Listado de la etiqueta: lalo_vázquez_gil

Miguel, sabio de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura do historiador Miguel González Fernández, membro do Instituto de Estudios Vigueses:

Tras un desgraciado accidente agrícola, morreu en Valladolid Miguel González-Alemparte Fernández, historiador e membro fundador do Instituto de Estudios Vigueses (IEV), autor dunha importante obra de investigación, con especial dedicación ao Vigo moderno e a vila de Bouzas, onde naceu en 1961. Licenciado en Xeografía e Historia pola USC, a súa tese de doutoramento, La justicia local y territorial en la Galicia del Antiguo Régimen (1995), enmarcouse nunha liña de renovación temática e metodolóxica á que lle gustaba chamar «microhistoria» ou historia do pequeno. Profesor de ensino secundario até 2008, no IES de Chapela promoveu publicacións didácticas sobre esta parroquia redondelá e desenvolveu un proxecto de renovación radical da nosa historiagrafía que puxo foco sobre a investigación das parroquias do rural e pola divulgación da historia de Vigo nos xornais Atlántico diario e na edición viguesa de La Voz de Galicia.

Membro do grupo de arqueoloxía Alfredo García Alén, pertenceu a diversos consellos de redacción de revistas de historia local como Solaina, Pontevedra Arqueológica e Glaucopis. Boletín do Instituto de Estudios Vigueses, participou como asesor científico na exposición «Rande 1702. Arde o mar» (2002) e como comisario na gran exposición sobre a Reconquista: «Vigo 1809. Feitos, armas e personaxes», no Museo de Castrelos (2004). Xaora, foi a súa achega bibliográfica, case un cento de referencias, entre libros, artigos e relatorios, a que contribuíu a reformular a historiografía viguesa. Neste labor colectivo, xunto aos seus compañeiros de xeración do IEV, Miguel centrou o seu interese nos aspectos da vida política e administrativa da Idade Moderna, con especial dedicación aos séculos XVII e XVIII, dos que estudou aspectos demográficos, económicos, urbanísticos, sociais e da vida cotián. Divulgador primeiro de alta escola do fenómeno corsario vigués e da Reconquista e das súas consecuencias políticas, coordinou a Breve historia da cidade de Vigo (IEV 2021), obra coral de membros do Instituto de Estudios Vigueses, a máis recente e fiable das historias viguesas. Ocupouse do capítulo «Vigo na Idade Moderna» na pioneira Historia de Vigo (Vía Láctea 1999), así como de varios dos fascículos da Historia de Vigo, publicada por Faro de Vigo (2007), con especial atención aos primeiros fomentadores cataláns e á frota corsaria.  Deixa póstuma a súa Bibliografía Básica sobre a historia de Vigo (IEV 2025), recurso exhaustivo para entender a evolución histórica de Vigo, que actualiza a primeira achega de 2013.

Particular importancia ten na obra de Miguel a súa preocupación polas parroquias viguesas con libros pioneiros: Historia dunha parroquia: Coia (1989), Bouzas y otros juzgados gallegos del siglo XVIII (IEV 1995), La anexión del ayuntamiento de Bouzas a Vigo (IEV 2007), Teis. Memoria histórica dunha parroquia litoral (Vigo / Lavadores) (2003). Relación á que o pasado ano engadiu Historia de o Calvario (1900-1960), do que era veciño e co que fixo unha homenaxe ao Lavadores natal de Paulina, a súa compañeira de vida, nai das súas dúas fillas das que estaba tan orgulloso. Secasí, na súa obra ten especial interese Crónicas históricas das illas Cíes. De mitos, ermitáns, piratas e mar polo medio (Morgante 2022), quizais o seu libro literariamente máis atractivo, no que aparecen algunhas das historias máis xenuínas das chamadas illas de Baiona.

Dentro da súa obra hai dous libros vinculados á figura de Lalo Vázquez Gil, o que fora cronista oficial de Vigo, falecido en 2016, vigués polifacético co que publicou Os alcaldes e os concellos de Vigo (1991 IEV e 1993 Cardeñoso) e ampliado en 2019, prologado por Ceferino de Blas, e Os nomes das rúas de Vigo (1640-1945) (IEV 2021), libros no que se funden en textos óptimos a súa condición de documentalista erudito coa de divulgador vocacional que comparte os seus moitos saberes. Debemos a teimosía e á xenerosidade de Miguel González, como ten sinalado Rafael Ojea, que a historia viguesa deixe as páxinas da erudición local para transformala nunha disciplina científica, un sinal incipiente de identidade e de orgullo para os seus habitantes. Desde aqueles seus primeiros textos, como o Inventario histórico das ermidas de Vigo e do Val do Fragoso (Concello de Vigo 1997), pasando pola súa revisión da figura do gaiteiro nos séculos XVIII e XIX ou o relato da folga de descargadores de sal, naquel Vigo anterior á Reconquista, Miguel conformou con discreción unha obra histórica monumental sobre o Vigo moderno e contemporáneo. Este sabio de Vigo morreu de repente, cos brazos abertos á vida, con cartafoles en marcha, sen ter recibido recoñecemento ningún por parte do concello de Vigo, o seu primeiro obxecto de investigación. Merece ser homenaxeado.

