Onte 457: Keep Calm and Speak Catalan

Esta campaña a prol da Som Escola está inspirada naqueloutra («Keep Calm and Carry On») que en 1939 o goberno británico deseñou para elevar a moral cidadá en caso dunha invasión alemá, que non chegou a producirse. Máis alá da brincadeira que supón, esta iniciativa (como a de «Gústame o galego») amosan a importancia de utilizar medios publicitarios potentes e orixinais na defensa das nosas linguas e identidades fronte a onda recentralizadora do goberno Rajoy. A imaxinación, a retranca e a ironía son poderosas ferramentas de resistencia cívica pácífica fronte o españolismo conservador que pretende derrubar os consensos forxados nas tres últimas décadas arredor do estatus das nosas linguas. «Keep Calm and Speak Galician», acuñamos nós.

Onte 450: Ser libris no Culturgal


Nunha xornada memorable do Culturgal 2012, na que se bateron todas as marcas de afluencia de público, presentamos a campaña «SER LIBRIS» promovida pola Asociación Galega de Editores. Esta peza de 47 segundos, preparada polo equipo de Illa bufarda, é o eixo dunha iniciativa coa que os editores pretendemos contribuír a sensibilizar á cidadanía galega sobre as lecturas como agasallo de Nadal. Baseada no carácter transversal e interxeracional da lectura, a peza ofrécese ademais como un recurso con posibilidades de aproveitamento didáctico.

Onte 449: Gústame o galego en Cultugal

Entre as moitas iniciativas e accións que se desenvolveron na intensa primeira xornada de Culturgal, moito me gustou participar en Gústame o galego, a promovida pola CTNL. Unha marabilla! A tarefa de desmontar prexuízos arredor da lingua e de prestixiala en todos os eidos da vida social require da corresponsabilidade de todas as persoas. Accións imaxinativas e divertidas como esta de «Gústame o galego» pola súa facilidade de viralización e pola súa capacidade de  ontaxiar entusiasmo poden ser doadamente emuladas ou reinventadas de forma creativa en centros educativos ou noutros eventos da cultura de noso. «Gústame que intentes falar galego, aínda que che custe un pouquiño», «Gústame o galego con acento africano», «Gústame que non me traduzan o café con leite», «Gústame que me digan “qrt m8″», «Gústame que me lembres en galego»… son mensaxes potentes que merecen ser compartidas. Participar nesta iniciativa é outro motivo máis para viaxar esta fin de semana a Pontevedra e pasar un tempiño no magnífico Culturgal, que paga moito a pena.

Onte 446: Dez frases

A cultura e a lingua galegas mereceron apenas dez frases no discurso de investidura de Feijóo. Non máis de dous minutos, dunha longa peza de hora e media, abondaron para facer referencia ao seu compromiso de «planificación do sector cultural cun apoio directo aos creadores galegos, especialmente, aos do audiovisual, no que imos potenciar a súa internacionalización»; á «protección do patrimonio, con atención preferente aos cascos históricos»; á «paralización dos edificios pendentes da Cidade da Cultura» e «á dignificación do Panteón de Galicia a través dunha lei consensuada no Parlamento». Non identifiquei máis referencias e compromisos culturais, mesmo ningún referido ao sector do libro e da lectura, considerados estratéxicos para Galicia. No eido da lingua, mesmo a paesar das sentenzas sobre o decreto de plurilingüismo, non ofreceu consenso ningún, reiterando a defensa dos valores de liberdade e elección dos pais como eixo da política lingüística educativa. Polo que vimos, nesta segunda lexislatura de Feijóo continuará a obsesiva política de austeridade como principal doutrina dun goberno, que temo cada vez máis afastado das preocupacións cidadás. Mañá xoves, tócalle retrucarlle á oposición.

Onte 431: Agustín doutor honoris causa

Coñecimos onte a magnífica noticia que a Universidade de Vigo, a proposta do departamento de Filoloxía Galega e Latina, investirá a Agustín Fernández Paz como doutor honoris causa. Un nomeamento que nos enche de fachenda xa que en poucas ocasións está máis xustificada a consideración de mestre ca no caso de Agustín, quen dedicou a súa vida profesional enteira a pular polo proxecto da escola galega das pombas, combinando a renovación pedagóxica coa galeguización. Tras outras merecidísimas homenaxes, este importantísimo recoñecemento coincide coa aparición nas librarías d’ O rastro que deixamos, o libro memorialístico que presentaremos en Librouro o vindeiro 23 de novembro. Parabéns para o doutor Agustín!

Onte 427: O terceiro informe sobre aplicación da Carta Europea das Linguas

Recomendo moi vivamente a lectura da tradución preparada por Prolingua das páxinas que atinxen ao galego do  3º Informe do Comité de Expertos con respecto a España na aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Como tamén son moi valiosas as consideracións que Prolingua realiza sobre este documento (máis dun milleiro de páxinas) do Consello de Europa que supón unha emenda á totalidade da política lingüística desenvolvida polo primeiro goberno de Núñez Feijoo. No eido do ensino o documento supón unha descualificación sen paliativos do Decreto de Plurilingüismo por, entre outras razóns, «constatarse a redución progresiva do uso do galego en todos os niveis e unha diminución da súa estrutura de apoio». Como tamén é contundente a solicitude á Xunta de Galicia dun «número suficiente de escolas que ofrezan educación completamente ou esencialmente en lingua galega». Mais o informe non denuncia só o retroceso do estatus do galego no sistema educativo, tamén o detecta na súa implantación na administración pública e na xustiza, así como denuncia unha relaxación do seu emprego nas institucións galegas. Outrosí sucede co seu emprego por parte dos medios de comunicación privados que apenas chegan a publicar/emitir o 10 % en galego. Pola contra e para a vergonza do goberno de Feijoo, o documento abeizoa a Cataluña e Euskadi, comunidades consideradas polo Consello de Europa como modelos de protección de cadanseus idiomas naturais. Os contidos referidos ao galego deste documento, que destaca pola súa redacción clara e concepción eminentemente didáctica, poderían ser moi útiles para preparar a folla de rota que levase á recuperación do consenso sobre o estatus do galego, dinamitado ao inicio da pasada lexislatura. Un proceso que cremos inevitable, moito máis, aínda, cando é probable que no futuro inmediato se resolvan en idéntica dirección os recursos ao Decreto do Plurilingüismo presentados diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Ben está ir preparando o camiño.

Onte 412: LIBROX

Continúan chegando as novidades de fin de ano. Onte anunciamos a comercialización de «LibroX», a nova colección que presentamos para «facilitar o acceso á lectura en tempos de crise». Deseñada e preparada na súa totalidade polo departamento de edición de Xerais, tanto os interiores como as magníficas cubertas do xenial Miguel Vigo, foi concibida coa intención de que ofrecer unha serie versátil, flexible, dinámica e de libros con prezos asequibles (entre os 7,50 € e os 12,50 €). En definitiva, libros con vocación de conectar cun lectorado amplo. Libros xeitosos de non ficción que pretenden abrir ocos, temas e enfoques atrevidos para divertir, para reflexionar, para consultar, para cociñar, para mellorar o emprego da lingua, para incitar á lectura… Ese é o espírito que acreditan os dous primeiros títulos. Do G ao Z de Manuel Veiga, un breve dicionario humorístico e indignado, un novo xeito de presentar o ensaio con vontade inequivocamente popular. Outrosí sucede con Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez de Carlos Callón, outro libro de vontade eminentemente práctica destinado a mellorar a nosa calidade lingüística e a superar algúns prexuízos sobre o emprego do galego. Agardamos con expectación as opinións e a acollida do público. Mentres preparamos dous novos títulos para final do inverno.

Onte 409: Solidariedade cos procesados do 8-F

Pareceume oportuno o comunicado que onte publicou a Plataforma Prolingua amosando a súa solidariedade cos procesados do 8-F. Doce participantes na denuncia activa da manipulación e a expresión de odio que supoñía a manifestación en contra do Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 afrontan unha petición fiscal de 45 anos de cadea, acusados de desordes públicas e resistencia á autoridade. Como atinadamente sinala Prolingua, poderiamos preguntarnos de que estamos a falar cunha petición coma esta?, «De sete anos de cadea por defender a lingua galega dun ataque extremista? De procesados por berrar contra os que vulneran as normas de convivencia das que nos dotamos as galegas e os galegos..?» A fiscalía ben faría en retirar os cargos aos procesados do 8-F xa que «o seu delito» non foi outro que defender a lingua de todos e todas (tamén dos que a aldraxan, menosprezan e pretenden a súa desaparición efectiva). Se a sociedade galega quere un futuro digno para a súa lingua propia, un obxectivo a recuperar despois da clara vitoria electoral do PP, debe ser capaz de recuperar os consensos arredor do seu estatus e da súa promoción.

Nin lingua nin liberdade, é o poder

Enlazamos o artigo publicado en Faro de Vigo por Alejandro Tobar, como voceiro da Cerna da plataforma Prolingua, en resposta a outro anterior de Ignacio López-Chaves, vicesecretario do PP de Vigo. Esta de Tobar é unha peza esencial para desmontar as falacias dos argumentarios da «liberdade lingüística», acuñados para si polos membros do Partido Popular nesta campaña das Autonómicas 2012.

Onte 397 Jorquera / Vázquez

A tertulia que mantiveron Jorquera e Vázquez servíu para visualizar que existe unha alternativa ao goberno de Feijoo. Un encontro sereno, tamén inevitablemente máis aburrido co do luns, que permitíu que cada un dos candidatos presentase de xeito tranquilo as liñas principais do seu programa. Vázquez foi máis condescendiente xa que se presentaba como aspirante a presidente dun goberno progresista, mentres Jorquera tratou de poñer en evidencia algunhas das diferencias que os separan. Con todo, ambos os dous amosaron que hai coincidencias abondas para acadar un acordo nos temas principais: un novo sistema de financiamento, aumento da fiscalidade ás rendas altas, desenvolvemento pleno do autogoberno e mantemento das políticas sociais. Como na noite anterior, Pachi soubo utilizar unha linguaxe máis achegada á da cidadanía, aproveitando o espazo para lembrarlle a Feijoo a ocultación do desvío de 400 millóns do orzamento de 2010 para o de 2011. Francisco Jorquera amosou que é un político diesel, fiable, rigoroso e documentado, aínda que como menos reprís que o socialista. Gustoume moito a oportunísima referencia do nacionalista á lingua, vencellándoa ás industrias culturais consideradas como un factor produtivo. Onte enxergouse unha raioliña de esperanza.