Onte 703: Reigosa fala de García Márquez

Na presentación de onte en Compostela das edicións d’ A Galicia máxica de García Márquez Carlos Reigosa despexou algunhas das incógnitas da relación con Galicia do autor de Cien años de soledad.

A primeira foi a da existencia dunha «avoa galega» do nobel colombiano, un personaxe perdido na bruma da xenealoxía familiar citado polo autor nas súas declaracións e sinalado nas referencias dos seus biógrafos Plinio Apuleyo Mendoza, Martin ou Dasso Saldívar. Para Reigosa os datos biográficos certos amosan que as avoas e bisavoas de García Márquez son colombianas, mais «as tataravoas son todas españolas. Dentro delas  intúo que unha delas, Josefa Vidal, poida ser de Ourense, xa que o escudo heráldico dos Vidal ten a súa orixe en Verín ou Trives.» «Gabo non acabou nunca de disdicirse da existencia dunha “avoa galega”, que eu entendo constitúe para el un elemento literario. Hai unha inconsciencia literaria na súa afirmación de galeguidade. Ben sabemos que os escritores poden escoller a súa familia literaria, como fixeron Valle Inclán e o propio Cunqueiro.» Relatou Reigosa despois algunhas das conversas que mantivo co colombiano a este mesmo teor.

«En 1968 falei por vez primeira con el, fíxeno por teléfono con el con motivo da publicación d’ El Otoño del Patriarca. Díxenlle que non atopara ningunha referencia a súa avoa galega en Cien años de soledad. Contestoume: “si, na forma de contar. Ela dicíame coa mesma cara de pao ‘come toda a comida’ ca ‘esta noite vin ao teu tío’ (morto hai vinte anos).» Para Reigosa nesa forma de contar «está a raíz da verosimilitude narrativa de García Márquez, nesa seriedade.» Seguiu Reigosa relatando outras conversas que mantivo con Gabo, deténdose naquel día enteiro (31 de outubro de 1991) que compartiron co colombiano na axencia EFE, «onde contou tantas e tantas anécdotas sobre Fidel Castro, así como as súas conspiracións políticas latinoamericanas». «Referíase sempre a Fidel, co que mantivo unha gran amizade, como “gallego”, que para Gabo significa “teimudo”, “que non hai quen poida dobralo”». «Tras aquel encontro de Madrid, no que non puiden preguntarlle sobre as miñas dúbidas sobre a avoa, convertinme nun perseguidor. Collino en Los Ángeles, o 7 de outubro de 1996, onde entre as presas confesoume que a súa irmá Ligia procuraba a historia dos devanceiros galegos. Díxome que avoa Tranquilina era descendente duns galegos que chegaron ao norte de Venezuela» A derradeira referencia sobre a cuestión chegoulle a Reigosa por medio da conversa a través de Plinio Apuleyo Mendoza na que Gabo dixo que «da avoa galega non sabía máis, pero por favor que o descubran, que o investiguen, porque son eu quen necesita sabelo». Para Carlos Reigosa con estas palabras, quizais, chegue a fin desta historia.

A segunda das incógnitas das que falou Reigosa foi das viaxes de García Márquez a Galicia. «Sabemos que realizou tres, existindo constancia documental da realizada en maio de 1983, dúas fotografías de Ramón Vilar de EFE, que aparecen no libro.» Contou Reigosa a orixe desta primeira viaxe: «Tras gañar o Premio Nobel en 1982, García Márquez entrou nunha fase de desesperación, de agobio polos múltiples compromisos que estaba obrigado a asumir. Confesoullo a Felipe González, daquela presidente do Goberno, quen lle aconsellou “regálate unos días a ti mismo”. E así foi. Cumpriu o seu desexo: “Gostaría ir a Galicia e coñecer aos meus ancestros”. Felipe González planificou esta viaxe. Encargoulle a Domingo García Sabell, entón delegado do Goberno, que actuase de cicerone en Compostela mais insistiulle en que “baixo ningún concepto lle presentes a ningún intelectual ou xornalista”. Porén, houbo unha excepción, a dun profesor do Instituto Rosalía de Castro que o identificou na Porta Faxeira.» Reigosa referiuse ao xantar en Compostela, «no piso superior do Restaurante Alameda, no que acompañaron a García Márquez e a súa dona Mércedes Barcha, García Sabell, a súa filla Teresa e os fillos desta Ricardo e Daniel». Referiuse tamén Reigosa o carácter privado e discreto desta viaxe, «na que se aloxaron no Hotel dos Tilos do concello de Teo» e na que Gabo quixo levar un lacón para enviarllo ao seu amigo Fidel Castro.» «Das outras dúas viaxes sabemos que se realizaron en coche e que entraron por Portugal. Non houbo coñecemento público nin encontros con ninguén.»

A terceira das incógnitas ás que se referiu Reigosa foi á relación entre García Márquez e Álvaro Cunqueiro, «dous escritores que se coñecían, mais que se miraron de esguello». «Alvaro Cunqueiro limitábase a dicir: “Eu síntome máis próximo de Alejo Carpentier, Lezama Lima ou Borges ca de García Márquez”. Nunca asumiron que compartían un mundo. Cunqueiro non aceptou o termo de “realismo máxico” como unha definición para a súa obra, xa que prefería o de “realismo fantástico”.»

Xa para rematar as intervencións, Reigosa definiu A Galicia máxica de García Márquez «como unha historia real contada con estratexia de ficción sobre un aspecto até agora descoñecido. Distancieime do que é un estudo académico e do seu rigor mortis, mais todos os datos que aparecen no libro son certos. É un retrato de García Márquez feito desde unha perspectiva literaria. Só lamento que hoxe xa non podo falar con el. Só podo facelo co seu irmán Jaime ou cos seus biógrafos.»

Foron numerosas as referencias desta presentación, mesmo da que se fixo eco algún medio latinoamericano, amosando o interese pola figura de García Márquez: «Carlos Reigosa indaga en la relación de García Márquez con Galicia» (Europa Press); «Reigosa revisa a ascendencia galega de García Márquez» (Camilo Franco, La Voz de Galicia); «Reigosa descobre a “avoa galega” de García Márquez» (María J. Álvarez, El Correo Gallego); «Carlos Reigosa indaga en la relación entre García Márquez y Galicia en su última obra, “elemplo de periodismo”» (20 minutos); «La abuela de García Márquez influyó en su literatura» (El Universal, México); «Reigosa dice que García Márquez le habló sobre la influencia de su “abuela gallega”» (Que!).

Onte 702: Gabo en Galicia

Relendo onte pola tarde A Galicia máxica de García Márquez, esa fermosa lección de xornalismo de investigación de Carlos Reigosa, libro que presentamos este mediodía en Compostela, volvín sobre «Viendo llover en Compostela», o artigo memorable que o autor de Cien años de soledad publicou o 11 de maio de 1983 no diario El País. Unha excelente crónica da viaxe de apenas tres días que realizara coa súa muller Mercedes Barcha ao noso país. Un texto iniciado coa confesión de que seguindo o consello  dun amigo («debes ser amable contigo mesmo») se agasallara un dos seus soños máis antigos: «coñecer Galicia». Un «país do que tiña saudades», mesmo «antes de coñecer esta terra», que atribúe á comida da súa avoa panadeira (Tranquilina). Un texto no que Gabo, ademais de volver a xogar coa posibilidade de contar cunha ascendencia galega (probablemente, unha certa impostura literaria), relata o seu periplo galaico, iniciado en Compostela («unha cidade viva» na que «un se atopa a cada paso, como a cousa máis natural do mundo, co milagre das pedras florecidas»), continuado polo «paraíso lacustre da ría de Arousa» (sabemos que se aloxou no Hotel da Toxa) e finalizado pola ría de Vigo e a súa ponte (de Rande) xa camiño de Portugal. Gabanza do noso, que se estende á chuvia e, sobre todo, á cociña  «xa que pasamos 72 horas comendo os únicos mariscos que quedan neste mundo devastado, comendo uns peixes que seguen sendo peixes no prato e unhas ensaladas que seguían medrando na mesa.» Que máis admiración se pode pedir para a gastronomía de noso? Transcorridos trinta anos da publicación daquel artigo, escrito por un premio Nobel, aínda é ben estraño que non fose empregado para promover a nosa autoestima ou promocionar Galicia como destino turístico. Quizais, como remata o propio García Márquez, porque «entre galegos –xa o sabemos– nunca se sabe.»

Nota: Na foto de Ramón Castro (EFE) Gabo aparece acompañado de Domingo García Sabell, daquela presidente da RAG e delegado do Goberno en Galicia, que actuou como «cicerone» en Santiago.

Onte 701: Dignidade

Chova ou abafe, un grupiño de preferentistas expresa todos os días a súa protesta diante das portas da sede viguesa de NGB. Coas súas buguinas expresan a indignación, tamén a impotencia, diante dunha estafa noxenta para a que, tras o anuncio do peche da arbitraxe e o inicio do proceso de liquidación, xa non atopan resposta nin dos directivos da entidade nin dos gobernos de Rajoy e Feijóo. Só queda para eles a reclamación pola vía xudicial. Porén, nos asubíos indignados e teimosos destes preferentistas resistentes ( considerados pola entidade como «ruído» polo que ameaza denuncialos) enxergamos cada mañá unha luz, a da súa dignidade. Un valor moral (nin mobliario nin inmobiliario) que pola súa escaseza cotiza hoxe moi alto.

Onte 699: Celta, incógnitas de pretempada

Tras o partido de onte á noite na illa de Madeira, o Celta non despexou as incógintas  que arrastra ao longo de toda a pretempada. Daquela ilusión inicial provocada pola fichaxe de Luis Enrique pasamos á perplexidade pola dosificación dos silencios do adestrador agardando unha chamada de Can Barça e á actual preocupación pola ausencia de gol, un tanto en cinco partidos. Non se lle pode negar ao adestrador asturiano a súa teimosía por inculcar ao cadro celeste un patrón de xogo caracterizado por unha saída ordenada de balón e unha intensidade de presión sobre as tres liñas. Este Celta disciplinado, por fin, sabe a que quere xogar. Unha noticia esperanzadora.

Onte fronte ao Marítimo, Luis Enrique ensinou as cartas do que pode ser o seu once de referencia, ao que só lle faltaba Rafinha lixeiramente tocado. O resultado non me convenceu. A ausencia de Túñez, o primeiro «capricho» serio de Luis Enrique co cadro de xogadores (prefire como central zurdo a Fontás, un xogador da súa confianza persoal), fixo moi vulnerable a defensa nos balóns altos, como puxo en evidencia Cabral facilitando o único gol dos madeirenses. A eficacia do trivote de mediocampistas, no que se integra con total liberdade MKD, malogrouse coa lesión de Oubiña, xogador do que dependerá a capacidade de equilibrar tanto o ritmo de xogo e a estrutura de defensa e ataque como a responsabilidade da distribución sobre as parellas de laterais de balóns que faciliten a superioridade necesaria para que anote Charles. Botouse moitísimo a falta da maxia electrizante de Iago Aspas, que xa triunfa rotundamente en Liverpool, só en parte cuberta pola pelexa e creatividade de Nolito. A pesar de controlar o xogo de forma abrumadora, a derrota do Celta foi inapelable, sobre todo pola súa incapacidade para xerar algo que puidese ser considerado como intimidación atacante.

En resumo: este Celta de LE polo momento non ten gol, depende da presenza no terreo de Oubiña e prescinde caprichosamente dunha insignia celeste como é Tuñez. Polo visto nos catro encontros fronte aos rivais de entidade (ningunha vitoria), a defensa é máis ordenada e o ataque máis plano e previsible ca tempada anterior. Un balance de pretempada decepcionante para un equipo e para un adestrador chamados no campionato de liga a mellorar os resultados lonxe de Balaídos (a lacra do regreso a primeira) e a calidade e atractivo do seu xogo. Este primeiro mes de duro adestramento non despexou as principais incógnitas do proxecto de LE.  O vindeiro 19, diante do Espanyol chega a hora da verdade.

