Artigos

Berrogüetto sempre

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Berrogüetto con motivo do seu premio da Crítica Galicia na modalidade de Música.

Entre os recoñecementos á excelencia na creación e promoción da cultura galega, entregados na trixésimo sétima edición dos Premios da Crítica Galicia, foi moi significativo o de Berrogüetto na modalidade de música. Un premio aclamadísimo que chega, quizais, un pouco tarde cando o grupo vigués decidiu disolverse a pasada primavera “cun sorriso e coa satisfacción do traballo realizado”, o que non evitou a a decepción e tristeza saudosa dos que somos os seus incondicionais seareiros.

Tras o inesquecible derradeiro concerto de despedida no García Barbón do 29 de xuño, Berrogüetto deixa unha herdanza importante para a cultura galega: os máis de sesenta temas de cinco discos memorables, “Navicularia” (1996), “Viaxe por Urticaria” (1999), “Hepta” (2001), “10.1” (2006) e “Kosmogonías” (2010); ademais dun gran libro disco biográfico con gravación de concerto ao vivo, “Berrogüetto. O pulso da Terra” (2011). Como salientou o xurado dos Premios da Crítica Galicia no seu ditame recoñeceuse por fin a Berrogüetto “pola súa excelente traxectoria artística de case vinte anos constituíndose nunha referencia imprescindible da música de raíz galega e un conxunto de prestixio no panorama internacional que deixa un legado permanente na nosa cultura”.

A prehistoria de Berrogüetto está en Matto Congrio, que publicou o seu único disco en 1993, mais que, como sinalou o crítico Óscar Losada, “marcou o signo dos tempos modernos no folk do país” e abriu para el dous vizosos vieiros. Dous membros da formación que vestiu cun traxe moderno o folk galego, Pancho Álvarez (baixo) e Diego Bouzón (guitarra) acompañaron a Carlos Núñez (gaita) na súa nova banda, a que gravaría “A irmandade das estrelas” (1996). Os outros tres compoñentes, Santiago Cribeiro (acordeón), Isaac Palacín (percusión) e Anxo Pintos (gaitas e zanfona) decidiron crear un novo grupo, ao que convidaron a Quico Comesaña (harpa) de Fía na Roca, Paco Juncal (violín) de Armeghin e Guillermo Fernández (guitarra) de Fol de Niu.

Bio_Berroguetto2

Dende os seus primeiros concertos no verán de 1995, a nova formación, bautizada como Berrogüetto –un nome que significaría “berro dos oprimidos”, mesturando un berro positivo saído da nosa estirpe cunha vontade de afastarse de calquera “ghetto” ou “apartheid”– non deixou de asombrar ao público galego (e despois ao internacional da chamada “world music”) pola súa proposta musical innovadora, experimentando novas sonoridades e instrumentos que permitisen enxergar horizontes contemporáneos para a música galega de raíz. A aparición de Berrogüetto significou, pois, unha aposta pola innovación, que o grupo levou a todos os eidos da súa actividade, con atención especial ao coidado gráfico e presentación de todas as súas producións e a súa vontade para dedicarse profesionalmente á música, o que constituíu unha novidade no folk galego. Tras a marcha de Juncal, Berrogüetto incorporaría en 1999, a partir do seu segundo disco, a voz de Guadi Galego e o violín de Quim Fariña, consolidando un septeto no que, tras a saída de Guadi en 2010, se integrou o cantante Xabier Díaz.

Cada un dos temas de Berrogüetto constitúe unha pequena alfaia sonora labrada por estes alquimistas de soños, navegantes que viaxaron en cada disco ou en cada concerto, onde sempre foron tan sútiles como enérxicos, polos océanos musicais máis diversos (intelixentes que son, ningún mar sonoro lles foi alleo). Sete músicos que aproaron a súa nave entre os ritmos da muiñeira, do vals, da polca, do alalá e o das linguaxes musicais contemporáneas, nunha travesía na que nunca perderon a súa raíz galega. A calidade instrumental, a rigorosidade compositiva e a afouteza para asumir riscos creativos fixeron de Berrogüetto unha das representacións máis acaídas da identidade cultural galega contemporánea, desa fantasía de traducir a tradición milenaria na expresión do noso tempo.

