Algo vai mal
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da publicación da tradución española do derradeiro ensaio de Tony Judt, Algo va mal, reflexiono sobre o malestar cidadán expresado pola ampla folga xeral do pasado 29S.
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da publicación da tradución española do derradeiro ensaio de Tony Judt, Algo va mal, reflexiono sobre o malestar cidadán expresado pola ampla folga xeral do pasado 29S.
Henrique Otero Covelo, «o gaiteiro do Fragoso», naceu hai case oitenta anos no camiño da Brea, en Lavadores. Os seus primeiros pasos no eido da música deunos ao pé da casa, nas Escolas Nieto, onde Mónico García de la Parra y Téllez, descubriu o seu talento como instrumentista. Con a penas dezaseis anos, entrou a formar parte da Banda Municipal de Música como trompa, para pasar logo a tocar o fliscorno e o bombardino; despois de case cincuenta anos domeando o vento, era o músico máis antigo no momento da súa disolución no ano 93.
No servizo militar serviu na sección de gaiteiros do Ministerio do Exército de Madrid, cidade onde coñeceu o gaiteiro lucense Antonio Martínez, que lle deixou unha forte pegada. O mozo Covelo intuía xa o que era a gaita enxebre, a gaita non lixada, a gaita do arrogante gaiteiro de Penalta que cantou Curros Enriquez, a pureza das notas de Xan Míguez o «gaiteiro de Ventosela», ou a de Avelino Cachafeiro o «gaiteiro de Soutelo».
De volta a Galicia, entrou no grupo de gaiteiros «Vento das Cíes» e, pouco despois en 1958, coincidindo coa celebración do IIº Concurso de Gaitas convocado pola sección viguesa de Educación e Descanso, fundou co gaiteiro Suso Portela «Os Cruceiros»; un cuarteto clásico que completaban Carlos Conde, tamborileiro, e Manolo Solla, bombeiro, e, ao que ocasionalmente, se engadía Militón, un consumado xenio no arte da pandeireta.
«Os Cruceiros» sortearon durante vintecinco anos os perigos trivializadores do folclorismo que promovía a Sección Feminina e os Coros e Danzas do Réxime coas únicas armas do seu talento e da súa intuición; acadaron grande popularidade en todo o país, chegando a gravar un elepé e catro discos singles. «Airiños do Parque de Castrelos», «Airiños de Sampaio», «Os Morenos de Lavadores», «Os Campaneiros de Vilagarcía», «Os Garceiras de Melide» ou «Os Raparigos de Ferrol» foron outros grupos que mantiveron viva a nosa música popular nun tempo heroico para a expresión da nosa identidade.
O gaiteiro do Fragoso non se conformaba e será quen propoña en 1966 ao alcalde Portanet a creación dunha Escola de Gaiteiros na Escola de Artes de Oficios. Iniciativa que se concretaría en 1971 coa posta en funcionamento dunha aula experimental de gaita dentro do Conservatorio Municipal de Vigo da que será o seu primeiro mestre. O fito senlleiro desta primeira «cátedra da gaita galega» levarao a loitar por dar un paso máis aló: facer oficial a gaita. Un novo soño feito realidade en 1977, co apoio do pleno da Corporación, cando o Ministerio de Educación y Ciencia recoñeceu por vez primeira os estudos oficiais desta expresión musical.
Dende a súa cátedra do Conservatorio vigués o gaiteiro do Fragoso desenvolveu unha inxente tarefa como facedor de gaiteiros e defensor da mellor tradición gaitística galega. Coma formiguiña entusiasta puxo os alicerces da alborada actual da nosa gaita no mundo. Velaí a publicación das súas Leccións de gaita no ano 1978. Velaí os seus centos de alumnos e discípulos como o mestre Xaime Estévez Vila ou os recoñecidos Carlos Núñez e Susana Seivane. Velaí a vixencia das súas pezas interpretadas por grupos como Noitarega ou Treixadura. Velaí as súas duascentas dez composicións orixinais, reunidas baixo a denominación d’ Os cantares dos gaiteiros, unha única obra, magno friso creativo da música popular contemporánea de noso. Velaí a profundidade dalgunhas das súas pezas vocais, inesqueciblemente emotivas como a «Oración do gaiteiro» que escribiu no recordo dos rapaciños do Colexio Vista Alegre de Cabral, afogados no accidente do río Órbigo; velaí o virtuosísmo da súa muiñeira da «Marmuradiña», a profundidade da súa «Alborada do Fragoso», a enxebreza da súa «Muiñeira do Lagares», ou a riqueza tímbrica formidable da súa «Jota do Gaiteiro do Fragoso».
O gaiteiro do Fragoso toca a gaita que sabe a herba, a das raíces da terra, a do sabor popular que nos permite brincar con entusiasmo. Os nosos parabéns pola homenaxe que recibiu onte en Vigo, gaiteiro, mestre de gaiteiros!
No artigo da semana dedico unha homenaxe á figura do meu admirado Camilo Nogueira con motivo do premio Pedrón de Ouro que recibiu onte en Padrón.
