Onte 135: Vitaminas para o galego en Redondela

Magnífica foi a presentación do proxecto Vitaminas para o galego en Redondela, na que tiven a honra de participar en representación de Prolingua. Alleos ao serán festeiro do día de San Sebastián e a súa estrondosa foguetería, medio cento persoas encheron o salón da Casa da Cultura para apoiar esta iniciativa cívica destinada a fortalecer os medios de comunicación en galego. En todas e cada unha das intervencións da mesa salientouse que o futuro da lingua galega é unha responsabilidade compartida; unha tarefa na que as Administracións Públicas deben desenvolver as tarefas a elas encomendadas na Lei de Normalización Lingüística e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, mais na que tamén todos e cada un de nós, sexa no ámbito do público coma no privado, debemos constituírnos en axentes activos de galeguización. Salientouse, ademais, a necesidade de contar cun espazo comunicacional en galego, un requisito imprescindible para definirnos como país, con soportes diversos e plurais na prensa, radio, televisión e internet. O excelente e moi emocionante discurso de Henrique Sanfiz, primeiro promotor destas Vitaminas para o galego e fundador de Radiofusión, adaptando para o caso aqueloutro de Martin Luther King, e a actuación de Roi Casal e Silvia Ferre, pecharon un serán que moito pagou a pena.

Onte 130: The Corner

Xa teño expresado en varias ocasións a miña admiración polo traballo de David Simon, o xornalista do Baltimore Sun e xenial guionista dalgunhas series de HBO. Esta fin de semana comezamos a ver The Corner, unha miniserie de seis capítulos que constituíu o auténtico limiar de The Wire. Como xa fixera con The Homicide, Simon adapta para televisión un dos libros nos que recolleu anos de documentación xornalística sobre o tráfico de drogas en Baltimore. Polos dous capítulos que temos visto, The Corner é unha durísima exploración da vida dunha familia negra estragada polos rigores da heroína e do seu trapicheo nunha esquina, convertida na súa forma única forma de sobrevivir. Narración de espírito naturalista, ao xeito dun falso documental reconstrúe a crónica da pobreza e da desolación destes seres humanos escravos da adición. A súa fasquía de balada melancólica e os seus impresionantes retratos humanos permitiulle obter un dos premios Emmy de 2000.

Onte 127: Tourilandia

Excelente primeiro programa de Tourilandia. Nalgúns momentos rin a cachón, sobre todo no derradeiro treito, durante a entrevista co profesor de fútbol David Vidal na que se matizaron as diferenzas entre os verbos ‘saber’ e ‘entender’, un auténtico combate retranqueiro. Memorable foi, tamén, a versión de “Ai si me opero”, explorando as fronteiras desta TVG sempre tan condescendiente co goberno Feijóo. Xosé A. Touriñán e todo seu equipo artísticos, onde destaca Federico Pérez, prometen moito. Este programa de humor pode contribuír a conectar, sobre todo en Internet, cun público mozo, decote afastado da programación da TVG. Ten unha enorme potencia galeguizadora. Ogallá contemos, por fin, co noso Cráckovia ou ¡Vaya semanita!. Polo que vimos onte, a Touriñán e ao seu equipo sóbralles talento para conseguilo. Recomendo estarmos atentos ao programa do vindeiro xoves. Que non vira o de onte, agardo que poida facelo na TVG á carta ou localizando as mellores pezas que se irán subindo ao youtube. As miñas beizóns. É.

Onte 116: Concerto

Xabier Docampo avisoume hai dous anos. Repetiumo onte: «Vinte tocando como primeiro violín da orquestra Filharmónica de Viena». A verdade é que non vou discutir se imito ao virtuoso, tanto ten, aínda que non vou desaproveitar a posibilidade que isto me permite de soñar, ao comezo de cada ano, que vivo durante unhas horas co corazón dun violinista. Sexa como for, deixo o entusiasmo da marcha Radetzky para o comezar co novo pulo este difícil 2012. As persoas que prefiran gozar do concerto completo, dirixido polo mestre letón Mariss Jansons, poden facelo dende a magnífica web da CRTVE, a compañía pública que quere dinamitar o Goberno de Maríano Rajoy. Bo ano, con moita música e moita lectura!

Onte 109: Treme

Aproveitamos estes días ao ralentí para meterlle o dente á primeira tempada de Treme. Outra marabilla de David Simon e a HBO. Desta volta o tema é o desarraigo nun barrio (Treme) de Nova Orleáns tras ser destruído en 2005 polo furacán Katrina. A música é o líquido que flúe polas veas duns personaxes que non se resignan a quedar asolagados pola traxedia. A narración é dunha elegancia extraordinaria. O guión é combativo, sen agochar a presenza da dor nin da beleza dunha cidade que a pesar da desfeita preséntase fascinante. Treme é un encontro memorable entre o amor e a morte nesta cidade que emerxe da inundación con toda a potencia das súas contradicións e conflitos. Semella moi recomendable, tanto para os que aman a música, sobre todo o jazz e o R&B, como para os que non lles chistan as series e prefiren o cinema.

Esta escena coa que remata o primeiro capítulo é moi representativa do seu ton.

Onte 108: Discurso real

Lembro sempre o discurso de nadal como unha imaxe fixa presente na casa dalgunha das avoas antes da cea de Noiteboa. Anunciaba a efeméride, mais ninguén reparaba no que Franco ou Juan Carlos dicían na televisión. Onte foi diferente, xa que compría escoitar o que El-Rei contaba dos negocios do seu xenro deportista. Decontado percibín algo novo na posta en escea, era a fotografía da mesiña supletoria, que aparecía e desaparecía no ángulo dereito da pantalla. Rajoy e Zapatero acompañando a Juan Carlos, substituían ao tradicional retrato de Nadal da Familia Real sorrinte, netos incluídos. Un detalle moi estudado para expresar a unidade de PP e PSOE coa institución da Coroa. Porén, a intervención de El-Rei, a primeira pactada co Goberno coordinado por Soraya Sáenz de Santamaría, non abondará para pechar a ferida aberta por unha tema de corrrupción económica que afecta a súa familia; non abondará por moitas que fosen as referencias elípticas e eufemísticas sobre Iñaki Urdangarín, a pesar de solicitar retoricamente «exemplaridade» ou lembrar que «calquera acción censurable debe ser xulgada e sancionada» ou que «a xustiza é igual para todos». O decisivo foi que  El-Rei eludiu calquera responsabilidade persoal e non pediu desculpas en nome da súa familia, mais, ao mesmo tempo, sentenzou ao seu xenro, a pesar de que é xa de dominio público que a Casa Real coñecía dende 2006 os escuros negocios do duque de Palma. Todo un xeito de entender o funcionamento da familia, que non sabemos se algún editor educativo audaz acuñará nos novos manuais de Educación para a Cidadanía de 2º de ESO. Quedei pampo.

Onte 50: CRTVG pública

Despois de rematar a magnífica presentación do libro de ensaio de María Xosé Queizán sobre Mary Wollstonecraft Selley na nova libraría feminista Lila de Lilith, acudimos a participar na concentración en solidariedade cos traballadores e traballadoras da CRTVG, que se celebraba na praza de Cervantes. Impresionoume a claridade dos argumentos utilizados nas intervencións, a unidade sindical e a afouteza dos profesionais que subiron ao estrado para defender a continuidade dos medios públicos audiovisuais galegos. Información plural e de calidade, promoción da lingua e cultura galegas, e desenvolvemento do sector audiovisual foron  os obxectivos expresados para defender uns medios de comunicación públicos que, se poña como se poña o Goberno de Feijóo e a súa política de austeridade selectiva, supoñen un custe moi razoable para o noso país (36,6 € por galego, segundo estimacións sindicais). Sendo así as cousas, resúltanme moi difícil entender as razóns que poden ter os membros do grupo parlamentario socialista para apoiar un proxecto de lei que pon en perigo o carácter publico da CRTVG e a subrogación do seu cadro de persoal. O deputado José Manuel Lage, tan activo na rede e participante na redacción do texto, debería expresar unha xustificación convincente.

Lois Pereiro no programa «Corazonada»

Parabéns á CRTVG por recuperar este formidable documento: a entrevista que Xosé Ramón Gayoso fixo a Lois Pereiro para o programa Corazonada. Tamén é de grande interese a páxina onde se recollen outras gravacións de ou sobre Lois.

«A lingua», episodio de «Non saímos do lixo 2.0»

NON SAÍMOS DO LIXO/2.0 cap. 7 “A lingua” from komunikando tv on Vimeo.

Non todo vai ser zunia, estes vinte minutos de Komunikando.tv cos seus altibaixos son para botar unhas boas risas.
Aquí o resto dos episodios de Non saímos do lixo 2.0, unha serie moi recomendable. Beizóns para o equipo de Denís, Leo, Marcos, Susana e outros compañeiros responsables de tan atractivo proxecto da internet galega.