Listado de la etiqueta: jostein_gaarder

Primeiro Conto de Nadal

Velaquí un conto de nadal que percorre escenarios emblemáticos da cidade de Vigo dende a soñadora ollada dun neto e a mirada crítica dun avó, ambos marcados pola ausencia dunha figura moi importante para eles: a avoa Lucía. A aprendizaxe común, o pensamento crítico e as emocións a flor de pel polo dó, pero tamén polo regreso dunha familiar dende Gaza, protagonizan estas liñas.

A Manuel, Breixo e Carmela, a nosa primeira luz

I

Cando o domingo baixamos a Vigo, o meu avó deixoume ben clara a súa opinión sobre as luces de Nadal: «Xandre, para min isto non ten pés nin cabeza, é un dispendio inxustificado de enerxía, que produce unhas emisións superiores a 1.000 toneladas de CO2. As festas duran case dous meses e outros tantos de montaxe e outros de retirada, a metade do ano. Eu sonche un vello daquel tempo de nadal que abrangue apenas trece noites e trece lúas, días de panxoliñas, rondallas, aguinaldos e manueles. De aquí sobra polo menos a metade do tempo, das luces e da decoración de nadal, que interrompe a cada pouco o paseo da xente. E atende, Xandriño, estas luces pagámolas todos os vigueses e viguesas, que cada un pon 8,30 euros, que as contas xa as botaron as xornalistas». Eu con semellante discurso quedei chafado, non me atrevín a arrepoñerme, non fose poñerme un bico de poupa. Aforrara a paga de toda a semana, seis euros, para subir a nora da Alameda, coma xa fixera a miña amiga Lúa, que me confesou non tivera medo, a pesar de que a cesta se movía, que pagaba a pena xa que se miraban os tellados da cidade. Moncho, como lle chama todo o mundo ao meu avó, cando chegamos a rúa Colón seguiu co seu monólogo, no que botaba a vida de Noé: «Eu a semellante nora non me subo aínda que me paguen unha mariscada, que xa non estou para andar polas alturas dando voltas. E, por riba, mira o atasco que provoca no tráfico, non habería outro lugar mellor no porto para instalar semellante armatoste?» E chegados ao mercadiño da Alameda, non quixo entrar a tomar algo, como eu agardaba, aducindo que se estaba deteriorando un xardín histórico de cento cincuenta anos, con árbores senlleiras de Galicia que soportaban un estrés innecesario.» Deume como única alternativa a de tomar un chocolate quente en Marqués de Valladares, onde fan dos mellores churros de todo Vigo, quentiños e crocantes. Soubéronme a gloria. Ao saír pedinlle, por favor, que fósemos pasar por debaixo da árbore xigante. Tivemos sorte e non agardamos máis dun cuarto de hora na cola da rúa Elduayen. Fixémonos unha autofoto chulísima, que o avó mandou decontado a Alba, miña nai, que levaba case corenta oito horas de garda no hospital, onde traballa como pediatra neonatal.

II

Desde que no verán morreu a avoa Lucía, mamá dime que é importante que acompañe ao avó que está de duelo, deprimido tras a perda da que foi a súa compañeira de vida durante catro décadas: «faille moito ben para o seu benestar emocional e a ti para aprender tantas cousas que sabe, é coma unha enciclopedia andante». Gústame acompañalo a biblioteca, a libraría e a Balaídos, onde queda con dous compañeiros, tamén mestres retirados, cos que comparte dende hai décadas localidade en Río Alto. Fíxome socio do Celta, aínda que estou en lista de espera como abonado. Secasí, non sei que fai para conseguirme localidade, que no estadio non entra de moca ninguén. O ambiente no campo é moi emocionante, sobre todo cando se canta a coro o himno da «Oliveira dos cen anos» de Tangana, coas bufandas celestes ganduxando as tres gradas, e xa non digamos se metemos un gol, cando por arte de maxia aparecen a revoar. O avó ocúpase de me levar e recoller do ensaio da escola de música da banda da parroquia, onde aprendo a tocar o clarinete, co que tamén me pelexo en casa. Estes días ensaiamos o desfile da rondalla coas súas bandeiras por diante facendo debuxos no ar.

