Listado de la etiqueta: antón_cortizas

Onte 957: Máis libros do ano

Veu esta fin de semana chea de boas noticias de premios. Tras o anuncio do da Crítica 2013 no eido da poesía para Raíz da fenda de Berta Dávila, onte se realizou o ditame dos Losada Diéguez que foron para duas obras editadas por Xerais, Caderno do Nilo de Cesáreo Sánchez Iglesias, na categoría de Creación, e Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza de Antón Cortizas, na de Investigación. Tres libros de excelencia, apoiados polo lectorado, que agora son recoñecidos pola crítica literaria e pola comunidade académica. Tres premios estimulantes que avalan o noso compromiso coa edición cultural, un dos eixos do noso proxecto editorial. Boa colleita a do difícil 2013. Parabéns a Berta, Cesáreo e Antón!!!

Onte 920: Noite da Edición 2014

Gala AGE 2014. Premiados

A situación crítica do sector editorial galego e o temor provocado no sector do libro educativo polo anuncio da Xunta de Galicia de experimentar a «dixitalización completa» nalgúns centros do último ciclo de Primaria e do primeiro da ESO estiveron moi presentes nas intervencións da Noite da Edición que celebramos onte en Betanzos, no fermoso edificio que fora concibido para Arquivo do Reino de Galicia. Porén, máis alá destas treboadas, ás que cómpre facerlles fronte con serenidade e firmeza, a noite dos premios dos editores galegos constituíu unha excelente oportunidade para comprobar a calidade, rigor, excelencia e diversidade que a pesar destes tempos difíciles mantén a edición en galego. Unha inxección de autoestima e responsabilidade gremial, que boa falta nos facía.

Polo que correspondeu a Xerais, celebramos os premios recibidos por Vento e chuvia de Manolo Gago, como mellor libro educativo do ano, e Tastarabás de Antón Cortizas, como mellor obra editorial, senllas obras ao coidado do noso compañeiro Ramón Domínguez, que amosan as moitas posibilidades que o proceso de hibridación ofrece. Como tamén celebramos o recoñecemento a Berta Dávila, como autora do ano, tras a sorpresa que supuxo a publicación do poemario A raíz da fenda, do que estamos preparando a terceira edición, e o posterior premio de narrativa curta O derrardeiro libro de Enma Olsen. Mención á parte merece o premio para Carme Couceiro e Pepe Díaz, os libreiros da Libraría de Couceiro da praza do Libro da Coruña, co que recoñecemos, cando chegan a súa xubilación, o seu compromiso co libro galego durante máis de tres décadas. Premios ben merecidos como os recibidos por Alvarellos, Galaxia e Kalandraka no resto das categorías.

Lonxe de calquera conformismo paralizante, os editores galegos amosamos onte que hai razóns para a esperanza e para a recuperación do sector do libro.

Onte 629: Mupega

Foi unha excelente idea escoller o Mupega para presentar en Compostela Tastarabás, a enciclopedia dos brinquedos tradicionais de Antón Cortizas. Poucos espazos poden ser máis axeitados para reivindicar a nosa memoria lúdica que este Museo Pedagóxico de Galicia, no que se está desenvolvendo un interesante proxecto de museificar o patrimonio pedagóxico de Galicia e de recuperar a memoria escolar e da infancia. Magoadamente, aínda pouco coñecido para o gran público (e mesmo para a maioría dos profesionais da educación), no Mupega agóchase un completo percorrido pola historia da nosa educación pública, dende as aulas daquelas informais escolas de ferrado, pasando polas escolas racionalistas de indianos e por aqueloutras do entusiasmo pola educación da segunda República, até as da escola franquista. Noutras salas, expóñense a evolución dos materiais didácticos, cunha especial atención ao ensino profesional, sen esquecer a atención ao xogo e o xoguete, inseridos no ciclo da infancia e na súa recuperación dende o eido educativo. Ademais, o Mupega é un centro dinamizador das experiencias de recuperación da memoria escolar e da investigación en historia educativa de Galicia. Aconsello unha visita devagariño, paga a pena.

Onte 602: O galego do estigma á estima

Novo serán moi fresco e moi interesante na Feira do Libro de Compostela para presentar primeiro o Tastarabás de Antón Cortizas e despois o ensaio lingüístico de Valentina Formoso Do estigma á estima.

Foi o escritor Carlos Negro quen glosou o libro de Valentina Formoso. O autor de Makinaria desenvolveu unha reflexión, que titulou «Sociolingüística de silveira», a partir dun ensaio que situou como «unha encrucillada, un lugar onde zoan moitos ventos, unha obra moi necesaria para repensar o que facemos nos centros sobre a normalización». Entre as afirmacións de Negro tomamos notas das seguintes: «Os prexuízos negativos sobre a lingua resisten no imaxinario colectivo galego coma os percebes no Roncudo». «O proceso de normalización, concibido coma combate de boxeo entre o galego e o castelán, prexudica a nosa lingua, que nesa lea, a pesar de que animemos aos máis débil, ten todas as de perder». «Temos que entrar coa lingua na subcultura xuvenil ( a do “cool”, “sexi”, “chic”…). Temos que seducir a esa xeración xa que as emocións pesan moito máis ca as ideoloxías». «É máis interesante celebrar o Día da Ciencia en galego co 17 de maio. Precisamos máis ecuacións en galego e menos versos. Non foi inocente que o goberno fose polas materiais de ciencia en galego». «Os textos sobre a lingua de Castelao rascan pero hoxe non pican». «A TVG é un pais para ver. Entre os Bolechas e Gayoso, os adolescentes só atopan toxos e silvas». «A ultradereita mediática controla a linguaxe sobre o debate sociolíngüístico. Roubaron termos que eran nosos como liberdade, plurilingüismo…». «O modelo fonético e sintáctico do galego é ouro de vinte e catro quilates». «O movemento lusista comezou a casa polo tellado. A presenza do portugués no noso sistema educativo é unha obriga inexcusable». «A pregunta correcta sobre o futuro do idioma será cando contestemos “Zara home é unha empresa téxtil de moda masculina”». «O actual goberno de Núñéz Feijóo pasará á historia polo seu nivel nulo de consenso arredor da lingua». Rematou a súa intervención Carlos Negro recomendando a lectura do libro de Formoso: «ofrece datos, análise demorada, aire limpo, sen prexuízos e sen anatemas. A autora non renuncia á esperanza. Este é un libro coa lingua entre os dentes cun caravel vermello».

Iniciou o seu discurso Valentina Formoso encadrando o libro na Sociolingüística intervencionista na que sempre creu. «O libro naceu polo choque que me produciu nos meus inicios como docente comprobar en centros con maioría galegofalante que o alumnado expresaba os mesmos prexuízos sobre a lingua que cando eu ía ao instituto». «En 2003 iniciei grupos de discusión con alumnado de ESO sobre o seu discurso lingüístico. Aí naceu a investigación cualitativa recollida na primeira parte do libro». Para Formoso «até agora a normalización non se ocupou para nada dos galegofalantes. As políticas lingüísticas dirixíanse a recuperar falantes en zonas urbanas. Chocábame moito a idea que escoitaba: “aí nada teñen que normalizar, aí todos falan galego”. Porén, nese entorno galegofalante existen moitos prexuízos arredor da lingua («Eu non falo ben galego»), problemas de estandarización, inseguridade lingüística, falsa «amabilidade lingüística» ou problemas co acento galego». «Estas actitudes negativas son as que determinan o comportamento parao abandono da lingua. Esas actitudes veñen dun imaxinario que hai que mudar. O traballo de facelo ten que ser prioritario na normalización». Rematou Formoso debullando algunhas das propostas («non son verdades absolutas«) recollidas no libro: «Cómpre planificar lingüisticamente doutro xeito, atender aos ámbitos galegofalantes e facelo dentro do sistema educativo, a pesar de que a administración queira quitarlle importancia». «Cómpre mudar o marco da normalización. Debemos chegar á maioría da sociedade. Saír das trincheiras, buscar maneiras de avanzar. Mudar os estereotipos ainda moi presentes sobre a lingua». «Non podemos agardar que haxa un factor paranormal que vaia salvar o galego. Nin a solución vai vir de fóra nin cada un ten a única maneira de arranxalo». Rematou Tina Formoso reclamando «sermos máis proactivos. Debemos conseguir estima para a lingua. A única maneira de avanzar é conseguir estima para ela».

Onte 587: O «Tastarabás» de Cortizas, a recuperación do noso patrimonio lúdico

Moi emocionante foi a presentación de Tastarabás, a grande enciclopedia dos brinquedos tradicionais de Antón Cortizas celebrada no serán de onte no IES Canido, centro onde traballa e barrio ferrolán onde naceu o autor. A intervención de Paco Veiga, membro da Asociación Galega do Xogo Popular e tradicional, tamén un dos catro prologuistas da obra, que expresou a representación de moi diversos colectivos do movemento asociativo a prol da recuperación do patrimonio lúdico galego, encadrou Tastarabás coma unha obra colectiva que forma parte dunha tradición: “un traballo de todos, iniciado pola Xeración Nós, dende o volume Terra de Melide, continuado nos anos oitenta polo libro de Arturo Romaní e outros compendios de xogos tradicionais e, a partir dos noventa, pola súa posta en valor por asociacións e colectivos diversos de todo o país”.

Para Veiga “Tastarabás era a peza que faltaba na recuperación do noso patrimonio lúdico”. Salientou, despois, que “esta presentación era un fito na historia de Galicia, xa que aquí está un cacho da nosa historia, que parte do máis íntimo”. “Tastarabás é un saco vivo onde teremos a nosa disposición para sempre unha obra universal, xa que en todas partes se xoga a case todo, aínda en cada lugar o xogo se adapta as súas necesidades”. Para Veiga outro dos grandes méritos do autor foi “a súa preocupación por sistematizar os xoguetes, como tamén a de proporcionar á inxente bibliografía e documentos que consultou, como as referencias literarias de cada peza, o que constitúe un paso fundamental na investigación e recuperación do noso patrimonio lúdico”. “Tastarabás é un libro para todos os públicos, para toda a familia, para os nenos e nenas, para os vellos, para todos”, rematou Veiga.

Comezou Cortizas expresando a súa gratitude e emoción por presentar o libro no seu barrio e no seu centro de traballo. Encadrou Tastarabás como unha ferramenta educativa, “neste libro están todas as competencias básicas que se pretenden desenvolver na escola”, e lembrou que o xoguete é unha cultura que forma parte do currículum. Lamentou que na última década se producise o declive da transmisión lúdica na infancia, un proceso acelerado pola televisión e internet, razón pola que reclamou que “o futuro do xogo tradicional e os seus valores se producise na súa recuperación escolar”.

Coincidindo coa presentación, no IES Canido instalouse unha magnífica mostra dalgúns dos xoguetes tradicionais elaborados polo autor no proceso de escrita deste Tastarabás. Outra sorpresa foron as galletas tastarabás (moi larpeiras) que apareceron sobre a mesa á hora dos petiscos. Foi un serán ferrolán que deu moito xogo. Beizóns a Cortizas por semellante proeza froito de dez anos de traballo!

 

Onte 557: Tastarabás

Chegou a miña mesa un dos primeiros exemplares de Tastarabás, a enciclopedia de brinquedos populares de Antón Cortizas. Unha grande obra de referencia que cataloga un milleiro de xoguetes populares, cuxa construción se explica con todo detalle, ademais de acompañala con cadansúas referencias na literatura popular e culta.

