Onte 803: Terrorismo machista

702 mulleres asasinadas en España polo terrorismo machista entre 2003 e 2013, 42 no que vai de ano. Dúas cifras estremecedoras que obrigan a unha contundente resposta cidadá e dos poderes públicos. Números que sabemos son apenas a punta do iceberg do comportamento machista hexemónico na sociedade nosa, oculto no espazo do privado, mais capaz de transmitirse con enorme facilidade xeración tras xeración, a pesar do esforzo coeducativo que dende hai tempo se ven acometendo en escolas e institutos. Para erradicar esta lacra machista. para manter unha tolerancia cero co maltrato e a desigualdade, non abonda por importante que esta sexa coa acción coeducadora, é imprescindible unha actuación integral no conxunto da sociedade. A corresponsabilidade pola igualdade, a denuncia dos comportamentos machistas e violentos,  debe asumirse en todos os ámbitos do público e do privado, dende os grupos familiares e de amizade, pasando polos centros de traballo, até os medios de comunicación e redes sociais. Con todo, os poderes públicos, amparados polas políticas de consolidación fiscal, non poden renunciar a súa responsabilidade nesta loita antiterrorista. Os recortes nas políticas de igualdade e de loita contra o machismo son outra manifestación desta violencia.

Onte 802: Nos dominios de Amazon

Despois da lectura de En los dominios de Amazon de Jean-Baptiste Malet é difícil non lamentar a hexemonía adquirida polo xigante estadounidense do comercio electrónico e da distribución do contido dixital. Esta reportaxe dun (afouto) xornalista inflitrado como picker da quenda de noite, durante a campaña de nadal do pasado ano, nunha das plataformas loxísticas da empresa de Bezzos en Francia constitúe unha radiografía completísima do funcionamento destes centros labirinto, mais tamén das condicións de emprego precario ás que son sometidos milleiros destes traballadores invisibles. O libro podería resumirse en apenas unha frase, «Amazon é unha empresa que utiliza procedementos laborais do seculo XIX para ofrecerse como un modelo de empresa súper do século XXI». No pesadelo relatado nestas páxinas, nas penalidades destes traballadores precarios faise visible o modelo de funcionamento da economía ultraliberal achegándose a velocidade de cruceiro. Os sintagmas «Work Hard, Have Fun, Make History» resumen a cultura laboral do universo Amazon, onde todo o persoal asume o atuamento coma cultura relacional, mais onde os dereitos dos seus traballadores, coma se dun estado propio se tratase, quedan moi por baixo do que se lles recoñece nas lexislacións nacionais. Tras a lectura (moi recomendable) deste libro de investigación son máis as razóns de fonda preocupación sobre o desenvolvemento desta transnacional do comercio dixital que, co argumento de «estar orientada cara o cliente», destrúe o tecido da libraría cultural e do comercio minorista, ademais de relegar o indispensable compoñente social da empresa, tanto co seu persoal como coas facendas dos países onde opera. Parabéns aos editores da (excelente) colección «Tipos móviles» da Trama editorial pola publicación de título tan oportuno que remove conciencias de editores, lectores e libreiros.

Onte 801: Debate no MICAtlántica

Pasei unha parte da tarde no MICAtlántica, que se celebra na Cidade da Cultura, onde fun convidado a participar nun debate sobre a situación do sector da edición en Arxentina e en Galicia. Máis alá do que eu entendo como unha falta de medida de organizar a parte expositiva e o fórum do evento na CdC (descoñezo cal é achega económica da Xunta de Galicia e cal do goberno arxentino), como do pouco axeitada data da súa convocatoria, xusto na semana anterior a Culturgal, MICAtlántica podería ser outra xanela que permita a industria cultural galega enxergar horizonte alén mar, sobre todo nos grandes mercados arxentino e brasileiro. Foi esta tamén a principal conclusión do debate no que intervín sobre a situación do mercado interior do libro e as posibilidades de colaboración futuras entre editores galegos e arxentinos. Ao longo dunha hora, Martín Gremmelspacher, vicepresidente da Cámara Arxentina do Libro (que agrupa a 500 editoras e librarías), Víctor Freixanes e eu mesmo fomos trazando un cadro comparativo da situación da edición en ambos os dous países que resultou ilustrativa. Paga a pena recoller aquí algúns dos datos. Mentres en Arxentina editan 26.000 títulos cada ano, nós ofrecemos 3.400, dos que 2.100 son en lingua galega. Cando eles estiman unha faturación de 800 millóns de euros, a nosa en 2011 non chegou aos 28 millóns, dos cales 21 corresponden ao mercado do libro en galego. Mentres eles recibiron unha compra institucional directa de 45 millóns de euros para dotar bibliotecas públicas, esta partida para o libro en galego en 2013 non chegou ao medio millón de euros… A actual situación da distribución do contido dixital, a importancia do libro educativo e do fomento da lectura por medio da biblioteca escolar foron outras cuestións que se puxeron sobre a mesa. Agardemos que este primeiro MICAtlántica teña continuidade noutro calendario e nunha instalación máis axeitada.

Onte 800: Libro galego visible

No serán de onte Xerais celebrou cinco presentacións simultáneas das súas novidades. Pedro Feijoo presentou A memoria da choiva na libraría Libraida de Gondomar, Quique Costas O valego no Museo do Humor d eFene, Manuel Gago e Manel Cráneo Vento e chuvia na Couceiro de Compostela, Xosé Álvarez Pontevedra anos anos do medo na libraría Nós de Sanxenxo e Marina Mayoral ditou unha conferencia sobre O anxo de Eva na Biblioteca Pública de Foz. Actos que coincidiron, ademais, coa cerimonia de entrada na RAG de Fina Casalderrey, a quen tanto queremos na editorial. Un esforzo promocional teimoso e constante (levamos 280 actos en menos de ano e medio) que pretende contribuír a facer o libro galego máis visible nos espazos públicos e nos soportes dixitais. Un programa dirixido a públicos diversos, como pretendemos sexa a nosa oferta, que a vindeira fin de semana centraremos en Culturgal 2013, a gran cita anual da produción cultural galega, dirixida a todos os públicos, con especial atención ao familiar. Abrir espazos máis amplos de visibilidade social para o produto cultural galego é unha tarefa imprescindible, máis aínda en tempos de crise e precariedade das políticas culturais públicas, que convoca o esforzo de creadores, produtores e distribuidores da nosa industria cultural.

Onte 799: Faladoiro

Despois de dous meses, chamáronme para participar no faladoiro da Crónica, o programa informativo da noite da Radio Galega, A verdade é que xa tiña case esquecido o exercicio de «tertuliano», polo que me daba un pouco de medo non estar ao día dos asuntos a abordar nin acertar co rexistro axeitado para comentalos. Porén, axiña comprobei que os temas da axenda de debate apenas variaron dende o comezo do verán. Onte falamos dos prometidos floteis de Pemex para Navantia e Barreras, que continúan no aire, e da reforma educativa de Wert, que pasou o seu derradeiro trámite no Senado. A principal novidade foi que ao comezo do segundo treito da lexislatura, Rajoy intente contentar aos sectores aznaristas cunha lei encuberta de folga e outra de seguridade cidadá, dúas iniciativas desa dereita de toda a vida, de lei e orde, que ameazan reducir os dereitos e liberdades e poñer en perigo a convivencia e a mesma democracia. Con todo, o que me deixou máis preocupado do día, foi o apesarado que notei a Xosé Manuel Beiras, cando o saudei no xantar no que lle entregaron a Galaxia o Premio Fernández Latorre, envelenado polo aire que se respira no Parlamento Galego. Unha lexislatura pouco alentadora.

Onte 798: Rosa Aneiros coas lectoras de «Ámote Leo A.»

Compartín con Rosa Aneiros a presentación na libraría Couceiro de Ámote Leo A. Destino Xalundes coa participación moi activa trinta alumnos e alumnas de cuarto de ESO do IES Eduardo Pondal de Santiago. Foi unha sesión didáctica magnífica, preparada pola súa profesora Merche Espiño, arredor do mundo da creación literaria, da edición en lingua galega e a libraría cultural.

Na súa intervención Rosa Aneiros propúxolles aos lectores e lectoras deste primeiro volume da súa triloxía viaxeira que compartisen os libros e as lecturas, como unha forma de rebeldía. «A pesar de todo o que está sucedenco, non é verdade que se acabe o mundo, non é certo. Esta é a razón pola que escribín Ámote Leo A., xa que debemos ser capaces de loitar polo que queremos facer, abrir as pechaduras e as fiestras». Confesoulles a autora de Resistencia que nesta triloxía «quería contar esa rebeldía». «A viaxe de Leo é, tamén, unha viaxe cara o seu interior, para coñecerse. Non importan só as cidades que visita, tamén as persoas que coñece e os libros que le sobre a viaxe. Non esquezamos, como se di no propio libro, que aprender a viaxar e aprender o que queremos e o que non queremos.» «Quixen facer un libro moi optimista, unha viaxe que se gozase lendo. Mais tamén advirto que esta é a viaxe de Leo. Non pretendín facer unha guía de viaxe, nin que aparecesen todos os monumentos e lugares, son cada unha das cidades a través dos ollos de Leo».

Rosa Aneiros contestou despois as preguntas duns lectores e lectoras que desmiuzaron cos seus comentarios esta primeira entrega dunha triloxía, que a autora reveou xa estaba totalmente escrita. «É unha triloxía porque o que quería contar non cabía nun libro. Deixeime levar. O importante para min é ter a sensación de que o proxecto estaba completo.» Na quenda de intervencións das lectoras e lectores abordáronse cuestións como a morriña da protagonista, os seus diferentes estados de ánimo ao longo da viaxe, o tratamento dalgunhas escenas, o valor das descricións das cidades e dos propios personaxes, a tensión da trama, o sentido do título… Unha magnífica sesión arredor da lectura do primeiro volume de Ámote Leo A. que se alongou case dúas horas.

Onte 797: Rosalía negra

Onte presentamos na Libraría Paz de Pontevedra A memoria de choiva de Pedro Feijoo. Foi unha conversa a tres bandas que moito pagou a pena e sempre lembrarei. Mais a que podo recomendar moi vivamente é a magnífica entrevista que o equipo de Galicia por diante do Kiko Novoa mantivo onte con Pedro. Como tamén a primeira e entusiasta anotación da lectura de Gracia Sanctorum, que confesa estivo secuestrada por Feijoo durante a fin de semana, ou estoutra do xornalista Ramón Rozas no seu blog. É unha beizón escoitar a falar a Pedro Feijoo sen complexos da súa intención de ofrecer un best seller en galego e da súa intención de ampliar o perímetro de lectores e lectoras na nosa lingua. Por estas primeiras impresións semella que o narrador vigués volveu conseguir o seu obxectivo que os lectores e lectoras sexan protagonistas principais da súa historia, desta volta a dunha Rosalía negra, rabiosamente moderna, un xeito moi orixinal de celebrar este ano rosaliano.

Onte 796: Volve Dolores Redondo con «Legado nos ósos»

Chegaron a Xerais os primeiros exemplares de Legado nos ósos, a segunda entrega da triloxía do Baztán de Dolores Redondo, a narradora vasca de pais galegos. Esta edición en galego chegará hoxe ás librarías, xunto as edicións en castelán, catalá e éuscaro, un modelo de edición plurilingüe a emular. A tradución de Ramón Nicolás flúe coma o río, de marabilla, a pesar de contar cun tempo moi escaso para trasladar para o galego unha novela de 570 páxinas, o que supuxo un reto tanto para el como para todo o equipo que se ocupou do proceso de edición. Como xa me sucedera con O gardián invisible quedei atrapado. Dolores Redondo consolídase coma unha mestra da narración trepidante e do manexo de tramas policiais complexas, onde conflúe a investigación forense máis avanzada coa memoria mítica agochada nos vieiros do Baztán. No entanto, nesta segunda entrega salienta a introspección emocional á que somete a inspectora Amaia Salazar, que comparte a investigación de crimes arrepiantes, tanto co proceso de aleitamento do seu Ibai como coa situación límite que vive a súa propia nai. Moita emoción, tamén moita dor. Dolores Redondo estará en Vigo o 27 de novembro para ditar unha conferencia no Club Faro de Vigo. Alí estaremos para darlle os merecidos parabéns.

Onte 795: Pavillón de Baiona

A foto corresponde á inauguración o sábado do renovado Pavillón Municipal de Deportes de Baiona. Aparecen o presidente Feijoo, acompañado de Jesús Vázquez Almuiña (alcalde), José Manuel Lete (secretario xeral para o Deporte), Rafael Louzán (presidente da Deputación de Pontevedra) e María José Bravo Bosch (delegada da Xunta en Vigo). O que chama a atención da foto non é a actitude dos políticos populares, se non a creación lingüística bífida, ese imposible palabro «pavibellon», coa que o recinto deportivo de Covaterreña foi rebautizado nunha neolingua ridícula e imposible. Unha mostra máis da obsesión por modificar os usos lingüísticos normalizados e consolidados en espazos públicos en galego que manteñen algúns políticos, como sucede neste caso co alcalde Baiona. Por fortuna, no Facebook da instalación deportiva continúa a denominación en galego. Sen dúbida, para evitar estas decisións tan ridículas precisamos maiores doses de sentidiño e de amor pola lingua propia dos munícipes, ademais de maior rigor na execución de obras e proxectos como no respecto ao establecido na Lei de Normalización Lingüistica por parte dos responsables municipais e do resto das administracións participantes. Feijoo, Lete, Louzán ou Bosch fixéronlle algunha consideración a este teor ao alcalde Almuíña?

Onte 794: O futuro da biblioteca no entorno dixital

Aproveitei o sábado para repasar as notas que tomei no X Simposio o Libro e a Lectura da Asociación Galega de Editores que nesta edición abordou «O futuro da biblioteca no entorno dixital». Máis alá do éxito de participación, un cento de profesionais, a maior parte bibliotecarias, a intensa xornada amosou que, a pesar da conxuntura de crise e dos recortes dos poderes públicos sobre as políticas de lectura, a biblioteca pública conta con máis usuarios e máis actividade que nunca. Todas as intervencións consideraron que a biblioteca pública é un servizo cultural esencial, tanto polo seu carácter inclusivo e interxeracional como pola súa inequívoca vontade de abordar o tránsito á cultura dixital.

Comezou a xornada coa conferencia de Jordi Permanyer, xerente do Servei de Biblioteques da Diputació de Barcelona, que conta na actualidade con 215 bibliotecas e 1.300 traballadores. Permanyer comezou insistindo no valor público das bibliotecas, «algo que non está na axenda dos responsables políticos», como os grandes mediadores da información utilizados polos cidadáns. Pareceume moi novidoso o estudo que presentou sobre o retorno dos investimentos en bibliotecas públicas, que no caso da rede barcelonesa supón por cada euro un retorno directo de 2,25 €, e unha estimación de 4,25 € máis de beneficios indirectos sobre a economía do entorno da biblioteca (transporte, bares, etc.). Foi excelente a súa exposición sobre o valor social das bibliotecas que considerou non debemos identificar só no eido cultural, no fomento do hábito e da competencia lectora entre a cidadanía ou na preservación da memoria local. Tamén o valor das bibliotecas está presente no eido social, pola súa capacidade de inclusión social e promotoras da diversidade cultural; no eido económico, como fomentadoras de inclusión laboral e do progreso económico local; coma no eido educativo e informativo, xa que as bibliotecas asumen un papel decisivo na alfabetización informacional e na inclusión dixital. A cerna da intervención de Permanyer foi a presentación do modelo de biblioteca pública da rede local barcelonesa. «Concibimos cada biblioteca como un espazo de encontro feliz para construír e imaxinar o futuro dos nosos cidadáns». Un espazo de formación permanente, un espazo aberto e libre ao cidadán para compartir e para o seu lecer. «Cremos na biblioteca como nova praza pública», rematou Permanyer unha intervención moi clarificadora.

Moi interesante foi tamén a intervención de Cristina Novoa, asesora de Bibliotecas Escolares da Consellaría de Educación, que iniciou o panel de presentacións de experiencias de éxito. Cristina Novoa definiu as bibliotecas escolares como «bibliotecas de última xeración, onde teén cabida o impreso e o dixital, a creación literaria e a información», «bibliotecas que funcionan coma unha estación intermodal que nos permite movernos en distintas direccións». «Cremos nun modelo integrador, híbrido, con materiais impresos e en soporte electrónico, aunando o presencial e o virtual, integrando a cultura impresa e a cultura dixital». Para Novoa «a biblioteca escolar é unha biblioteca específica que dá resposta ás demandas de información e lectura do alumnado, do profesorado e do resto da comunidade educativa». «A biblioteca escolar é un espazo educativo, na que se integran os recursos presentes e en liña conformando unha colección responsable, equilibrada, informada e con certa perspectiva de futuro». «A biblioteca escolar é un espazo de aprendizaxe, un acelerador de información. Estas bibliotecas activas crean contextos fértiles para a adquisición das competencias básicas». Rematou Cristina Novoa presentando o modelo de Biblioteca Escolar 2.0 e o proxecto da E-LBE de inicio do emprego de dispositivos de lectura electrónicos nas bibliotecas escolares de Galicia.