Rosa Aneiros escribiu que “Berrogüetto foi a nosa propia voz feita música. Eles fannos soñar que outra música, outra orde cósmica é posible”. E abofé que así foi até que a severidade desta crise coa cultura galega arrasou o seu proxecto modernizador e a súa incipiente presenza nos mercados internacionais. Neste entorno, a imposibilidade da continuidade de Berrogüetto co seu proxecto primixenio é un síntoma do fracaso do conxunto do sector cultural galego. O “Alalá da noite”, canción composta por Quico Comesaña e Xabier Díaz, incluída en “Kosmogonías” (2010), ten como letra un poema que Manuel Rivas enviou ao grupo tras o concerto de presentación de Díaz como o seu cantante. Difícil é resumir mellor o que supuxeron os anos de traballo do grupo vigués que neste retrouso: “Eu non sabía que había / tanta alegría nas bágoas / nin neve nas bidueiras / nin esperanza nas mágoas”. Berrogüetto sempre!

Onte 1114: Premios da Crítica Galicia 2014

P1020268

Non defraudaron os Premios da Crítica Galicia deste ano dos que coñecimos onte o seu ditame e nos que por vez primeira en trinta e sete edicións asistiu o presidente da Xunta de Galicia. É innegable que quedei fachendoso polos dous premios recibidos por libros publicados por Xerais, a gran novela de Xosé María Lema, que xa quedara en varias oportunidades co mel nos beizos, e a Estilística da lingua galega de Freixeiro Mato. Como tamén foron excelentes noticias o recoñecemento a traxectoria de Berrogüetto, coincidindo co seu adeus dos escenarios, como de Costa da Morte, a película de Lois Patiño que internacionaliza o Novo cinema galego. Como merecen todos os parabéns Antón Pulido, o noso grande pintor contemporáneo, e o labor de Yolanda Castaño no ciclo Poetas D(in)versos do Agora coruñés e Ponte-Poética en Pontevedra. Foi a novidade desta edición a nova modalidade de Cultura Gastronómica que recoñeceu a creación do Marrón glacé por parte do Grupo Cuevas, capaz de transformar a humilde castaña nunha excelente delicatessen internacional. Os chamamentos á recuperación do consenso arredor do idioma, coincidindo co décimo aniversario da aprobación do PXNLG, que fixeron dende a tribuna Lema e Freixeiro, como as apelacións á excelencia de Castaño, Pulido, Patiño e Anxo Pintos foron tamén moi oportunas. Outra excelente edición dun esforzo en mancomún do que participamos.

Onte 874: Adeus a Berrogüetto

Berrogüetto anunciou onte a súa disolución e a súa xira de despedida. Tras dezaoito anos de carreira, cinco grandes discos e uns cantos concertos memorables Berrogüetto despídese con elegancia e cun sorriso, un xeito de expresar a satisfacción pola súa achega decisiva á construción do proxecto da música galega de entre séculos. Desde aquel primeiro Navicularia quedei prendido a Berrogüetto, a quen hai doce anos (o 27 de xaneiro de 2002) dediquei un artigo con motivo da publicación de Hepta, o seu terceiro traballo. Penso que hoxe paga a pena recuperalo (actualizando algún dato e engadindo un par de enlaces de youtube) como a mellor homenaxe que eu podo facer ao grupo vigués. Non faltaremos nalgún dos concertos de despedida. Gaiteiros!!!

Teño un remedio que me funciona cando ando triste ou melancólico: escoitar «Vilalbalcán II», unha muiñeira do «Choqueiro», un gaiteiro de Cangas, recuperada por Berrogüetto no seu primeiro disco, «Navicularia». Esta muiñeira é capaz, en a penas cinco minutos, de levantarlle o espírito a alma máis encollida e de amosar a potencia creativa dunha reinterpretación contemporánea das melodías da nosa música tradicional. Os temas e as cantareas de Berrogüetto son un eficaz antidepresivo e unha mostra da modernidade da creación cultural en Galicia.

Algúns compoñentes de Berrogüetto xa formaban parte de Matto Congrio, un grupo que cun só disco, publicado hai case dez anos [ agora vinte], marcou un punto e á parte na historia do noso folk. Naquel álbum, Anxo Pintos, o virtuoso multinstrumentista do grupo e profesor de zanfona da Universidade Popular de Vigo, arriscaba o seu coa composición doutra muiñeira reinterpretada na forma de «Gaseadas formas globulares» e cunha peza moi algareira e case jazzística, «Crisol de insectos imposibles», pequenos paquetiños sonoros con ás e recubertos de quinina.

Despois de só tres discos [finalmente foron cinco], e cunha traxectoria sempre innovadora e orixinal, cada un dos temas de Berrogüetto constitúe unha pequena alfaia sonora labrada por sete alquimistas de soños, por sete navegantes que viaxan en cada disco ou en cada concerto en directo, onde sempre son tan sútiles como enérxicos, polos océanos musicais máis diversos (intelixentes que son, ningún mar sonoro lles é alleo); por sete músicos de sal que aproan a súa nave entre a beleza dos ritmos da muiñeira, do vals, da polca, do alalá… e as linguaxes contemporáneas, nunha viaxe no tempo e no espacio no que non perden nin unha miga da súa raíz galega. A calidade instrumental de cada un dos seus compoñentes, a rigorosidade compositiva e a capacidade permanente de asumir riscos creativos, cunha teimosía permanente por atopar un novo horizonte para a música galega, fan de Berrogüetto unha das representacións máis acaídas da expresión da identidade cultural galega moderna, desa fantasía de traducir a tradición milenaria na expresión do noso tempo. Como sucede noutros casos, o traballo de Berrogüetto é máis recoñecido internacionalmente ca no seu propio país. A BBC retransmitiu en directo algún dos seus concertos, realizan xiras por Alemaña, Francia e o Reino Unido, sendo considerados pola crítica como un dos grupos de «world music» máis importantes do mundo.

A aparición de «Hepta», o seu terceiro traballo, constitúe outro fito senlleiro na traxectoria tan vangardista como discreta desta banda, á que tanto lle gosta xogar cos conceptos e as palabras. Un álbum –premiado como o mellor disco do ano polo xornal «La Opinión da Coruña»– onde o número sete (hepta en grego), máxico por excelencia, serve de fío conductor de toda a proposta creativa. Un proxecto multidisciplinar que arrinca da reflexión sobre esta cifra cabalística: sete son os compoñentes do grupo, sete as notas coas que traballan, sete as cores do arco da vella, sete as belas artes, sete foron os intérpretes de música tradicional de sete lugares diferentes do mundo, cada un deles cun instrumento característico do seu país, que participaron no disco. Un proxecto no que contaron coa colaboración de Georges Rousse (un artista francés que mestura nas súas creacións a pintura, a escultura e a fotografía traballando sobre espacios abandonados para transformalos en lugares irreais) e do Centro Galego de Arte Contemporánea para desenvolver o coidadísimo traballo gráfico do álbum, deseñado por Quim Alborés. Un traballo visual que Rousse e a banda desenvolveron durante sete xornadas nas vellas factorías de Sargadelos como unha proposta para poñer en valor a idea reindustrializadora que precisamos.

O resultado deste proxecto é un ábum que recolle en sete+ seis temas unha síntese da poética musical desta banda viguesa. Á riqueza tímbrica dos álbumes anteriores, engádense agora novas formas de sonoridade que o grupo integra co virtuosísmo ao que nos ten afeitos; ás melodías tradicionais, súmase á forza rítmica excitante que imprimen as guitarras, nunha proposta de vontade moi innovadora. Un álbum excepcional para saborear ata o final e que os pacientes poderán gozar con sorpresa incluída.