III

Á miña avoa Lucía era un cacho de pan, a quen todas querían. Tampouco lle chistaba esta clase de nadal de tantas luces e un mundo de trangalladas. Criticábao nas redes sociais, onde era moi activa e tiña milleiros de amizades. Argumentaba que provocaba impacto na contaminación acústica e luminosa, que impedía ver as estrelas, e reclamaba o decrecemento nos consumos enerxéticos, sobre todo os fósiles, o mesmo que di a miña titora en clase de natureza. Lucía lembraba na súa conta que nos portais dos lugares máis emblemáticos das luces, durmían algunhas persoas entre cartóns, fose polas súas adiccións, por ser transeúntes ou simplemente por carecer de vivenda, o que debería avergonzarnos a todos. O pasado nadal, cando estaba en cadeira de rodas, xa moi maliña da súa doenza, celebrou moito co avó a camiseta que lle mercou a amizade invisible serigrafada cunha frase que dende entón non esquecín: «Non é ter millóns de luces é vivir nunha cidade con luz propia». Meses despois, morreu sen valerse por ela, co corpo dun paxariño, dixo mamá, tras ser ingresada nunha residencia onde contaba cos coidados especializados que nin o avó nin mamá podían xa proporcionarlle. Lucía traballara durante tres décadas como bibliotecaria nunha das primeiras facultades do Cuvi. Queríana moitísimo polos seus consellos bibliográficos, organizaba os fondos e promovía clubs de lectura temáticos, onde participaban profesorado e alumnado xuntos. Gustábanlle os libros tanto coma o avó, que enchían a casa deles. Alí aos dez anos, Lucía púxome nas mans Un conto de Nadal de Charles Dickens, traducido ao galego hai corenta anos. A avoa aseguroume: «con este libro vas rir e vas chorar, vaiche mudar a vida coa irrupción dun elemento fantástico e inesperado». E non lle faltou razón a mamá Lucía. Encantoume o libro de Dickens sobre todo pola aparición dos tres espíritos dos nadais, que se lle van presentando ao cobizoso Ebenezer Scrooge, que se negaba a dar o aguinaldo para os pobres nin quería sentar a mesa de Noiteboa. O primeiro, o dos nadais pasados, un ser cunha luz emitida pola súa cabeza. O segundo, o do nadal presente, un xigante boíño que leva un facho na man. E o terceiro, o dos nadais futuros, unha figura que oculta o seu rostro e que cunha man lle anuncia a Scrooge a morte en soidade. Tras as visitas dos tres fantasmas, o avaro esperta coma outra persoa, que abraza o espírito de solidariedade do Nadal achegando axuda a quen a precisa. O avó díxome que «Dickens escribiu esta noveliña nun mes para pagar todos os calotes que tiña, xaora non perdeu actualidade neste mundo capitalista onde as cidades compiten pola altura das súas árbores de nadal e as persoas valóranse máis polos cartos e propiedades que posúen ca pola axuda que proporcionan as máis necesitadas».

IV

Cando xa chegaramos a Príncipe, coincidimos cos excursionistas de Portugal, cargados cos seus xantares e paraugas, que parecían perdidos andando a laghareira na procura dun banheiro. Chegar a paso de galiña até o boneco de Vialia por Urzaiz fíxose pesado, salvando moreas de xente que baixaba. Cando pasamos o Paquete, onde os visitantes se fotografan diante da escultura dos mariñeiros, o avó propúxome parar a xogar unha participación dun euro cincuenta do Gordo da Primitiva do domingo 21 de decembro. Deixoume escoller a aposta. Agradecinllo e lembrei que a avoa Lucía lle gustaba xogar a Primitiva. Escollín os cinco números relacionados con ela: 05 12 54, pola data do seu nacemento; 24 polo número da casa, 7 polo andar e 2, como número clave, polas dúas fillas, miña nai Alba e miña tía Cristina. E así fixemos a nosa aposta, agardando a noite do domingo 21 para coñecer que fortuna nos agardaba. O avó non me fallou e fomos directos á pista de xeo, onde estiven escoitando sevillanas e levando cuadas seguido. Non sabía que era tan difícil manter o equilibrio sobre o xeo nin sei como non é posible escoitar ao longo dunha hora algún tema de Galician Army ou Fillas de Casandra, ás que vin en Balaídos. Mentres estiven na pista, o avó visitou o mercadiño que non lle chegou a chistar, «cheo de cousas de fóra, sen xeito ningún», para engadir que lle gustaba moito máis aquel «Feito a man», onde sempre atopaba algo con xeito para Lucía.

V

Saímos a fume de carozo de Vialia, cando xa era hora de prepararlle a cea a mamá, que chegaría a casa devecendo por comer algo rico. O avó preparou a tortilla e eu a ensalada de tomate. Estaba tan derreadiña que a pobre marchou para cama antes de que comezase a segunda parte do partido do Celta no Bernabeu. Marabilla foron os dous caroliños de Williot, que fixo barro coas orellas diante de Curtois. Fíxonos chorar de ledicia. O avo repetíame: «Xandre non esquezas o que acabas de mirar, é unha vitoria da nosa canteira e dese gran adestrador que é Claudio Giráldez». Secasí, o mellor do domingo chegou cando xa estaba en cama relendo emocionado O conto de Nadal de Dickens. O avó petou nas portas e fíxonos erguer para lernos a mensaxe que acababa de recibir de Cristina, a xemelga de mamá, que dende decembro de 2023 formaba parte do persoal da UNRWA, Axencia das Nacións Unidas para a poboación refuxiada de Palestina, onde traballou itinerante como cirurxiá pediátrica: «ESTA VEZ SI. VOLVO A CASA, PAPÁ!!! CHEGO A PEINADOR O 21 DE DECEMBRO ÁS 21.30 HORAS. BEIXIÑOS PARA ALBA E XANDRE. QUÉROVOS!!! Vaia coincidencia! Lendo a Dickens acababa de irromper nas nosas vidas o fantasma inesperado do nadal do futuro. Non mudo os millóns de leds pola luz que emite a miña tía Cristina, que hai uns meses ocupou unha páxina na edición dominical de Faro de Vigo que titulou «Pediatra viguesa, heroína na Gaza ocupada».

VI

Contando coa tía Cristina, que chegou feita un pirixel e durmiu trinta e seis horas seguidas, o avó propuxo que na primeira noiteboa sen mamá Lucía gozariamos do seu menú preferido: unha presiña de camaróns, bacallao con coliflor e de sobremesas leite frito, polvoróns e figuriñas de mazapán da confitaría Ramos de Teis. No meu caderno fun escribindo o que me viña á cabeza, sen borrar nunca, como quere a miña titora, o que lle sucedeu á miña familia naquel domingo ás portas do Nadal. Paseillo a ler ao avó, que me corrixiu apenas uns detalles. Díxome, mirándome aos ollos: «Moitos parabéns, Xandre. Podes soñar esperto. Escribiches a primeira versión do teu primeiro conto de Nadal. Agora corríxea un cento de veces. Logo pásallo a túa nai e a túa tía, que che farán boas suxestións e algunha crítica. Ten paciencia, a escritura é escribir, borrar e volver a escribir, até deixar que o texto flúa no papel ou na pantalla coma a auga do Lagares chega a Samil. Apuntas a promesa das letras galegas do futuro. E non esquezas nunca de ler ás e aos mellores, como Jostein Gaarder, autor do meu libro preferido, El enigma y el espejo, aí tes un conto marabilloso do xénero natalicio». Gustáronme as gabanzas, a pesar de que sabía que o meu avó esaxeraba, que utilizaba a hipérbole, unha doenza que mamá di é tan frecuente en Vigo, «que ameaza con forma parte do escudo da cidade xunto a oliveira». O avó díxome que o 21 non houbera sorte co Gordo da Primitiva, que podíamos recuncar no sorteo de fin de ano coa mesma combinación da avoa Lucía. Non imos baixar os brazos á primeira.