No proceso de tránsito entre o paradigma analóxico e dixital da comunicación cultural que estamos vivindo son moi necesarias as reflexións sobre o devir do propio proceso. Á abondosa bibliografía sobre a cuestión engádese Metamorfosis de la lectura, un ensaio esencial de Roman Gubern sobre a prolongada evolución textual protagonizada pola humanidade ao longo da súa historia. Papei as cento e vinte páxinas do libro en apenas dúas sentadas. Deslumbráronme os primeiros catro capítulos, referidos aos aspectos bioantropolóxicos do agromar da nosa cultura (un enfoque moi novidoso), dende o desenvolvemento das linguaxes, a escritura e os alfabetos, deica esa creación civilizatoria maxima que supuxo o libro, nas súas diversas aparencias: papiro, códice e impreso. Especialmente fermosos son os dous capítulos nucleares do ensaio, o terceiro, referido á epifanía do libro, e o cuarto, no que se aborda cunha claridade abraiante o período de apoxeo do libro impreso, os séculos XIX e XX. Gubern, un auténtico sabio, é capaz de ofrecer en apenas setenta páxinas unha fascinante historia da lectura, o libro e os movementos literarios a eles asociados. Gubern faino abordando o esencial, sen aborrecer con erudición académica, propoñendo ademais conceptos operativos (como o da «cadea enunciativa» da circulación social da escritura) que facilitan comprender mellor o momento de tránsito e toda a súa fraxilidade. Porén, chegado ao derradeiro capítulo («Da computadora ao libro electrónico»), Gubern sen abandonar a súa capacidade analítica para describir con acedume o fenómeno do «pantallismo contemporáneo» nin perder a posibilidade de bautizar a crise actual como a «Gran Recesión», queda posuído pola vertixe e fraxilidade da cultura dixital e renuncia a propoñer un espazo prospectivo e expresa, apenas, que «os soportes analóxicos e dixitais convivirán«. Máis decepcionante, aínda, son as dúas páxinas finais do ensaio nas que si se atreve a propoñer un decálogo das vantaxes ou atractivos do libro impreso sobre o electrónico, que non está á altura da lucidez dun texto chamado a converterse en referente sobre a cuestión. No entanto, recoméndoo moi vivamente, é un dos libros sobre libros máis interesantes dos que teño gozado nos últimos anos.
Hoxe 25 de abril lembramos as versións de «Grândola, vila morena» da Amália Rodrigues e da homenaxe galega ao Zeca Afonso.
Fálase moito do auto do xuíz Baltasar Garzón polo cal foi procesado pola Sala 2ª do Penal do Tribunal Supremo. Non está de máis ler esta peza xurídica (pode baixarse en pdf aquí) que constitúe, tamén, unha admirable síntese histórica da brutalidade represiva do franquismo. O texto e os seus fundamentos poden compararse cos rebatidos nestoutro (tamén aquí en pdf) do maxistrado Luciano Varela, tras admitir a querela presentada por Falange Española, auto polo que Garzón é acusado de prevaricación. Dous textos que admiten un interesante comentario de textos (crítico e comparativo).
No artigo da semana analizo o proceso de retirada de símbolos franquistas na cidade de Vigo, dende as mudanzas no rueiro de comezo dos anos oitenta até a recentísima aplicación da Lei da Memoria Histórica; propoñendo, finalmente, a retirada da «Cruz do Castro», símbolo da sublevación militar.
Este serán presentaremos no Salón Nobre de Fonseca Inmunda escoria, a formidable obra de Ricardo Gurriarán sobre as mobilizacións estudantís na Universidade de Santiago durante o franquismo. Para o evento contamos coa participación de Vicente Álvarez Areces, o presidente do Principado de Asturias e destacado protagonista dos acontecementos do estoupido do 68 que pechan este estenso relato de máis de cincocentas páxinas e tres horas de gravacións no dvd que acompaña a cada exemplar. Confeso a miña fe neste libro que constitúe un auténtico océano para a nosa memoria antifranquista, unha arca de vidas e algúns segredos agora desvelados, o relato [realizado coa voz dun centenar de protagonistas] dun tempo no que se sementaron os valores da convivencia democrática actual (tan renqueante, mágoa!). Ademais de promover a recuperación da memoria republicana de Galicia, cómpre impulsar máis decididamente a construción do relato colectivo do franquismo e do antifranquismo, un tempo contraditorio e decisivo non só para os que nos imos facendo xa un pouco maiores, tamén para as xeracións mozas, ás que non lle podemos agachar que a democracia actual foi unha moi díficil conquista, chea de pasos adiante e atrás. O libro de Gurriarán é unha trabe primeira para termar dese proceso. Recoméndoo moi vivamente.
No artigo da semana rememoro o carácter popular da festa da Reconquista, que hoxe celebramos en Vigo, ao abeiro das achegas bibliográficas recentes de Eduardo Rolland e Xosé Ramón Barreiro Fernández. A pesar do moito que se ten avanzado no coñecemento e interpretación destes feitos, continúan existindo zonas de sombra para os historiadores, como é o caso da existencia ou non de Carolo –«ese ancián mariñeiro do Berbés que caeu morto no seu empeño de deitar a machadazos á porta de Gamboa», segundo relata Xosé María Álvarez Blázquez– do que, porén, os investigadores non atopan rastro ningún na documentación. Sexa ou non un mito, na figura dese Carolo ou desoutra Aurora (a heroína que conseguía mobilizar ás mulleres), dous dos protagonistas da escenificación popular da Festa Reconquista realizada onte no Casco Vello, atopamos a estirpe popular do fenómeno fundacional da nosa cidade. Conservar o carácter popular e participativo da Reconquista debería ser o obxectivo primeiro da festa que hoxe celebramos.
Xeitosa reportaxe fotográfica de Sonia Daponte en Xornal de Galicia.
No artigo da semana fago unha lembranza da achega do cantor Suso Vaamonde á música popular galega con motivo do décimo aniversario do seu pasamento.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