Cidade pesqueira

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao carácter de Vigo como cidade pesqueira:

Lalo Vázquez Gil, cronista oficial da cidade durante tres décadas, rescata nos seus Novos Retrincos da Historia de Vigo (Ediciones Cardeñoso 2005) un dos documentos máis útiles para entender a historia viguesa. Trátase do acordo asinado en Domaio o 29 de xaneiro de 1573 polos xustizas ordinarios (alcaldes), procuradores xerais, rexedores (concelleiros) e cinco veciños de cada un dos portos de Vigo, Redondela e Cangas no que se recolle as ordenanzas e estatutos da pesca da sardiña na ría de Vigo. Un documento esclarecedor para entender, como sinala con retranca Valentín Paz Andrade, que o mar dos trobadores é tamén o mar das sardiñas e, como fixera tamén o licenciado Molina en 1550 salientando a riqueza da sardiña e da pescada nos portos de Vigo, Bouzas, Baiona e Redondela, «que abastecían a Galicia e aínda a Castela e Portugal», a importancia do seu comercio, que obriga aos labores de carretado, escochado e prensado dos que se ocupaban milleiros de mulleres. Mais e sobre todo un texto que amosaba que dende hai case cinco séculos na ría de Vigo non podía botar as redes quen e como quixera, sendo a pesca unha actividade regulada polas autoridades e polos propios mareantes.

Revisar os termos daquel texto provoca hoxe sorpresa polo afán de facer unha pesca –empregando a terminoloxía actual– sostible, xa que as restricións fixadas pretendían «non facer dano á ría e a pesca dela» e obrigaban a todos os mariñeiros da ría de Vigo, como aos procedentes de Portugal, que no caso de contraviñelas perderían os seus aparellos ou serían multados con mil marabedís ou mesmo co cárcere, se fosen reincidentes. O acordo suspendía a pesca dende o venres á tardiña até a medianoite do domingo coa «intención de reparar o aparello» e regulaba o calendario da actividade dos cercos e dos xeitos: os primeiros sairían dende o 8 de agosto ao día de San Silvestre, final de ano; os xeitos, dende o primeiro de maio até a saída dos cercos; mentres se mantiña unha veda da pesca da sardiña dende o primeiro de ano ao primeiro de maio. O texto, ademais, regulaba as características das redes sardiñeiras, «que constarían de cento cincuenta e cinco mallas, segundo se adoitaba usar antigamente, porque sendo de máis faise moito dano á dita ría e pesca dela». Prohibíase o emprego dalgúns tipos de palangres, rascas e cazoeiras e establecíase as zonas da ría nas que se poderían botar certos aparellos.

Dende entón, a actividade pesqueira do Berbés, a nosa abella da ribeira, en metáfora afortunada do poeta Manuel Lueiro Rey, o primeiro pulmón económico da vila e despois cidade, asumiu diversas regulacións das súas actividades e limitacións das súas capturas, dende aquelas Ordenanzas da Carlos III de 1768 recollendo e unificando as normas tradicionais da pesca nas Rías Baixas, rescatadas do esquezo por Xosé María Álvarez Blázquez, pasando polas ordenanzas que regularon a actividade do corso, coincidindo coa chegada a partir de 1770 dos fomentadores da pesca e comerciantes cataláns ao barrio do Areal, até as máis recentes do século XX, da ampliación a 200 millas da Zona Económica Exclusiva (ZEE, 1982) e das severas limitacións establecidas coa incorporación da España á Unión Europea (1986). Regulacións que obrigaron a repensar o modelo de actividade pesqueira, e afectaron tamén ao empeño industrial dos sectores conserveiro, do conxelado e da construción naval, mais que tamén amosaron a vontade do sector pesqueiro vigués, agrupado dende 1964 na Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto Vigo (ARVI), de asumir un modelo de pesca máis selectiva baseada en información científica e no principio de substentabilidade medio ambiental, económica e social como piares dunha actividade economicamente viable no marco da Política Pesqueira Común.

Unha reflexión xa presente nas angueiras do pioneiro Valentín Paz Andrade, promotor dos congresos internacionais de ministros de pesca, organizados coincidindo coas celebracións das diversas edicións da Wordl Fishing Exhibition (WFE 1973, 1985, 1991, 1997, 2003 e 2009), que contribuíron a colocar o porto de Vigo, e a propia cidade, como referente mundial dunha actividade pesqueira responsable. Preocupación retomada dende hai unha década pola celebración en Vigo con gran éxito (repetido a pasada semana) da Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados (Conxemar), iniciada co seu congreso no que se debaten os retos actuais e futuros da industria pesqueira. Nese contexto dirímese a actual batalla política e xurídica, tras o veto (probablemente precipitado) da Comisión Europea á pesca de fondo en 87 polígonos de augas comunitarias, que ameaza a actividade das flotas pesqueiras galegas. Como cidade pesqueira atlántica todo Vigo debe proporcionar apoio ao primeiro sector económico da súa historia.

