Onte 448: A novela grafica de “Cartas de inverno”

Na presentación en Ares da novela gráfica de Antonio Seijas, Agustín Fernández Paz explicou con todo detalle a intrahistoria de Cartas de inverno. «Foi un libro que me saíu con rara facilidade. Foi como se alguén mo fora ditando ao ouvido. Ríame só, porque notaba que me estaba saíndo. A orixe primeira daquel libro que escribín no piso de Rosalía en 1994 está aquí en Ares. Cando traballaba en Mugardos, eu paseaba moito por estes camiños. Un día sentado diante da igrexa de Lubre saíume a idea de que dos anuncios por palabras podían saír historias. De aí naceron os meus Contos por palabras. Mais a veta non estaba agotada. Anos despois, cando xa viviamos en Vigo, atopei no Faro de Vigo, nas páxinas de anuncios breves un que me impactou: “Vendo casa embrujada. Absténganse curiosos y bromistas”. Rescateino, sabía que alí había unha historia, a que logo sería Cartas de inverno».

“Hai catro anos, Toni Seijas díxome que quería facer un cómic da miña novela. Quedei encantado. Eu sigo mercando decote novela gráfica, a que Miguelanxo Prado di que é a arte do século XXI. Son consciente que unha cousa é crear un mundo só con palabras e outra facelo con palabras e imaxes. Tiña claro que Seijas ía realizar a súa visión, xa que na arte o máis importante é a súa ollada. Ademais, sabía que o traballo de Toni é inconfundible. Ten unha linguaxe propia, unha peculiar forma de empregar a dimensión pictórica das viñetas e a utilización narrativa da cor. Agora, coa novela editada, recoñezo nela a mlña historia e recoñezo o que é a obra de Seijas”.

“Da novela gráfica de Toni gústanme especialmente algunhas secuencias. Nun cómic é esencial a montaxe das viñetas dentro da páxina e os anos anacos que contan pero non contan, as chamadas elipses narrativas, o que se deixa de debuxar e está contado. Isto nestas Cartas de inverno de Seijas está moi ben conseguido, o que permite un avance da narración con naturalidade. Como está moi ben refletida a entorna da casa e o traballo dos interiores”. Rematou Agustín Fernández Paz lembrando que detrás do seu traballo como do de Antonio Seijas estaba Lovecraf.

Onte 427: O terceiro informe sobre aplicación da Carta Europea das Linguas

Recomendo moi vivamente a lectura da tradución preparada por Prolingua das páxinas que atinxen ao galego do  3º Informe do Comité de Expertos con respecto a España na aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Como tamén son moi valiosas as consideracións que Prolingua realiza sobre este documento (máis dun milleiro de páxinas) do Consello de Europa que supón unha emenda á totalidade da política lingüística desenvolvida polo primeiro goberno de Núñez Feijoo. No eido do ensino o documento supón unha descualificación sen paliativos do Decreto de Plurilingüismo por, entre outras razóns, «constatarse a redución progresiva do uso do galego en todos os niveis e unha diminución da súa estrutura de apoio». Como tamén é contundente a solicitude á Xunta de Galicia dun «número suficiente de escolas que ofrezan educación completamente ou esencialmente en lingua galega». Mais o informe non denuncia só o retroceso do estatus do galego no sistema educativo, tamén o detecta na súa implantación na administración pública e na xustiza, así como denuncia unha relaxación do seu emprego nas institucións galegas. Outrosí sucede co seu emprego por parte dos medios de comunicación privados que apenas chegan a publicar/emitir o 10 % en galego. Pola contra e para a vergonza do goberno de Feijoo, o documento abeizoa a Cataluña e Euskadi, comunidades consideradas polo Consello de Europa como modelos de protección de cadanseus idiomas naturais. Os contidos referidos ao galego deste documento, que destaca pola súa redacción clara e concepción eminentemente didáctica, poderían ser moi útiles para preparar a folla de rota que levase á recuperación do consenso sobre o estatus do galego, dinamitado ao inicio da pasada lexislatura. Un proceso que cremos inevitable, moito máis, aínda, cando é probable que no futuro inmediato se resolvan en idéntica dirección os recursos ao Decreto do Plurilingüismo presentados diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Ben está ir preparando o camiño.