Tamén gustei da intervención de Mari Luz Corral, directora da rede de bibliotecas de Oleiros, que presentou o programa desta rede bibliotecaria municipal recoñecida en 2011 co prmeio María Moliner. Como me entusiasmou a claridade da presentación de Catuxa Seoane sobre a utilización dos medios dixitais na modélica rede municipal de Bibliotecas da Coruña, da que anotei algunhas das súas afirmacións: «A biblioteca pode estar aberta as vinte e catro horas por medio da súa presenza en liña.» «Os virtuais non son usuarios de segunda.» «Os bibliotecarios tenden pontes. Sempre detrás do físico e do virtual están os bibliotecarios». Despois Francisco Domínguez, director da Biblioteca Penzol, presentou o proceso de dixitalización (non exento de problemas e recursos) desta biblioteca especializada na conservación da memoria de Galicia. Rematou o papen de experiencias, e a intensa xornada de mañá, coa intervención de Mª del Mar Larouba, directora da Biblioteca Pública da Coruña que presentou un informe completísimo sobre o papel das bibliotecas nodais e o entorno dixital. Especial interese desta presentación foron as referencias a Galiciana, Hispana  e Europeana, como bibliotecas virtuais públicas, así como os programas actuais de préstamos de e-books en bibliotecas públicas.

Na sesión de tarde, tras o debate sobre as bibliotecas e o entorno dixital, o escritor Suso de Toro ditou unha conferencia memorable de peche en defensa da biblioteca pública. O autor de Sete palabras comezou advertindo que «a profesión bibliotecaria, coma o oficio de escritor, tamén está en crise, unha crise de función, de sentido, xa que o que se está dilucinando nestes momentos son as funcións da biblioteca no futuro». «Até agora as bibliotecas almacenou contidos e transmitiunos. As bibliotecas públicas eran o “palacio do pobo”, onde reinaba democraticamente a poboación. Agora este modelo está cuestionado pola biblioteca dixital, que cuestiona tanto a función de almacenamento como a de transmisión». Preguntouse, entón; Suso de Toro cáles poden ser as funcións da bibilioteca. En primeiro lugar, referiuse á lectura individualizada. «O lector solitario é un mutante antropolóxico, que le en voz alta na súa cabeza. O lector é alguén distinto a outras persoas. A lectura solitaria crea individuos e un diálogo cos mortos. É este un diálogo libre, de igual a igual. O lector pode disentir co autor, emocionarse, pode pechar o libro. O lector está exercendo a liberdade de xuízo. Cada vez que lemos un texto estmaos dialogando cos mortos, xa que toda obra é póstuma, forma parte do pasado de quen a escribiu; cada unha desas lecturas estános reintegrando a comunidade formada por todos os que a leron, mais ao mesmo tempo establecendo unha relación íntima e verdadeira co autor».

Fronte a esta lectura individual contrapuxo Suso de Toro o carácter comunitario da biblioteca. «Cando o lector entra na biblioteca recoñécese como parte dunha sociedade coa que comparte algo. Cando ten o carné ba biblioteca pública sabe que forma parte dunha comunidade humana coa que comparte unha afinidade, unha militancia cívica, sabe que non está só, non é un mutante, é un cidadán que sabe que non está só.» «Neste momento no que rexe unha ideoloxía que nos reduce a consumidores, reivindico o comunitarismo, que recoñece a liberdade, a disidencia e as comunidades humanas organizadas por valores. Aí é onde se encadra hoxe o papel da biblioteca como memoria da lectura e da cultura, que a ordena, a xerarquiza e a interpreta. A biblioteca fronte o mercado que nos reduce á banalidade e á confusión.» «A biblioteca en tempos de críse inclúenos a todos. A biblioteca dá calor, respecto e dignidade para todos. É un espazo cívico, de orde, que acolle a todos, os que teñen traballo e aos que non. A biblioteca é xeradora de sociabilidade.» Rematou Suso de Toro o seu discurso reclamando a consideración da biblioteca como «cámara reservada», como «espazo onde rescatar o silencio». «Non todos os lugares son iguais. A biblioteca pídenos un respecto, xa que é un resto do sagrado. A biblioteca vive na crise da nosa civilización».