 

Gerardo González Martín, paixón por Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo áo pasamento do xornalista vigués Gerardo González Martín:

Co pasamento de Gerardo González Martín (Ávila, 1943) Vigo perde a un dos seus máis destacados xornalistas, ademais dun dos máis apaixonados estudosos e divulgadores da súa historia. Tras estudar na Escola de Xornalismo de Madrid, ocupou en 1962 unha praza como redactor do «Faro de Vigo» que dirixía Manuel Cerezales. Dende entón despregou a súa actividade xornalista en todos os medios de comunicación galegos. Redactor de «Faro de Vigo» en dúas etapas distintas, foi director de «El Correo Gallego» con apenas vinte e oito anos; redactor, primeiro, e máis tarde director de Radio Popular de Vigo (1983), a emisora da COPE onde sendo director o salmantino José Andrés Hernández (1972-1979) creou o informativo do mediodía «Jaque a la actualidad» e abriu a emisora ao emprego pioneiro do galego na radio por parte dun equipo formado por Víctor F. Freixanes, María Xosé Porteiro e Xosé María Palmeiro, entre outros, animadores daquela inesquecible campaña «Mil primaveras máis para a lingua galega».

Primeiro correspondente de «El País» en Vigo (1976), coincidindo coa súa presidencia da Asociación da Prensa de Vigo (que anovou en plena Reforma Política) e a dirección da revista viguesa «El Pope»,  a súa sinatura aparecería tamén dende entón nos xornais «El Pueblo Gallego», «La Voz de Galicia», «Diario de Pontevedra», «El Ideal gallego», «Diario de Pontevedra» e «Atlántico diario». Xornalista todoterreo ademais de traballar como directivo na COPE, fíxoo noutras emisoras como «Antena 3» e «Radiovoz», onde dirixiu o informativo «Al final del día». Tampouco foi alleo ao mundo da televisión xa que foi director do centro rexional da «TVE-Galicia», director da «TVG» e de «Tele Vigo». Cabeceiras e plataformas nas que desenvolveu un labor xornalístico intermedial caracterizado por afondar na información de proximidade, defender con afouteza o pluralismo e o respecto pola diversidade, o que lle valeu o respecto e a admiración de todos os sectores políticos e sociais.

A súa curiosidade intelectual e a súa implicación coa información local levouno a interesarse xa nos primeiros anos setenta pola divulgación histórica da cidade de Vigo, recibindo o premio Luis Taboada outorgado polo concello de Vigo a unha serie de traballos desta temática publicada con José Martínez Couselo en «El Correo Gallego». No entanto, serían as súas investigacións sobre a Exposición Internacional da Pesca en Vigo (Deputación de Pontevedra 1985) e sobre a historia da Cámara de Comercio de Vigo as que o levaron a publicar semanalmente a serie «Memoria de Vigo» nas páxinas de «La Voz de Galicia», xermolo do seu libro «Vigo no espello dos nosos avós» (Xerais 1991), o primeiro da media ducia dos que publicaría en galego, no que retrata de forma certeira aquela cidade aberta e cosmopolita dos inicios do século XX, que deu un insólito estirón até situarse á cabeza de Galicia. Un libro decisivo na súa traxectoria que abriría a bibliografía máis prolífica e diversa (máis de vinte libros e máis de dous milleiros de artigos) das existentes sobre o Vigo do século XX.

O seu afán teimoso por dotar de memoria a unha cidade esquecediza, levouno a ser tamén un dos membros fundadores do Instituto de Estudios Vigueses (1991), xunto a figuras tamén desaparecidas como Andrés Martínez-Morás y Soria, Lalo Vázquez Gil, Xerardo Sacau ou Xaime Garrido, entidade na que desenvolveu unha actividade editorial fecunda nas páxinas dos anuarios «Glaucopis» ou con libros como «Pasión por Vigo: vida y obra del cronista Rodríguez Elías» (2005). Teimosía pola construción dunha memoria viguista que o levou a ocuparse de forma pioneira do deporte en libros como «120 anos de ciclismo galego» (Galaxia 2007) ou «Handicap creó el Celta» (Cardeñoso 2011) ou de abordar obras de referencia como o «Diccionario de Vigueses (1987-1945)» (Deputación de Pontevedra 2017), dous volumes onde organizou contidos do seu extraordinario arquivo privado.

Membro da Junta Democrática de Vigo durante os anos da ditadura, Gerardo González Martínez tampouco foi alleo a participar na actividade política durante a Reforma Política, asumindo a delegación provincial do Ministerio de Cultura (1979), sendo elixido deputado pola UCD no primeiro Parlamento de Galicia ou despois asesorando no ámbito da comunicación a diversos gobernos do PP. Xaora, máis alá da pulsión política, dedicou a súa vida enteira tanto á paixón pola información, mesmo nos últimos anos cando limitado pola saúde precaria nos enviaba por correo electrónico ás amizades a súa crónica diaria, como a de documentar a memoria de Vigo, a súa cidade amada, da que tan orgulloso se sentía en ter chantado raíces coa súa compañeira Teté e construír xuntos unha familia viguesa. A nosa gratitude por tanto que nos ten ensinado.