Onte 1232: Cruz latina

Desacougoume onte a noticia da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia revocando o derribo da Cruz dos Caidos do Castro. Reducindo este símbolo fascista a súa condición de «cruz latina» e, polo tanto considerándoa apenas como un símbolo relixioso propio da tradición cristiá, o Superior evita a demolición á que obrigaba a modélica sentenza do xuíz Antonio Martínez Quintanar e a Lei de memoria histórica, mais perpetuarase na memoria dos vigueses e viguesas como icona da ditadura franquista. No entanto, o voto particular de Cristina Paz Eiroa, unha das tres maxistradas, advirte que «a pesar da retirada da simboloxía accesoria [a cruz] non pode considerarse desvirtuada da súa natureza orixinal», abondando así no feito que nunca tivo significación relixiosa, a pesar de que a igrexa católica participase na súa inauguración por Franco e noutras cerimonias políticas do réxime. Manter este vestixio franquista e de exaltación da sublevación militar, diante da casa do concello, impide transformar o monte do Castro no espazo vigués da reconciliación, da memoria e da paz.

A batalla dos aeroportos

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o conflito aeroportuario no marco da campaña electoral.

AeropuertoSomos moitos os cidadáns da área metropolitana viguesa que utilizamos Alvedro para viaxar a Londres. A excelente combinación diaria de Vueling co aeroporto de Heathrow, apenas unha hora e media de voo á primeira hora da tarde, permite despois poñerse en apenas media hora na estación de Paddington, enlazar con calquera outro voo intercontinental, transoceánico ou coller un transporte terrestre cara outro punto do Reino Unido, dado o carácter de nodo intermodal de comunicación da terminal londiniense. O mesmo sucede cando empregamos Peinador para trasladarnos a París, grazas a conexión diaria que Air France mantén dende hai tempo co Charles de Gaulle, ou cando usamos a portuense de Sa Carneiro para ir a Frankfurt con Lufthansa ou a Ámsterdam con Portugalia, aeroportos europeos que permiten conexións con destinos de todos os continentes, o que supón unha alternativa ao modelo de comunicación radial con Madrid característica tradicional do tráfico aeroportuario galego.

Xaora, a diferenza entre estas conexións do noroeste peninsular con estes nodos aeroportuarios do norte de Europa radica no feito de que a primeira, a londiniense, está fortemente subvencionada polo concello da Coruña, como tamén os voos de Air Europa a Madrid ou o de TAP a Lisboa dende Alvedro, ao abeiro dunha voluminosa partida do goberno municipal de Carlos Negreira de “promoción turística”, o que sen dúbida desvirtúa a competencia aeroportuaria entre as catro terminais do Eixo Atlántico e mesmo entre as compañías aéreas que manteñen as conexións. Mais outro tanto sucede con boa parte das de Lavacolla convertida por mor das subvencións millonarias do concello de Santiago en terminal de auténtico luxo para compañías low cost, que a utilizan como base de operacións. Agustín Hernández, actual alcalde popular da capital, tras a nefasta xestión dos seus dous predecesores do seu partido nun mesmo mandato, unha marca dificilmente superable, negocia agora unilateralmente con diversas compañías novos destinos, esquecendo aquelas boas intencións de coordinación aeroportuaria expresadas cando era conselleiro de Infraestruturas.

