Onte 1501: «Marcas» de Xavier Navaza

XG00241701Presentamos onte en Couceiro de Compostela, acompañados de Manuel Outeiriño, o ensaio do xornalista Xavier Navaza Marcas. Signo, comunicación e consumo na era da simulación. Especializado durante moitos anos na reportaxe, o xénero matriz do xornalismo inconformista, e na crónica política, nas duascentas cincuenta páxinas de Marcas ofrece unha longa e detalladísima reportaxe do que sucedeu no mundo dende 2008, ese tempo que de forma eufemística chamaron «crise económica» e que o autor bautiza como «era da simulación». Artellado en seis capítulos e un preámbulo, que funciona como resume, cun estilo vibrante, onde se enfían informacións diversas, Navaza realiza un retrato demoledor desta era caracterizada polo control reconstrúe o mosaico deste tempo no que os grupos financeiros pasaron a tomar o control a través das axencias de cualificación e empresas de auditoría estadounidenses, da utilización das marcas comerciais e da colonización dos medios de comunicación e do mundo da cultura e da política transformado en espectáculo.

Unha era na que o chamado BIG Data controla o ADN dixital do electorado através de Internet e das súas redes sociais; onde as axencias de cualificación, as chamadas «As tres irmás», elaboran profecías que se autorrealizan, agravando a crise económica dos países que elas mesmas poñen en dúbida. Xaora, Navaza analiza o papel da postmodernidade, que dende hai dúas décadas contribuiu ao proces oactual de desregulación e desactivación dos talantes críticos, motor dunha cidadanía en pleno uso das liberdades. Detense na análise do funcionamento da economía como un xigantesco casino, onde as trampas e as apostas de infarto constitúen a trabe de ouro do sistema financeiro. A pesar da deterioración da idea de democracia, provocada polos mercados e as súas marcas de referencia, Xavier Navaza remata o ensaio de forma optimista, xa que identifica «unha marea de ideas e propostas alternativas que removen a opinión pública a escala mundial». Un ensaio político valioso, cuxa lectura recomendo moi vivamente.

1 comentario
  1. Ladislao Vieites Couto
    Ladislao Vieites Couto Dice:

    Ten moi boa pinta. Este tema paréceme apaixoante de coidado. Encántame moitísimo o seu blog; coñecín grandes libros grazas a sección Onte. Apaixóname Brétemas, ultimamente non hay día que non me lembre de botarlle unha ollada. Penso que sería interesante facer unha publicación que recollese os cinco mellores libros presentados neste ano 2015 dende o seu punto de vista, qué me di señor Bragado?

    Un afectuoso saúdo e un forte abrazo.

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará