Onte 1456: Catalás 27S. Os matices

Junts-CUP-recalca-candidato-president_EDIIMA20150928_0495_18Tras os resultados definitivos das eleccións catalás, chega o momento de estudar matices e establecer marxes de acción.

O primeiro matiz é o de determinar a porcentaxe real de votos das opcións independentistas, 47,74 % se sumamos Junts e CUP, pero que podería superar o 50 % se engadísemos apenas un terzo dos que poderían corresponder ao polo soberanista de CatSiqueesPot, o que non parece ningún disparate. Se ao 56,71 % que apoian o dereito a decidir engadimos o 12,74 % dos votos correspondentes ao PSC e o 2,5 % de Unió que propoñen formas dun estado federal, obtemos unha cifra esclarecedora. o 71,96 % do electorado que acudiu as urnas o domingo expresa unha clara vontade de que se modifique o actual estatus político de Catalunya.

O segundo matiz refírese ao realismo da CUP ao considerar a porcentaxe do 47,74 % insuficiente para formalizar unha declaración unilateral de independencia, a pesar de que expresa que foron máis os votos a prol da independencia que os votos que se poden considerar en contra, 39,17 %.

O terceiro matiz obriga ás forzas políticas soberanistas a fiar aínda máis fino. Máis alá do estudo das cifras dos apoios recibidos por elas e polas forzas unionistas debe valorar o nivel de cohesión do conxunto da sociedade catalá á hora de asumir esta polarización electoral que non está ainda decantada definitivamente. Non esquezamos que a cohesión cidadá é un requisito indispensable para facer recoñecible internacionalmente calquera proceso de creación dun novo estado.

O cuarto matiz anuncia que os resultados do domingo dificultan (ou impiden) a reelección de Artur Mas como president da Generalitat, abrindo no taboleiro posibilidades audaces como a que propuxo onte Pablo Iglesias dun goberno de forzas de esquerda, para o que sería indispensable que os electos de ERC rompesen con Convergencia, o que semella case política ficción. En todo caso, semella que a continuidade do proceso soberanista non está condicionado pola continuidade ou a marcha de Mas.

E quinto matiz, na confrontación entre os partidos de obediencia española, nas eleccións do domingo gañou con claridade o polo conservador de Ciutadans e PP sobre o dificilmente asociable como de esquerda de PSOE, Podemos e IU, o que constitue un precedente a ter en conta para as Xerais de decembro.

Onte 1455: Catalás 27S

catalas_2015

Despois de chegar da asemblea da Iniciativa pola Unión, na que demos outro pasiño más no proceso tan esperanzoso coma complexo de formación dunha candidatura unitaria galega, seguimos os resultados das eleccións catalás e as súas interesadas interpretacións nos medios madrileños. Non hai dúbida que as opcións polo dereito a decidir (Junts, CUP e CatSiqueesPot) obtiveron clara maioría popular (56,71 % dos votos) e que as independentistas (Junts e CUP) gañaron as eleccións por clara maioría absoluta de escanos, mais non de votos, razón pola o mandato que recibiron é insuficiente para unha proclamación unilateral de independencia e deberán continuar alentando o proces. O incremento moi importante do voto a Ciutadans, xa a primeira forza unionista, a costa da desfeita do Partido Popular, agóiralle a Rajoy grandes dificultades nas Xerais de decembro. A capacidade de resistencia do PSC na área metropolitana de Barcelona freou as posibilidades de sorpasso de CatSiqueesPot, fórmula á que o talisman de Podemos non reforzou como era previsible. Xaora, este resultado axustado, que dificultará a Artur Mas a formación de goberno, servirá tanto para a continuidade do proceso soberanista como para a renegociación do estatus de Catalunya no marco dunha reforma constitucional, á que non será allea a máis que previsible presión dos socios europeos. Nese contexto, o resultado das Xerais será decisivo para darlle unha saída a este bloqueo, onde Galicia debería contar coa súa voz soberana.

