"Libro aberto" de madrugada

Coincidindo co inicio do curso, regresa á grella da TVG Libro aberto, o programa sobre libros e literatura dirixido por Luís Rei. Hoxe xirará arredor da entrevista que Manuel Romón manterá con Suso de Toro con motivo da aparición de Home sen nome. Mágoa que este primeiro programa da nova tempada se emita a partir das 01:40, o que constitúe un auténtico disparate e unha forma de facelo invisible. Semella que os responsables da nosa televisión pública esquecen axiña os seus compromisos de apoiar a visibilidade do libro e da promoción da lectura e volven as andadas arrumbando o seu programa literario (concibido para ser emitido a partir das 12:30) para que compita cos informativos de madrugada.
Libro aberto, un bo espazo, que foi gañando interese en cada novo programa e obtendo unha cota de pantalla máis que digna (faláronme de máis de 24.000 espectadores), merece outra ubicación no horario nocturno, que permita velo aos moitos que entramos a traballar ás oito da mañá ou a tantas outras persoas ás que lles gusta a literatura mais tamén deitarse un pouco máis cedo.
Somos xentes optimistas da vontade e seguimos crendo que outra TVG debería ser posible, aínda que con estas medidas claramente anticulturais (como a supresión do chamado “minuto do libro” ao remate dos informativos, un espazo gañado a pulso á anterior dirección), a verdade, é que o vemos cada vez máis díficil. A dirección da TVG debería retificar canto antes e ubicar Libro aberto no seu horario inicial.
Etiquetas: ,

Libro aberto e clubes de lectores

Esta noite inicia a súa emisión Libro aberto, o agardado novo programa sobre libros e literatura da TVG. Polas noticias que temos o programa vai ser moi xeitoso e dinámico, con protagonismo importante dos clubes de lectores das bibliotecas. O programa de hoxe centrarase arredor de Corredores de sombra, a obra máis recente de Agustín Fernández Paz, que será entrevistado por Manuel Romón, o condutor do programa (un acerto recuperar a este Rompente para a programación cultural). A novela de Agustín foi traballada a fondo polo clube de lectores da Biblioteca Moaña, que prepararaon varias preguntas para que respondese o autor. A vindeira semana serán os lectores da Biblioteca Rialeda de Oleiros os que aborden O heroe. Darlle voz aos lectores, sexa por medio dos clubes de lectura ou dos críticos especializados en ámbitos temáticos ou de xénero, semella que vai constituír o sinal de identidade do programa que dirixe Luís Rei. Unha estratexia moi interesante. Agardamos que o programa consolide unha audiencia digna. A proposta ben a merece.

Os blos na TVG

Manolo Gago dá conta da reportaxe que sobre os blos en Galicia emitiu Rec- cámara, un novo programa informativo da TVG. A verdade é que quedou moi ben, sobre todo polo ritmo trepidante deses apenas cinco minutos e pola claridade das intervencións dos blogueiros para explicar as características do fenómeno blog. Aconsello ver o vídeo.

O futuro da CRTVG

A partir do post de urxencia que publiquei sobre a comparecencia no Parlamento do director da CRTVG preparei o artigo da semana sobre o futuro da TVG e a Radio Galega.
Creo que a posta en marcha dunha segunda canle de televisión e dunha compañía pública galega de Internet, así como acometer un proxecto de xestión dos medios actuais rigoroso e austero, baseado na independencia da compañía e no seu carácter de servizo público, son medidas que non deberan ser adiadas.

A situación da CRTVG

O valente informe do presidente da CRTVG na súa comparecencia de hoxe no Parlamento de Galicia non ofrece dúbida ningunha: a nosa televisión e radio públicas teñen importantes desequilibrios económicos e financieiros, que lle provocan problemas de tesourería a curto prazo, debido as desviacións orzamentarias dos últimos anos. Noutras palabras, menos técnicas, a CRTVG gastou moito máis do presupostado ata endebedarse cos seus proveedores en 84 millóns de euros. As razóns desta situación débense, sobre todo, ao aumento do volume “existencias” (as compra masivas de programas audiovisuais por riba das posibilidades orzamentarias, nalgúns semella que non emitidos).
Esta situación, exposta polo presidente da CRTVG coa claridade que proporcionan os datos proporcionados por unha auditoría externa, amosa a necesidade de acometer con urxencia a tarefa de elaborar un novo modelo de xestión para os medios públicos galegos. Unha das prioridades desta lexislatura do cambio.
A aposta por programacións de calidade comprometidas co país e coa súa cultura (a primeira razón da existencia da TVG e da RG); o desenvolvemento dunha liña informativa veraz, plural e independente, realizada con criterios profesionais; o apoio ao desenvolvemento do sector audiovisual galego (do cal a TVG é o seu primeiro motor); e a xestión austera e rigorosa dos medios técnicos e humanos cos que contan deberían ser criterios que permitisen o necesario relanzamento dos nosos medios de comunicación públicos, tanto en audiencia como en presenza e influenza no conxunto da sociedade.
En apenas un mes de traballo do novo equipo directivo estase notando xa un cambio notable (mesmo na programación) con respecto á etapa anterior. O rigor no enfoque da xestión, que amosan os contidos da comparencia e a proposta de orzamentos para o vindeiro ano do novo presidente, é, paradoxicamente, unha noticia moi esperanzadora para a cidadanía. Galicia pode e debe contar cunha televisión, radio (e eu propoñería que, tamén, compañía de Internet) públicas acordes cos requerimentos do noso tempo e do país culto e moderno que todos queremos.