Entropía electoral
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á convocatoria electoral do 12X:
Nunha convocatoria electoral que non vai ser allea nin ao distanciamento social esixido pola Covid-19 nin ao confinamento durante só cinco días da comarca da Mariña, seguín con interese as respostas ao cuestionario «La cara íntima del candidato» publicado nestes días pasados en Faro de Vigo. Á falta de máis debates nos medios públicos entre os cabezas de candidatura, confrontar as respostas ás 46 preguntas do cuestionario da xornalista Irene Bascoy (unha menos no caso de Ana Pontón, a única candidata) de Feijoo, Caballero e Gómez-Reino axuda a confeccionar un álbum das súas confesións íntimas que están dispostas a realizar para acceder á presidencia do Goberno Galego. Un cuestionario de confidencias que recupera algunhas das trinta preguntas do «cuestionario Proust» (1885), o que permite ofrecer un retrato mais singular de cada candidatura, mais tamén das súas preferencias culturais e aspiracións políticas de máis longo alcance.
As respostas das catro candidaturas coinciden nalgunhas cuestións, como en valorar a lealdade das amizades, unir a felicidade ao entorno familiar, non fumar porros, contar con boa saúde, non dubidar en apoiar a un fillo que confesa que é transxénero, mais tamén en asumir obrigas domésticas como saber pór a lavadora, lavar a louza, ou reciclar cepillos de dentes e cueiros. Cadora, hai preferencias que expresan a personalidade de cadaquén. Así mentres Caballero se fose un animal sería un moucho, Pontón percorrería os ceos como unha andoriña, Gómez-Reino como un mamífero terrestre ou mariño e Feijoo como un can. Outro tanto sucede cando se lles solicita encarnarse nun heroe de ficción xa que o Capitán Trueno é o personaxe preferido polo cabezaleiro do PP, Thomas Müntzer polo de Galicia en Común, Batman polo do PSdeG-PSOE e Pipi Mediaslongas pola do BNG. Escollas que non é descartable que os responsables da márketing electoral consultasen nos horóscopos chinés ou celta para facelas máis atractivas para o electorado.
Como hai preguntas no cuestionario relacionadas coas liberdades públicas onde hai diferencias entre as respostas da candidatura de Feijoo e as do resto das participantes. É o caso da abolición da prostitución e a negativa a apoiar a xestación subrogada, posicións unánimes para as candidaturas da Galicia alternativa, mais sobre as que Feijoo non se define aducindo a súa complexidade para ser respondidas cun si ou cun non. Outrosí sucede coa eutanasia que Caballero, Gómez-Reino e Pontón identifican como dereito a unha morte digna e que Feijoo relaciona como testamento vital. Como tamén hai a agardada diversidade entre as candidaturas no que atinxe ás preferencias por diversos produtos culturais. Porén chama poderosamente a atención que para todas as candidaturas ningunha das novelas preferidas para reler sexa de autoría galega, o que evidencia a existencia dunha fenda non suturada da clase política galega coa literatura na nosa lingua. O que sucede tamén de forma máis mitigada co cinema e a música galega, a pesar do declarado interese de Gómez-Reino polo novo cinema galego e da admiración de Pontón polo traballo musical de Guadi Galego e Xabier Díaz.
Nunha campaña tan desigual en oportunidades como a actual, agradécese que os cuestionarios Bascoy axuden a perfilar o retrato das candidaturas, porén son insuficientes para abordar a cerna do debate político deste 12X, que non é outro que responder á pregunta: «Galicia está mellor ou peor que hai unha década?» E as respostas dos expertos académicos cadran en que durante este período, coincidindo cos gobernos de Feijoo, Galicia retrocedeu de forma alarmante na maior parte dos seus indicadores económicos (devalo demográfico, imparable emigración xuvenil, incremento desemprego, perda do seu sector financeiro, redución do PIB por habitante, perda de peso exportador, diminución do esforzo I+D…), ampliou as fendas de desigualdade territorial e social, rebaixou a calidade dos seus servizos públicos e comprometeu o futuro da súa lingua e da súa cultura.
Como non son doados de explicar os datos das enquisas publicadas na fin da semana, que un amigo resumiume neste aparente paradoxo: «Ana Pontón do BNG é o liderado máis valorado, o PSdeG-PSOE é o partido que conta con máis simpatía, mais semella que o PPG volverá a gañar por maioría absoluta». Un triángulo inscrito nunha circunferencia dificilmente explicable se botamos man dos principios da xeometría mais que podería entenderse consultando os principios da termodinámica, sobre todo aquel referido á entropía, fenómeno que a Física explica como a enerxía incapaz de facer traballo, mais tamén como un principio dun sistema que a pesar da transferencia de calor mantén a súa identidade. Cruzaremos o 12X a liña da esperanza do imprevisible?