Por desgraza, o alcalde Abel Caballero tamén sucumbiu a esta nefasta febre da dopaxe ás compañías aéreas, sen dúbida coa intención de contribuír a mitigar ás pobres cifras de tráfico do aeroporto de Vigo que, a pesar da ampliación das súas instalacións, continúa á cola das catro terminais do noroeste peninsular. Mais non nos enganemos. A pesar das novas conexións subvencionadas desta primavera e das comprometidas para os dous vindeiros anos, tras o concurso convocado polo concello de Vigo, é difícil que Peinador recupere de forma significativa os tráficos anteriores á crise. Nin a conexión con Luton, a máis incómoda das terminais londinienses, nin as novas rotas transversais con Sevilla, Málaga ou Gran Canaria, van solucionar as carencias aeroportuarias viguesas. Novos destinos que constituirán apenas un parche publicitario en tempada preelectoral mais incapaces de agochar un problema moito máis grave, o da alarmante diminución e deterioración horaria das conexións áereas con Madrid e Barcelona e o inevitable aumento dos prezos dos billetes, destinos claves para os viaxes de traballo das empresas da nosa área metropolitana. Unha tendencia á baixa que previsiblemente se intensificará nos vindeiros meses coa apertura do eixo atlántico ferroviario.

Chegada a carreira electoral, as alcaldías da Coruña, Santiago e Vigo recuperaron a batalla dos aeroportos e das a todas luces insostibles subvencións municipais como a máis xenuína das súas vocacións e dos seus compromisos “en defensa dos intereses da cidade”. Ninguén está disposto a dar un paso atrás nesta disparatada batalla de axudas que confronta a tres aeroportos en crise, cuxos tráficos a pesar das subvencións municipais están moi por baixo das previsións efectuadas cando foron ampliados por AENA. No baúl dos bos propósitos quedou arrombado calquera matiz do discurso da cooperación e complementariedade entre as tres terminais galegas e a necesidade de ofrecer unha oferta común capaz de competir coa portuense de Sa Carneiro, cada vez máis atractiva para os galegos que viaxan fóra da península. Xaora, particularmente patética nesta lamentable batalla é a inacción do Goberno Galego e do seu presidente que prefire os réditos do despregue emotivo dos localismos dos seus alcaldes ca apostar pola racionalidade e o rigor das políticas de concertación territorial.

No eido da política aeroportuaria, como en tantos outras, Galicia é un país á deriva, sen goberno de seu e sen proxecto estratéxico que o oriente, sometido á improvisación e ao curtopracismo dos localismos. De non mudar o rumbo, agoiro dificultades.

Onte 1230: Queremos galego

queremos_galego_08-02-2015Lonxe de Compostela vivín con satisfacción o éxito da convocatoria da plataforma Queremos galego e a unidade dos grupos políticos da oposición e dos colectivos educativos e cívicos na defensa da lingua. Milleiros de activistas galeguistas expresaron na Quintana a súa vontade de rebelarse contra o actual proceso de substitución lingüística, unha situación que a pesar da súa gravidade, pode ser aínda reversible. O galego precisa dunha ampla maioría social que asuma o compromiso da súa transmisión interxeracional, corresponsabilizándose do seu futuro no entorno familiar e cidadán. Mais tamén é imprescindible forxar un novo consenso político para nuns casos actualizar e noutros recuperar os contidos do Plan Xeral de Normalización de 2004. Onte nas rúas de Compostela milleiros de persoas de diferentes filiacións políticas demostraron outra vez que a lingua galega é un patrimonio común, que a todos pertence e que a todos obriga. A mobilización de Queremos galego constituíu unha inxección de optimismo e unidade galeguista en tempos difíciles onde semellaba que todo se derrubaba.

Onte 1228: Máis sobre a Biblioteca de Vigo

aduana_de_vigoO meu amigo Javier Mosquera coméntame outras posibilidades para a nova Biblioteca Pública de Vigo. A primeira o que foi Centro de Informática de Caixanova, situado na rúa López Mora, á altura de Xerais, hoxe case baleiro tras a fusión das caixas, que Abanca puxo en venda. A segunda o grande caserón da vella Aduana, preto do Areal, propiedade do Ministerio de Facenda. Outras dúas ubicacións, como a posible da Metalúrxica, que deberían ser valoradas. Vigo precisa unha gran biblioteca pública que funcione como nodo dunha rede bibliotecaria metropolitana. Insistiremos.

Onte 1225: San Brais

FARO CHAPELAPoucas festas expresan mellor que o San Brais de Bembrive o carácter popular do Vigo en bisbarra. Entre os milleiros de romeiros, onte acudiron alí os candidatos á alcaldía para ser fotografados entre bombos, tazas, chourizos e cacheiras. Non faltou Elena Muñoz, que recoñeceu saber da importancia da festa, nin o alcalde Caballero que noutro alarde do seu fachendoso viguismo declarou que acudía a San Brais «dende hai máis de vinte anos». Veteranía. Ben sei que semellante entusiasmo polo patrón dos otorrinos, celebrado cada 3 de febreiro, dende o século XVII nesta parroquia do Fragoso, coincidindo cando medio inverno xa vai fóra, increméntase notablemente en ano electoral, cando as gorxas dos políticos están máis castigadas. Mágoa dos que quedamos a traballar en Vigo e non puidemos gozar nos furanchos da xoldra e das enchentes larpeiras de cocidos e orellas. Outro san Braís será!

Onte 1221: Pola vida do galego

rag_30-01-2015A declaración institucional da Academia Galega, «O galego dá vida. Pola vida do galego», presentada onte polo seu presidente Xesús Alonso Montero, recupera o pulo e a intelixencia colectiva que a institucioón amosara noutros momentos decisivos da nosa historia. O feito que nos dous primeiros puntos do decálogo (de redacción nalgúns parágrafos moi luminosa) reclamase o desenvolvemento das medidas previstas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004 e a derrogación do decreto chamado de plurilingüismo, recorrido legalmente pola propia RAG, supón recuperar a firmeza no discurso e o liderado que lle son propios a unha institución cuxa obriga mais importante non é outra que, como reza o artigo primeiro dos seus estatutos, a da «defensa, ilustración e promoción da lingua galega».

Mágoa que a reclamación que a RAG fixo á Xunta de Galicia de realizar «unha reflexión seria» e promover «un novo impulso para evitar o desafiuzamento do galego da súa propia casa, Galicia» fose despachada unhas horas despois polo Goberno Galego cunha nota de propaganda na que se ratifica punto por punto nas medidas da súa política lingüística que, como tamén sinala a declaración da Academia, «non só tiveron resultados insatisfactorios, senón que supuxeron un retroceso evidente». Diante de comportamento tan decepcionante, é lexítimo preguntar, outra vez máis, cando explicará Feijóo as razóns desta súa teimosa estratexia antigaleguista, que tanto dano está causando á lingua galega e ao seu futuro. Como tamén sinala o documento da RAG no seu derradeiro punto, o galego precisa «un marco normativo máis axeitado, pero sobre todo, un discurso renovado, positivo e proactivo». Nesta tarefa colectiva, á que a Academia chama a participar ao conxunto da sociedade galega, correspóndelle á Xunta de Galicia «tomar a iniciativa e liderar o esforzo social». Que eu engadiría constitúe unha responsabilidade irrenunciable dos poderes públicos en Galicia e daquelas persoas que os encabezan.

Parabéns a Academia Galega pola claridade e oportunidade da súa declaración e pola recuperación da unidade de acción de todos os seus membros en tema tan esencial. Unha lección de galeguismo.

U-la biblioteca de Vigo?

No artigo da semana en Faro de Vigo reclamo que se retome o proxecto da construción en Vigo dunha biblioteca pública do estado e propoño que se estude a posibilidade de ubicala no edificio da Metalúrxica.

vancouverDende hai dúas décadas, diversos sectores cidadáns levamos reclamando a construción dunha biblioteca pública do estado en Vigo. Consideramos imprescindible contar con esta infraestrutura cultural e informativa básica, existente xa en todas as capitais de provincia e noutras grandes cidades, como Santiago de Compostela, que paliase de vez as carencias bibliotecarias viguesas, ao tempo que servise de nodo referencial para a creación dunha auténtica rede bibliotecaria que facilitase á poboación metropolitana o acceso en igualdade a todo tipo de información (textual, sonora ou audiovisual) e a toda clase de soporte documental (impreso, dixitalizado ou en liña).

Un proxecto que despois de tirapuxas políticas quedou recollido en diversos orzamentos xerais do estado, tanto dos gobernos de Zapatero coma de Rajoy, mais que decaeu pola imposibilidade dos responsables do concello de Vigo de ofrecer un espazo municipal para ubicala. Despois de terse barallado diversas posibilidades, dende algunha das plantas baleiras do Auditorio Mar de Vigo até a propia Escola de Artes e Oficios, o alcalde Abel Caballero expresou de cando en vez a súa convicción de que a Panificadora sería o espazo ideal para construír a que debera ser a primeira biblioteca viguesa. Porén, non é segredo ningún que a recuperación para o espazo público da nosa catedral industrial e laica é un proxecto moi difícil nas circunstancias políticas e económicas actuais, polo que moito tememos que de seguir así as cousas a biblioteca pública do estado na Panificadora quedará en auga de castañas.

Xaora, esta imposibilidade (arrastrada dende hai unha década) de ofrecer unha ubicación para unha gran biblioteca pública, que sería construída con fondos estatais e xestionada despois pola Xunta de Galicia no marco da súa rede de bibliotecas nodais, expresa o dramático fracaso da política cultural dos poderes públicos en Vigo, tanto do concello coma da Xunta e do Goberno do Estado, incapaces de artellar acordos mínimos sobre as infraestruturas culturais esenciais da área metropolitana, sexa a rede de bibliotecas e arquivos como a rede de museos (eis o caso do Marco), cuxas portas permanecen abertas cada día de auténtica milagre, sometidas a unha precariedade orzamentaria asfixiante. Ningunha das administracións públicas que operan en Vigo, nin o Concello nin a Deputación nin a Xunta nin o Goberno, como ningún dos seus líderes, consideran que as políticas culturais formen parte das súas prioridades estratéxicas e, polo tanto, teñan peso nos seus orzamentos. Semella que para os responsables destas administracións as políticas culturais e de promoción da lingua galega carecen de importancia na axenda electoral, xa que probablemente son consideradas como propias de culturetas e xente aborrecida, especies doutro tempo en inevitable devalo.

Porén, noutras moitas cidades do mundo, estas políticas culturais públicas, sobre todo as relacionadas coa lectura, son consideradas como esenciais na proposta municipalista. É un feito que as modernas bibliotecas públicas estanse convertindo nos espazos públicos máis intensamente utilizados en cada comunidade local, consideradas como portos seguros para a convivencia interxeracional e a educación permanente. Máis aínda cando no marco do actual proceso de hibridación da lectura, o futuro das bibliotecas aparece máis vinculado ao seu carácter de centro comunitario interxeracional facilitador do acceso e alfabetización dixital que coa conservación e préstamo de libros impresos, até agora parte esencial do ADN das bibliotecas. Concibida así, a biblioteca é un espazo hibridado, no que conviven soportes analóxicos e accesos dixitais, central en cada comunidade local como lugar de encontro, sendo o bibliotecario un promotor comunitario especializado en facilitar á cidadanía o acceso á información.

Neste novo contexto, onde a biblioteca pública asume centralidade como espazo comunitario, moito pagaría a pena que antes das eleccións municipais se recuperase o proxecto da biblioteca pública do estado para Vigo. Sobre todo cando semella posible atopar unha ubicación axeitada no espazo da Metalúrxica, na rúa García Barbón, onde a Tesourería da Seguridade Social anunciou o seu proxecto de construír as súas novas oficinas. Non sería posible que a Tesourería ocupase as plantas do Hospital Xeral da súa propiedade, que nuns meses quedarán baleiras, cedendo a Metalúrxica para construír a biblioteca que a área metropolitana de Vigo precisa? Unha posibilidade que de ser viable dende o punto de vista técnico e urbanístico requiriría apenas dun acordo político interinstitucional entre o goberno municipal de Vigo e o do Estado. Queremos ou non unha gran biblioteca para Vigo?

