Un plan para Cíes
Volvo esta semana no artigo de Faro de Vigo sobre o conflito de Cíes:
A picada da burbulla das viaxes turísticas a Cíes continúa ocupando o interese de todos os medios e da axenda pública do Vigo metropolitano. Despois dos ríos de tinta verquidos a pasada semana, non hai dúbida que todos apuntan á cobiza das navieiras como causante da superación sistemática dos cupos de visitas e dos perigos desta saturación turística que dende hai anos padece este espazo natural protexido. Como tamén é difícil non identificar a dimensión política dun conflito, ao que tampouco é allea a tibieza da Xunta de Galicia, que recibiu a transferencia da xestión do parque nacional en 2008, para sancionar ás empresas pola sobrevenda de billetes.
No entanto, tamén se apunta como outro factor que fixo medrar a burbulla de Cíes a incapacidade do Patronato do Parque Nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas para aprobar un Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) como instrumento de planificación e ordenación capaz de facer compatible a protección do medio natural co seu uso para actividades económicas pesqueiras e turísticas. Integrado por representantes das diversas administracións (Goberno, Xunta e Concello) e de organizacións sociais (confrarías e asociacións ecoloxistas) e creado para velar polo cumprimento das normas e actuacións programadas no parque, na incapacidade deste Patronato de acadar entre os seus membros un consenso suficiente para aprobar o PRUX está a cerna do problema que arrastra Cíes. Dificultades para forxar un acordo ao que non foron alleas nos innumerables borradores nin a oposición rotunda das Confrarías de Pescadores para aceptar restricións á pesca nunha das zonas máis ricas do litoral galego nin as demandas das navieiras e doutras empresas turísticas para impedir a redución do cupo de campistas e visitantes diarios.
Un fracaso en toda regra para fixar os límites (imprescindibles) para a explotación tanto dos recursos pesqueiros como dos turísticos deste espazo natural que, non sexamos inxenuos, precisa aínda máis protección da que ten na actualidade. En definitiva, dende 2002, ano da creación do Parque Nacional, nas Cíes, como no resto das Illas Atlánticas, rexeu a perigosa política do deixar facer, pechando os ollos a unha realidade que precisa da determinación e compromiso do executivo galego, de doses elevadas de consenso interinstitucional, como de altura de miras por parte de todos os colectivos implicados.
Xaora, a de Cíes foi una situación que se fixo aínda máis esperpéntica cando en 2013 o Concello de Vigo anunciou a candidatura para que as illas fosen declaradas pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade. Unha proposta que contou, loxicamente, co apoio unánime e orgulloso da veciñanza da área metropolitana viguesa, mais que diante da precariedade da xestión do Parque Nacional como do bloqueo das relacións políticas entre a Xunta e o Concello de Vigo, por utilizar a suavidade de dous eufemismos, non ten un futuro moi claro. E nesta cuestión xa chove sobre mollado. Abonda con lembrar que se quixo poñer en marcha a Área Metropolitana de Vigo, sen pechar antes un modelo de transporte, e o proxecto quedou en auga de castañas. Razón pola que temo que as Cíes non poderán ser declaradas como Patrimonio Natural da Unesco se non se pecha un acordo entre administracións e colectivos arredor do agora tan traído e levado Plan Reitor de Usos e Xestión. O que non ven ser outra cousa que un documento no que se fixen os criterios que permitan unha xestión sostible dos recursos da nosa primeira alfaia natural.
A picada da burbulla de Cíes non se solucionará só polo control por parte da Xunta de Galicia da actividade das navieiras nin pola posta en marcha dun sistema máis fiable de admisión de visitantes. Dúas medidas imprescindibles, mais claramente insuficientes nun contexto que obriga ao compromiso de acuñar de vez un consenso sobre o PRUX. A xestión de Cíes non se soluciona con máis parches, precisa dunha completa reviravolta, dun plan avalado polo Ministerio de Medio Ambiente, pola Xunta de Galicia, polo Concello de Vigo, polos profesionais do Parque Nacional, polas confrarías de pescadores, polas asociación empresariais do sector turístico e polos colectivos ecoloxistas.
Eis o reto de Cíes, transformar a picada desta burbulla nunha oportunidade para poñer en valor todas as súas potencialidades. Forxar este acordo, con rigor e xenerosidade, sería o mellor aval da candidatura UNESCO, mais tamén contribuiría a contar cun modelo para recuperar o proxecto tan necesario arredor da lei da Área Metropolitana. O Vigo futuro precisa recuperar doutra política, a estratéxica e de amplos acordos, a única que pode evitar situacións tan vergonzosas como as vividas en Cíes este verán. Si, un plan de usos sostible para Cíes apoiado por todos. Ese é o reto.