Onte 1451: «B» de Bárcenas

posterB-copia-212x300B é a dramatización da declaración literal de Luis Barcenas diante do xuíz Ruf da Audiencia Nacional o 15 de xullo de 2013. Unha adaptación cinematográfica da obra teatral Ruz-Bárcenas de Jordi Casanovas, situada na fronteira entre o documental e a ficción. Película política, con inequívoca vocación de intervención, B desvela o financiamento ilegal do Partido Popular, dende os mecanismos de control da súa caixa B até os sobres en negro que recibían mensualmente os seus dirixentes. A interpretación extraordinaria de Pedro Casablanc no papel do tesoureiro mantén o interese dramático do interrogatorio até chegar a removernos na butaca pola indignación provocada polo relatado. Grazas ao cine podemos saber o que se nos agocha, entender en que consiste a corrupción e como funcionan os seus mecanismos. A distribución tan limitada da película, apenas 16 copias, demostra a incomodidade da película coa que debuta David Ilundain para os actuais responsables do PP.

Onte 1447: Plan de fomento do libro

sybillineDo debate cos partidos políticos organizado pola Federación de Gremios de Editores sobre a súa proposta de poñer en marcha un plan de fomento do libro e da lectura recollo apenas as posicións do partido do goberno sobre as bibliotecas e as librarías. Non me sorprende que o Partido Popular continúe teimando, como ven facendo dende 2012, en suprimir a partida dos orzamentos do estado destinada a compra de novos fondos para bibliotecas públicas, deixando toda a responsabilidade deste caso ás comunidades autónomas e administracións locais. Sen dotación, as bibliotecas públicas non poderán transformarse no corazón da actividade lectora e de acceso á información nos diversos soportes de cada comunidade local. Porén, semella que o partido de Rajoy está máis preocupado polo futuro das librarías, asfixidas pola perda dun terzo da súa facturación dende 2008, para as que promete poñer en marcha un selo de calidade que identifique aquelas que realicen un papel dinamizador no seu entorno local.

Medidas de apoio ás bibliotecas e ás librarías necesarias, mais moi insuficientes para que o sector do libro no seu conxunto poida facer fronte aos efectos do seu proceso de hibridación disrutiva. Levo tempo defendendo que só un plan transversal de fomento da lectura, desenvolvido no sistema educativo regrado e na rede de educación non formal, financiado por todos os poderes públicos e apoiado por diversas iniciativas privadas, permitirá incorporar a lectura como un dos temas preferentes da axenda pública, utilizada polos partidos políticos e polos medios de comunicación. Sen o compromiso por unha revolución lectora, temo que medidas illadas como as comentadas queden en auga de castañas.

Onte 1439: Via Lliure

diada_2015O novo éxito da Díada supón a consolidación do empoderamento dunha cidadanía catalana disposta a participar na construción dun novo país e a reclamar un novo estatus de Catalunya con España e con Europa. Un proceso de empoderamento, que no tempo coincidiu con movementos como o 15M, no que foi decisivo o peso das organizacións cívicas e sociais agrupadas na Assemblea Nacional Catalana. As fotografías desta Via Lliure da Meridiana expresan que foi un día de festa, de ledicia e esperanza compartida por moitas persoas. O carácter plebiscitario das eleccións do 27S protagonizou esta convocatoria soberanista. Tras as enquisas publicadas esta semana e despois desta gran manifestación independentista é moi probable que no 27S as candidaturas soberanistas (a lista unitaria de Junts pel Si e a da CUP) obteñan unha maioría absoluta apretada, cuxa xestión será complexa e consecuencias políticas impredicibles. Con todo, chama a atención o esforzo do Partido Popular por intensificar esta polarización, que entende lle favorecerá fóra de Catalunya nas xerais de decembro.

Onte 1437: O que vale un litro de leite

davila_tractorada

Interesoume moito o artigo que na Voz de Galicia publicou onte Xosé Antón Rodríguez sobre o valor da produción leiteira en Galicia. A tese do profesor da facultade de económicas compostelá resúmese en que o valor dun litro de leite debe ser «a suma dos custos totais de produción máis as externalidades positivas que xera». A contribución á fixación da poboación no medio rural, a produción alimentaria de calidade, o coidado do bosque ou a mellora da calidade medioambiental, como algunhas destas externalidades, deberían ser valoradas polos poderes públicos implicados, singularmente, pola Xunta de Galicia. Considerado así o valor do sector leiteiro, que achega considerables beneficios ao conxunto da sociedade galega, é de xustiza que o Goberno Galego defenda e apoie directamente ao conxunto do sector, dende as explotacións até outros elementos da cadea de valor láctea, no marco das súas políticas agrarias, demográficas e de comercio interior. Como tamén é precisa a corresponsabilidade cidadá no consumo destes produtos galegos de calidade.

Gratitude ao xenial Bichero de Davila.

