Coa presentación de Amor en alpargatas, a novela de Manuel Portas, iniciamos onte en Pontevedra o noso periplo das feiras do libro de Galicia deste ano. A pesar da súa insuficiente visibilidade e da necesidade de que incrementen a diversificación da súa oferta bibliográfica, este calendario de feiras continúan sendo no seu conxunto unha cita imprescindible para o sector editorial galego. A posibilidade de ocupar cos libros o espazo público durante unha semana (no caso de Pontevedra a praza da Ferraría, en Santiago a Alameda, en Lugo a Praza Maior, en Ferrol no Cantón, que serán as feiras da primavera) é tamén unha oportunidade para que os libros, os autores e autoras e os editores e libreiros reciban maior atención por parte dos medios e dos poderes públicos locais. As presentacións, as asinaturas e os concertos de música infantil serán algunhas das actividades coas que os editores colaboramos nesta viaxe cos libros que rematará a finais de agosto. Parabéns aos organizadores e participantes.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/Feiras-do-libro-2015.jpg779455bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-16 00:01:042015-04-15 16:16:58Onte 1296: Volven as feiras do libro
Gustoume Citizenfour, o documental de Laura Poitras sobre as revelacións de Edward Snowden e a súa publicación en 2013 por parte de The Guardian, O Globo e The New York Times. Durante case dúas horas pareceume asistir a un episodio gravado da historia máis recente, mesmo duns acontecementos que sabemos en curso, amosando así o papel tan poderoso do cinema documental para ser o soporte privilexiado do xornalismo da sociedade dixital. Xaora, quedei fascinado coa narrativa escollida por Poitras, montando o relato coas técnicas do thriller sobre unha atmosfera moi fría de non lugares (cuartos de hoteis, salas de prensa, redaccións de xornal…) e un acabado visual semellante ao das series de HBO, unha das coprodutoras da peza. Recursos axeitados para presentar un mundo dixital onde todos, sen excepción, somos vixilados e onde apenas quedan fendas para a liberdade informativa e o pensamento crítico de profesionais e cidadáns.
Con todo, o final aberto do documental, os casos de Snowden e Assenge non están resoltos, enxerga un chisco de esperanza. Accións afoutas como as do analista estadounidense son propias dun heroe contemporáneo, un novo cabaleiro do Grial na súa loita pola conservación dos valores de privacidade e liberdade que pretenden ser erradicados de forma desapiada polo Gran Irmán sempre á esperita. Citizenfour é unha película recomendable para todas aquelas persoas que non queren deixarse acubillar no colo do conformismo.
A coincidencia dos pasamentos de Günter Grass e Eduardo Galeano supuxo que onte fose un dia moi triste para todas as persoas que admiramos a estes dous escritores, referentes do pensamento crítico e da literatura como ferramente que facilita o diálogo co noso tempo.
No ano 2000 tivemos a fortuna de ser editores de Günter Grass publicando unha escolma de 46 textos dos seus tres primeiros libros de poemas, que titulamos As galiñas de vento, escolmados por Miguel Sáenz e anosados ao galego por Úrsula Heinze e Ramón Lorenzo. Considerado como narrador, Grass definíase como «poeta de circunstancias», aínda que na última entrevista con Juan Cruz confesaba que os seus poemas constituían «unha volta sobre si mesmo», «un taller de reparación« ao que acudía tras o traballo nas súas novelas ou prosas memorialísticas. Moito admirei de Grass súa afouteza para enfrontar á sociedade alemá cos seus monstros e a súa memoria, sobre todo cando revelou en 2007, no primeiro volume das súas memorias, que aos 17 anos pertencera ás SS.