Onte 419: De samaíns e magostos

En boa parte das escolas galegas de infantil e primaria celebrouse onte a festa de Samaín, a exaltación cabaceira de bruxas e espíritos, que sinala a entrada simbólica no tempo de inverno. Mágoa que o invasivo reclamo comercial do Halloween confunda tanto a moitos dos nosos pequenos. Polo que vimos no serán de onte polas rúas viguesas, algúns asumen esta festa coma un xeito de entroido de dráculas, vampiriños e outras xentes que meten medo. Sen menoscabo ningún do interese educativo do Samaín, no que levo acreditado dende hai anos, corremos o perigo de que co seu apoxeo desnaturalizado en jaloüín perdamos a celebración do Magosto, a humilde festa comunal dos zonchos e das castañas, tan ensarillada na cultural tradicional de noso. Máis alá dos intereses comerciais do jaloüín e compañía, precisamos dun criterio educativo para orientar á nosa rapazada no que son os símbolos da nosa tradición e identidade colectiva, non vaia ser que perdamos polo camiño tanto magostos coma samaíns. Con todo, celebremos na noite de santos a defuntos a festa das cabazas. Agardo que contribúa a iluminarnos, tamén aos maiores, entre tanta confusión e incerteza.

Onte 417: Por outra política educativa

Asinei a declaración :«Por otra politica educativa», elaborada esta pasada fin de semana por un grupo de profesionais da educación en Sevilla, convencido de que, a pesar da lei Wert, aínda é posible salvar a escola pública como trabe de cidadanía. Non son nin a segregación temperá por itinerarios nin a segregación por sexo nin a centralización do currículum nin a avaliación excluínte os vieiros máis efectivos para reducir as taxas de fracaso escolar nin para contribuír ao desenvovlemento persoal do alumnado e a cohesión social. Nun momento crítico (en todos os sentidos) como o actual, é imprescindible xerar no conxunto da sociedade (non só na comunidade educativa) un profundo debate arredor do futuro da educación como servizo público esencial. Un marco delimitado con claridade por esta importante declaración: “Mulleres e homes deben poder formarse como persoas completas, cidadáns responsables e traballadores cualificados. A sociedade precisa da escola para asegurar niveis axeitados de benestar, liberdade, xustiza e equidade”. Outra reforma educativa, cun enfoque comprensivo e con maior grao de acordo políitco e consenso coas comunidades e sectores profesionais da educación, é perfectamente posible.

Onte 414: Palabras de auga

Tanto Agustín Fernández Paz como Marcos Calveiro, o autor de Palabras de auga, lembraron ao comezo da súas intervencións de presentación do Premio Merlín 2012 en Vigo, aos 70 náufragos de Alborán. Para Agustín esta traxedia é outra mostra máis da imaxe que temos de África como terra incógnita, un continente perdido do que descoñecemos case todo da súa realidade e da súa cultura, apenas coas excepcións de noticias puntuais coma as traxedias das pateiras, dunha seca e fame terribles, de guerras silenciosas ou dos desprazamentos masivos da poboación. Un continente que continúa sometido ao expolio dos seus recursos naturais, outro froito da pegada dun colonialismo europeo que nunca deixou de existir. Marcos tamén comezou as súas palabras referíndose aos «55 que tiveron a morte salgada fronte a eles, os quince que morreron (entre eles nove bebés) e os corenta que quedaron baixo a xurisdición marroquina». Despois leu un relato inédito protagonizado tamén por Amadou, o adolescente da tribo Kimba que enfía as páxinas d’ As palabras de auga. A da familia de Amadou é unha historia terrible, durísima, semellante á que viviron onte os inmigrantes que perderon a vida e a esperanza das súas familias no mar de Alborán. Palabras de auga.

Onte 410: Libro cero

Foi onte día de análises e reflexións sobre o futuro que nos agarda. Ronseis publicou esta peza publicitaria da campaña chilena a prol do ive cero para os libros. Gustoume moito o guión argumental retranqueiro e a idea gráfica que lle imprime un ritmo trepidante para denunciar a situación de crise do sector cultural en Chile. Un recurso que paga a pena arquivar.

Onte 408: «Ler para Conectar», sobre o Plan de Lectura do País Vasco

«Ler para Conectar» é o lema escollido polo Plan de Lectura do País Vasco que onte coñecimos polo noso bo amigo Txetxu Barandiarán. Unha iniciativa interesantísima que se convertirá, a partir de agora, en referencia nas políticas públicas de lectura futuras. O plan vasco asume un concepto de lectura 2.0, tanto dende a súa dimensión educativa (a lectura é a ferramenta de aprendizaxe indispensable de acceso ao coñecemento ao longo de toda a vida), económica (o modelo produtivo actual esixe capital humano con competencias avanzadas en lectura e escritura dixital e analóxica) como cívica (a actual lectura sobre diversos soportes e con presenza nas redes sociais ten un forte impacto sobre a convivencia cidadá). Outrosí sucede coa súa inequívoca aposta pola lectura no contexto dixital, polo desenvolvemento dunha nova rede bibliotecaria e por unha ampla mobilización social a prol da lectura. Parabéns aos promotores dunha iniciativa que seguiremos dende Galicia coa maior atención.

Onte 406: Crenza na luz

Excelente foi a laudatio que Paz Raña pronunciou con motivo do nomeamento oficial de Agustín Fernández Paz como socio de honra de Gálix 2012. Nun texto de escritura miniada moi fermosa, Paz salientou o compromiso do autor de Aire negro coa renovación pedagóxica e coa transformación das aulas como “o lugar onde a realidade dialoga máis alá dos catro vértices que a queren confinar”. Repasou despois Raña, os fíos temáticos e as protagonistas da obra literaria de Agustín, “condutoras, delegadas, xogadoras de baloncesto e, tamén, mozas que posúen unha curiosidade omnívora que as leva a esvarar na biografía de seu, co afan de localizar retallalos onde revelarse, todo con tal de fuxir do espesor da escuridade”. Paz Raña rematou o coidadísimo discurso apelando a crenza na luz de Agustín: “luz, a palabra máis repetida nos títulos das túas obras, esa luz da que ti es merecente posuídor, que semella dicirnos, como aquel músico no relato de Julio Cortázar: ‘Esa música ya la toqué maña'”. Na súa intervención de resposta, Agustín amosou un vello exemplar, herdado da biblioteca familiar, d’ A illa  misteriosa, a novela de Jules Vernes, coa que confesou para el “empezou todo”. Insistíu na súa convicción que “ler é escribir son dúas caras indisociables da mesma realidade“, como no feito de que “o mellor agasallo que se lle pode facer a un escritor é ter lectores, a maior marabilla“. Rematou presentando a súa elegantísima web e blog (outro formidable traballo de Pumpún), coincidindocoa súa nova candidatura ao Astrid Lingren. Alí pode descargarse un relato inédito, “Abrir as portas”, que impreso puxo a disposición dos participantes, e que tamén se pode ler neste blog que permitirá ao personaxe ter vida propia. Un acto formidable.

Onte 375: Proyecta

Sabiamos dende hai tempo da xestación da Plataforma Proyecta, unha iniciativa de educación dixital promovida pola Fundación Amancio Ortega Gaona. Onte foi o día no que comezou o lanzamento deste proxecto concibido para que o profesorado non universitario poida compartir obxectos e contidos educativos dixitais, ademais de contar con ferramentas para crealos e de espazos e materiais formativos sobre o proceso de dixitalización educativa e da utilización das TICS nas aulas. A pesar do pouco que puidemos navegar, a primeira ollada á plataforma aventura que Proyecta pode converterse axiña nun espazo de referencia no proceso de tránsito cara ao paradigma da educación hipertextual. Beizóns para o seu equipo de profesionais e longa e ventureira andaina!