Itinerarios vigueses de don Paco
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos itinerarios vigueses de Del Riego:
No libro de conversas con Perfecto Conde (Xerais 2018), Francisco Fernández del Riego conta a súa chegada a Vigo en 1939, cadrando co ingreso no cárcere, e posterior desterro a Estremadura, de Valentín Paz Andrade que o convidara a colaborar no seu despacho de avogacía. Días de fame nos que o mozo laurentino se hospedou nun cuarto da rúa Príncipe e facía unha comida ao día, en compaña do pintor Carlos Maside, en tascas como La Mundial da rúa Velázquez Moreno ou a América da rúa Eduardo Iglesias, na que se conformaban apenas cun guiso e tres anacos de pan entremediados de vermes cocidos. Días de medo, como o daquelas tres mañás consecutivas nas que cando contestou ao teléfono do escritorio unha voz espetoulle: «¿Sabe usted que está viviendo con permiso del enterrador?»; ameaza que apenas o levou a deixar de coller o teléfono e, como tantas outras veces faría, tirar para adiante.
Primeiros meses, alongados a case sete décadas nos que fixo de Vigo a súa cidade amada, nos que obtería os primeiros ingresos escribindo para unha publicación de reloxería, despois outra de farmacia, e para Imán, unha revista de deportes e cine editada pola imprenta Roel. Traballos que despois compartiría coas traducións do francés para a revista Industrias pesqueras, algunha colaboración para la Hoja del lunes de Vigo e, sobre todo, co seu labor como profesor de filosofía e literatura, inicialmente no Colexio Mezquita de García Barbón, despois tamén no Labor de Romil, e máis tarde na Academia Sigma que montou cun socio na praza da Constitución para preparar a reválida universitaria. Lembranzas duns anos, relatados de forma máis precisa no seu libro memorialístico esencial, O río do tempo. Unha historia vivida (Ediciós do Castro 1990), no que se debullan os faladoiros das tres da tarde do Café Derby da praza de Urzáiz, onde comezou de feito a reconstrución do galeguismo, citas que os luns se celebraban no Café Savoi e os sábados no Café Suevia de Policarpo Sanz, mais que logo seguirían no Café Alberti da rúa Uruguai, na Taberna da Alameda ou nos locais do Náutico, entón no Hotel Moderno con entrada pola rúa Carral.
Recén casado coa valdeorresa Evelina Herbello e instalados nun piso da rúa Pi e Margall, os roteiros vigueses de don Paco consistían os domingos en camiñadas políticas polo Castro co empresario Enrique Peinador e o arquitecto Manuel Gómez Román. Noutras ocasións collía o tranvía até a estación de Muíños, ao pé da praia de Samil, na foz do Lagares, onde os vellos galeguistas, «que se autonomeaban –conta don Paco– “Os fillos do sol”, montaran unha especie de palafito». Xuntanzas anteriores ás da casa clandestina que alugaría del Riego en Coruxo en 1943, onde se celebrou a asemblea reconstituínte do Partido Galeguista. Tranvía que don Paco utilizaba para ir a Balaídos de charuto, onde era o socio nº 828, ocupando na tempada 51/52 a localidade 6 da décima fila de Cuberta, bancada onde gozou do mel e da fel daquel Celta de Primeira onde aínda xogaban Yayo e o temible Sansón.
Itinerarios vigueses de Don Paco que dende entón xirarían arredor dos seus domicilios en Doutor Cadaval e finalmente na Praza de Compostela, dende os que camiñaba até a rúa Reconquista 1, onde tiña a sede a editorial Galaxia e a revista Grial, das que foi cerebro e corazón, arquitecto e albanel, ou até o prelo de Artes Gráficas Galicia do Calvario do que foi xerente. Camiños que a partir de 1963 dirixía á Biblioteca Penzol, o primeiro centro de documentación sobre a cultura galega no mundo, instalada, inicialmente no edificio da Casa Bárcena de Policarpo Sanz, trasladada despois á casa do concello da praza Princesa, recuperada polo concello de Vigo a comezos da década de 1990 (no goberno de socialistas e nacionalistas), como Casa Galega da Cultura. Durante máis de tres décadas del Riego montou alí a súa ponte de mando como disciplinado capitán do partido galego da esperanza e onde, roubándolle as palabras ao Ferrín, chantou «a trabe invisíbel que o [sostivo] todo».
Non se entenderían estes itinerarios vigueses de don Paco sen as súas colaboracións en Faro de Vigo, estudadas por Ceferino de Blas, iniciadas cun artigo o 5 de outubro de 1949, asinado como S.L., iniciais do seu heterónimo Salvador Lorenzana, que utilizaría por vez primeira no decano o 25 de xullo de 1950, e co que asinaría boa parte das súas colaboracións, sobre todo dende o verán de 1961 até 1979, habituais na páxina de Letras, e entre 1980 e 1983 no «Suplemento Cultural», que dirixía Cunqueiro e do que se responsabilizará tras o pasamento do mindoniense. Como tampouco podemos esquecer o seu papel como «home de acordo» da negociación colectiva de Citroën ou as súas pegadas durante tres décadas nos areais de Lourido e Gaifar do concello de Nigrán, do que é o primeiro fillo adoptivo. Longa memoria ao Vigo de don Paco.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir