Na mesa redonda sobre «A literatura e o audiovisual galegos e a súa proxección internacional» do Encontro Festlatino 2012 do Consello da Cultura Galega, na que participei xunto a Suso de Toro e Margarita Ledo, volvín defender a creación dunha Oficina da Literatura Galega. Experiencias exitosas como a catalá ensinan que para desenvolver unha extratexia internacional no eido literario e cultural é imprescindible contar cunha institución pública que a xestione. Así o prevía o borrador da “Lei do Libro e a lectura”, redactado pola Mesa do Libro e a Lectura, coa creación do Instituto Galego Rosalía de Castro destinado a promover a lingua e literatura galega no mundo. Magoadamente esta cuestión foi retirada da lei aprobada (por unanimidae) en decembro en 2006. Dende entón, teño proposto en varios foros con ánimo construtivo, seguindo o modelo de funcionamento do Ireland Literature Exchange (ILE), a creación inmediata dunha Oficina da Literatura Galega ou Oficina do Libro Galego no Exterior como organismo da Secretaría Xeral de Cultura, apoiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, polo Consello da Cultura Galega e por todo o entramado asociativo do sector do libro (AGE, AELG, Pen Club, Galix, ATG, AILG). Esta OLG ou OLGE, entre outras funcións, debería coordinar de forma permanente todas as actividades de promoción da literatura e do libro galego a realizar no exterior: sexa reforzando aos editores nas Feiras Internacionais do Libro; fose apoiando as actividades desenvolvidas polos diferentes lectorados e centros de estudos galegos das universidades; sexa elaborando información electrónica e impresa para enviar a editoras internacionais, axencias literarias, «sherpas» e tradutores; fose apoiando a presenza de autores e editores en eventos literarios internacionais (“Festival de Poesía de Paratí, Congresos do Pen Club ou do IBBY…); sexa apoiando a xestión das candidaturas de autores e autoras da nosa literatura a premios internacionais (Andersen, Astrid Lingren, Nóbel, Premio Iberoamericano LIX, ou Príncipe de Asturias das Letras); fose axudando a xestionar as axudas proporcionados pola Consellaría de Cultura e Educación á tradución de textos da literatura galega a outras linguas; sexa organizando ou apoiando a realización de Encontros Literarios Internacionais en Galicia; fose promovendo as candidaturas de Galicia como cultura convidada dos eventos e feiras internacionais de Guadalaxara e Frankfurt ou acompañando coa nosa cultura literaria, se as houbese, outras actividades de proxección internacional de Galicia. Despois deste Festlatino debería volver a estudarse unha proposta que supoñería apenas a coordinación dos recursos actualmente existentes e a posta en marcha dun espazo electrónico actualizado sobre a nosa produción literaria e editorial.