[Pascal Quignard, citado por Libros del Silencio]
Onte 456: Acougo
/en Edición, Editores, Lectura, Onte, Persoal/por bretemasTras varias semanas de actos e viaxes seguidas, aproveito a tarde enteira para acougar na casa e ler devagariño. Hai varios orixinais que agardan dende hai tempo. Ler, anotar, acoutar, consultar, corrixir, valorar, escribir son tarefas indispensables para preparar o diálogo cos autores dos manuscritos. É o momento decisivo no que o editor se compromete coa obra ou no que decide non incorporala ao seu catálogo, decisións ambas as dúas non exentas de risco. Aínda que para algúns semelle inverosímil, esta lectura reflexiva continúa sendo a primeira, principal e máis gozosa actividade do oficio do editor.
Onte 450: Ser libris no Culturgal
/en Age, Book_trailer, Iniciativas, Internet, Lectura, Libro, Lingua, Novidades, Onte, Promoción do libro, Publicidade, Recurso_didáctico, Vídeos/por bretemas
Nunha xornada memorable do Culturgal 2012, na que se bateron todas as marcas de afluencia de público, presentamos a campaña «SER LIBRIS» promovida pola Asociación Galega de Editores. Esta peza de 47 segundos, preparada polo equipo de Illa bufarda, é o eixo dunha iniciativa coa que os editores pretendemos contribuír a sensibilizar á cidadanía galega sobre as lecturas como agasallo de Nadal. Baseada no carácter transversal e interxeracional da lectura, a peza ofrécese ademais como un recurso con posibilidades de aproveitamento didáctico.
Onte 408: «Ler para Conectar», sobre o Plan de Lectura do País Vasco
/en Bibliotecas, Cultura, Iniciativas, Lectura, Literacidade, Recurso_didáctico/por bretemas«Ler para Conectar» é o lema escollido polo Plan de Lectura do País Vasco que onte coñecimos polo noso bo amigo Txetxu Barandiarán. Unha iniciativa interesantísima que se convertirá, a partir de agora, en referencia nas políticas públicas de lectura futuras. O plan vasco asume un concepto de lectura 2.0, tanto dende a súa dimensión educativa (a lectura é a ferramenta de aprendizaxe indispensable de acceso ao coñecemento ao longo de toda a vida), económica (o modelo produtivo actual esixe capital humano con competencias avanzadas en lectura e escritura dixital e analóxica) como cívica (a actual lectura sobre diversos soportes e con presenza nas redes sociais ten un forte impacto sobre a convivencia cidadá). Outrosí sucede coa súa inequívoca aposta pola lectura no contexto dixital, polo desenvolvemento dunha nova rede bibliotecaria e por unha ampla mobilización social a prol da lectura. Parabéns aos promotores dunha iniciativa que seguiremos dende Galicia coa maior atención.
Onte 401: Lectura en pantallas
/en Educación, Lectura, Literacidade, Onte, Tecnoloxías/por bretemasPreparando unha intervención sobre as mudanzas da lectura, que me encargaron para incluír nun curso do CFR de Vigo, volvín sobre os estudos de Thierry Baccino sobre a lectura en pantallas. Para o director científico do Lutin da Villete, a lectura sobre pantalla esixe un maior nivel de intervención do cerebro e un comportamento cognitivo diferente do da lectura en papel. Segundo Baccino «as zonas do encéfalo que controlan a toma de decisións e os razoamentos complexos actívanse con maior intensidade cando lemos sobre unha pantalla que cando o facemos sobre os soportes impresos». Debido á necesidade de efectuar máis eleccións no proceso lector, a existencia de máis información dispoñible, a superposición de elementos con sistemas de codificación e de interpretación diferente, o nivel de complexidade cognitiva é maior e, polo tanto, tamén a posibilidade de perdas de significado. Baccino chega a estas conclusións baseándose na comparación de experiencias de oculometría nas que procurou dectectar os parámetros de calidade lectora sobre ambos os dous soportes, diferenciando a percepción, a comprensión e o xeito de organizar a información de cada un deles. Baccino prognostica que, a pesar da súa complexidade, «a lectura en pantalla constituirase nun hábito e o papel correrá o risco de provocar a mesma sensación que as películas en branco e negro, unha desagradable impresión de regresión». Dá moito que pensar.
Onte 381: As cifras de Twitter
/en Internet, Lectura, Literacidade, Onte, Tecnoloxías, Twitter/por bretemasPreparando a miña intervención na Rede de Coñecemento Compartido que a AGE organiza o vindeiro martes sobre «A identidade dixital da editorial», din con algunhas desas cifras desorbitantes (das que descoñezo a súa fiablidade) sobre o uso de Twitter. Pareceume impresionante que sexan xa 500 millóns os usuarios de Twitter no mundo, estimándose que en España xa superan a barreira dos cinco millóns. Botando contas e asumindo a fenda dixital galega, estimo que en Galicia contan con perfil nesta rede informativa entre 200.000 e 250.000 persoas. Xa sei que moitas estarán inactivas ou que o utilizan só para a participación pasiva, mais ninguén pode negar o impacto sobre os nosos hábitos de acceso á información desta lectura dixital, realizada na maior parte das ocasións sobre pantallas de teléfonos móbiles. Unha mudanza dun enorme calado.
Onte 375: Proyecta
/en Educación, facebook, Internet, Lectura, Libro_electrónico, Onte, Recurso_didáctico, Tecnoloxías, Twitter, Vídeos/por bretemasSabiamos dende hai tempo da xestación da Plataforma Proyecta, unha iniciativa de educación dixital promovida pola Fundación Amancio Ortega Gaona. Onte foi o día no que comezou o lanzamento deste proxecto concibido para que o profesorado non universitario poida compartir obxectos e contidos educativos dixitais, ademais de contar con ferramentas para crealos e de espazos e materiais formativos sobre o proceso de dixitalización educativa e da utilización das TICS nas aulas. A pesar do pouco que puidemos navegar, a primeira ollada á plataforma aventura que Proyecta pode converterse axiña nun espazo de referencia no proceso de tránsito cara ao paradigma da educación hipertextual. Beizóns para o seu equipo de profesionais e longa e ventureira andaina!
Onte 362: Por unha nova axenda para o sector do libro
/en Editores, Lectura, Librarías, Libro, Onte/por bretemasComparto a preocupación de Joaquín Rodríguez sobre o futuro do sector do libro. Dende hai meses, a crise de consumo comeza a bater de forma desoladora sobre as vendas de edición xeral nas librarías, as devolucións increméntanse (un feito que xa recoñecemos todos os editores e libreiros), aumentando a dependencia de ambos os dous sectores profesionais dos resultados da campaña de libro de texto e das lecturas prescritas polos centros escolares. Se non abondase, as previsións da campaña de Nadal non poden ser moi alentadoras, cando máis de dous millóns de funcionarios, onde está unha parte do mercado de lectores máis comprometidos, quedarán sen paga. Como é un feito incuestionable que o ecosistema de lectura dixital muda os protagonistas na cadea do libro, ao tempo que o mercado da distribución dixital se concentra nun 85 % arredor dos dous xigantes estadounidenses que operan en España (Amazón co 38 % e Apple co 20 % xa hexemonizan o mercado de e-books) e das tres cadeas de librarías (FNAC, Casa del Libro e El Corte Ingles), deixando apenas un 15 % ao resto de plataformas dixitais e iniciativas de editores e libreiros independentes. Neste entorno de mudanza e incerteza, a apelación de Joaquín Rodríguez de procurar unha saída cooperativa para poñer en valor o procomún dos sectores do libro semella debe ser atendida. Neste momento de tránsito imparable as estratexias individuais, como mesmo as sectoriais, amósanse insuficientes para sobrevivir e para facer fronte aos novos retos. O sector do libro no seu conxunto precisa deseñar unha nova axenda (non me gusta iso de «folla de rota»), que vaia máis alá das lexitimas preocupacións sobre a propiedade intelectual ou sobre a necesaria homoxenización da fiscalidade do libro. É o momento de pararse a reflexionar rachando límites coa intención de deseñar unha estratexia intersectorial (edición, libraría, distribución, autoría e mediación) e transversal (iniciativas públicas e privadas) que chante novos alicerces para o futuro de cada un dos sectores e das políticas de lectura.
[Alberto Manguel, «El sueño del Rey Rojo», Alianza Editorial, páxina 475]/en Autores, Citas, Lectura/por bretemas
Onte 356: «El sueño del Rey Rojo», novo libro de Manguel
/en Autores, Ensaio, Lectura, Libro, Novidades, Onte, Recurso_didáctico/por bretemasEstou enguedellado co novo libro de Alberto Manguel, El sueño del Rey Rojo, outra entrega do arxentino-canadiano arredor da lectura, que concibe como «a máis humana das actividades creativas». Desque en 1998 lin Una historia de la lectura, sigo con enorme interese cada un dos seus libros que publica con excelencia e agarimo Alianza. El sueño del Rey Rojo enlaza coa paixón carrrolliana de Manguel que expresara hai máis dunha década En el bosque del espejo,do que recolleu algúns ensaios. Ambos os dous títulos quedan unidos, ademais, en cadanseu subtítuo que fai referencia ás «palabras e o mundo», sintagma co que Manguel reivindica a dimensión ética da lectura e a súa condición intrinsecamente humana: «considero que somos, en esencia, animais lectores e que o arte da lectura, no seu sentido máis amplo, defínenos como especie». Para Manguel é a palabra impresa a que lle «dá coherencia ao mundo» sendo a experiencia da lectura a que permite que o libro mude de forma nas mans de cada lector ou lectora. A finalidade da lectura, unha das reflexións claves do volume, é «descubrir nun libro o rexistro da propia experiencia». Para Manguel «ler é a capacidade de entrar nun texto e exploralo ao máximo das nosas habilidades persoais, tomando posesión súa nun acto de reinvención». El sueño del Rey Rojo é un libro fermoso, que para min precisa dunha lectura a sorbiños, atenta e demorada. Moi recomendable para letraferidos e amantes da metalectura.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- A fala de Vigo26 de Novembro de 2024 - 10:32 a.m.
- Karnix celta25 de Novembro de 2024 - 9:30 a.m.
- Lar20 de Novembro de 2024 - 10:22 a.m.
- Festa do cabazo19 de Novembro de 2024 - 9:45 a.m.
- Pregón da festa do cabazo17 de Novembro de 2024 - 9:02 p.m.