De Galeano fomos rendidos admiradores, mais apenas mantivemos con el un intercambio de correos electrónicos en 2010, cando o seu amigo galego, o doutor Ángel Vázquez de la Cruz, fíxolle chegar o orixinal de Luz de Tebra. Daquela Galeano escribiu unhas palabras que gardamos en pano de veludo: «Ya quisiera yo ser capaz de escribir palabras así, milagreras como Santiago, y jodonas como el ángel que lo vuela: el ángel ese que acepta ser llamado doctor aunque él cura contando.» A Galeano roubámoslles centos de veces as súas palabras para falarmos de fútbol («a máis importante das cousas menos importantes») como expresión da dignidade colectiva, do libro («sinto que o libro é un ser vivo, póñoo no ouvido e sinto que respira») e das cousas do ser humano que realmente pagan a pena como a memoria e a esperanza. O xenial escritor uruguaio ensinounos que «a memoria é a continuidade da vida», que «a utopía é o vieiro» e que «a esperanza é unha cousa que se conquista cada día» mais «sempre alimentada na dúbida». Saudosos lembraremos a Günter Grass e a Eduardo Galeano.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/Gunter-Grass-at-home-in-L-006.jpg276460bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-14 00:01:272015-04-13 19:08:42Onte 1294: No pasamento de Günter Grass e Eduardo Galeano
Entre as diferentes iniciativas de reconstrución que por ventura agroman polo país, pareceume moi significativa a da presentación de Voltar á Terra, promovida por emigrantes galegos que viven arredor do mundo. Os datos da emigración actual son estremecedores: en tres de cada catro fogares galegos hai algúen emigrado, máis de 200.000 persoas abandonaron Galicia dende 2007, o que supón unha sangría emigratoria que semellaba superada para sempre, máis aínda cando o país sofre un tremendo devalo demográfico. Recomendo a lectura do manifesto desta iniciativa na que os asinantes declaran que «non somos emigrantes, somos exiliados» e reclaman vivir e traballar con dignidade en Galicia. Unha iniciativa que merece a maior difusión e apoio.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/voltar-c3a1-terra_transparentecdefb.png250970bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-13 00:01:252015-04-12 21:32:40Onte 1293: Voltar á Terra
Triste a nova do pasamento do xornalista ourensán Ramón Luis Acuña, con quen colaboramos na recuperación de Fírgoas, a obra do seu pai o poeta Manuel Luis Acuña. Correspondente en España durante moitos anos de Le Figaro, delegado da axencia EFE en París durante a Reforma Política, especialista en política internacional, director da cátedra UNESCO sobre Minorías, Nacionalismos e Culturas Transnacionais, Acuña foi outro dos grandes xornalistas galegos do século XX. Defensor dos valores da tolerancia e do diálogo, presentes no seu libro El deber de tolerancia, nas últimas dúas décadas batallou pola posta en valor da figura do seu pai, membro daquela xeración ATEO de mestres ourensáns que defenderon as luces da República. Hai uns días varios amigos da «causa Acuña» recibimos un correo seu no que celebraba o feito de localizar en Bos Aires un orixinal da primeira edición de Fírgoas. Deixounos unha lembranza saudosa.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/ramon_luis_acuna_sanchez.jpg241180bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-12 21:01:522015-04-12 21:07:32Onte 1292: Ramón Luis Acuña
Chegaron onte os primeiros exemplares d’A neve interminablede Agustín Fernández Paz. Unha novela que supón o regreso de Agustín ao catálogo da colección Fóra de Xogo, na que non publicaba dende Corredores de sombra (2006). Un novo libro de misterio que vinte anos despois dialoga con Cartas de inverno (1995), un título senlleiro que permitiu a máis de cen mil lectores e lectoras galegas (e bastantes máis noutras linguas peninsulares) vivir durante unhas poucas horas ao límite do extraordinario. N’ A neve interminable Agustín explora os medos esenciais do ser humano e aqueloutros orixinados pola desorde mundial deste século. Nas páxinas desta novela de noveliñas daquel ano sen verán o noso recente candidato ao Nobel homenaxea a Howard Phillips Lovecraft, referencia imprescindible na literatura de terror, a Mary Shelley e a Lord Byron de quen anosa o seu poema profético e apocalípticoDarkness. Sei que volveremos sobre unha obra que aventuro será referente para moitos dos nosos lectores e lectoras.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/CCPyWVSWIAI2_bV.jpg544599bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-11 11:42:462015-04-11 11:49:30Onte 1291: «A neve interminable» de Agustín Fernández Paz
Finalizada a investigación iniciada en 2007 por Baltasar Garzón, a raíz dunha querela presentada pola Asociación de Familiares de Presos y Desaparecios Saharaius, o xuíz Ruz publicou onte o auto por xenocidio no Sáhara Occidental. Co procesamento de once policías e militares marroquinos, realizado co apoio da fiscalía, rematan décadas de impunidade e silencio sobre o sucedido no territorio ocupado dende 1975 a 1991, onde o auto acredita se produciron 50 mortes violentas, 23 delitos por torturas e un delito contra a liberdade sexual. É de salientar que o feito de que as vítimas tivesen na súa orixe nacionalidade (e documentación) española permitiu que a causa non fose arquivada, tras a reforma da xustiza universal do PP de 2014. Como tamén o é a súa cuaificación de «xenocidio», na medida que quedou demostrada a existencia dunha finalidade de destrución sistemática da poboación civil pola súa orixe étnica coa intención de apoderarse do territorio do Sáhara Occidental, tras o seu abandono por España. O histórico auto de Ruz supón un primeiro acto de xustiza e recoñecemento dos dereitos humanos das vítimas que merecer ser valorado.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/Aranzadi-Foto-Sociedad-Ciencias-Aranzadi_EDIIMA20130911_0570_22.jpg362200bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-10 09:39:242015-04-10 09:40:59Onte 1290: Xenocidio no Sáhara
