Listado de la etiqueta: fernando_gomes

Vigo no espello do Porto

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo as relacións da área metropolitana de Vigo coa do Porto:

Non é novidade ningunha insistir na necesidade de que Vigo aproveitando a súa centralidade xeográfica priorice no seu proxecto estratéxico as súas relacións coas outras dúas grandes áreas metropolitanas da fachada atlántica, a do Norte, a galega da Coruña e a do Sur, a portuguesa do Porto. Dous polos potentes de desenvolvemento urbano cos que a área metropolitana de Vigo compite para atraer actividades económicas e incrementar a súa capacidade exportadora, mais coas que tamén se complementa e das que necesita na reclamación de investimentos para a mellora das súas infraestruturas básicas, no marco do desenvolvemento previsto para o arco peninsular atlántico, do Douro ao País Vasco, alternativo no actual mapa rexional europeo ao arco Mediterráneo, conformado polas cinco comunidades da ribeira oriental da península ibérica.

Como tampouco é novidoso insistir no feito de que as cidadanías e os tecidos empresariais destas tres metrópoles atlánticas, sobre todo a viguesa, asumiron, dende hai tempo e con toda naturalidade, a mobilidade de persoas e de intercambios comerciais dentro deste espazo xeográfico, coincidente en boa medida co da vella Gallaecia, mesmo a pesar de que as institucións galegas e portuguesas, máis alá de retóricas diplomáticas, continúan viradas de costas. Unha eurorrexión na que na actualidade viven seis millóns e medio de persoas, o que supón un 11,25 % das censadas na península ibérica e na que se concentra boa parte da capacidade exportadora de ambos os dous estados. Na defensa dos intereses comúns é onde A Coruña, Vigo e Porto deberían fixar os seus proxectos estratéxicos para as próximas catro décadas.

Un proxecto de cooperación que a comezos da década de 1990 xa concibiron Fernando Gomes, presidente da cámara portuense, e Carlos G. Príncipe, alcalde de Vigo, promotores do Eixo Atlántico do Norte Peninsular (1992), asociación (entón) dunha ducia de cidades de ambas as dúas bandas do Miño creada coa intención explícita de superar as barreiras físicas existentes neste espazo galego-portugués «mediante infraestruturas públicas que permitan vertebrar un mercado único transfronteirizo». Camiño xa das tres décadas do seu inicio, coincidente tamén coa entrada en vigor do mercado único, o soño compartido de Príncipe e Gomes, a quen escoitamos emocionados na Porta do Sol viguesa na manifestación en solidariedade coa flota pesqueira galega do fletán, o proxecto de eurorrexión, liderado por Porto e Vigo, nunca acabou de cristalizar institucionalmente. Máis aínda, creo que na última década se agrandaron as diferenzas entre estas cidades e se conxelaron ou desbotaron boa parte dos proxectos máis colaborativos acordados entre elas.

Xaora, a área metropolitana de Porto, que triplica en poboación á viguesa, non perdeu o tempo. Desenvolveu durante estes vinte e cinco anos de mercado único as súas infraestruturas de forma extraordinaria; dotouse dun aeroporto punteiro, utilizado anualmente por doce millóns de viaxeiros (dez veces os de Peinador) desde o que se pode viaxar a 88 destinos; puxo en funcionamento unha rede de tranvía metropolitano que move sesenta millóns de usuarios (tres veces os de Vitrasa); e apostou pola ampliación do porto de Leixões, que ameaza ao porto de Vigo tanto no seu tráfico de contedores como de cruceiros. Por non falar da renovación radical das actividades económicas do seu tecido urbano, con especial atención ás culturais e artísticas (festivais de cine, concertos, museos, arquitectura…), que converteron á cidade do Doiro nun dos destinos europeos de moda.

Diante do espello do dinamismo de Porto, o Vigo metropolitano ten que reaccionar de vez. Non pode perder outras dúas décadas discutindo miudezas de política doméstica entre administracións e familias políticas, mentres perde o tren da Alta Velocidade, diminúen os tráficos do seu porto e Peinador queda reducida a unha terminal complementaria de Barajas. Así de claro e de triste. Como tamén deben recuperarse os proxectos de cooperación política e cultural transfronteriza, singularmente potenciando de novo o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular (que continúa tendo unha das súas sede en Vigo) e a colaboración entre entidades locais (museos, centros educativos, universidades…) de ambas ás dúas metrópoles. Sen esquecer a oportunidade extraordinaria que achega contar cunha lingua compartida, como é o galego-portugués, capaz de abrir portas económicas e formativas nos cinco continentes. En definitiva, trátase de recuperar a cooperación estratéxica entre Vigo, Coruña e Porto para que cada unha delas poidan competir en mellores condicións no espazo das áreas urbanas atlánticas. Gustaría que esta idea se tivese en conta na axenda das próximas municipais.