Onte 1436: Tractoradas

ganaderosgrande2Nas tractoradas de Lugo e Santiago en defensa do sector leiteiro, identificamos una nova xeración de gandeiros chamada a protagonizar una mudanza radical no medio rural en Galicia. Unha xeración, retratada por Manuel Iglesias Turnes na súa segunda novela, Que non te aten, prevista para comezos de ano, que racha cos estereotipos e prexuízos sobre un mundo rural atrasado e conservador. Tras as fileiras de John Deere, rodeando a Muralla e sitiando Compostela, están mozos e mozas que, diante do remate da política de cotas, apostaron esperanzados pola modernización tecnolóxica e competitividade das súas explotacións, até converter algunas nas máis avanzadas de Europa. Diante da inacción conformista dos gobernos de Rajoy e Feijoo, a súa mobilización, que xa adquiriu tintes históricos, é determinante para o futuro do sector leiteiro, sometido aos efectos da deslocalización alimentaria e das políticas agrarias da UE. Os nosos gandeiros merecen todo o apoio.

Onte 1425: Hibridación do libro de texto

creative_bookAnele publicou onte o seu informe anual sobre a evolución dos prezos do libro de texto, no que incluíu a súa valoración sobre a situación do sector. Entre os datos destaco a estimación dun incremento de prezos dun 1,05 %, nun curso onde se publicarán os novos materiais que desenvolven as prescricións curriculares da LOMCE para o conxunto da Primaria e para algúns cursos de ESO de Bacharelato. É significativo, ademais, que o informe recoñeza que dende o curso 2011/12, o da chegada de Rajoy ao Goberno, se reduciron as vendas de libros de texto nun 16,32 %, así como que o gasto medio por alumno pasase dos 111,23 € de 2011 aos 91,62 de 2014. Foi importante o impacto que para o sector supuxo a diminución das axudas para a adquisición de materiais didácticos, que no mesmo período pasaron dos 100 millóns de 2011, á supresión olímpica desta partida por parte de Wert, até a súa tímida recuperación (24 millóns de euros para este curso que comeza e o seguinte) por parte do novo ministro de Educación.

No que respecta aos datos publicados sobre a oferta de libro de texto en galego, é salientable que o catálogo acadase os 1,894 títulos, dos que o 75 % foron editados en papel e o 25 % en soporte dixital (456 títulos), cifras que amosan o imparable proceso de hibridación dos materiais didácticos en Galicia e na nosa lingua. Con todo, non esquezamos que os libros dixitais supuxeron o pasado curso apenas 24 millóns de euros, o 3,29 % da facturación do conxunto do sector (748 millóns de euros para máis de oito millóns de alumnos).

O proceso caótico de implantación da LOMCE, a incertidume provocada polo atraso na publicación dos novos currículums e das orientacións para a confección das programacións didácticas, asi como o escaso respecto á propiedade intelectual e aos contidos educativos por parte das diversas Administracións Educativas no actual proceso de dixitalización (un eufemismo que utilizamos para evitar falar de plaxios inconfensables de libros  impresos) son circunstancias que están condicionando negativamente este proceso de hibridación da oferta editorial educativa.

Onte 1412: Incendios forestais

arde_galicia

Cando regresamos onte de Aldán, unha nube mesta de fume adiantaba o solpor sobre a ría. Os incendios no Baixo Miño durante toda a xornada, en ambas as dúas beiras do Miño, engadíanse á relación de 74 lumes da fin de semana en Galicia. Particulamente graves foron os lumes que rodearon outra vez Compostela e a provincia de Ourense, como os que afectaron a espazos protexidos da rede Natura como Toques, Corrubedo ou o monte de Santa Tegra no esteiro do Miño. Porén, para o actual Goberno Galego os incendios forestais xa non forman parte da axenda pública galega. Queda xa moi lonxe a indignación de Feijoo cos lumes daquel verán de 2006, onde culpaba da súa orixe ao goberno de Touriño. Os recurtes nos medios de extinción e prevención, denunciados con retranca polo Bichero de Davila, como a recente mudanza lexislativa aprobada polo Partido Popular sobre a posibilidade de recualificación de terreos queimados poden estar afectando tamén aos incendios forestais deste verán tan seco en Galicia.