VII

Na biblioteca pública do Calvario collín como préstamo o libro que me recomendara o avó. Trátase dunha conversa no tempo de Nadal entre Cecilia, unha rapaza que está moi enferma, e Ariel, un anxo que quere coñecer como é o mundo dos humanos. Anotei no meu caderno de citas unha frase que xa lla escoitara ao avó: «nunca debemos lamentar un pensamento que se nos escapa». El enigma y el espejo resultoume un libro conmovedor, que me fixo rir e chorar. No caderno copiei esoutra frase coa que pecho o meu primeiro conto de Nadal: «Os seres humanos tamén derramamos algunha bágoa cando algo é bonito, como nos poñemos tristes ao ver algo bonito, porque sabemos non vai durar para sempre. O momento está aquí e agora».

Escrito por Xandre en Vigo, o 23 de decembro de 2025

Publicado en Faro de Vigo: 24/12/2025

Nadaliñas viguesas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a felicitar as festas do Nadal:

É tempo de nadaliñas, de felicitacións enviadas no pouso dos afectos a familiares, amizades, colegas e persoas coñecidas. Nadaliñas como as tarxetas impresas nas que durante a ditadura os galeguistas acompañaban os seus mellores votos caligrafados coa reprodución dalgún debuxo, anaco dalgunha panxoliña ou poema ceibe. Cartaces deseñados como espazos para a creatividade, xa que a pesar de utilizar os tópicos da tradición cristiá, reinventaban cada ano a iconografía do Nadal galego. Unha artesanía gráfica dos agarimos, que constitúe un xénero artístico singular con producións memorables como as nadaliñas creadas en Vigo polo pintor Urbano Lugrís para a Serigrafía Galega da Falperra, que coñecemos naquela exposición inesquecible das «Tintas galegas» de Álvaro Álvarez Blázquez. Nadaliñas como as catorce recollidas por Sebastián Risco nun libriño publicado por Isaac Díaz Pardo (outro teimoso creador destas postais) nas Ediciós do Castro (1973) ou como as oitenta escolmadas entre ás nove mil recibidas por Xosé Filgueira Valverde, que acuñou este neoloxismo, nunha exposición de grande carga emotiva comisariada pola súa neta e instalada no Museo de Pontevedra o pasado Nadal.

Nun tempo hibridado onde diminuíu o emprego de soportes impresos para a comunicación até a súa práctica desaparición e onde se secularizou o tempo sagrado de Nadal, na mitoloxía popular galega os trece días coas súas trece noites de lume novo que van entre a Noiteboa e a Epifanía, tamén o tempo de solsticio de inverno das noites máis longas do ano, as nadaliñas actualizáronse como imaxes dixitais e hipertextuais enviadas por mensaxería instantánea ou compartidas nas redes sociais con idéntica intención de partillar os afectos, os soños e as esperanzas. Unha necesidade de cohesión das familias, mais tamén dos grupos de amizade, deportivos ou de traballo, que adoitaban nestas datas xuntarse e intercambiar arredor dunha mesa agasallos, un xeito simbólico de fortalecer e expresar a continuidade dos seus afectos e minimizar as súas inevitables diferenzas e desacordos. Mágoa que as penalidades da pandemia da Covid 19, que volve azoutar estes encontros de inverno por segundo ano consecutivo con cifras máximas de casos activos, obrigue por responsabilidade e prudencia a reducilos ou suspendelos ou a celebralos de forma virtual, ao xeito de longas nadaliñas virtuais.

