Pechou a Librería González

Onte pechou outra das librarías históricas galegas: a Librería González da rúa do Vilar de Santiago, onde será ubicada unha franquicia de vestiario. Creada en 1929, nos últimos anos supervivía coa venda de libros de agasallo e de turismo, foi un dos espazos clásicos para a venda de manuais universitarios.
A rúa do Vilar, despois do peche da libraría de Eduardo (importantísima nos anos da Ditadura e da reforma Política), da Galí (a máis vella de España) queda son con Encontros e cunha librería relixiosa. Outra anotación para o noso mapa sentimental de librarías desaparecidas, unha lista que se incrementa inevitablemente cada ano. A boa noticia, pola contra, é o anuncio da reapertura da Libraría Couceiro (seguramente a finais do mes de xuño) na praza de Cervantes, onde disporá de seis plantas e dunha proposta de animación libreira moi interesante.
Etiquetas: Librerías, Santiago

Bertrand en España

O xornal portugués o SOL informa que Bertrand abrirá en España antes de 2009 vinte librarías. A primeira será inaugurada este mesmo mes en Torrelodones. Na información dixital que atoamos non vimos referencia ningunha a Galicia. Aínda lembramos con saudade a Libraría Bertrand, aquela marabilla no corazón da rúa do Príncipe que só estivo aberto durantes uns poucos anos a comezos dos noventa. Volverá Bertrand a Galicia?

Vía Extratexto.

Etiquetas:

Fina Casalderrey, Premio Irmandade do Libro

Recibimos con grande alegría a noticia que o premio Irmandade do Libro á autora do ano foi outorgado a Fina Casalderrey. Recoñécese así a traxectoria dunha das autoras fundamentais no agromar desta auténtica idade de ouro que vive a nosa Literatura Infantil e Xuvenil en galego. Hai apenas dous meses publicamos A lagoa das nenas mudas (ilustrado por Patricia Castelao, outra marabilla!), unha novela conseguidísima para rapaces de dez anos en diante, que aborda a cuestión da comunicación no novo contexto intercultural; e dentro de apenas dúas semanas aparecerá A pomba e o degolado, título co que a nosa colección Fóra de Xogo chega o seu número 100. Adianto que esta novela, baseada nun caso de acoso escolar, é para min a obra máis conseguida dunha autora que avanza literariamente en cada novo título que publica. Fina recibirá o premio o vindeiro venres 23 de marzo no seo da cea que organiza en Carballo a Federación de Libreiros de Galicia na que intervirá o escritor Manuel Rivas e na que serán outorgados os premios Irmandade do Libro 2006. Alí trataremos de estar, despois da presentación na que participaremos en Ribeira.

Etiquetas:

Montolieu, vila do libro

Xa oíra falar algunha vez de Montolieu, a pequena vila francesa do libro e das artes gráficas, situado pretiño de Carcassone. Conta apenas 800 habitantes e porén posúe catorce librarías e un fondo dispoñible de 250.000 exemplares, ademais dun museo sobre as artes gráficas, dun muíño de papel e de diversos artesáns dedicados á impresión. Grazas ao bibliómano sei de que a revista Bibliophile dedica unha reportaxe a este auténtico almeiro do libro francés. Esta é a receita que dan en Montolieu para crear unha vila do libro. Quen podería en Galicia ter a coraxe e a audacia de acometer semellante proxecto, que a este pobiño francés lle está a proporcionar un espazo no turismo experimental? Unha experiencia interesante para mellor coñecer.

Etiquetas: Montolieu

Rivas, Premio Cálamo

Manuel Rivas recibiu o premio extraordinario outorgado por Cálamo, a libraría zaragozana. O noso bo amigo Txetxu Barandiarán publica unha completa crónica do evento. Txetxu recolle algunhas das afirmacións da intervención de Manolo:

“Non hai escritura sen desexo.”
“As librarías son espazos de resistencia e re-existencia nun tempo de consumo no que nos intentan roubar o ‘outro tempo’.”
“Non se pode reducir a literatura ao entretemento.”
“A literatura transporta unha información básica que non se pode comunicar doutra forma.”

Cervantes, Galí, Colón

Hoxe Ferrín publica en Faro esta fermosa elexía polas últimas librarías pechadas no país. Hai días, Salvador García-Bodaño tamén escribira sobre as súas librarías na lembranza. Moi recomendables estes dous textos de dous mestres.

Etiquetas:

A crise libreira

Onte mantivemos unha importante reunión dos tres sectores profesionais vencellados co libro en Galicia: editores, libreiros e distribuidores. Compartimos estratexias sobre a nova Lei do Libro, Lectura e Bibliotecas (a chamada “lei do prezo fixo” con carácter xeral, coa excepción do libro de texto dos niveis obrigatorios, en trámite no Congreso), ademais de poñer ao día a información dispoñible sobreos dieferentes modelos de gratuidade (especialmente alentador foi coñecer que xa son numerosas as comunidades que este curso implantaron o cheque libro, Asturias, Cantabria, Murcia ou Madrid).
O miolo da xuntanza foi o traballo sobre o informe, promovido pola AGE, que investiga sobre a viabilidade industrial do libro en Galicia e as consecuencias que supuxo a implantación da modalidade de préstamo do libro de texto. Cremos que este informe proporcionará datos para comprender a envergadura da crise na que está inmerso o sector. A pesar dos datos moi preocupantes que van chegando, na reunión mantívose un ton esperanzado. Como tantas veces temos expresado aquí, non é o momento de deixarse caer nos brazos da desolación. Promover mudanzas profundas na política cultural é a estratexia na que estamos comprometidos.
Recomendo a información publicada hoxe por medios sensibles a estas preocupacións:

Pecha a Libraría Cervantes

Cervantes, a libraría do escaparate máis amplo e vistoso de Vigo, pecha. A pesar das mudanzas que os novos propietarios fixeron nos últimos anos, a más clásica das librarías viguesas non segue adiante. Outra baixa importante no centro da cidade, onde apenas resiste Librouro. As outras librarías foron desaparecendo todas, unha por unha: Bertrand, Arcova, Curros Enríquez, Cultural, Papelaría Española, Barrientos… (por citar as que fun recordando, houbo máis). Esta é a proba máis rotunda da crise dun sector cultural, ao que os poderes públicos semellan non valorar como merecera. Ben sinala Xurxo Patiño, o secretario da Federación de Libreiros de Galicia e responsable de Librouro: “o presente das librarías é complicado, o futuro desalentador”.

Actualización (11-2-2007): no artigo da semana volvo sobre a cuestión.

Etiquetas:

Funcións do libreiro

“Orientar ao lector, manter o nivel sociocultural da súa contorna, crear 0 contacto entre o pensamento e os lectores; estimular a curiosidade; suxerir lecturas, convidar á formación de novos lectores; vender e mantenerse; crear emprego estable e decente, impulsar a lectura e a beleza; ser o primeiro interlocutor entre a sociedade e o mundo editorial, e exercer o papel de barómetro cultural e literario, ademais de vender libros, claro”.
(Jordi Nadal y Paco García, Libros o velocidad ; Fondo de Cultura Económica, pag. 57)

Vía: Txetxu Barandiarán

Etiquetas: