterese do goberno de Feijoo (o único presidente que nunca quixo recibir á directiva das editoras galegas) por reconsiderar as súas políticas de apoio ao libro galego (neste 2018 as axudas non aumentaron) e para contar co criterio da Asociación Galega de Editoras, presidida por Xosé Ballesteros, no deseño da proxección internacional do libro editado en Galicia e na mellora da súa presenza nas feiras internacionais de Boloña, Líber, Frankfurt e Guadalajara, que este 2018 non contarán para a nosa vergonza con espazo do goberno galego. Como decepcionante é a ausencia de información sobre os contidos da anunciada Estratexia da Cultura Galega 2021, elaborada por trinta expertos, que se propón como folla de ruta dos vindeiros anos, e da que os profesionais do sector do libro a esta altura nada sabemos.

 

Onte 1810: Déficit lector

A presentación onte do magnífico informe da Federación de Gremio de Editores sobre o estado da lectura en España volveu desvelar o importante déficit lector que pexa a nosa sociedade. O 60% das maiores de 14 anos poden ser consideradas como persoas lectoras, o que sería unha porcentaxe elevada se a lectura puidese ser considerada apenas como un hábito do tempo de lecer, como a afección polo fútbol, polo cinema ou a pintura. Porén, na sociedade actual, sometida ao proceso de hibridación dixital, a lectura debe ser concibida como unha competencia que deben posuír todos e todas as cidadás, de todas as idades, dende as máis novas ás maiores, un hábito saudable que a todas as persoas beneficia e que todas implica. A lectura é unha competencia cívica, non só un hábito de lecer ou unha preferencia artística.

Eis a cerna de calquera valoración sobre o déficit lector que arrastramos, ao que non é doado poñer remedio. Un problema grave de cultura pública. Con todo, non deixa de ser unha chiscadela irónica que onte, cando o secretario de estado de Cultura anunciaba a intención do goberno de Rajoy de pór en marcha un plan de lectura, con incidencia especial sobre o sistema educativo e as bibliotecas públicas, celebrásemos en Galicia o décimo aniversario da publicación da Lei do Libro e da lectura de Galicia, un texto normativo excelente, plenamente actual, máis nunca desenvolto polos gobernos de Feijoo, coa excepción do excelente programa de bibliotecas escolares da Consellaría de Educación. Xaora, benvidos sexan os bos propósitos de promover a revolución lectora que tanto precisamos. Sen lectura para todas, sen lectura en todos os formatos e soportes, dificilmente poderemos falar dunha sociedade en liberdade e igualdade.