Onte 1216: O reto de Syriza

A clara vitoria de Syriza rebenta un gromo de esperanza no ermo actual da Unión Europea, onde por vez primeira se podería enxergar unha posibilidade de rematar coas políticas de austericidade da Troika. Syriza, unha coalición de forzas de esquerda de espírito europeísta, asumiu onte o compromiso co pobo grego de recuperar a súa dignidade e a soberanía na súa gobernanza. Xaora, para desenvolver o seu programa terá que facer compatible a súa capacidade para negociar nos «mercados» internacionais a reestruturación da débeda ilexítima coa do financiamento que Grecia aínda precisa. Nunca foi doado inxerir o triángulo dentro da circunferencia.

Onte 1202: Chamamento de Prolingua aos partidos políticos

Esta fin de semana Prolingua enviou aos partidos políticos un chamamento para que detallen cales son as súas propostas «para un consenso nacional sobre o idioma e cales as medidas que urxe tomar.» Para Prolingua é a hora de recuperar o consenso na dobre dirección de fortalecer os dereitos das persoas galegofalentes e garantir o dereito das castelanfalantes a aprenderen e valoraren o idioma propio de Galicia», xa que só así se pode escoller en liberdade e só ese consenso responde ao que sente a maioría social. Como ben sinala o chamamento o futuro da lingua galega «está nas nosas mans, nas das persoas que falan galego habitualmente e nas dos que o fan en castelán, pero comparten un obxectivo común: non queren nin están dispostas a permitir que o idioma galego siga nun devalo que nos borraría do mundo como pobo diferenciado.» Cremos posible este acordo imprescindible.

Onte 1199: Barómetro lector

O barómetro do CIS do pasado mes de decembro publica uns datos de interese para coñecer o perfil do lector actual en España e as súas preferencias culturais. Entre os datos que fun anotando no caderno saliento os seguintes.

O 35 % das persoas consultadas non le nunca, o que deixa ao 65 % coa consideración de poboación lectora, xa bastante perto do 70 % da media europea. Entre as lectoras destaca que case un terzo confesa ler todos os días, sendo en todo caso sempre máis mulleres ca homes. Sendo para o 61 % a distracción e o lecer a razón principal pola que dedica tempo á lectura.

Outro dato que non pode pasar desapercibido é o  dos 8,6 libros lidos por habitante e ano como media en España, moi lonxe dos 47 de Finlandia. Con respecto aos hábitos lectores é destacable que o 91 % das persoas lectoras escollan a casa como o seu lugar preferido para ler e que case o 80 % prefiran o soporte impreso ao dixital, aínda que xa unha clara maioría a que recoñece a hibridación lectora e un 33 % aposte pola utilización no futuro do soporte dixital como principal.

A elección do libro de lectura corresponde nun 58,4 % a un criterio personal, aínda que un 27,1 % segue as recomendacións de familiares e amizades. O 64 % confesa elixir o libro polo tema e só o 50 % mercou algún exemplar no último ano, aínda que o 41,8 % o utilizou como agasallo nalgunha ocasión. Nun 72, 4 % a novela, e os seus diversos subxéneros, é o tipo de lectura preferida.  Neste barómetro lector non pode pasar desapercibido o feito de que un 77,9 % recoñezan que se conectan diariamente a Internet e que apenas o 28 % visitasen algunha biblioteca ao longo do ano.

Por último, o barómetro do CIS tamén achega información sobre as preferencias das persoas consultadas sobre as diversas artes e produtos das industrias culturais. As preferidas son a Música (73,4 % das persoas consultadas), o Cine (67,8 %), a Lectura (61,7 %) e o Teatro (39,6 %).

Datos polos que non é dificil identificar tendencias dos comportamentos lectores do noso tempo. Sería excelente contar cun estudo deste tipo en Galicia, no que se valorase a lectura en lingua galega.