Onte 109: Treme

Aproveitamos estes días ao ralentí para meterlle o dente á primeira tempada de Treme. Outra marabilla de David Simon e a HBO. Desta volta o tema é o desarraigo nun barrio (Treme) de Nova Orleáns tras ser destruído en 2005 polo furacán Katrina. A música é o líquido que flúe polas veas duns personaxes que non se resignan a quedar asolagados pola traxedia. A narración é dunha elegancia extraordinaria. O guión é combativo, sen agochar a presenza da dor nin da beleza dunha cidade que a pesar da desfeita preséntase fascinante. Treme é un encontro memorable entre o amor e a morte nesta cidade que emerxe da inundación con toda a potencia das súas contradicións e conflitos. Semella moi recomendable, tanto para os que aman a música, sobre todo o jazz e o R&B, como para os que non lles chistan as series e prefiren o cinema.

Esta escena coa que remata o primeiro capítulo é moi representativa do seu ton.

Onte 108: Discurso real

Lembro sempre o discurso de nadal como unha imaxe fixa presente na casa dalgunha das avoas antes da cea de Noiteboa. Anunciaba a efeméride, mais ninguén reparaba no que Franco ou Juan Carlos dicían na televisión. Onte foi diferente, xa que compría escoitar o que El-Rei contaba dos negocios do seu xenro deportista. Decontado percibín algo novo na posta en escea, era a fotografía da mesiña supletoria, que aparecía e desaparecía no ángulo dereito da pantalla. Rajoy e Zapatero acompañando a Juan Carlos, substituían ao tradicional retrato de Nadal da Familia Real sorrinte, netos incluídos. Un detalle moi estudado para expresar a unidade de PP e PSOE coa institución da Coroa. Porén, a intervención de El-Rei, a primeira pactada co Goberno coordinado por Soraya Sáenz de Santamaría, non abondará para pechar a ferida aberta por unha tema de corrrupción económica que afecta a súa familia; non abondará por moitas que fosen as referencias elípticas e eufemísticas sobre Iñaki Urdangarín, a pesar de solicitar retoricamente «exemplaridade» ou lembrar que «calquera acción censurable debe ser xulgada e sancionada» ou que «a xustiza é igual para todos». O decisivo foi que  El-Rei eludiu calquera responsabilidade persoal e non pediu desculpas en nome da súa familia, mais, ao mesmo tempo, sentenzou ao seu xenro, a pesar de que é xa de dominio público que a Casa Real coñecía dende 2006 os escuros negocios do duque de Palma. Todo un xeito de entender o funcionamento da familia, que non sabemos se algún editor educativo audaz acuñará nos novos manuais de Educación para a Cidadanía de 2º de ESO. Quedei pampo.

Onte 107: Tretzevents

Esta publicación infantil en catalán naceu en 1951 co título L’infantil, promovida polo Seminario de Solsona, para mudar ao nome de Tretzevents, cando en 1973 comezou a depender das Publicacions de L’ Abadia de Montserrat. Coincidindo co seu sexaxésimo aniversario pecha debido, segundo os seus editores, á falta de apoio institucional no marco da crise económica. Tras 903 números, a desaparición da revista en catalán máis antiga (en 2008 tiraba 8.000 exemplares), que chegou a recibir a Creus de Sant Jordi, mesmo cando en Cataluña está en marcha un interesante Plan de Fomento da Lectura, amosa a fraxilidade de todas as publicacións impresas nun entorno global de tránsito entre soportes e a clara desorientación das administracións públicas (mesmo as dun goberno nacionalista como o de Artur Mas) á hora de establecer as súas políticas no eido da cultura e da educación. O Grupo de Traballo de Bibliotecas Infantís e Xuvenís do Colexio Oficial de Bibliotecarios e Documentalistas de Cataluña puxo o dedo na chaga: «La mort de Tretzevents és un símptoma més de la fragilitat a la qual s’exposa la cultura –i especialment la nostra– en contextos com els que estem vivint». A desaparición de Tretzevents non pode agochar que as revistas en catalán teñen, se as comparamos coas nosas publicacións en lingua galega, unha diversidade envexable e unha maior presenza na vida social, profesional e cidadá. Así, no eido das publicacións infantís, os picariños e picariñas cataláns de 0-5 anos (entre as que está a nosa Sabela) contan con Piu-piu e El Tatano; e os maiorciños con Cavall fort (con máis dun milleiro de números, publicados ao longo de 50 anos), publicación nosa de referencia cando soñamos aquel malogrado Golfiño de papel.

