Listado de la etiqueta: james_rhodes

Aquí tamén se fala

É esperanzador que douscentos centros de educación secundaria do país enteiro participen na iniciativa de dinamización lingüística protagonizada pola mocidade estudantil e identificada na rede polo cancelo #AQUITAMENSEFALA. Nacida no IES Rafael Dieste da Coruña coa intención de desmontar os prexuízos sobre o uso do galego por parte da mocidade ou sobre a súa utilidade no mundo da empresa, a iniciativa estendeuse coma regueiro de pólvora nas aulas e nas redes, sendo xa 25.000 os mozos e mozas participantes e máis de catro millóns as reproducións das gravacións audiovisuais protagonizadas por valedoras da campaña como Vigo Mortesen, James Rhodes, Tanxugueiras, Jaione Camborda, María Castro, Ses, Ataque Escampe, Grande Amore, Abraham Cupeiro, entre outras moitas referentes culturais e musicais. Cun cancelo que lembra ao adhesivo «Aquí tamén atendemos en galego», distribuído hai máis dunha década por Prolingua, esta iniciativa fai explícito o compromiso de cada unha das persoas participantes en converterse en activistas do uso do galego no seu propio medio, sobre todo nos establecementos comerciais da súa proximidade, dende froitarías a florerías, dende bares a librarías, dende tendas de vestiario a talleres mecánicos, onde colocan o cartel da campaña e procuran a complicidade das súas responsables por medio dunha fotografía para distribuír en redes. Unha coidada estratexia viral á que se incorporan como as cereixas dun cesto outras iniciativas de intención galeguizadora como a da participación dos clubs do fútbol galego (Dépor, Racing, Lugo e Celta) ou a elaboración da banda sonora da campaña na que se inclúen un cento de recomendacións musicais galegas. Ademais do seu indubidable éxito, ao que non está sendo alleo a presenza destacada da música e o emprego eficaz dos recursos da cultura dixital, o relevante desta campaña é a empatía e corresponsabilidade optimista que asume cada unha das súas participantes. Outro vieiro posible para unha lingua con futuro.

Publicado en Nós diario: 13/03/2024

Onte 2019: Un decálogo para «Infamia» de Ledicia Costas

Moito agradecín que Ledicia Costas e Fran Alonso me convidasen a acompañalos na presentación de Infamia no Instituto Camoens. Un acto no que tiven a oportunidade de expresar a miña admiración por unha autora excepcional e compartir a lectura dunha novela que aventuro marcará unha xeración de lectoras do noso tempo. Atrevinme a preparar un décalogo, que a seguir resumo, coa intención de sen desvelar a trama contribuír a compartir unha obra tan valiosa e tan salientable, sen dúbida, un texto 100% Ledicia Costas.

