Onte 2042: Aprende Banda Deseñada

Pareceume unha excelente iniciativa de Xerais a publicación do libro de Kiko Da Silva Aprende Banda Deseñada con Fiz (2019). Unha obra de grande utilidade didáctica na que o autor vigués e director e fundador da Escola de BD «O Garaxe Hermético» presenta ao vivo os conceptos fundamentais dunha das belas artes nacida como tal no século XX. Un libro que, inevitablemente, actualiza e supera a outros dous de intencionalidade semellante de Agustín Fernández Paz, Os cómics nas aulas (1992) e Facermos cómics (1991), ambos os dous publicados en Xerais nun momento no que coa LOXSE comezaba a recomendarse a utilización educativa do cómic. Un tempo no que Xerais fixo o seu primeiro intento de ampliar a comicteca en galego para o público infantil e xuvenil, despois chegaría a creación da revista Golfiño(1999), traducindo varias serie de BD de liña clara, entre elas Lucky Luke, Franka e Jerome K. Jerome.

Xaora, Kiko Da Silva válese de Fiz, o seu popular personaxe infantil máis escatolóxico, «o neno máis porco do mundo», para explicar os temas básicos da narrativa debuxada, dende as súas orixes nas pinturas rupestres, pasando polos Códices Maias e Códices Medievais até os pioneiros da historieta a comezos do século XX. A seguir, detense nos superheroes americanos e na «invasión manga», para despois ir debullando cunha grande habilidade didáctica os procedementos para a creación dun cómic: as técnicas da creación de personaxes, a invencións de gags, o deseño e tamaño das viñetas, o valor da elipse narrativa, a utilización dos diversos planos, a escritura do guión… Remata o libro, concibido como un álbum, cun epílogo no que Da Silva ofrece un «decálogo para ser autor de cómics», un texto moi logrado que sintetiza os conceptos da obra e amosa a gran capacidade didáctica do autor deste álbum tan tan útil como necesario na actual educación literaria e artística.

Aplaudo, tamén, de forma entusiasta a convocatoria do 1º Premio «O Garaxe Hermético» de Banda Deseñada, presentado estes días pasados en Viñetas desde o Atlántico,  creado pola escola Profesional de Banda Deseñada «O Garaxe Hermético» e por Xerais. Un galardón que sei estimulará a creación e a excelencia da comicteca galega dirixida ao público infantil e xuvenil, un proxecto no que Xerais está na actualidade moi comprometida, tanto pola publicación dos títulos de Merlín Cómics, con series tan exitosas como Marcopola de Jacobo Fernández Serrano e Animalia de Xosé Tomás, a publicación das novidades de Astérix e a ampliación do seu catálogo galego, como por outros títulos de BD e novela gráfica de creación propia. Parabéns a Kiko Da Silva, activista da cultura galega e peza principal no proceso de normalización da BD en Galicia, tanto por realizar esta publicación didáctica como por promover este premio dirixido a nosa canteira de autores e autoras de narrativa debuxada.

Bases do 1º Premio «O Garaxe Hermético» de Banda Deseñada.

Onte 2041: «Penumbra» de Daniel Landesa

Agardaba dende hai tempo a publicación de Penumbra (Xerais 2019), o libro co que Daniel Landesa debuta na colección xuvenil Fóra de Xogo. Unha novela de xénero fantástico coa que o responsable da revista Criaturas explora os cinco territorios da Terra do Sol e o escuro reino da Penumbra, separados por un muro vixiado por rapaces e rapazas moi novos. A desaparición dunha destas sentinelas motiva que se organice unha expedición ao muro, a través das terras de Desértica, na que catro destas vixías se enfrontarán a perigos e experiencias marcantes. Landesa constrúe así un territorio propio de ficción moi potente e de grande orixinalidade, na procura dos territorios da materia escura, con forte presenza do compoñente épico, no que identificamos unha homenaxe a outras novelas clásicas, como O país adormentado de Xabier P. DoCampo, e unha intención de abordar os conflitos iniciáticos propios do xénero: o amor e o odio, a superación dos medos, a lealtade e a amizade, a unión…

A axilidade dunha trama complexa, a ambientación tecnolóxica suxestiva e detallada de vehículos e artefactos, a construción atractiva dunha polifonía de personaxes, dende os vellos e vellas que gobernan os cinco orbes de Terra do Sol, pasando polos acompañantes e monstros inesperados na viaxe, até ás dúas mociñas e dous mozos protagonistas, así como unha escrita de inequívoco arrecendo poético, fan moi atractiva a lectura desta Penumbra, que semella podería ter continuidade. Novela recomendable para todas as idades. Parabéns Dani!

