Listado de la etiqueta: denuncia_do_equilibrio

Xela Arias, escachar a palabra

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Día das Galega nas Letras que A Sega dedicou a Xela Arias:

O pasado xoves, 15 de agosto, a Plataforma de crítica literaria feminista A Sega homenaxeou a Xela Arias no parque do Castro de Vigo. Como centro da sexta edición do Día das Galegas nas Letras, unha convocatoria anual coa que este colectivo pretende facer visible de forma poliédrica, aberta e participativa o papel das creadoras na cultura galega, duascentas persoas participaron ao longo de toda a xornada en diversas actividades literarias e musicais, iniciadas cun itinerario imaxinario, conducido pola escritora Susana Arins, pola vida de Xela Arias, a escritora falecida en 2003, con apenas corenta e un anos, para quen se reclama o recoñecemento da Academia Galega no Día das Letras Galegas.

No manifesto da xornada lido pola escritora Beatriz Maceda, as compoñentes da Sega expresaron o seu compromiso de «espallar a rebeldía e o talento incomparable de Xela», «a treboada apoiada no permanente espello», ao tempo que salientaron a súa capacidade para «arrasar os marcos, desbotar as imaxes, para quedar coas palabras»; para transgredir e transcender con «cada palabra escrita co sangue da vida», fose na poesía, na tradución e na edición, eidos nos que «retorceu as palabras, ata escachalas».

Lembranza que continúa as que no inverno A Sega organizou nas librarías Chan da Pólvora e Lila de Lilith de Santiago e as que na pasada primavera tiveron lugar no concello de Redondela con motivo de asignar por votación popular a Xela Arias o nome da Biblioteca Pública Municipal de Chapela e da inaguración do grafiti no IES de Chapela, onde foi profesora substituta de lingua e literatura galegas no curso 1999-2000, no que se recolle un dos versos dun poema que publicara en 1994 no Boletín Galego de Literatura 11: «Independénciome para que eu saiba / onde quero estar atada, [onde, / as fronteiras ou a morte das fronteiras]».

Homenaxes que coinciden, ademais, coa publicación da edición da súa Poesía reunida (1982-2004) (Xerais 2018), preparada pola profesora Chus Nogueira, un fito na recuperación da obra de quen sempre reivindicou a condición de muller escritora e reaccionou contra o carácter invisibilizador das etiquetas e dos movementos xeracionais. Unha edición na que se recollen todos os seus libros publicados en vida, Denuncia do equilibrio (1986), Tigres como cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003) e reúne, ademais, a súa ampla obra dispersa, dende a recitada no Festival de Poesía do Condado, no que participou con continuidade dende 1983, até a publicada nas páxinas de Faro de Vigo dos oitenta ou nas revistas Dorna, Luzes e Festa da palabra silenciada.

Unha edición moi agardada que permite por vez primeira acceder ao corpus completo da poesía de Arias, que concibiu o texto poético como espazo de indagación e experimentación coa linguaxe. Indagación de quen, segundo a poeta e académica Ana Romaní, «non se comprace», «da que se interroga e non se acomoda». Esculca que a propia autora confesa acometer «para entenderme e facerme entender, para comprender o mundo no que vivo», actitude que contribuíu á renovación do discurso poético galego e do feminismo dos anos oitenta, aos que acompañou como pioneira. Foi Xela unha autora convencida de que a poesía «sempre é temeridade, incendio» un medio de evitar «sentir a covardía», actitude expresada co verso «vencerse é cousa de se tratar», título do traballo músico-poético que nos seus últimos días compartía con Fernando Abreu, chamado tamén da homenaxe que as asociacións profesionais da edición, tradución e escritura lle renderon en Vigo en maio de 2004 .

Foi dende os seus primeiros textos outro dos trazos caracterizadores do cromatismo da poesía de Xela, ademais dos xogos fónicos, a transgresión dalgunhas convencións da escritura e do característico emprego de colocacións pronominais, deseñar unha completa xeografía urbana, na que inevitablemente identificamos o Vigo da súa mocidade, o barrio do Calvario do instituto Castelao, onde cursou o bacharelato. Cidade onde Xela expresaba a súa vontade de reinventarse cada día, ao xeito dun Loud Reed feminino, cando entre 1987 e 1989, escribiu cinco letras para o disco El desertor (1991) de «Desertores», o grupo musical dos irmáns Díaz. O Vigo da movida, de cuxa crónica ela discrepaba e que ela definiu de forma luminosa como «cidade revolcada», quizais por que en Vigo nunca foi doado diferenciar os límites tan imprecisos entre a dor e o pracer.

Volvendo sobre a obra esencial de Xela Arias, Vigo ampliaría de forma significativa os límites do seu mapa literario, tanto polo seu carácter radicalmente contemporáneo como polas posibilidades que ofrece unha autora que, como sinalou o manifesto da Sega, «fendeu o espello, desbotou as estampas, construíu a diario». Xela Arias , quedas en nós.

Poema de hoxe 8: «Apátridas» de Xela Arias

galicia e nós nó de verbos nos nobelos dos nomes

Xela Arias, Denuncia do equilibrio (Xerais, 1984)

Cartografías de Xela Arias

Dedico a Xela Arias o artigo da semana en Faro de Vigo con motivo do décimo aniversario do seu pasamento.

Pasaron dez anos desque a inxusta ondada dun ataque ao corazón tronzase a existencia de Xela Arias, cando apenas contaba con corenta e un anos. Unha década sen Xela, a poeta, tradutora, editora e profesora que na eclipse das certezas indagou con teimosía na procura de novas cartografías. Agora, no pouso dos afectos, lembramos a súa presenza fráxil, cun aceno de melancolía nos seus ollos grandes, a súa voz dóce iniciando unha conversa intelixente, afastada de calquera banalidade. Lembramos a súa vontade de reinventarse cada día, ao xeito dun Loud Reed feminino, cando escribía textos para “Desertores”, o grupo musical dos irmáns Díaz, ruando por aquel Vigo dos afectados e narcisos oitenta, que ela definiu como “cidade revolcada”, unha das metáforas máis acaídas para definir o noso volcán de dinamismos, que tamén sabemos cidade de fronteira, onde non é difícil esculcar os límites tan imprecisos do pracer cos da dor. Lembramos as súas intervencións literarias nos días de luz con Darío, cando presentou o seu libro (“Darío a diario”, 1996) sobre a experiencia da maternidade, empregando unha palabra decidida e precisa, matizando a súa actitude vital de desesperanza esperanzada, unha resistencia activa que tinguiu a súa obra poética de intuicións intimistas na súa loita contra o desacougo. Lembramos os textos dunha poeta esencial que indagou no territorio incombustible das palabras e nas contradicións do amor, da vida e da sociedade. Lembramos á creadora que asumiu a absoluta incerteza e a fraxilidade da súa empatía co ser humano e co seu destino.

A conmoción inicial que supuxo o seu prematuro pasamento suscitou numerosos artigos literarios e unha emocionante homenaxe en Vigo, o 29 de maio de 2004, organizada pola Asociación Galega de Editores, a Asociación de Tradutores Galegos e a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Homenaxe que se prolongou poucos meses despois no libro colectivo “Xela Arias, quedas en nós” (Xerais 2004), cuxa edición correu ao coidado do seu pai, o tradutor Valentín Arias, magoadamente desaparecido hai apenas dous anos.

Homenaxes literarias que salientaron a importancia da dimensión autoral de Xela, comprometida cunha poesía que nas súas palabras “debe indagar e cuestionar a orde das cousas” e das propias linguaxes; poesía que para ela “sempre é temeridade, incendio”, considerando que a función da autora “é cuestionar o que hai precisamente para dar pé a construírnos mellor”. Traxectoria poética individual, singular, desubicada xeracionalmente, rabiosamente urbana e contemporánea, caracterizada por “camiñar ás aforas” na procura do seu propio camiño, en palabras de Ana Romaní, “escrita a golpes como os golpes marcan a violencia do noso existir”. Unha escrita poética na procura da independencia, que asume, como sinalou no seu derradeiro poema (inédito) que “a única dependencia desexable, a tolerar” é “a constelación do afecto”.

Homenaxes que non esqueceron a sua condición de “muller do libro”, traballadora de Edicións Xerais de Galicia durante unha década, enraizando alí na ramallada dos libros que escribiu e traduciu, mais tamén dos libros que foron arxila editorial nas súas mans, detalle, forma e estilo. Referencias que non esqueceron a súa dimensión como esixente tradutora para o galego de textos literarios como “Dublineses” de Joyce, “O derradeiro dos mohicanos” de Cooper, “O bosque animado” de Fernández Flórez, “Drácula” de Stoker ou o “Spleen de París (pequenos poemas en prosa)” de Baudelaire.

Porén, dende aqueles primeiros reencontros de 2004 coas cartografías de Xela Arias, abordados desde a dor e desde a vida, moi pouco se ten feito pola restitución e redescuberta da súa obra literaria. Os seus catro poemarios éditos quedaron xa fóra da voracidade do noso mercado literario actual, “Denuncia do equlibrio” (1986), “Tigres coma cabalos” (1990), “Darío a diario” (1996) e “Intempériome” (2003). Coma “Lilí con pistolas”, o libro que presentou sen fortuna ao Esquío de 1986, que nunca chegou a editar, ou os poemas que publicou en xornais (sobre todo en “Faro de Vigo”), revistas (“Luzes”, “Festa da palabra”, “A Nosa Terra”…) e libros colectivos. Secasí sucede co seu relato “Que si que si”, incluído no volume “Contos eróticos/Elas” (1990), co que iniciou un vieiro tan prometedor na ficción.

Urxe unha edición da poesía completa de Xela Arias, reunindo a súa obra édita e dispersa (e mesmo quizais a inédita). Urxe que as tres facultades de filoloxía galega promovan investigacións e traballos críticos sobre unha autora que non se compraceu, que nunca se aliou, convencida que “vencerse é cousa de se tratar” (un dos seus versos máis inquedantes). A Real Academia Galega debería considerar a súa candidatura para un dos vindeiros 17 de maio.

O excelente retrato de Xela Arias é de Guillermo Cameselle.