Comercio interior do libro en galego 2007 (V)

CANAIS DE COMERCIALIZACIÓN DO LIBRO EN GALEGO

Estes datos sobre comercialización amosan que as librarías e as cadeas de librarías en 2007 foron as canles principais de venda do libro en galego, xa que supuxeron o 59,80% das vendas (13,12 millóns de euros a prezos de capa). No obstante, se comparamos estas cifras coas de 2006, detéctase que en 2007 se produciu un retroceso da cota de mercado das librarías do 5,30% (equivalente a 950.000 euros). Tamén é de salientar o peso reducido da venda do libro en galego nos hipermercados, 2,60% (570.000 euros), cunha tendencia a diminuír (en 2006 supuxo o 3,20% das vendas, 710.000 euros).

O peso das vendas a empresas e institucións (onde se inclúen as adquisicións da Consellaría de Cultura e Deporte aos editores en galego para a dotación das bibliotecas, valoradas entre un millón e un millón e medio de euros) continúa sendo moi elevado na edición en galego, acadando os cinco millóns de euros (22,90%), diminuíndo en 500.000 euros de 2006 a 2007. Tamén diminúen as vendas aos centros escolares («resto») que pasaron do millón de euros de 2006 aos 480.000 euros de 2007. Pola contra, aumentan as vendas do libro en galego aos clubs de libro, por internet e vendas por teléfono e a crédito (dous millóns de euros, 9,20%).

Suso Couceiro, moi pesismista

Vaia entrevista máis pesimista saíulle a Suso Couceiro na súa conversa con Nacho Miras Fole! As palabras do veterano libreiro compostelán demostran que o libro non está quedando fóra da crise económica,  cuxos efectos comezan a sentirse seriamente no sector do libro. Porén, a este feito hai que engadirlle a crise de modelo da libraría independente e cultural en Galicia (un feito xeralizado nos países occidentais) que denuncia con tanta convicción Couceiro.Nin a crise financeira nin a crise do modelo da libraría de fondo poden ser consideradas responsabilidade exclusivas dos editores galegos. É unha esaxeración (que non quero nin debo entrar a valorar para evitar unha polémica innecesaria). No obstante, as afirmacións de Couceiro poñen en evidencia que coa maior urxencia cómpre  convocar a todos os membros do sector do libro galego (autores, editores, libreiros e distribuidores) para facer un chisco de autocrítica compartida. Só así, nun clima de confianza intersectorial, poderanse propoñer medidas para saír da crise económica e de lectores (e de lectura pública) que padecemos no mundo do libro galego. Unha iniciativa que poderían recoller a Federación de Libreiros de Galicia e a Asociación Galega de Editores. Pagaría a pena.

Como será o mundo do libro en 2020?

A revista Qué leer convocou a seis expertos para que fixesen a súa análise de como cren que será o mundo do libro en 2020. A verdade é que algúns dos prognósticos son moi interesantes.

Para Juergen Boos, director da Feira do Libro de Frankfurt, en 2018 a venda de contidos dixitais superará a dos libros tradicionais (impresos), o que non supoñerá, en ningún caso, a devaluación da industria editorial nin a desaparición do libro impreso, xa que para el se convertirá na de maior facturación das industrias culturais (mesmo por riba de Internet).

Para Stuart Applebaum, directivo de Random House, a explosición dixital incrementará as oportunidades dos lectores. Como retribución ao autor das vendas dos libros electrónicos propón o 25% dos ingresos netos obtidos polo editor.

Para Alberto Rollo, director literario de Feltrinelli, o libro, tecnoloxicamente falando, ten unha longa vida por diante. Outrosí sucede coas librarías que en dez anos se terán transformado en espazos multiproduto.

Para Will Moore, directivo deIngram Digital, as librarías deben ofrecer indistintamente produtos  impresos coma dixitais, emulando a estratexia das actuais redes de sociais, xa que os lectores quererán interactuar entre eles. Para el, como sucedeu no sector da música co ipod que levou ao seu cume á música dixital, os novos dispositivos de lectura portátil farán o mesmo no mundo editorial.