Leite galego

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á situación do sector leiteiro.

prezos_xustos_para_o_leite

A crise do sector leiteiro constitúe unha ameaza para o mundo rural galego e para o futuro do sector agrogandeiro. Tras a liberalización da produción aprobada pola Unión Europea, que supuxo a desaparición das cotas lácteas, os prezos do leite derrubáronse, colocando aos nosos gandeiros nunha situación económica límite. A baixa dos prezos do leite en orixe en toda a Unión Europea, que no pasado mes de xuño era de 30,40 céntimos por quilo, acentuouse en Galicia onde segundo denuncian as organizacións agrarias hai case tres mil explotacións que xa o venden por menos de 0,26 e algunhas mesmo por menos de 0,20 céntimos por quilo (moi lonxe dos 0,35 céntimos, prezo medio do ano 2014). Prezos xa moi por debaixo dos custes de produción, insostibles para os produtores, que desequilibran toda a cadea de valor do sector e ameazan con deslocalizar a produción cara outros países da Unión Europea.

Nesta situación crítica, os responsables das case 9.500 explotacións leiteiras galegas, máis da metade das existentes en España, e as súas organización sindicais, promotoras da Plataforma pola Defensa do Séctor Lácteo Galego, denuncian as ameazas dalgunhas industrias de non recoller este produto perecedeiro e reclaman garantías duns “prezos dignos” (apenas un eufemismo para expresar que non sexan a perda) e a intervención enérxica e urxente das administracións públicas, o Ministerio de Agricultura e a Consellaría do Medio Rural, sobre a cuantificación e xestión dos excedentes lácteos, o seu almacenamento privado e a entrega a terceiros países, entre outras medidas dun plan de choque para o sector.

Unha baixada de prezos á que non son alleas circunstancias xeopolíticas, como o embargo da Unión Europea a Rusia, primeiro importador de produtos lácteos da UE, como o descenso das exportancións a China de leite en po. Unha baixada que no caso español tamén se explica polas dificultades de xestión, almacenamento e transformación dos excedentes como a tendencia á baixada do consumo do leite e derivados lácteos. Xaora, tamén semella que no caso especificamente galego é determinante o escaso compromiso co sector das administracións públicas, singularmente da Xunta de Galicia, na mediación dos produtores tanto coas industrias leiteiras, que neste contexto crítico impoñen os prezos, como coas empresas de gran distribución alimentaria, que banalizando o valor do leite utilizan o seu prezo como reclamo para os seus establecementos. Se isto non abondase, o fracaso do proxecto dun grupo lácteo galego, como a ausencia dun plan lácteo do Goberno Galego, integrado nun programa de política agrogandeira a longo prazo, agravan a situación dun sector estratéxico para Galicia, tanto polo seu niveis de emprego directo e inducido como pola súa capacidade para artellar o tecido social e comercial de moitas comarcas rurais e fixar nelas poboación nova.

A abordaxe diferente da crise dos prezos do leite é moi significativa para entender a defensa dos sectores económicos propios no marco da Unión Europea. Mentres o Goberno Galego relativiza a importancia do problema leiteiro e aínda non foi capaz de sentar nunha mesma mesa a todos os tres sectores implicados (produtores, industrias e distribuidores), en Francia, tras a tractorada que bloqueou o acceso ás industrias e tras a mediación do ministro de Agricultura, todos os compoñentes do sector acordaron revalorizar o prezo do leite francés até finais deste ano. Un entedemento cuxo obxectivo está en garantir un prezo para os produtores no entorno dos 0,34, un incremento de catro céntimos por quilo que nunha parte será asumido polas industrias e distribuidores e por outra trasladado aos consumidores, aos que se lles solicita “un esforzo para superar esta crise”. Outrosí sucede coas empresas de gran distribución que asumen o compromiso de aprovisionarse só con leite francés para as marcas brancas que venden nos seus hipermercados.

O caso da crise do leite explica ás claras como un sector estratéxico para Galicia, en termos económicos, territoriais e sociais, pode ser porén prescindible dentro da lóxica económica e política manexada pola Unión Europea ou polo Gobierno de España. Como tamén expresa a importancia que teñen as políticas de consumo responsable, asumidas por amplos sectores da cidadanía, na reorientación da actividade dos sectores económicos. No caso galego, a defensa da viabilidade do sector do leite, como tamén o da carne ou o do viño, por poñer outros exemplos do sector agroalimentario, deberían ser considerada estratéxica e preferente polos poderes públicos, mais tamén asumida polos consumidores e consumidoras que de forma corresponsable apoian o produto propio, como garante de calidade e desenvolvemento sostible. Apoio o leite galego.