Recuperar ou reinventar nas pantallas neste tempo de pandemia aquelas nadaliñas galeguistas constitúe un exercicio de memoria neste Vigo transformado durante dous meses en parque de atraccións dun non lugar, unha cidade cada vez máis incómoda para a vida cotiá e o traballo da súa propia veciñanza. Unha memoria dunha cidade que veu celebrando o seu nadal máis xenuíno no bulir dos seus mercados municipais os días previos á cea de Noiteboa, onde non faltaba o bacallau con coliflor e o leite frito na sobremesa. Unha cidade arranxada para descubrir os mellores escaparates engalanados polos comerciantes, para visitar «O feito a man» e celebrar a chegada do ano novo nos bares de viños do Vigo vello, do Calvario, de Teis ou das Travesas, onde en 1974 tocou o Gordo (trescentos millóns) no bar Compostelano da Seara. Un nadal vigués no que se celebra a carreira do pavo (Gran Premio Pedreste de Nadal) dende hai sesenta anos na praza de Compostela, no que percorren as rúas os ranchos de Reis coas súas bandeiras e chascarraschás e as agrupacións folclóricas viguesas celebran nas prazas os manueles e aguinaldos. Un nadal vigués de tantos concertos memorables no García Barbón e no cine Salesianos como aquel primeiro de Siniestro total o 27 de decembro de 1981…

Como sinala o escritor noruego Jostein Gaarder na necesaria continuidade do recordo reside o celme de cada comunidade e a tradición do Nadal vigués pouco ten que ver coa actual exaltación desmesurada do lucerío urbano nin coa antipática competición con non se sabe que cidade para espetarlle que a árbore nosa é máis alta ca súa e nin sequera coa instalación nas rúas céntricas de atraccións de feira na súa tempada baixa. Quero pensar que o espírito do nadal noso continúa anovado nas nadaliñas, impresas ou dixitais, escritas ou sonoras, nas xuntanzas presenciais e virtuais nas que compartimos azos e esperanzas da continuidade de vida, saúde e amor. Unha celebración da esperanza na que non podemos esquecer a todas as persoas que sofren as calamidades da Covid 19 e doutras doenzas (tamén das ocultas), as que viven na precariedade, as que padecen os efectos da violencia, da inxustiza, da desigualdade que as privan dos seus dereitos.

Bo Nadal saudoso e que veña mellor 2022 (actualización dos votos das nadaliñas de Filgueira Valverde)! Os meus mellores votos. Que a estrela dos afectos sexa a luz que nos guíe!

Onte 2080: «Simplemente perfecto», Gaarder en estado de graza

Entre a media ducia de autorías non galegas das que sigo con fidelidade cada nova entrega (McEwan, Atxaga, Camilleri, Landero, Edurne Portela…) está a do meu admiradísimo Jostein Gaarder, o autor d’ O enigma do espello (1993), o primeiro a quen lle escoitamos nunha entrevista que «se unha historia é boa para as crianzas tamén pode ser lida por persoas adultas». Con escasa presenza na edición galega (unha das moitas espiñas que na miña vida de editor en lingua galega non me puiden sacar), reducida a un dos seus títulos recentes, A Terra de Anna (Kalandraka 2016), o narrador noruego acaba de publicar en castelán e catalán Simplemente perfecto (Siruela, Ámsterdam 2020), unha das súas novelas máis conmovedoras e fermosas.  Velaí a historia dun profesor de secundaria aparentemente feliz a quen a súa médica de cabeceira, noutrora unha das súas mozas, lle comunica que padece ELA e que lle queda pouco tempo de vida.

