Onte 733: Ryanair e os libros
Chamoume moito a atención este chío publicado onte por Mario Beramendi no que recuperaba unha noticia curiosa publicada en novembro do pasado ano por La Voz de Galicia. Unha muller foi obrigada no aeroporto de Manises a abandonar un avión de Ryanair, que ía iniciar o voo entre Valencia e Santiago, a causa de levar unha bolsiña cun libro e un póster, obxectos considerados como pezas de equipaxe polos que debía pagar unha taxa de 50 euros. O feito de considerar estes produtos impresos á mesma altura ca unha maleta ou cun bolso amosa unha moi escasa consideración coa cultura do libro e co afán da lectura por parte dos responsables da compañía irlandesa, como non agocha o seu voraz afán recadatorio. O máis chocante do caso é que esta prepotente compañía, denunciada en numerosas ocasións por este tipo de abusos e irregularidades, recibe importantes axudas públicas en España, entre as que cómpre salientar as subvencións da Xunta de Galicia para manter as súas liñas con Lavacolla. Ben sería que fose obrigada polas autoridades tanto a respectar a normativa da seguridade aeroportuaria como o dereito dos cidadáns a non desprenderse dos seus obxectos persoais, sexa un libro, teléfono ou lector portátil. Mágoa que nestes voos de Ryanair, subvencionados con fondos públicos, se defenda máis o xogo da lotaría ca a posibilidade da lectura.