Confeso que despois de máis de dúas décadas traballando na edición é unha beizón que non ten prezo que a chegada dun libro da imprenta continúe provocando emoción e entusiasmo ao noso equipo. E razóns abondas hai para emocionarse cando publicamos un libro tan excepcional coma este Tastarabás de Cortizas, sexa polo seu peso de case catro quilos e medio, as súas mil oitenta páxinas de formato case folio, o seu lombo de seis centímetros, as máis de 2.500 fotografías, a súa elegante maquetación, o acabamento acartonado coidadísimo, as ilustracións de David Sierra (incluída a creación dun alfabeto de enredos)… O traballo de edición tan complexo de Tastarabás foi un proceso coordinado que ocupou a varias persoas do noso equipo editorial. O editor Ramón Domínguez Veiga coidou a creación editorial durante case cinco anos, nunha conversa permanente con Cortizas, ocupándose da revisión dun orixinal magnífico (texto e fotos), o deseño e a complexísima confección da maqueta, así como de varias revisións concienciudas. Xosé García Crego, o director de edición de Xerais, responsabilizouse dun proceso de fabricación non exento de dificultades pola singularidade da obra. Mais o traballo editorial de Tastarabás continúa na campaña de pre-publicación dirixida por Celia Torres, a directora de promoción de Xerais, que se desenvolverá até o 15 de abril, data na que a obra terá un prezo de 80 euros.

Estou convencido que a pesar do contorno actual de devaluación interna (que reduce as vendas na libraría) e de mudanza do paradigma da comunicación editorial (que abre o mercado dixital), os libros impresos con contido culturalmente relevante e edición coidada e atractiva continuarán tendo a súa oportundiade entre os lectores e lectoras. Con esta convicción publicamos un libro como Tastarabás, que sabemos cumprirá un papel esencial na recuperación da brinquedia, ese mundo do xogo e xoguete popular, parte esencial dese patrimonio intanxible da nosa cultura tradicional. Un libro obxecto moi fermoso, unha achega valiosa para a nosa cultura.

 

Serán no Mar de Lira

Magnífica presentación a do serán de onte. Medio centenar de persoas, entre as que estaban algúns bos amigos dos que descoñecíamos a súa vinculación con Carnota, ateigaron a sede da Confaría de Pescadores de Lira en Portocubelo onde presentamos Ao pé da Laxa da Moa, a recollida de literatura de tradición oral realizada por Antón Cortizas e polo seu alumnado de hai trinta anos. As intervencións do autor (emotiva e un chisco saudosa) e a de Manuel Souto, profesor do Colexio de Carnota, amosaron a actualidade da proposta de galeguización educativa que mestres coma eles veñen desenvolvendo dende hai máis tres décadas, ao tempo que puxeron de manifesto a necesidade de recuperación da memoria e a responsabilidade que ten cada xeración en devolver a tradición que recibíu. As intervencións de Belén Campos e María de Fetós («a música son eu«, dixo a regueifeira), dúas xeracións de mulleres carnotás, engaioláronos polo seu dicir da fala popular. Ademais, esta presentación foi unha oportunidade para coñecermos o traballo que desenvolve a Confraría de Pescadores de Lira promotora de iniciativas tan interesantes como a da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Os Miñarzos, a promoción do chamado «Turismo mariñeiro», a participación en RECOPADES (Rede de Comunidades Pesqueras Artesanais polo Desenvolvemento Sostible), a venda do seu peixe por medio de Internet ou a edición de diversas publicacións didácticas como mapas e o formidable volume Os nomes do noso mar, no que se recuperan catro centos hidrotopónimos do mar de Lira. Quedei pampo co traballo desta confraría (apenas un cento de asociados), pareceume formidable. Tan estupendo serán foi posible grazas ao esforzo e dedicación do noso amigo Chisco Fernández Naval. Grazas, moitas grazas para el e para os que o axudaron. Volveremos ao Mar de Lira.