Onte 698: Coa «Causa Lueiro» en Fornelos de Montes

En día tan sinalado como o do comezo das festas do San Lourenzo presentamos no salón de plenos do concello de Fornelos de Montes o libro de homenaxe ao escritor Manuel Lueiro Rey. Un acto que resultou moi interesante e concorrido, ao que non foi allea a implicación de Carme Carreiro Montero, a presidenta da Asociación Veciñal O Cruceiro da Laxe e infatigable promotora cultural nesas vizosas terras do Oitavén. Tras as palabras de benvidas de Emiliano Lage, alcalde de Fornelos, foi Carme Carreiro que interviu para salientar que «a recuperación da figura de Manuel Lueiro Rey, un home excepcional, constituía un soño para Asociación O Cruceiro da Laxe.»

Tras a intervención do editor, falou Ramón Nicolás, o coordinador do volume, para salientar «a importancia que para Lueiro sempre mereceu Fornelos, onde naceu en 1916, sobre todo nos seus artigos en Faro de Vigo durante os anos cincuenta». «Son desta época, concretamente de 1956, artigos como “Nueva carta a Mario”, nos que Lueiro relata como se chega a Fornelos, por unha carretera estreita, camiño da ucha do Brasil, onde tantos dos seus veciños emigraron, preguntándose ao remate “por que emigrarón tanto?”» «Artigos nos que adoitaba referirse a personaxes como “Antonio o campaneiro” ou “A miña amiga cega”, protagonistas dunha obra de ficción que quedou inconclusa.» Rematou Nicolás lembrando a referencia que Lueiro dedicou a Fornelos nun artigo que a finais da súa vida, no ano 90, publicou tamén en Faro de Vigo: «Volverei a aldea onde nacín, onde non se esquecen as sentenzas do campaneiro e a figura do pai.»

Modesto Hermida, colaborador do libro e compañeiro de Lueiro, comezou o seu discurso lembrando o artigo que publicara na revista Dorna «Lueiro Rey unha paixón silenciada». «A figura literaria de Lueiro foi en vida insuficientemente coñecida e máis tarde inxustamente silenciada. Unha consideración á que creo non foron alleas a súa condición de comunista e ao feito de que escribiu moi ben en castelán.» Porén, salientou Hermida que «despois da súa morte comezou a facérselle xustiza e a situalo onde lle corresponde. Inicious eun proceso de divulgación e coñecemento da súa obra.» Rematou Hermida expresando a súa confianza na «continuidade deste proceso de divulgación da obra de Lueiro entre o gran público, especialmente no eido escolar.»

Puxo cabo ás intervencións o discurso do profesor Xesús Alonso Montero, actual presidente da RAG e un dos máis afervoados defensores da «Causa Lueiro». Tras agradecer ao alcalde e a Carme Carreiro a organización desta homenaxe en Fornelos e realizar un retrato humano de Lueiro, Xesús Alonso Montero defendeu a actualidade da súa obra, «Manolo é un dos escritores que debería estar máis de moda hoxe». «Lueiro foi un dos escritores máis indignados, intransixentes e críticos que eu coñecín, sobre todo despois da morte de Franco. Intransixente, cando a realidade era tan podre. A súa intransixencia era a resposta acaída á podredume daquel momento.» Alonso Montero reclamou «un esforzo para poñelo outra vez de moda. Cómpre escolmar os dez ou doce mellores poemas e relatos, e facer unha nova edición de Manso, unha das mellores novelas sobre a Guerra Civil, protagonizada por un cabalo no que todos mallaban, metáfora do pobo español.» Lembrou despois don Xesús o seu segundo encontro con Lueiro, en París, coincidindo no seu caso cunha conferencia á que fora convidado polo Partido Comunista para celebrar o 17 de maio de 1968, dedicado a Curros Enríquez, o poeta do proletariado do rural galego, e no caso de Lueiro cunha viaxe coa súa dona Maruxa Lores na procura de editor para Manso.» Rematou o seu discurso Alonso Montero sinalando que para «Manolo Lueiro escribir era a súa respiración, a súa vocación e as súas facultades.» «Lueiro era un escritor en solitario, un antifranquista de esquerdas que escribiu con autocensura para o público dos xornais nos que nunca deixou de colaborar. Non esquezamos que daquela o grupo Galaxia non vía con simpatía aos escritores fóra dos seus cenáculos. No 68, cando Lueiro viaxa a Buenos Aires, convidado polr Amigos do Grove, cando reedita alí Manso e pronuncia varias conferencias, comete o erro de “falar con moita sinceridade” diante da policía da embaixada española. Así era Lueiro.»

Onte 697: Enganados

Estabamos enganados, moi enganados. Segundo declararon onte os presidentes de Adif e Renfe no Congreso o novo treito ferroviario Ourense-Santiago «non era de Alta Velocidade, senón unha liña convencional pola que se corre a 200 km/h». Xa pouco importa agora insistir en que na propia web de Adif continúa dicíndose o contrario nin na decepción cidadá que supón saber que neste treito se renunciou (apenas oito meses antes de ser inaugurado) a implantar o ancho de vía europeo e as medidas de seguridade que conleva. En definitiva, desde onte, temos a certeza de que o AVE de Ourense non era tal AVE, apenas un tren moi rápido que utiliza uns sistemas de seguridade incapaces, se fose preciso, de corrixir a condución manual do maquinista. Polo tanto, temos a certeza que durante varios anos a cidadanía galega foi enganada polos responsables do Ministerio de Fomento e das empresas públicas ferroviarias, Adif e Renfe. Mentíusenos de forma descarada sobre as características e condicións do servizo público que se nos ofrecía. Haberá hoxe outras novidades na comparecencia de Ana Pastor? Asumirá alguén as responsabilidades políticas desta mentira?

Onte 696: Manuel Portas na Feira do Libro da Coruña

No que foi o noso derradeiro serán este ano na Feira do Libro da Coruña, acompañamos a Manuel Portas na presentación de Faneca Brava, a súa novela máis recente. Iniciou o seu discurso Portas expresando «o papel complicado do autor nos actos de presentación xa que todo o que un pode dicir pode ir na súa contra; a fin de contas o que un quixo facer xa o fixo ao escribir o texto; hai, pois, un perigo de transgredir a proposición inicial que un fixo na súa cabeza.» «Ademais, o ideal sería valorar o texto só, superando os preconceptos sobre o autor, que arrastra das súas obras anteriores.»

Confesou Portas que considera Faneca Brava unha novela diferentes ás anteriores. «A diferenza de Denso recendo a salgado ou Un dedo manchado de tinta, que tiñan un protagonismo colectivo, onde non existían protagonismos destacados, un froito literario do realismo colectivo de despois dos anos cincuenta e sesenta, aquí a atención concéntrase no protagonismo da prima Concha.» «Concha é o foco de atención polo seu carácter rebelde e polo seu comportamento a contracorrente. Concha representa a represión sobre as mulleres do seu tempo. Ela é capaz de rebelarse contra todas aquelas pexas para afirmar a súa personalidade.» No obstante, Portas recoñeceu que na novela tamén ten o seu protagonismo todo o entorno familiar de Concha, «moi preocupado “polo que dirán” na súa sociedade rural e mariñeira; un comportamento hipócrita que oculta os abusos sexuais padecidos por esta rapaza.» Para Portas o esencial da novela «é que constitúe unha reflexión sobre como muda a percepción dunha muller, estereotipada como “ovella negra”, para o que foi necesario introducir na segunda parte a mudanza do punto de vista, por medio dun segundo narrador omnisciente.» Para o autor «a novela é en certa medida triste, a pesar de que Concha é unha loitadora, mesmo que acaba triunfando, que consigue finalmente algo que ten importancia nunha vida frustrada. Porén, o seu amor vaise deformando, é un amor insatisfeito, xa que se acostumou a vivir cos pés envoltos.»

