Foi moi agradable o xantar de onte no Castelo de Soutomaior cos membros dos xurados dos Premios Xerais 2015, que despois acordaron declarar as obras finalistas sobre as que volverán ao longo desta semana. Sei que a experiencia destas persoas lectoras de participar nun xurado dun premio literario é, xeralmente, única e inesquecible, tanto polo esforzo que supón para elas durante dous meses como pola responsabilidade que asumen na toma dunha decisión con importante transcendencia social e cultural. Tras o exercicio reflexivo de relectura das obras finalistas, a vindeira fin de semana decidirán as obras gañadoras dos Xerais, que serán anunciados na illa de San Simón o sábado. Para estas quince persoas xenerosas, entusiastas e comprometidas coa lectura literaria en galego toda a miña admiración e gratitude.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/05/xuradoss_premios_xerais_2015.jpg447599bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-05-30 10:28:212015-05-30 10:30:29Onte 1340: Cos xurados dos Xerais
Onte na presentación na Feira do Libro de Lugo d’ A rula, o peluche e a nena, o conto de Paco Martín ilustrado por Belén Martín Franco, lembramos dous importantes aniversarios: os corenta anos transcorridos da publicación de Axóuxere. Semanario do neno galego, o suplemento de La Región en galego promovido por Martín, no que participaba o seu amigo o ilustrador Xoán Balboa; e os trinta da publicación Das cousas de Ramón Lamote, a novela coa que gañaría un ano despois o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, adral dun subxénero que dende entón se desenvolvería con ansias de normalidade.
Na presentación, Paco confesou que «este foi o conto que un avó fixo para cumprir o seu papel básico, que non é outro que o de contar.» «Cando eu escribín este conto, Jimena, a miña única neta, estaban por nacer e pedinlle a súa tía que o ilustrase.» «É o conto dunha rula, Airosiña, que non quería emigrar, xa que quere coñecer o segredo da vida. Isto vaille provocar problemas para sobrevivir as baixas temperaturas. Quixen lembrarlle aos pequenos que a rula pasa o mar. Teño predilección polas rulas, dende os vinte anos, cando en Cádiz vin ao pé do mar que había cantidade de xente apuntando para matalas ao seu paso, era tremendo. Pensei que xa non quedarían rulas que chegasen a Lugo!!!» «A rula representa a ansia de liberdade, que tamén ten o peluche, que vive arrombado no cuarto da nena, mais ao que lle gustaría viaxar e coñecer o mundo, o que conseguirá grazas a axuda de Voandeira, outra rula viaxeira. Pensei que a rula e o peluche facían unha simbiose bastante agradable.»
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/05/paco_martin_lugo_16-05-2015.jpg509600bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-05-17 11:02:182015-05-17 11:10:33Onte 1327: En Lugo con Paco Martín
Na presentación de onte na Feira do Libro d’ A estirpe do dragón, a cuarta entrega de Dragal, o produtor Julio Casal anunciou importantes novidades sobre o desenvolvemento multimedia da saga fantástica de Elena Gallego. Ficción producciones axiña publicará un cómic dixital interactivo de Dragal preparado por David Rubín e Carlos Portela. O guión da película xa está sendo preparado por Jesús Ferrero, agardando que sexa dirixida por un director consolidado. Densifícase así un proxecto de edición estendida, que xa ten a súa presenza nunha wiki educativa e nun proxecto didáctico no que participan centenares de estudantes de Secundaria. A de Dragal é hoxe unha experiencia de edición infantil e xuvenil híbrida, multilingüe e estendida a outros formatos (videoxogos, cómic dixital, cine) que mantén un diálogo permanente coa matriz ficcional que Elena Gallego vai desenvolvendo nas novelas publicadas en galego en Fóra de Xogo. Mais en todos eles mantense a cerna do proxecto literario: un mundo de fantasía orixinal, un universo máxico centrado sobre o patrimonio galego e sobre unha tradición presente en todas as culturas e continentes.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/05/dragal_compostela_07-05-2015.jpg720960bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-05-08 10:04:292015-05-08 10:15:30Onte 1318: Dragal e a edición estendida
Despois do xantar participei, xunto a Paz Castro de Kalandraka e Pilar Sampil de Galaxia, na mesa de editores do Congreso sobre novas temáticas da LIX organizado en Vigo por ANILIJ. Un encontro moi interesante no que dende unha persectiva académica se reflexiona sobre as obras infantís e xuvenís relacionadas coa morte, os conflitos armados, os naufraxios, o cambio climático, os desastres medioambientais e outros temas «candentes». Como é adoito neste tipo de foros, tras as nosas intervencións, dende o público formuláronse os temores sobre a excesiva escolarización ou enfoque moralizante dalgunhas destas propostas editoriais e sobre o papel dos editores na eleccións dos temas, o que para un participante «podería coutar a liberdade dos creadores». Como tamén se abordou, o que a min me pareceu moito máis interesante, a cuestión da «censura» ou da «imposición do politicamente correcto» que algúns editores poden tratar de impoñer a autores e tradutores para «acomodar» algúns libros á canle escolar.
Co tempo moi xusto, viaxei despois á Coruña para aocmpañar a Mercedes Leobalde na presentación de Funambulistas. O salón da FNAC quedou pequeno para tanta xente que acudiu a escoitar o diálogo entre a macedonia de relatos breves de Leobalde e as cancións de MJ Pérez, a nova cantora coruñesa. Unha hora de diálogo artístico que resultou memorable e intensa. Comezou Leobalde lendo «Os cogomelos da risa», un dos relatos que abordan a violencia contra as mulleres, e Pérez contestoulle con toda a enerxía de «Eu son a guerrilleira». Seguiu Mercedes con «Querida señora Francis«, peza coa que fixo escachar ao público ás gargalladas, á que MJ respondeu coa súa canción «Morder a lingua». Despois de que a narradora lese «Tatoos», o conto do centenario tatuado e despois abandonado, a cantora de Arzúa contestou co seu «Canto te soño e que pouco me queres», cuxo retrouso aprendeu decontado o público. O de Mercedes e MJ é un espectáculo que moito paga a pena repetir.
Outra boa noticia para o libro galego do día de San Xurxo foi a sua presenza nas paradas de Sant Jordi de Barcelona e Girona, grazas ao esforzo de voluntarios galeguistas residentes en Cataluña. Xaora, a saída do libro ao espazo público foi en Galicia aínda escasa e puntual. Un síntoma dunha febleza lectora que debemos superar.
Grazas a Pinto e Chinto e Davila que dedicaron onte as súas viñetas ao Día do Libro.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/Díadolibro20151.jpg16001131bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-24 10:28:382015-04-24 10:35:07Onte 1304: No Día de San Xurxo
Compartimos xantar con Agustín para falarmos do lanzamento d’ A neve interminable, a novela sobre os medios contemporáneos que vinte anos despois dialoga con Cartas de inverno. Repasamos a axenda de noticias, rexoubes e debates literarios abertos nas redes sociais, coa prudencia que requiren estes casos. Comentamos a publicación da primeira Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega coordinada por Blanca-Ana Roig Rechou e o redeseño da veterana colección Barco de Vapor de SM, onde acaba de aparecer unha nova edición d’ O meu nome é Skywalker. Agustín deixounos para o final a sorpresa de amosarnos a edición d’ A escola dos piratas en chinés, baixo o título de Haidao Xuexiao, publicada pola editorial Liaoning Children’ s, que se engade ás que xa ten da mesma obra en coreano, éuscaro, catalán e castelán. Como editores gabamos o xeneroso interliñado da edición e intentamos identificar o título e o nome do autor na cuberta. Xaora, non puidemos agochar a fachenda que nos produce esta tradución á lingua con máis falantes nativos no planeta dun orixinal publicado orixinalmente en galego. Outra proeza do Agustín. Unha tarde moi feliz.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/a_escola_dos_piratas.jpg447599bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-22 00:01:532015-04-22 08:54:40Onte 1302: Agustín en chinés
Viaxei onte a Salceda para acompañar a Xavier Estévez na presentación d’ O corazón da maxia. Quedei abraiado do crecemento dunha vila que ben coñecía hai máis de trinta anos cando comecei no Budiño o oficio de mestre. As magníficas instalacións da Casa da Cultura, no que foi o vello edificio do concello, testemuñan a extraordinaria reviravolta urbanística e cultural de espírito municipalista que o equipo do alcalde nacionalista Marcos Besada leva dando a un concello que xunto ao de Ames vai á cabeza do crecemento demográfico de Galicia. As cifras que me deu Teresa Pérez, a concelleira de Cultura e Educación, deixáronme parvo: «temos un centro de educación infantil con 300 nenos e nenas, un colexio de primaria e un IES con máis de cincocentos alumnos e alumnas cada un; o centro de saúde está desbordado, sobre todo as consultas de pediatría».