Onte 106: Mocidade emigrante

Sabemos que os membros dos gobernos adoitan ser máis optimistas co resto dos cidadáns. Porén, o caso de Beatriz Mato é xa dun optimismo doente. A Conselleira de Traballo na resposta no Parlamento a unha interpelación do BNG rexeitou que os mozos e mozas emigren en Galicia por falta de oportunidades, xa que, segundo o seu criterio, moitos o fan de xeito temporal para formarse. Abofé que Ana Pontón deixou as cousas no seu sitio cando lle retrucou que milleiros de universitarios galegos foran contratados por universidades de fóra de Galicia nos últimos anos, a metade dos que terminaron a carreira. É lamentable que un membro do Goberno galego non admita un feito tan dolorosa como innegable: a mocidade galega actual, sobre todo a universitaria, emigra de forma masiva. Na Galicia do noso tempo non se lle ofrece futuro. Hoxe algúns destes mozos mozas regresan, magoadamente, só por Noite Boa. Que pensa diso o presidente Feijóo?

Onte 105: Sermos Galiza

A iniciativa social Sermos Galiza consolídase. A piques de rematar a primeira fase de capitalización prevista, as persoas promotoras confesan que apenas falta un 10% dos 300.000 euros previstos como capital social fundacional para crear este grupo de comunicación en galego. Unha moi boa noticia para pechar un ano difícil para o sector da comunicación e da lectura na nosa lingua. Non hai dúbida que unha das prioridades estratéxicas no proceso de construción nacional é contar con medios de comunicación propios en galego, plurais e profesionalizados, capaces de enfrontar o difícil tránsito entre os paradigmas da comunicación analóxica e dixital. Esta é unha travesía complexa, difícil, onde xogamos o futuro do idioma de noso. Cómpre, pois, contar cunha biodiversidade informativa en galego (todos os os medios son necesarios, dende os impresos, dixitais e radiofónicos até os audiovisuais e multimedia), un espazo comunicacional que axude, ademais, a facer sostible o sector da lectura e da literatura en galega, como o resto das industrias culturais na nosa lingua. Non vivimos tempos para desistir nin para resignarnos, como pretende facernos crer o influente partido conformista. Precisamos doses elevadas de esforzo e corresponsabilidade. Longa vida e mellor futuro para o proxecto de Sermos Galiza, unha agra aberta en man común que precisa da tensión e da forza de todas as nosas mans.

Onte 104: Luís Soto

Sinalárono tanto Xosé González como Xurxo Martínez no acto de presentación de Librouro: «Luís Soto traballou por construír unha arquitectura plural, unha polifonía política que permitise a autoorganización da sociedade en diversos partidos nacionalistas.» Sei que esta primeira e interesantísima biografía sobre Luís Soto, un dos creadores do sindicalismo galego do ensino, unha das figuras do exilio galego, un dos promotores da anticipatoria revista Vieiros, unha das persoas claves na fundación da UPG, un marxista republicán que conciliou co pensamento nacionalista, pon en cuestión moitas das interpretacións que até agora se teñen feito da historia do nacionalismo galego. Unha biografía esencial, documentadísima, desmitificadora, concibida para rehabilitar unha figura clave na historia do galeguismo do século XX inxusta e interesadamente esquecida. Recoméndoa moi vivamente.

