Onte 396: Feijoo / Vázquez

Pachi Vázquez superou ao presidente. O aspirante gañou cada un dos tres treitos do debate (emprego, benestar, autogoberno) tanto pola súa actitude ofensiva como por manexar unha axenda pública máis próxima ás preocupacións da cidadanía. Coa excepción da enleada sobre a existencia dos contratos de Pemex -onde teño a convicción que o presidente leva a razón-, Vázquez soubo poñer en evidencia a frouxa xestión do goberno Feijoo, mesmo nas políticas de austeridade e redución do déficit, como hoxe demostra a edición de El País Galicia. Gustei que Vázquez agardase ao derradeiro treito para sacar con moita elegancia e claridade a necesidade de recuperar os consensos forxados nas décadas anteriores arredor da lingua e o seu compromiso de derrogar o decreto de Plurilingüismo. As apelacións de Feijoo á “Galicia libre e bilingüe” e ao que despois denominou “bilingüismo cordial” foron decepcionantes, como patética a súa despedida en castelán. Mágoa que nin o presidente nin o aspirante fixesen algunha propostas programática de certa entidade para afrontar a saída da crise. Con todo, o primeiro debate na televisión e radio pública galegas serviu para amosar que non hai tanta distancia entre Vázquez e Feijoo como expresan as sondaxes.

Onte 363: Internet e tv, soportes da campaña

Feijoo está preocupado porque percibe que o PP de Galicia ten escaso peso en internet. Afeito aos parabéns e delicadezas da maior parte da prensa en papel editada no país e aos aloumiños dos medios públicos, recrimina ás Novas Xeracións «a súa escasa implicación na rede a prol dos intereses do seu partido». Alén de semellarme inxusta co papel da mocidade conservadora, está valoración tan choqueira pon en evidencia o prexuízo do presidente de identificar a utilización das redes sociais coa mocidade. O propio Feijoo, quizais por non considerarse un mozo, carece de identidade dixital de seu (onte abriu a súa conta twitter), eiva que comparten o resto dos membros do seu gabinete, algo inconcebible nun político que pretende proxectarse como modelo de modernidade austera. Ben sería que antes de apupar as súas mocidades, Feijoo valorase a importancia que Obama concedeu ao longo de todo o seu mandato a manter unha voz propia e fiable en Twitter e Fb para defender as súas políticas e asegurar a súa reelección. Pola contra, temo que despois de estragar toda a lexislatura, nestas poucas semanas de precampaña moi pouco poderán arranxar os comunity manager do PP e os xefes de prensa das consellarías para artellar unha imaxe dixital sólida dos conservadores galegos e do seu presidente. É probable que se as Autonómicas se dirimisen na rede, Feijoo tería moi difícil recuncar. Porén, como a fenda dixital aínda é considerable en Galicia, o equipo de campaña de Feijoo confía en que sexan os debates televisivos os que axuden a decantar ao seu favor un resultado hoxe moi axustado. Semella que internet e tv serán os dous soportes principais desta campaña.

Onte 357: Camiño do Ézaro

A etapa da Vuelta que rematou no Mirador do Ézaro foi espectacular. Despois de xantar, apampei diante do televexo (como dícían Manuel María e Celso Emilio Ferreiro) seguindo un dos meus percorridos preferidos do país, o que vai dende os vieiros da ría de Muros, para logo pasar por Louro, Lira, Carnota e subir ao Pindo, paisaxes de beleza desbordada, máis aínda nunha tarde tan luminosa como a de onte. Dende a ollada do helicóptero, esta Galicia atlántica é unha auténtica golosina visual. Unha marabilla! Coa excepción da lamentable utilización partidista dalgúns políticos, especialmente de Rafael Louzán pillando cámara canto pode, as etapas da Vuelta desta semana contribúen á promoción turística de Galicia. No entanto é unha mágoa que a transmisión do treito final dunha etapa moi dura e moi emocionante quedase un chisco ensombrecida por algúns comentarios pouco afortunados, froito dos escasos coñecementos xeográficos e dos prexuizos dos comentaristas de TVE. Como tamén é de lamentar a ausencia nas estradas de ciclistas galegos, debido á inxusta sanción de Ezequiel Mosquera (a quen se lembrou nas rampas do 25% camiño de Ézaro) como á desaparición do equipo profesional galego, liquidado a comezos da lexislatura de Feijoo. Ademais, a etapa foi unha oportunidade ideal para reivindicar outra vez o Monte Pindo como Parque Natural. Ben feito!