Na presentación d’ O corazón da maxia, o escritor Xavier Estévez confesou que para el «os libros deben emocionar, simplemente, teñen que conseguir emocionar ao lector para que o texto siga percutindo na súa alma durante moito tempo». «Escribo dende os nove anos, desque teño memoria. Creo que o mundo pode cambiar a través do poder da imaxinación. Cando escribo non intento educar, intento emocionar.» Despois Xavier referiuse ao libro, «unha historia especialmente emotiva, dura por momentos, leda outros, mais sincera, xa que está escrita co corazón.» «Sei que o corazón da maxia é un libro con capas e con lecturas moi distintas, mais que pode interesar tanto a lectores e lectoras novas como a lectores maiores, xa que quizais poida abrir unha porta ao rapaz que foron.» Rematou agradecendo as lecturas tan positivas que recibira por internet de persoas como Modesto Fraga: «para un escritor é unha delicia saber que un libro gusta, a maxia do libro é que vaia rulando.»
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/xavier_estevez_salceda_17-04-2015.jpg608646bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-18 11:52:272015-04-18 11:55:16Onte 1298: «O corazón da maxia» de Xavier Estévez en Salceda
Pablo García Freire responsable do blog Lectureka, fixo onte en Pontevedra unha gran presentación da cuarta entrega da saga Dragal de Elena Gallego. O xove lector vigués cualificouA estirpe do dragón «de pura maxia, sen dúbida, a mellor das catro novelas de Dragal». «A estirpe do dragón presenta unha pronunciada evolución con respecto a anteriores entregas da saga; non tanto argumentalmente (que tamén), como na construción da historia, dos personaxes, dos seus sentimentos e reflexións, sendo unha novela sorprendentemente completa que, como era de agardar, mantén ao lector pegado ás páxinas dende o minuto un, demostrando o característico dominio do suspense, ligado a todas as obras de Elena Gallego, que a base de capítulos curtos consigue unha fluidez e unha perfecta transición entre cada capítulo, de xeito que as horas pasaron e trescentas páxinas despois, ás tres da mañán, segues tan fascinado coma na primeira.»
Na súa intervención Elena Gallego confesou que «o reto máis grande desta cuarta entrega de Dragal fora escribir a primeira liña da novela, “A sombra do dragón…”, que como non podía ser doutra maneira é idéntica á das anteriores.» «A estirpe do dragón é a primeira entrega da segunda das tres triloxías que teño previstas para Dragal. Aínda hai moito Dragal por diante. Teño moitas cousas que contar.» «Nesta cuarta entrega non hai unha soa trama, ha varias. están presentes os problemas no instituto e nas familias, mais tamén hai maxia e alquimia, e a presenza de varios dragóns, xa que conforman unha fraternidade. Tamén quixen introducir o tema dos libros prohibidos e doutros códices como o Da Vinci, xa que me interesaba atopar un inimigo importante, poderoso. Esa é a razon pola que aparece a inquisición que persegue aos dragalianos.» Reiterou Elena Gallego a importancia da documentación en toda a serie. «Todos os datos históricos que aparecen en Dragal son certos, mesmo algúns que semellan coincidencia da ficción.»