Onte 103: «Fantasmas de luz»

Na presentación de Fantasmas de luz Agustín Fernández Paz confesou que quixo escribir dende a ficción a desfeita que está producindo o capitalismo dende a caída do Muro de Berlín. Un proceso de degradación, mesmo de perda dalgunhas conquistas e dereitos sociais, que uniu a unha das súas paixóns, a do cinema, esoutra  fonte creada pola humanidade para beber soños, para gozar de historias que van conformando o xeito de ver o mundo. O resultado desas dúas angueiras é unha noveliña (o que os franceses chamarían «nouvelle»), seis relatos («tomas extra») e cincuenta e dúas fichas doutros tantos clásicos do cine, nas que se aborda a exclusión provocada polo paro de forma radical, aínda que non exenta dun chisco de esperanza. Os protagonistas de Fantasmas de luz, como expresou Beiras, non están derrotados. Exprésao Agustín cunha frase das Uvas da ira: «Nunca poderán con nós, somos o pobo».

Mención á parte merece o traballo de ilustración memorable de Miguelanxo Prado para presentar aos excluídos como persoas invisibles, transparentes.

Onte 102: Vitaminas para o galego

O galego precisa moitas vitaminas. O país necesita como auga de maio volver contar con medios de comunicación que empreguen o idioma noso, sobre todo en contextos urbanos. Galicia precisa información de proximidade en galego. Ese é o obxectivo da campaña Vitaminas para o galego promovida por dez medios de comunicación en lingua galega, a maior parte deles dixitais, Galicia Confidencial, Tempos Novos, Radiofusión, Praza Pública, Novas da Galiza, Quepasanacosta, Val Miñor Info, Certo, OSil.info e Crónica 3. Vitaminas para o galego pretende visibilizar estes medios en galego, boa parte deles de carácter comarcal, ademais de procurar vías de financiamento para a súa viabilidade e para o traballo digno dos seus profesionais. Unha iniciativa que merece ser apoiada.

Onte 101: Beiras, mestre!

Cónstame que a emocionante homenaxe nacional a Beiras deixou unha forte pegada no milleiro de galeguistas que o arrouparon co seu agarimo. Porén, as palabras e, sobre todo, as categorías utilizadas por Xosé Manuel no seu discurso de agradecemento sobardaron con moito os límites do Pazo de Congresos compostelán para transformarse en tempos de desorientación e incerteza en referentes morais e políticos do pensamento galeguista. Quédome con dúas das súas afirmacións máis sinceras e rotundas: «Eu loito sen esperanza pola esperanza, pero non desertarei xamais»; «É a hora da soberanía popular no sentido prístino da palabra, a hora da lealtade ao cidadán común, non a da obediencia ás organizacións». Eis as palabras dun guieiro. Beiras, mestre!

Onte 100: NGB, 2,59%

A recapitalización de Novagalicia Banco completou a súa primeira fase. Quince empresarios galegos achegaron 70,4 millóns de euros, o que reduce a participación do FROB nun 2,59%. Nin Amancio Ortega nin Rosalía Mera, as dúas maiores fortunas galegas, nin practicamente ningún empresario vigués achegaron cantidade ningunha. Tampouco o fixeron, nesta quenda, os empresarios galegos do exterior que se dixo comprometeran a súa participación nunha das viaxes de Feijóo. Semella que, polo momento, o empresariado galego prefire non participar no proceso que encabeza Castellanos. A pesar de quedar esta primeira fase na metade da cantidade prevista no plan de capitalización, os responsables de NGB (o nome comercial fóra do país) cualificaron o proceso de «éxito». Tras o proceso de liquidación da Obra Social e Cultural –velaí a marcha da caixa do patronato do MARCO–, é case imposible confiar no éxito desta operación de reflotamento da caixa apadriñado polo noso presidente pesimista. Dubida alguén que o da caixa é, até agora, o maior dos fracasos de Feijóo (e xa leva uns cantos).