Rematou a súa intervención salientando Portas a necesidade da polifonía artística da narrativa galega actual. «Aeste teor en Faneca Brava hai dous aspectos a salientar. Primeiro, a presenza da música. Aquí hai cancións de Fausto, Amancio Prada, Carlos Gardel e Vinicius de Morais. Segundo, as referencias  a algúns poemas de Rosalía de Castro.» «Creo que o futuro da literatura está en confabularse con outras expresións artísticas do noso tempo, a música, o cómic e o cinema. Os produtos culturais actuais deben ser redondos. Ademais, existen precedentes. Eis a nosa literatura que naceu da man da música. Non o esquezamos, a música, a danza e a literatura ía da man na nosa cultura medieval.»

Onte 695: Hiroxima e Nagasaki

Fixéronse onte sesenta e oito anos desque o B-29 Enola Gay das Forzas Aéreas dos EE.UU. lanzase a bomba atómica sobre Hiroxima acabando coa vida de 200.000 persoas e deixando feridos de por vida coa súa radiación a outros moitos milleiros. Apenas tres días despois, os estadounidenses repetiron a acción sobre Nagasaki, cidade sobre a que lanzaron a Fast Man, aínda máis poderosa ca primeira, provocando outras 140.000 mortes civís. Dúas feridas enormes que se mantiveron case ocultas durante varias décadas, mais que coma o holocausto, ou os bombardeos da Guerra Civil, non poden ser esquecidas. Lembrar estas traxedias, que expresan a cara máis noxenta da condición humana, contribúe á recuperación da mobilización mundial a prol da abolición das armas nucleares e da regulación estrita do uso da enerxía atómica. Impresiona escoitar o «Enola Gay» de ritmos oitententeiros co que OMD denunciaba a grande infamia de Hiroxima e de todas as guerras.

Onte 694: Máis «Luzes» para Galicia

Seguín por twitter e streaming o acto de presentación do proxecto de refundación da revista Luzes. As intervencións de Manolo Rivas, Josito Pereiro e Iago Martínez expresaron que outro xornalismo é posible, tamén en Galicia e tamén na nosa lingua. A pesar das dificultades do tránsito comunicacional actual e do intento de suspensión das conciencias que sufrimos, onte na Coruña expresouse que «hai fame de xornalismo», que cómpre fuxir do ruído diario ofrecendo «un xornalismo transxénico que loite contra a vulgaridade» e permita unha lectura sosegada e reflexiva. Sei que o presentado foi apenas o xermolo do número Cero dun mensual en papel (de maqueta fermosa e contidos atractivos) que aposta polo protagonismo do lectorado e por unha axenda informativa aberta. Gustoume a definición sintética da intención dos promotores: «Luzes, revista aborixe e indíxena universal». Este (re)nacer de Luzes foi unha nova que encheu onte os nosos depósitos de esperanza. Beizóns a Manolo, Josito e Iago!

Onte 693: Respecto

Regresamos case a media noite dunha conversa que nos activou o ADN da memoria familiar, cando os servizos de limpeza traballaban no itinerario da procesión do Cristo. Sei que non me trabuco se digo que a crónica do sucedido onte podería ser moi semellante a estoutra que publiquei hai doce anos en Faro de Vigo, cando tiña máis paciencia e entusiasmo. Daquela, era alcalde da cidade Lois P. Castrillo, este texto tan inocente e prudentiño (como sempre fun), provocara unha lea cos sectores conservadores vigueses. Magóame que non se dea resolta de vez esta vergonzosa «confusión» (eufemismo) entre a Igrexa e o estado, que volvo denunciar no artigo do Faro de hoxe, a raíz do funeral oficial de Compostela. Precisamos recuperar o valor do «respecto» para, canto menos, non atentar contra o carácter aconfesional do estado recoñecido na Constitución. E xa non falo da recuperación do carácter laico do estado, do que falou o papa Francisco aos xornalistas, cando estaban no ceo cara a Rio de Janeiro.