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/Dragal_IV_Pontevedra_16-04-2015.jpg720960bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-17 09:53:002015-04-17 09:54:13Onte 1297: «A estirpe do dragón», o novo Dragal de Elena Gallego
Chegaron onte os primeiros exemplares d’A neve interminablede Agustín Fernández Paz. Unha novela que supón o regreso de Agustín ao catálogo da colección Fóra de Xogo, na que non publicaba dende Corredores de sombra (2006). Un novo libro de misterio que vinte anos despois dialoga con Cartas de inverno (1995), un título senlleiro que permitiu a máis de cen mil lectores e lectoras galegas (e bastantes máis noutras linguas peninsulares) vivir durante unhas poucas horas ao límite do extraordinario. N’ A neve interminable Agustín explora os medos esenciais do ser humano e aqueloutros orixinados pola desorde mundial deste século. Nas páxinas desta novela de noveliñas daquel ano sen verán o noso recente candidato ao Nobel homenaxea a Howard Phillips Lovecraft, referencia imprescindible na literatura de terror, a Mary Shelley e a Lord Byron de quen anosa o seu poema profético e apocalípticoDarkness. Sei que volveremos sobre unha obra que aventuro será referente para moitos dos nosos lectores e lectoras.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/CCPyWVSWIAI2_bV.jpg544599bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-11 11:42:462015-04-11 11:49:30Onte 1291: «A neve interminable» de Agustín Fernández Paz
Abofé que o premio Merlín do pasado ano deixou unha boa colleita. Tras a Escarlatina de Ledicia Costas, unha obra aclamadísima polo lectorado, os xurados e a crítica, chega a finalista, Rubicundo de María Canosa. Outro libro moi fermoso, unha alfaia para a conquista de lectores e lectoras autónomas. O texto de María Canosa é un prodixio, sutilmente fantástico, escrito con palabras agarimadas liña a liña coa intención de crear a atmosfera dun relato que faga crible a existencia de oficio tan necesario como o dos cosedores de ventos. O traballo de ilustración de Nuria Díaz é memorable, coidando a composición de cada un dos planos e perspectivas, dando auténtica vida ao personaxe de Rubicundo e as súas delicadas ferramentas capaces de utilizar o fio de po de estrelas. Coma Escarlatina foi un dos libros infantís de 2014, aventuro que Rubicundo o será de 2015. Beizóns a María Canosa e Nuria Díaz, as creadoras desta marabilla.
Sempre baixo o título d’ A canción de Manuel, Olga e Seso foron construíndo unha achega musical e educativa moi valiosa para desfacer prexuízos e achegar visibilidade sobre este trastorno que afecta a un de cada 150 nenos, con especial incidencia sobre os varóns, catro de cada cinco diagnosticados. Seso e Olga expresan nas palabras limiares do primeiro tema (A canción de Manuel I, 2012) que «a percepción do mundo [do seu fillo] non é coma nosa, mais ten todo o sentido»; que «convivir co autismo é subir unha montaña invisible cada día, unha montaña que nos axudan a subir mans expertas e que nos dan alento cando fai falta.» «Ás veces parece que o autismo é unha man que aperta moi forte o meu corazón, e non me deixa vivir, entón chega Manuel, colle a man que me aflixe e a fai desaparecer co seu sorriso» confesa Olga no limiar do segundo (A canción de Manuel II. Alí estarei, 2013). O recitado de números como conquista da linguaxe e da memoria, mais tamén como aloumiño do aire, centrou o terceiro (A canción de Manuel III, O oito, 2014). «Somos refuxio e somos desvelo e somos as mans pegadas. Quen vai ir da túa man, un día? Quen vai ir contigo?» pregúntanse Olga e Seso na cuarta entrega, ao fío dos momentos tan duros vividos cando coñeceron o diágnóstico de Manuel (A canción de Manuel IV. Son o teu medo, 2015). Catro cancións preciosas, escritas con inequívoca caligrafía azul, esta tinta da sensibilidade imprescindible para coñecer, comprender e difundir que «o esencial é invisible».
Dende o proxecto d’ A canción de Manuel, como dende o espazo de Fb Alto como unha montaña, apélase á responsabilidade e compromiso das autoridades educativas e sanitarias para mellorar e implementar un modelo de atención integral para as persoas con diversidade funcional, respectándoas como cidadáns de pleno dereito. A nosa maior admiración para todas as familias, profesionais e asociacions que traballan na escuridade deste territorio de esperanza.
Recomendo ler esta anotación do blog de Seso Durán na que explica a poética da canción deste ano, na que o propio Manuel, cunha cámara colocada na súa fronte, deitaba a súa ollada sobre o seu arredor, durante un paseo por Vigo. Como tamén estoutra do blog de Olga Lalín na que se contextualiza esta reclamación para a abordaxe integral do TEA no marco dos dereitos da infancia. Moi interesantes e clarificadoras as dúas.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/a_cancion_de_manuel.jpeg168300bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-03 00:01:342015-04-04 15:40:48Onte 1283: A canción de Manuel