 

Onte 2040: «Coñecendo a Astrid»


Interesoume moito Unga Astrid (2018) [Conociendo a Astrid], o biopic sobre a escritora sueca Astrid Lindgren. Pernille Fischer Christensen ofrece un retrato dos anos de mocidade, anteriores ao comezo da súa escrita, salientando o carácter feminista, rebelde e independente da autora de Pippi medias longas (excelente a versión galega de Kalandraka). Mágoa que a directora danesa non arriscase máis na narración da historia desta nai adolescente obrigada a parir soa fóra do seu país e, anos despois, a intentar conquistar os afectos do seu picariño. Xaora, a excelente interpretación de Alba August, capaz de modular as expresións de entusiasmo coas da dor, decepción e desamparo, salvan a credibilidade deste retrato conmovedor da escritora que nos anos da súa despedida, cando recibe todos os afectos e agarimos dos seus lectores e lectoras escolares, lembra os anos difíciles. Moi recomendable para as mediadoras e persoas amantes da literatura infantil e xuvenil.

Onte 2039: Presentación de «Sementeira. Porträts» na Feira do Libro da Coruña

Magnífico serán literario o de onte na Feira do Libro da Coruña, onde convocados por Luzes, participamos na presentación da edición alemá d’ Os libros arden mal, que fixo o coruñés Javier Gómez Montero, catedrático da Universidade de Kiel, e do libro Sementeira. Porträts de Manuel Álvarez e Manuel Rivas. A carpa Luisa Villalta quedou moi pequena para abrigar dos ballóns a máis dun cento de persoas que seguiron un acto conducido con grande mestría por Xosé Manuel Pereiro, codirector de Luzes, que salientou o carácter emigrante da revista e o seu compromiso coa diáspora «xa que este é o noso xeito de estar no mundo».

Un serán no que tiven a honra de presentar Sementeira Porträts, o libro marabilla froito do traballo colaborativo dos meus admirados Manolos, Álvarez e Rivas, unha arca de papel impreso na que recolleron 42 retratos do fotógrafo e editor emigrante e outros tantos haikus e aforismos do poeta da torre. Un libro agarimado até o máis mínimo detalle por Álvarez, responsable do selo barede pranca, nacido da pulsión irresistible de dignidade e activismo cultural galeguista que dende hai case catro décadas mantén a Sociedade Cultural Galega Sementeira de Basilea, presidida polo carballés Ramón Carreira Collazo. Unha pulsión e un entusiasmo contaxioso que compartimos todas as persoas que tivemos a fortuna de ser convidados por eles a algunha das súas actividades, presente na fascinación que provocan os rostros e nas mans das persoas fotografadas por Manuel Álvarez.

Na intervención lembrei como coñecín a Manuel Álvarez en 2001 cando me propuxo a edición en Xerais do libro Gameleiros, no que recollera 27 fotografías, retratos, doutros tantos mariñeiros de baixura, gameleiros da súa Guarda natal, en diálogo cos textos poéticos de Miro Villar. Unha homenaxe a forza humana do mar de Galicia, que levamos ás librarías no mes de decembro de 2002, cando se loitaban nos portos galegos contra o chapappote do Prestige, unha coincidencia fortuíta que marcaría a recepeción daquela obra. Coa edición extraordinaria de Gameleiros, un dos libros dos que me sinto máis orgullos de ter publicado, coñecín ao Manuel Álvarez retratista excepcional, cazador de olladas e xestualidades que expresan almas colectivas. Coñecín daquela ao editor coidadoso, teimudo, esixente no traballo gráfico, de impresión e acabamento, realizado baixo a súa supervisión nun prelo artesanal suízo.

Hoxe felizmente xubilado como funcionario de ACNUR en Xenebra, con casa aberta en Salcidos, na paisaxe de privilexio do esteiro do Miño, non podemos esquecer que Manuel Álvarez foi animador e activista da Sociedade A Nosa Galiza de Xenebra. Amigou e colaborou con José Ángel Valente, cuxa pegada poética e rigor está presente en todos os seus traballos fotográficos, consciente como o autor de Cantigas de alén de que na palabra reside a raíz de toda a creación. Velaí na súa convicción de que «unha palabra vale máis que mil imaxes» a razón pola que convidou a Manuel Rivas, coa mediación de Pereiro e Carreira, a que imprimise palabras aos rostros e á corporeidade destas 42 persoas de Sementeira. Un proxecto que Manuel Rivas asumiu co reto de estilizar a súa poética e esculcar nas olladas e nos rostros até o esencial, sen coñecer entón nin os nomes nin as vidas de cada unha delas.

Utilizando os recursos dunha poesía de natureza insurxente, como xa fixera n’ A boca da terra (Xerais, 2015) empregando a forma do haiku e a potencia condensadora do aforismo, Rivas retrata a dignidade e a presenza emigrante, conseguindo un texto extraordinario, probablemente un dos seus traballos máis logrados e luminosos. Apenas tres versos abonda para trazar un retrato poético minimalista e certeiro, para identificar a memoria do traballo na xeografía do corpo: Carmen, a man sincera. Queijo, o primeiro movemento é o abrazo. Ramona, o ver do querer. Tania, alborada. Reyes, coser as sombras. Natalia, o campo da festa nas cunca das mans. Ricardo, a memoria das mans. Herminda, aquén do alén… e así poderiamos seguir debullando un texto brillante capaz de agarimar os vagalumes que bulen, que esculca na perda que estrelampa a esperanza. Tremendo, brillante!

Rematei as miñas palabras facendo referencia á páxina de créditos, onde Manuel Álvarez publicou os agradecementos e os datos técnicos, expresión do seu modelo de edición artesá. Salientei a utilización da tipografía Cormorant Garamond e dun colofón no que coincide a aparición do libro co setenta e cinco aniversario da primeira edición de Sempre en Galiza en Bos Aires, serendipia afortunada para expresar a dignidade da emigración como parte esencial da identidade galega. Sementeira. Porträts é un libro arca e marabilla, unha desas pezas extraordinarias da edición galega realizada fóra do país, que gañarán valor co paso dos anos.

 

Onte 2038: «Memoria do silencio» de Eva Mejuto

Seguindo o fío das lecturas ennobeladas da literatura do Holocausto en galego, hai outra serie de títulos moi útiles para a formación dun criterio literario entre o lectorado novo. Refírome a dous clásicos contemporáneos publicados por Kalandraka, O neno do pixama a raias de John Boyne, traducido por Daniel Saavedra e Diario de Ana Frank traducido por Tomás Ruibal. Como tamén o é O derradeiro irmán de Nathacha Appanah, traducido por Emma Lázare Rodríguez (Xerais 2009), un dos enfoques máis orixinais que coñecín como editor sobre a narrativa dos campos de concentración, unha  conmovedora novela sobre a amizade entre diferentes, tinguida de aromas da Illa Mauricio.

Entre esta conta de lecturas testemuñais, a máis recente é Memoria do silencio (Xerais 2019). Publicada na colección Fóra de Xogo, esta segunda novela da editora e xestora cultural Eva Mejuto insírese na tradición de literatura da memoria, facendo coincidir na ficción dúas historias reais, a de Frieda Belinfante, violonchelista e  primeira directora de orquestra europea, membro da resistencia holandesa, escondida con identidade de home durante varios meses,  e a das galegas irmás Touza (Lol,a Xulia e Amparo), que desde o seu quiosco da estación de Ribadavia axudaron a medio millar de persoas, a maior parte delas xudías, a fuxir a Portugal polo paso de Ponte Barxas, da persecución por toda a península da Gestapo, e evitar así unha morte segura. Como fixera no seu debut, 22 segundos (Xerais 2017), Mejuto deita a súa ollada sobre dúas historias esquecidas, agochadas, protagonizadas por mulleres valentes que loitaron pola liberdade e pola xustiza en tempos moi difíciles.

Memoria do silencio é un texto breve, concentrado, áxil no que grazas a un emprego moi afortunado da elipse narrativa, Eva consegue que o silencios contribúan a contar a historia dunha persecución chea de segredos, medos e afoutezas. Singularmente logrado é o intercambio de voces da novela, tanto cando se utiliza a potencia da primeira, nos casos de Frieda e Lola, como cando Günter, o capitán da Gestapo que as persegue, faino en terceira, coa intención de esculcar na súa conciencia. Un xogo formal que contribúe a afondar na caracterización destas personaxes memorables e ao relato dunha historia de heroísmos anónimos. Unha trama e unhas mulleres destemidas protagonistas merecedoras dunha adaptación cinematográfica.

