Artigos

Celta de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao anuncio de Carlos Mouriño sobre a marcha de Vigo do Celta:

2014090609145429382Non me gustou que esta tempada fose suprimido o sintagma “de Vigo” do logotipo do Celta. Atribuíno a criterios de economía tipográfica e de uso nas redes sociais. Porén, recoñezo que mudei de opinión despois da ameaza de Carlos Mouriño anunciando a todo bombo a marcha de Vigo da sociedade da que é propietario maioritario. O sintagma “de Vigo” resúltalle incómodo aos donos do Real Club Celta de Vigo S.A.D., razón social constituída hai 25 anos polas achegas de pequenos accionistas.

Bautizado en 1923 como Club Celta, o sintagma “de Vigo” foille engadido en 1940. Dende entón, o nome Celta de Vigo é a expresión da identificación da cidade co seu primeiro equipo, representante do carácter cosmopolita dunha cidade en estrépito, aberta ao seu entorno e disposta a liderar o proxecto galego. Abonda botar unha ollada á historia para comprobar a importancia que o Celta tivo (e ten) para a cidade, sexa como símbolo de inclusividade (“son do Celta xa que son de Vigo”) ou de visibilidade alén de Rande (“o Celta é o equipo de Vigo”).

Razóns que avalaron os esforzos que o concello fixo ao longo de décadas para axudar ao club nas súas horas baixas; adquirindo Balaídos en 1946 e afrontando as súas reformas sucesivas, sempre custosas. Un trato de privilexio mantido despois de 1992, tras a transformación do club en S.A.D. e continuado polo alcalde Abel Caballero que asinou en 2009 con Carlos Mouriño un convenio para uso exclusivo e gratuíto até 2034 do estadio de Balaídos, do campo de Barreiro e do complexo da Madroa.

En semellante contexto, só é posible entender que o anuncio da marcha de Vigo está motivado pola decepción do propietario do Celta por non poder mercar Balaídos ao prezo que fixou (unha ganga, un imposible); unha adquisición que incrementaría o valor das súas accións e facilitaría a venda da sociedade nas condicións máis favorables. Despois de seis meses de reviravoltas sobre o futuro do estadio, a estratexia de Mouriño volve teimosa ao seu punto de inicio, condicionada polas ofertas de compra de investidores foráneos. De nada serviron os esforzos dos grupos municipais, que apostaron por fixar un canon para unha cesión exclusiva de Balaídos para usos deportivos e comerciais por 50 anos, unha oferta pola que devecería calquera empresa viguesa que necesitase utilizar un espazo público.

Carlos Mouriño só manexa unha opción, a da compra do estadio, consciente de que un Balaídos reformado por unha millonada, mais non utilizado polo Celta, constituíría un esperpento escandaloso, insoportable para os responsables municipais. Desa convicción nace a súa ameaza que divide a un celtismo desconcertado e greta a fráxil unidade de criterio dos grupos municipais. Un órdago con consecuencias, que dinamita a identificación da cidade co Celta e décadas de colaboración do concello co club.

Tras anuncio tan inoportuno, nunha semana decisiva de competición europea, o futuro de Mouriño no Celta parece cada vez máis incerto. Comprendemos que o seu malestar non é alleo á incapacidade do concello de ofrecerlle unha solución para instalar unha cidade deportiva. Como intuimos que non lle chistou a fórmula utilizada pola alcaldía na xestación do proxecto do novo Balaídos, comezado pola participación do club na construción da nova grada de Tribuna Baixa, cando nin se coñecía o proxecto de obra nin a fórmula do financiamento nin a contía do que achegarían ás diversas administracións participantes na reforma. Mágoa que non se debatese con tempo e amplitude o proxecto do Balaídos que precisamos.

Xaora, a alternativa da marcha de Vigo ten escaso percorrido para o Celta. A pesar do entusiasmo da alcaldesa de Mos, disposta a meterlle ao rexedor vigués un gol, non existe concello ningún na área metropolitana cuxo plan xeral en vigor contemple a posibilidade de construír un estadio e un centro comercial. Tramitalo custaría o seu tempo e requeriría superar moitas dificultades. Como non habería que minusvalorar a gravidade da ferida que esta fuxida abriría no corpo social do club, sobre todo neses centos de pequenos accionistas e empresas viguesas que na operación acordeón realizada no período concursal (2009) perderon o 80% do seu valor, o que axudou á sociedade a saír dun foxo ameazante, mais que tamén facilitou o incremento da participación de quen hoxe funciona como o seu dono. Por non falar do carácter disuasorio do desprazamento fóra do centro para moitos afeccionados.

O Celta debe continuar en Vigo e o novo Balaídos debe ser a súa lameira. Nese marco aínda hai espazo e tempo para atopar unha saída negociada entre o concello e a sociedade anónima deportiva, respectuosa cos dereitos da cidadanía e cos intereses do club. Outras opcións poden ser apenas o canto do cisne de quen as expresa.

Guardar

Guardar

Guardar