Hai que matalos a todos, a terceira novela de Héctor Carré conta cun booktrailer máis que interesante. Preparado polo propio autor, director de películas como Dáme algo (1997) ou Personal movie (2011) e guionista de series como Libro de familia ou Matalobos, en apenas un minuto e vinte segundos o booktrailer adianta o inicio da trama principal da novela, un accidente de tráfico que non aparece en medio de comunicación ningún. Preséntase así a novela como unha historia de intriga na que uns xornalistas galegos arriscan moito por dar a coñecer un suceso que o CNI pretende ocultar. Unha ficción con moito suspense que aborda as relación entre o poder e o xornalismo, mais tamén sobre a identidade e sobre o anonimato, sobre a violencia e o amor. Hai que matalos a todos é unha novela de temática e formato moi orixinal na literatura galega actual. Chegará ás librarías o 16 de abril, formando parte dese servizo de novidades que preparamos para celebrar o día do libro.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/XG00199701.jpg303200bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-09 00:01:332015-04-07 18:45:03Onte 1289: «Hai que matalos a todos» de Héctor Carré
Fran P. Lorenzo recolleu onte na editorial os primeiros exemplares de Cabalos e lobos, a súa primeira novela, coa que obtivo o premio Blanco Amor 2014. Para acompañar a visualización do libro, que culmina una longa carreira de fondo en solitario, Fran foi publicando no seu blog unha serie de tomas audiovisuais, realizadas e montadas por Mónica Ares, que compoñen un fantástico booktrailer en catro entregas nas que sutileza se recollen temas, músicas e atmosferas da obra. Cabalos e lobos achégase á novela rosa pola súa condición popular e para relatar una historia de amor homosexual nun tempo de silencio e represión. Unha novela que se expresa a través da voz de varias mulleres que dan conta dunha saga familiar que abrangue todo un século. A través de diversas formas contar Fran P. Lorenzo crea e recupera un espazo urbano que determina e condiciona os personaxes, ubicado na cidade de Vigo que, malia as dificultades históricas que vivía, era daquela profundamente cosmopolita.
Na primeira toma soa un lied de Schubert, «Margarida na roca», que ten un protagonismo destacado na trama, sobre as imaxes dos cabalos a trotaren sobre una praia nevada. Unha composición que Fran considera “sublime, no sentido exacto deste termo tan maltratado”.
Na segunda utiliza a secuencia central da película Estate violenta de Valerio Zurlini, para Fran «una mestura perfecta de historia e abandono» no contexto da segunda guerra mundial, escenario presente tamén na súa novela, sexa en Vigo ou en Lübeck, berce da familia protagonista, os Beckmann.
Na terceira, a fotografía que fixo o autor o primeiro de xaneiro de 2015, a lúa de Vigo pousada sobre Gran Vía nº 2, o edificio Albo, que leva a sinatura do arquitecto vigués Francisco Castro Represas, representa a columna vertebral da novela, tamén presente na portada deseñada por Roi Fernández.
Por última, na cuarta, as imaxes evocan as mobilizacións obreiras viguesas de setembro de 1972, sobre a música de «Starman», a canción de David Bowie coa que o autor confesa escribiu algunas páxinas da obra, na que está tan presente a memoria persoal e familiar como a da cidade Vigo dos versos de Helena de Carlos.
Tempo haberá para volver sobre Cabalos e lobos, que chegará ás librarías a partir do 16 de abril e será presentada en Vigo o 24 de abril e en Compostela o 28.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/XG00070101.jpg303200bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-08 00:01:012015-04-07 18:50:51Onte 1288: «Cabalos e lobos» de Fran P. Lorenzo
Cando estiven en Lugo para participar no xurado do premio Ánxel Fole de narración, Carme Basadre, a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, anunciounos que xusto despois da semana santa comezaba o Festival Internacional de Literatura e Arte con Retranca. Ten moito xeito esta proposta que transforma a retranca en compoñente transversal de todas as artes e deita unha ollada á vida e á creación artística dende o humor, o que é ben de agradecer. Mágoa non poder asistir a algúns dos actos tan atractivos como o «Sempre en Ibiza» (poesía con retranca) de Aldaolado ou as conversas entre Pedro Feijoo e Kiko Novoa ou a de Marta Pérez e Antón Sobral. Esta exaltación artística da retranca, coma o recente Festival da Bisofera, converten a Lugo nun dos espazos de innovación da promoción cultural en Galicia. Ben será qe durante esta semana os investigadores estuden cal é a orixe de tan renovada creatividade cultural.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/programa-retranca-OK-FINAL-1.jpg18281415bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-07 00:01:142015-04-06 17:48:19Onte 1287: Retranca en Lugo