Memoria do silencio é unha das novelas xuvenís máis destacadas deste primeira metade de 2019, confirmando a Eva Mejuto como unha das narradoras máis anovadoras do xénero. Unha ficción de intriga histórica de lectura trepidante, capaz de arrepiarnos tanto como de conmovernos. Un texto de poderosa capacidade para desvelar dúas historias  agochadas de mulleres heroicas. Literatura da memoria en estado puro, á altura dos clásicos internacionais do xénero. Parabéns a nosa admirada Eva Mejuto por estoutro logro.

Onte 2037: Primo Levi a e necesidade primaria de contar

Sempre gustei da imaxe da lectura que empregaba Agustín Fernández Paz para expresar que como as cereixas, unhas lecturas enguedellábanse noutras. Así tras a nota que publiquei onte sobre a edición galega de Se isto é un home, reparei en que me quedaran atrás dous libros que no seu momento, o verán de 1996, foran para min como editor moi relevantes. Refírome, en primeiro lugar, O violín de Auschwitz (Xerais 1996), a novela de Mª Angels Anglada, traducida co catalán por Xabier R. Baixeras, a novena entrega da colección Fóra de Xogo, sen dúbida, o primeiro texto da literatura xuvenil en galego sobre a temática do Holocausto. Unha novela, que lembro fermosa e emotiva, protagonizada por Daniel, un luthier xudeu de Cracovia, obrigado a construír no propio campo de exterminio un violín que debería ser perfecto.

E a novela de Anglada, que despois de dúas décadas merecería ser reeditada, levoume a outra pequena alfaia moi diferente que lera naquel momento, Primo Levi en diálogo con Ferdinando Camon (1996), un volume de conversas co autor de Se isto é un home publicado por Anaya&Mario Muchnick na súa serie «Europeos sen fronteiras», que daquela tanto me gustaba. Un libro breve, de formato de peto, no que uns meses antes do seu pasamento, Levi confesa que cando estaba no campo de concentración tiña sempre o mesmo soño: «Soñaba que regresaba, que volvía coa miña familia e lles contaba, pero non me escoitaban». Unha situación que Levi consideraba típica nos prisioneiros de Auschwitz, que nesta situación na que ser humano dana [fire] ao ser humano, contar establécese como unha necesidade primaria, fundamental. Contar, que pode ser tamén escribir, lembrar, facer memoria, como unha forma de liberación, un consolo.

Neste libro de conversas, ademais de reflexionar, entre outros temas, sobre a incomunicación lingüística, a responsabilidade do pobo alemán no exterminio («o pobo alemán no seu conxunto nin sequera intentou resistir») ou a razón de ser dos campos de concentración (terror, exterminio e man de obra), Levi aborda a cuestión relixiosa confesando que «a experiencia de Auschwitz me afectou tanto que destruíu todo o resto da educación relixiosa que recibín». Confesión máis rotunda cando afirma nas páxinas finais: «Existe Auschwitz, polo tanto, non poder haber Deus». Afirmación que Ferdinando Camon, xornalista católico, aclara nunha nota entre paréntese: «No texto mecanografado [revisado por Levi] agregou a lapis: “non atopo unha solución ao dilema. Búscoa, pero non a atopo”».

Onte 2036: «Se isto é un home» e a literatura do Holocausto en galego

Dediquei os últimos días á lectura calma de Se isto é un home (Xerais 2019), a versión galega de Se questo é un uomo (1947), a estremecedora novela do Holocausto de Primo Levi. Unha tradución brillante de Xoán Manuel Garrido Vilariño, autor tamén dun epílogo esclarecedor sobre o percorrido vital e intelectual do autor italiano. Unha excelente edición galega que culmina o proxecto de Garrido, quen hai quince anos xa presentou a súa tese de doutoramento sobre a tradución desta novela testemuño dos campos de exterminio, escrita dende o deber memoria e dunha experiencia non humana como sobrevivente de Auschwitz. Unha edición moi demorada e coidada, tras máis dunha década de traballo do tradutor, que coincide ademais no ano do centenario do nacemento de Levi. Unha das pezas senlleiras da literatura do século XX que agranda o catálogo referencial de narrativa de Xerais como do conxunto da edición galega.