Onte 339: Cancións de despedida

A cerimonia de peche dos xogos olímpicos careceu da brillantez e da emotividade da inaugural. O estadio, transformado outra vez en xigante set televisivo, ofreceu un espectáculo baseado no poderío da música popular británica. Porén, onte non estoupou sorpresa ningunha e nin sequera a aparición de Monthy Phiton, Pelé e a presenza da grande Mariza Montes, recollendo o testemuño de Río, foron capaces de levantar o interese de tan decepcionante e previsible velada. Lembroume o momento «disco» das interminables vodas británicas, nas que o dj comeza cos temas para os picariños, logo outros para satisfacer a nostalxia dos avós, para logo saltar durante tres horas toda a tralla dos grandes éxitos das cinco últimas décadas. Equivocáronse os organizadores, non era ese formato axeitado para pechar uns xogos excelentes. Abondaban unhas cancións de despedida emotivas, que non souberon ofrecer. O chauvinismo é unha doenza que se transmite con moita facilidade.

Onte 332: Serán na casa

Dediquei a tarde na que Vigo quedou ocupado a gozar do atletismo e da lectura dun orixinal engaiolante. A procesión do Cristo  é unha mobilización popular potente que non é doado interpretar. Os sectores conservadores e neoconservadores utilízana como unha manifestación do seu respaldo social. Despois de cinco décadas, preferimos non cabrearnos, coma nos sucede todos os anos, e quedar sen a nosa camiñada ao solpor. Outro domingo será!

BBC Euro2012 thriller closing credits

Mentres o PP funde á televisión pública, a BBC continúa ofrecendo aos seus espectadores marabillas como este resumo da Eurocopa. Un espello onde mirarnos.

«De primeira»

«De primeira» é o título da reportaxe que o programa Reporteiros da TVG dedicou ao ascenso do Deportivo e do Celta. Recolleron algunha das miñas opinións celestes. Debe quedar no arquivo.

Onte 262: A queimada de Feijoo

Feijoo foi entrevistado en Intereconomía por «12 mulleres sen piedade»  e acabou preparando unha queimada. Coma se dun émulo de don Manuel Fraga se tratase, mesmo leu o esconxuro para espantar as penurias da crise. Nunca tal viramos. Probablemente para unha parte da audiencia da canle ultraconservadora o máis significativo do programa non fose esa impresionante performance exotérica, nin que defendese a privatización dos servizos sanitarios nin que se presentase como adaíl das políticas de austeridade, senón o feito que o presidente da Xunta respondese en galego a pregunta que unha das xornalistas lle fixo en inglés. Sen dúbida, para os seguidores de Intereconomía, un comportamento propio dun perigoso separatista. Quen o diría!!!

Onte 135: Vitaminas para o galego en Redondela

Magnífica foi a presentación do proxecto Vitaminas para o galego en Redondela, na que tiven a honra de participar en representación de Prolingua. Alleos ao serán festeiro do día de San Sebastián e a súa estrondosa foguetería, medio cento persoas encheron o salón da Casa da Cultura para apoiar esta iniciativa cívica destinada a fortalecer os medios de comunicación en galego. En todas e cada unha das intervencións da mesa salientouse que o futuro da lingua galega é unha responsabilidade compartida; unha tarefa na que as Administracións Públicas deben desenvolver as tarefas a elas encomendadas na Lei de Normalización Lingüística e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, mais na que tamén todos e cada un de nós, sexa no ámbito do público coma no privado, debemos constituírnos en axentes activos de galeguización. Salientouse, ademais, a necesidade de contar cun espazo comunicacional en galego, un requisito imprescindible para definirnos como país, con soportes diversos e plurais na prensa, radio, televisión e internet. O excelente e moi emocionante discurso de Henrique Sanfiz, primeiro promotor destas Vitaminas para o galego e fundador de Radiofusión, adaptando para o caso aqueloutro de Martin Luther King, e a actuación de Roi Casal e Silvia Ferre, pecharon un serán que moito pagou a pena.

Onte 130: The Corner

Xa teño expresado en varias ocasións a miña admiración polo traballo de David Simon, o xornalista do Baltimore Sun e xenial guionista dalgunhas series de HBO. Esta fin de semana comezamos a ver The Corner, unha miniserie de seis capítulos que constituíu o auténtico limiar de The Wire. Como xa fixera con The Homicide, Simon adapta para televisión un dos libros nos que recolleu anos de documentación xornalística sobre o tráfico de drogas en Baltimore. Polos dous capítulos que temos visto, The Corner é unha durísima exploración da vida dunha familia negra estragada polos rigores da heroína e do seu trapicheo nunha esquina, convertida na súa forma única forma de sobrevivir. Narración de espírito naturalista, ao xeito dun falso documental reconstrúe a crónica da pobreza e da desolación destes seres humanos escravos da adición. A súa fasquía de balada melancólica e os seus impresionantes retratos humanos permitiulle obter un dos premios Emmy de 2000.