  1. Infamia é unha novela con estrutura narrativa de perfecto origami, planificada e escrita como un thriller psicolóxico sen cortes ningúns, construída sobre dobras e dobreces, o que provocaunha lectura adictiva e amosa unha habilidade excepcional da autora para dosificar a intriga e a tensión narrativa. Origami que fai referencia, ademais, á lectura como unha actividade que libera tensión e producecalma, ao tempo que remite ás mil grullas (ave que en Xapón expresa a felicidade) de papel que forman parte do Parque Memorial de Hiroshima.
  2. Infamia é unha novela de arrabalde, localizada en Merlo, un espazo enchoupado pola choiva («Chovía en alta definición» é a primeira frase da novela, outra máis para as setenta do noso admirado James Rhodes), onde se produciu unha traxedia cuxas consecuencias se alongan durante décadas e onde se impuxo o silencio machista, tan mesto como a néboa que a todos cega. Merlo é un espazo de dor e de indagación onde a beleza e o terror chegan a identificarse.
  3. Infamia é unha novela sobre o peso da infancia e da memoria familiar, de experiencias marcantes que poden chegar a ser determinantes para as vidas das crianzas.
  4. Infamia é unha novela coral onde case unha ducia de protagonistas interactúan ao fío dos seus actos, do peso das súas conciencias; personaxes cheos de matices e contradicións.
  5. Infamia é unha novela política, unha representación das violencias do mundo actual, na que se abordan temas como a violación da manada, a pedofilia dos depredadores eclesiásticos ou a regulación dos delitos sobre a liberdade sexual.
  6. Infamia é unha novela poética tanto pola súa escrita soberbia (hai páxinas de beleza desbordada) como polo protagonismo do poeta canario Félix Francisco Casanova, o Rimbaud español, falecido con apenas 19 anos. Os seus textos funcionan como trabes da propia trama de intriga psicolóxica.
  7. Infamia é unha novela onde a dor a todos iguala, unha novela sobre a perda, a loita de toda unha vida contra o monstro da culpa (metáfora da balea), o insoportable peso da conciencia e o dereito das vítimas á reparación.
  8. Infamia é unha novela feminista, tanto pola temática como polo punto de vista dunha narración onde son maioría os protagonistas masculinos.
  9. Infamia é unha novela cinematográfica e musical, que reivindica as narracións de intriga de filmes de Hitchcook e David Lynch, a atmosfera opresiva de Blade Runner ou a violencia dalgunhas pezas de Tarantino, acompañada dunha banda sonora protagonizada por The Smiths, Joy Division, Patti Smith, Nick Cave ou Massive Attack.
  10. Infamia é unha novela arca, chea de sorpresas e detalles fermosos, sexan intertextualidades e homenaxes literarias, como informacións sobre acontecementos arrepiantes.

Grazas a Beltrán e Rhodes

Dedico o artigo en Faro de Vigo a agradecer a Fran Beltrán e a James Rhodes o seu emprego da lingua galega:

O 8 de outubro Fran Beltrán publicou en Twitter este chío: «En Galicia hai máis de cen formas para designar a choiva, pero todas elas escampan #Afouteza e moito #Corazón @RCCelta A seguir traballando!» O medio centro madrileño respondía así a decepcionante actuación do cadro celeste en Sevilla e aos primeiros síntomas de crise do proxecto de Antonio Mohamed. Foi o seu un exercicio responsable de celtismo da vontade, mais tamén xeneroso de galeguismo, tanto polo feito de utilizar a lingua galega nas redes sociais, como por referenciarse coa súa riqueza semántica e literaria, capaz de expresar todos os matices que sabemos identificar nas precipitacións: dende o orballo, chuvisco, chuviña e chuviscada, cando é moi lene, máis tamén como babuxa, babuña, poalla, poallada ou froalla, até chuvieira, chuvascada, xistra, ou brea cando chove a ballón (a barullo) ou a choupón para que logo escampe, estrelampe ou estiñe e máis tarde chegue a brétema, a néboa ou o neboeiro… Xaora, tampouco era esta a primeira ocasión na que o noso Iniestiña chiaba en galego, xa que o veu facendo dende as primeiras semanas en Vigo e que xustificou, como o seu esforzo por aprender a falalo, coa intención de achegarse aos seareiros e devolverlles así o agarimo que recibe.

Actitude aberta e xenerosa co galego desta promesa de dezanove anos con trazas de figura semellante á defendida polo pianista e escritor londiniense, hoxe establecido en Madrid, James Rhodes que tamén utiliza decote o galego no seu perfil (plurilingüe) de Twitter, que conta con 151.000 seguidores, desde o que expresa as súas opinións, confesa as súas experiencias e loita de forma teimosa contra os abusos na infancia que el mesmo sufriu en carne propia. Perfil desde o que a comezos de xullo, cando veu para ofrecer un concerto (memorable) no Auditorio Mar de Vigo, respondeu con elegancia e mesura a quen o criticou por utilizar o galego como «unha cuestión de respecto», «son un convidado aquí en Galicia e quero honrar iso». Comportamento de Rhodes que vai máis alá dun xesto de márketing dunha estrela cos seus seguidores ou da súa fascinación polas marabillas da nosa cidade, xa que el o concibe como un compromiso coas culturas non dominantes, a súa forma inclusiva de instalarse no mundo.

Lingua que falan e escriben de forma habitual (e de marabilla) tradutores e investigadoras da literatura galega como o inglés Jonathan Dunne, o xaponés Takekazu Asaka, a rusa Elena Zernova, a polaca Maria Boguszewicz, o italiano Attilio Castelucci ou o madrileño Francisco Coimbra, por só citar algúns dos centos de galeguistas alófonos espallados polo mundo. Lingua tamén escollida por ducias de estranxeiros que decidiron vivir en Galicia e facelo utilizando o galego como a súa lingua vehicular nos diversos eidos da súa actividade profesional e persoal. Actitude compartida polos centos de participantes nos cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras, organizados dende 1988 e decisivos para que existan centros de estudos galegos nas universidades de todo o mundo e o galego sexa estudado en todo o planeta. Neofalantes por vontade, sensibilidade, afecto ou e utilidade que ofrecen un modelo que merece ser recoñecido polo súa xenerosidade.

Nun momento de incerteza para o futuro do idioma de noso, tras a creba da transmisión xeracional e o retroceso do seu uso como lingua habitual, actitudes de simpatía como as de Beltrán e Rhodes, ou como as expresadas polos galeguistas alófonos, conforman un modelo atractivo que aquí pode axudar a superar prexuízos e falsas ideas sobre o uso social do galego, como lingua inferior de xente da aldea ou de «culturetas galeguistas». Actitudes por si soas, que sen necesidade de acudir aos manuais de sociolingüística, desminten as reiteradas falsidades da imposición do galego e da discriminación do español en Galicia, acuñadas dende hai unha década por posicións galefóbicas delirantes, que para a desgraza da convivencia, deitan cada vez maiores doses do solimán da súa intolerancia, quizais por identificarse con máis claridade coa extrema dereita.

Hoxe, no actual marco comunicacional hibridado, plurilingüe e multimodal, a oportunidade dunha lingua minorizada como a nosa pasa por recuperar o seu valor inclusivo como lingua local de instalación afectiva e efectiva do conxunto da sociedade, tanto das familias de procedencia galegófona como daqueloutras que se incorporan a nosa comunidade. Contar cun repertorio de nomes para representar a escala das precipitacións é a nosa forma única de estar no mundo, un patrimonio ao noso coidado que non podemos perder baixo concepto ningún e temos obriga de deixar en herdanza. Agradecemos que influíntes como Fran Beltrán e James Rhodes nos axuden a lembralo e a conservalo.

Onte 1844: James Rhodes en Compostela

rhodes_compostela_09-03-2016

«Boas noites, galegos», foron as primeiras palabras que James Rhodes pronunciou no seu concerto de onte no Pazo de Congresos de Compostela, ás que seguiron as súas desculpas polo Brexit e a súa declaración de animadversión a Donald Trump. Un adianto do que sería o ton dun concerto onde o londiniense trufou as súas interpretacións virtuosas de fragmentos de Bach (marabilloso o adagio do concerto número 3), Beethoven e Chopin coas súas intervencións orais nas que reivindicou o papel da música como salvadora das vidas e a posibilidade de que todas as persoas con vontade puidésemos ser pianistas, Antes da apoteose ritual das catro derradeiras pezas, foi a interpretación de «Chaconne», a peza de Bach, o momento máis intenso dun concerto cuxa escenografía e pulsión respondía máis ás convencións do pop cas da música clásica.

O pianista, autor de dous libros de éxito, o famoso Instrumental. Memorias de música, medicina e locura e o máis recente Toca el piano: interpreta a Bach en seis semanas, demostrou que na cultura contemporánea as expresións do creador son cada vez máis híbridas  e transversais. Un pianista clásico en vaqueiros e camiseta negra, reivindicando en Compostela a Chopin, interpretando a Bach e Beethoven, monologando en inglés diante dun milleiro de galegos, asinando despois centos (si centos) de exemplares da súa autobiografía publicada en castelán, onde dá conta dos abusos sufridos na infanciaa, deume moito que pensar na viaxe de regreso a Vigo.

Grazas a Ángeles Feijoo pola foto.