Como acontece na maior parte das súas obras, Gaarder agóchase tras a voz potente dunha primeira persoa para ofrecernos unha historia breve (homenaxe implícita a Stephen Hawking, autor d’ Unha breve historia do tempo), que dura menos de corenta e oito horas. Un relato comezado o 23 de abril de 2009 (outra homenaxe ao mundo do libro e da lectura), unha longa carta que o protagonista escribe a súa familia para poñer en orde a súa vida, que ven sendo tanto como falar do amor e da súa relación co universo. Cunha escritura confesional e vibrante, Gaarder colle á lectora polos camiños da memoria dunha vida para proponerlle nun momento no que pode ser completamente sincero e honesto unha reflexión sobre a eternidade, a finitude da vida: «non existe outra eternidade que unha serie de momentos de presenza irremprazable» (o que mestre Agustín Fernández Paz acuñou como «días felices»); «durante case toda a vida estamos condenados a vivir coa certeza de que todo o marabilloso que vivimos  nos veremos obrigados a abandonalo tras uns poucos anos».

Gaarder en estado de graza utilizando o conto clásico de Riciños de ouro (1837) e a súa versión máis doce d’ Os tres osos (ese relato dentro do relato, recurso metaliterario tan frecuente nas súas novelas) como alegoría para advertir que a humanidade vive de auténtico milagre na zona habitable do universo; o noso planeta é apenas como o Casa do Conto onde Albert, o seu protagonista, lembra os «anos da maxia»: «só os cerebros dos nenos están adaptados á ledicia pura e dura do xogo espontáneo». Simplemente perfecto é unha viaxe a cerna do universo, xusto onde está a estirpe da condición humana. Unha novela que nos reconcilia co valor da literatura como acicate para a vida plena.

Onte 833: «La Tierra de Ana»

Aproveitei os días de nadal para ler La Tierra de Ana, a novela máis recente de Jostein Gaarder, un dos meus autores preferidos da chamada literatura infantil e xuvenil. Desque no nadal de 1996 lera El enigma y el espejo quedei unido para sempre con este narrador noruegués capaz de propoñer en cada novo libro (xa van dezanove publicados no catálogo de Siruela) unha ollada crítica e reflexiva sobre a realidade contemporánea, mais tamén sobre o que agocha detrás do espello, o mundo dos soños e da imaxinación. En La Tierra de Ana, Gaarder ofrece unha fábula sobre os desafíos medioambientais do planeta, ao fío do cambio climático orixinado polo quecemento global e polo consumo de combustibles fósiles.

Como e adoito nas novelas de Gaarder, o relato está protagonizado por unha heroína adolescente. Ana, unha rapaza a piques de cumprir os dezaseis anos, comeza a facerse preguntas esenciais (eis a conquista da madurez) sobre que é o mundo, que cómpre facer para mudalo, cal será o futuro do planeta en 2082, cando ela poida ser bisavoa. Gaarder ofrece unha narración híbrida, entre a intriga dunha crónica realista sobre a desaparición dunha cooperante norueguesa en Somalia, a fantasía dos contos das mil e unha noite (con anel de rubí incluído) e a distopía propia do xénero da ficción científica.

A coidadosa utilización de diversas fontes de información por parte da parella de protagonistas adolescentes –textos moi ben escollidos entre recortes de prensa impresa e dixital, informes científicos, transcricións de conferencias radiofónicas e escolares sobre a catástrofe medioambiental que vivimos–, así como a exploración do mundo dos soños (Ana posúe unha capacidade extraordinaria de lembrar todo o soñado), son compoñentes esenciais desta apelación a abandonar o consumo de petróleo e a intervir no devalo dun planeta que sofre un quecemento global. «Estamos destruíndo o noso planeta. Estámolo facendo nós e o estamos facendo agora.» Mais a pesar de diagnóstico tan contundente e desolador, Gaarder ofrece nas páxinas finais unha raiola de esperanza. Non está todo perdido, se somos capaces de comprometernos dende agora co futuro do planeta; se cada xeración asume a responsabilidade da súa memoria e entrega a seguinte o planeta en mellores condicións que o recibiu. Un libro moi propositivo, que formula moitas preguntas e promove unha reflexión radical sobre a cuestión medioambiental no entorno da crise económica. A lectura ofrece unha gran oportunidade de aproveitamento didáctico.