Para Mike Shatzkin, fundador de The Idea Logical Company, o crecemento da industria editorial virá da man do e-book e os beneficios dos editores medrarán grazas á creación de novos contidos específicos que pendurarán das súas webs e que se distribuirán por medio dos teléfonos móbiles. Tamén acredita no desenvolvemento de novos xéneros literarios baseados na interacción entre os distintos formatos creativos.

Para Kalev Leetaru, da Universidade de Illinois, o problema do libro dixital non reside tanto na tecnoloxía como no feito de que os editores non saben como financialos. Apunta que paradoxicamente o libro dixital pode incrementar o consumo de papel, pois moita xente optará por imprimir os textos que se descargue. «A auténtica revolución chegará cando os aparellos de lectura dixital maduren ata o grao de ser tan confortables como o papel.»

Visibilidade nas librarías

Hoxe Xornal de Galicia publica unha reportaxe, que moito agradecemos, sobre a visibilidade do libro galego nas librarías do país. Tamén aparece esta miña columniña con datos para axudar a reflexión.

Datos para animar un debate
Tras as periódicas crises de confianza sobre o interese dos libros editados en galego, anima o debate lembrar algúns datos do noso mercado interior do libro no ano 2007, tirados do informe elaborado pola Federación de Gremios de Editores de España.
Galicia investiu 165 millóns de € en libros, o que supón o 5,3% do mercado español; se consideramos que a poboación galega supón o 6,6% da española, continuamos arrastrando un déficit de 1,3% no que atinxe a compra destes bens culturais.
Os tres millóns de exemplares de libros en galego vendidos (máis dun exemplar por habitante, o que non estña nada mal) acadaron unha facturación de case 32 millóns de €, o que supuxo un 19, 22% do mercado do libro en Galicia. De cada cinco libros vendidos, un foino en galego.
Os 250.000 exemplares vendidos de títulos de narrativa (apenas o 8,33% de todos os vendidos en galego) acadaron unha facturación de tres millóns de euros, apenas o 1,8% do mercado do libro en Galicia. É dicir, de cada cen libros que se venderon en Galicia no 2007, só un par deles tiveron a oportunidade de ser unha novela ou un libro de relatos, orixinal ou traducido, dos publicados en galego.
As 137 novidades de narrativa en galego publicadas competiron nas librarías cunha oferta en castelán de dez mil novidades (si, dez mil, unha barbaridade!), que facturou 573 millóns de €, vendeu máis de 56 millóns de exemplares e supuxo o 18,4% do mercado do libro en España.
Se establecemos comparacións serenas entre toda estes datos, podemos comprender acaidamente o que está sucedendo nas librarías durante esta campaña de Nadal. Un sector de ficción en galego de tres millóns despútalle o mínimo espazo dispoñible ao da ficción en castelán que en Galicia factura dez veces máis. David contra Goliat. Esas son as magnitudes dos nosos mercados. Nesa tensión desigual dentro da libraría é onde se está dirimindo o futuro da literatura galega.

Concept Borders, a libraría do futuro

Borders, unha das cadeas máis importantes de librarías dos Estados Unidos, presenta o seu novo modelo de libraría. A moitos pode chamarlles a atención que, ademais de mudar a denominación do establecemento (“Store media room”), haxa máis pantallas ca andeis. Algunha importante razón haberá: libros, música , dvds. Un modelo prospectivo para tomar en conta.

Vía El bibliómano

Feira do libro da Coruña, primeiras impresións

Onte viaxamos á Coruña para participar na primeira xornada da Feira do Libro. A presentación do libro de Herminio Barreiro foi moi divertida. Herminio estaba moi falador e, aproveitando a presenza entre o público de Xosé Fernández Ferreiro, contou unhas cantas anécdotas dos anos de Brais Pinto en Madrid, que non aparecen no libro. Escachamos a rir cando relatou como el e Alexandre Cribeiro conseguiron levar a Reimundo Patiño a un partido en Chamartín da Copa de Europa; ou aqueloutra, máis disparatada, dunha tarde nas Ventas con Ferrín, a quen, en palabras de Herminio, “gústanlle os touros en terra de touros”. Brincadeiras agarimosas de Barreiro cos seus amigos da vida. Logo, poñéndose máis serio, Herminio contou como nunha clase de Lapesa, o famoso profesor de Lingüística relatara a dramática desaparición do derradeiro falante do idioma vegliota e como logo, cando llo contaron a Reimundo, este quedara enormemente interesado polo feito, agoirando que “algunha vez, iso lle podería suceder ao galego”.
Á noitiña volvín pola autoestrada moi desacougado. Dóeme que coa excepción dos libreiros da nación (Pedreira, Xaime de Andel, Pepe de Couceiro e Gonzalo de Cartabón), o libro en galego está practicamente expulsado das casetas da feira. Nunca vira na Feira da Coruña, menos libro galego. Un serio motivo para a reflexión sobre o sentido e o futuro destes eventos, sobre os que xa temos reflexionado noutras ocasións. Que a megafonía da carpa non se escoitase máis alá das dúas primeiras filas ou que o programa de actos (moi xeitoso, entendo tamén eu) sexa case clandestino, xa non constitúe un motivo de sorpresa. Hoxe volveremos á Feira, a participar na presentación d’ Os Grouchos e no recital narrativo e poético de Manuel Rivas. A pesar da melancolía, non desistimos.

Feira do libro de Melide

O domingo ao mediodía estaremos en Melide para moderar un acto literario da Primeira Feira do libro do Camiño de Santiago no que participarán algúns dos escritores gañadores do Premio de Narrativa Terra de Melide. Organizada polo concello na fermosa praza do Convento, cun número importante de librarías, esta nova feira do libro ten un atractivo carácter alternativo. Desexámoslles os maiores éxitos.

Feiras do libro, procurar un novo modelo

Xosé Antonio Perozo nun artigo n’ A Nosa Terra volve sacar o debate sobre o futuro das feiras do libro. Para Perozo “[…] hai que ser valentes e dicir que culturalmente non paga a pena o esforzo de programar, subvencionar e publicitar as feiras do libro polo camiño que van. Están culturalmente mortas. Hai que arriscar e procurar alternativas imaxinativas, imprimirlles ás feiras un selo de prestixio social e sacalas do reduto do tendeiro que amosan. Non lle debemos pechar a porta a ningún tipo de libro nin lingua, pero en primeiro lugar faise necesario apostar polo libro galego con decisión e en segundo polo libro en xeral como obxecto de valor. Se non é así, que peche o último en saír e tire a chave ó mar”. No diagnóstico do problema estou con Perozo, mais entendo que antes de deixarse caer nos brazos da desolación, aínda é posible reorientar o modelo de feiras no marco dunha nova política de lectura e de visibilidade para o libro, as bibliotecas e a libraría.

Numilog, libraría dixital francesa

Numilog é un libraría dixital francesa que ofrece máis de corenta mil títulos de e-books dispoñibles en formatos pdf en prc . De moitos títulos ofrece tamén a posibilidade da lectura ou consulta gratuíta en liña da totalidade ou parte do contido ou de adquirir a versión audiolibro. Os prezos das descargas son sensiblemente inferiores aos libros impresos en papel. Tamén ten un espazo de libros de descarga gratuita. O interese deste portal dixital é que ofrece formatos múltiples de lectura electrónica adaptados aos diferentes tipos de contidos. Os títulos en formato pdf están concibidos para a súa lectura con Adobe Reader sobre a pantalla de calquera tipo de ordenador. Outras posibilidades interesantes desta libraría dixital son a posibilidade de compra de determinados capítulos, partes ou artigos dun libro ou o encargo da súa impresión baixo demanda. O modelo de Numilog anticipa algunhas das tendencias que parecen detectarse como principais na comercialización e distribución de libros electrónicos: versatilidade, segmentación do contido e oferta de produtos de lectura para utilizar nunha multiplataforma dixital. Volveremos en futuras anotacións sobre este interesante modelo.

Pó dos livros

Eis como se anuncia na rede a libraría Pó dos livros. Un novo tipo de booktrailer. O blog desta libraría independente é magnífico, sobre todo a utilización dos vídeos e da música.
Tirado de Blogtailors.