Vigo e Porto viradas de costas

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o conflito institucional entre as alcaldías de Vigo e Porto.

vigo-oportoO enfrontamento institucional entre o concello de Vigo e a cámara municipal de Porto constitúe unha anomalía que debería ser superada decontado. A defensa lexítima que os alcaldes Abel Caballero e Rui Moreira fan de cadanseu aeroporto, entendible no marco dunha competencia aeroportuaria onde cada vez mandan máis os mercados ca as axudas públicas, non abonda para xustificar a ruptura de relacións entre as dúas cidades amigas que dende hai máis de dúas décadas lideran o proxecto de modernización urbana en cadansúa área metropolitana. Dúas cidades irmandadas pola historia, pola cultura e lingua comúns, pola mobilidade da súa cidadanía, pola fluidez das súas actividades comerciais, sociais e deportivas. Dúas cidades unidas por intereses comúns compartidos no Eixo Atlántico do noroeste peninsular, institución transfronteriza, formada hoxe por trinta e catro concellos e cámaras de aquén e alén do Miño, creada pola Declaración de Porto de 1 de abril 1992, asinada polos alcaldes Carlos G. Príncipe e Fernando Gomes.

Xaora, non somos inxenuos á hora de determinar a orixe e responsabilidade deste lamentable conflito. Sabemos que a cerna reside, sen dúbida ningunha, na moi desafortunada intervención do edil portuense, tras o anuncio da futura ligazón Lisboa-Vigo da TAP, desprezando sen argumentos as posibilidades do aeroporto galego de Peinador, ao tempo que cualificaba este enlace coa capital portuguesa como “un insulto a Porto” e un intento de destruír ao seu aeroporto. Críticas teatralizadas outra volta tras a presentación do seu libro recente sobre a TAP e a venda do 61 % do que foi a compañía área pública portuguesa ao consorcio Atlantic Gateway, liderado polos empresarios Humberto Pedrosa e David Neelman, dono este de Azul, liña área brasileira low cost. Intervencións, en todo caso, inseridas na estratexia política de Rui Moreira (político independente, apoiado polos grupos de dereita CDS-PP) de denunciar o centralismo lisboeta e reclamar ao actual goberno de coalición de esquerda, presidido polo socialista Antonio Costa, que efectivice o seu compromiso electoral de recomprar parte do capital da TAP até ficar co 50 % para  estado portugués.

Estratexia oportunista do alcalde portuense que utiliza o sempre rendible  reclamo localista para meter no mesmo saco a competencia que supón o agora máis dinámico aeroporto vigués e as dificultades obxectivas de competitividade da rexión urbana do Porto para abordar con garantías tanto o esgotamento das posibilidades do tráfico marítimo do porto de Leixões (onde os portos de Vigo e Marín son ósos duros de roer) como para contar cunha saída directa cara Europa en tren de alta velocidade. O que probablemente máis lle doe a Rui Moreiras non é o feito de que Peinador conseguise un voo diario da TAP que lle permitirá enlaces transoceánicos, sobre todo con Brasil, (o que non será nunca determinante para as cifras de embarques en Sã Carneiro), se non o feito de que a nova ponte área Porto-Lisboa, montada por TAP e TAP Express de hora en hora, que comezou a funcionar o 27 de marzo, consolida un modelo de mobilidade centrado en Lisboa, tanto no que atinxe ao transporte aéreo como na prioridade para a construción do enlace por AVE con Madrid. En definitiva, non son hoxe Vigo nin o aeroporto de Peinador os rivais directos de Porto e do aeroporto Sã Carneiro, razón pola que, máis alá dos réditos que a curto prazo supón para os seus protagonistas participar nestas batallas, semella razoable procurar unha vía diplomática para restaurar canto antes o respecto e o diálogo entre as dúas alcaldías.

Vigo e Porto son dúas cidades que compiten non só polos tráficos internacionais dos seus portos e aeroportos, senón tamén polas clientelas das súas áreas comerciais metropolitanas e polos investimentos estranxeiros que lles permitan continuar como entornos industriais. Mais tamén son dúas rexións urbanas chamadas a non permanecer nunca máis viradas de costas, dispostas a compartir unha estratexia de desenvolvemento transfronterizo capaz de artellar na fachada atlántica un eixo competitivo con outros da península, como o mediterráneo.

Hoxe o reto primeiro das relacións Vigo-Porto é como competir e cooperar a un tempo neste proxecto de construción dunha nova centralidade na periferia atlántica europea. Un proxecto no que continúa sendo prioridade a finalización do corredor ferroviario de velocidade alta, hoxe atrancado no territorio portugués, que facilite unha mobilidade intermodal (e polo tanto conectada cos dous aeroportos) de persoas e mercadorías. Como continúan sendo esenciais os proxectos compartidos no eido formativo, tanto os relacionados co Campus do Mar da Universida de Vigo como aqueloutros relacionados coas industrias culturais e creativas.