Durante toda a lectura non puiden evitar ter moi presente as imaxes da visita inesquecible aos campos de Auschwitz e Birkenau fixemos hai agora dous agostos, espazos da barbarie fascista, a manifestación máis monstruosa das atrocidades da historia humana. Lendo Se isto é un home comprendemos mellor ca en ningún estudo sobre o Holocausto como se chantaron as raíces da intolerancia e do antisemitismo e como lembrar o xenocidio é un deber. Coñecer a ignominia nazi é sempre imprescindible, xa que como sinala o propio Levi no seu epílogo, escrito para edición escolar de 1976, «o sucedido pode volver ocorrer, as consciencias poden ser de novo reducidas e ofuscadas: até mesmo as nosas».

Se isto é un home é unha peza narrativa que supera os límites e as etiquetas de xéneros. Novela rabiosamente moderna e actual, tanto pola utilización dos recursos da narrativa testemuñal, bautizada hoxe como autoficción, como polo seu carácter ensaístico e alegato antifascista. Un texto escrito dende a experiencia que esculca na alma humana e na vontade de «sobrevivir coa finalidade precisa de explicar as cousas que presenciamos e soportamos». Unha evocación dun tempo que pasa gota a gota, capaz de transformar seres humanos en fantasmas, escrito coa intención de «fornecer documentos de cara a un estudo sereno dalgúns aspectos da alma humana». «Quen todo perdeu, pérdese a si mesmo», escribe Levi, quen confesa nestas páxinas que «a lingua carece de palabras para expresar esta ofensa e a destrución dun home». Unha lectura marcante, engramática, que aconsello facer co marcador nunha man e coa emoción contida, xa que é capaz de desmontar prexuízos conformistas sobre o que constitúe o celme da condición humana e da súa dignidade. O derradeiro capítulo, «Historia de dez días», os previos á liberación do campo polas tropas soviéticas, constitúe o relato máis cru e estremecedor que teño lido nunca sobre o territorio da desolación e sobre o agromar da esperanza, nacida das cinzas da solidariedade e da fraternidade de compartir un anaco de pan: «parte da nosa existencia reside nas almas de quen entra en contacto connosco».

A edición de Se isto é un home supón un fito decisivo para a consolidación dese pequeno catálogo de narrativa do Holocausto traducida ao galego, iniciado polo propio Xoán Garrido coa tradución de Historia da Shoah de Georges Bensoussan e continuado con Auschwitz explicado á miña filla de Anette Wieviorka, traducido por Susana Piñeiro Paz, ambos os dous publicados en Bivir, e a novela Götz e Meyer de David Albahari traducida do serbio por Jairo Dorado Cadilla. Títulos traducidos aos que debemos engadir as novelas Laura no deserto de Antón Riveiro Coello e O amor nos escuros días de Birkenau de Alberto Canal e o libro de relatos Un animal chamado Néboa de Ledicia Costas.

Os meus parabéns a Xoán Garrido por esta tradución, que aventura merece ser premiada pola súa calidade e referencia, como a Xerais por continuar alimentando o seu catálogo literario con textos esenciais.

Onte 2035: La Campana Llibres mercada por Penguin Random House

Souben onte da compra da editora catalá La Campana Llibres por parte de Penguin Random House Grupo editorial. Unha noticia moi significativa tanto polo feito de que o xigante editorial alemán, despois da recente adquisición de Ediciones Salamandra, agranda moi significativamente a súa oferta de ficcion e non fición en lingua catalá (xa o 30 % do mercado catalán), como pola continuidade da tendencia de concentración do sector editorial arredor dos grupos transnacionais, que controlan a distribución do libro impreso en España.

A historia de La Campana Llibres sempre me interesou, sobre todo polo tándem que durante máis de tres décadas formaron o veterano escritor Josep María Espinás, autor principal da editora (con trinta títulos), e a editora Isabel Martí, alma mater dun proxecto emblemático na edición en catalán. Eles son os editores de Albert Sánchez Piñol, o autor de éxitos impresionantes como os de  La pell freda (2004) ou Victus (2013), como dunha longa nómina de narradores e narradoras cataláns contemporáneos, cos que conformaron un catálogo de referencia. Mais iso non impediu que apostasen por algunhas traducións internacionais de calidade, moi ben escollidas, outra das claves do seu éxito comercial, entre as que estivo como única galega Herba d’ enamorar de Teresa Moure.

Gustei sempre do lema publicitario de La Campana, «Libros de calidade, pero para todos», asumindo así sen complexos a necesidade de ampliar a dimensión do lectorado mais sen renunciar ao rigor na escolla dos textos nin na comunicación editorial. Sei que coa súa incorporación ao grupo Random poderán gañar capacidade de distribución e presenza inmediata nas mesas de novidades e nalgúns escaparates, mais iso non debería supoñer que La Campana perdese nin a independencia na definición na escolla e na confección do seu catálogo nin o rigor no proceso de edición e comunicación. O que ben sei, como debuxar  triángulos inscritos na circunferencia, non vai ser doado neste novo rumbo para o seu magnífico cadro de profesionais. Sorte para La Campana Llibres!

Onte 2034: «Galileo no espello da noite»

Lin con moito pracer Galileo no espello da noite (Xerais 2019), a novela coa que Xabier Paz pecha a súa triloxía renacentista, itálica ou italiana. Como fixera en Renacer (Xerais 2008) co pornógrafo Aretino e na máis recente Aníbal e a pintora (Xerais 2017) coa pintora Artemisa Gentileschi, sobre a tea de fondo dos conflitos políticos e relixiosos da Venecia, Florencia e Roma dos séculos XVI e XVII,  Xabier Paz reconstrúe a biografía de Galileo Galilei, dende a súa infancia, na que foi denunciado pola súa propia nai, até que foi perseguido pola intransixencia do Santo Oficio por defender os seus descubrimentos astronómicos. Unha novela na que retrata ao Galileo astronómo, filósofo, médico, profesor de matemáticas, físico, defensor teimudo do coñecemento experimental, o investigador que puxo os alicerces do método científico, mais que non esquece a súa dimensión emocional, moi presente na relación epistolar que mantivo coa súa filla Virxinia, sor Celeste, non exenta de afectividade e contradicións, unha das partes máis logradas dunha novela tan fermosa como conmovedora.

Retrato dun ser humano abatido, que non se resigna a facer memoria nin atopar na súa paixón polo coñecemento mellor consolo a súa desgraza, a novela aborda tanto as descubertas astronómicas e científicas, as polémicas tras a publicación das obras de Galileo, como as transcricións do complexo proceso inquisitorial que padeceu. Unha traxedia anunciada dende o inesquecible capítulo inicial, «Derradeiro interrogatorio», que ao longo de trescentas páxinas mantén o alento e a beleza narrativa grazas á potencia estilística do texto e a un xogo moi logrado de diversas voces narrativas, dende a poderosa do propio Galileo até ao do seu axudante e biógrafo Vizenzo Viviani. Unha novela de lectura engaiolante tanto polo interese do debate entre intransixencia e razón, que non perdeu actualidade, velaí o negacionismo do cambio climático ou o pulo dun certo creacionismo, como pola coidada composición dunha arquitectura narrativa de ambientes históricos e dunha prosa galega culta e moi ben documentada.

Abeizoamos a Xabier Paz por pechar de forma sobresaliente a súa triloxía itálica, tres excelentes novelas cultas en lingua galega sobre as artes e as ciencias postrenacentistas. Tres novelas culturais, por non utilizar o cualificativo de «históricas», que moito recomendo, ás que lles acae moi ben aquilo de «instruír deleitando» ou de «gozar lendo». Parabéns a un autor a quen moito admiramos e sabemos nunca decepciona.

 

Onte 2033: «Trinta lumes»

TRINTA LUMES / THIRTY SOULS (trailer) from Diana Toucedo on Vimeo.

Non vira até onte Trinta lumes, a engaiolante longametraxe de Diana Toucedo, na que  explora o impreciso territorio da desaparición. Unha película de beleza hipnótica na que tras a ollada inocente de dous preadolescentes, Alba e Samuel,  que esculcan entre as moitas casas abandonadas da súa aldea da Serra do Courel a memoria do alí vivido, a directora redondelá  compón un poema visual que exalta unha natureza insurxente e fantasmagórica. Abandonando a facilidade dos etnografismos documentais, Toucedo arrisca por ofrecer un retrato naturalista dunha cultura tradicional en extinción inevitable, onde é posible aínda visitar as marxes do misterioso, do descoñecido, do invisible e da propia morte. Concibida coa potencia gráfica dun poema telúrico de Novoneyra, Toucedo transforma a procesión do acompañamento nunha ringleira de lanternas vagalumes que vocean desacougadas na procura de Alba. Velaí a forza narrativa desta opera prima multipremiada, que  recomendo vivamente.