Onte 1573: Rivas no Ateneo de Pontevedra

CaZKiggXEAEYvFEManuel Rivas deu a benvida ao máis do cento de persoas participantes onte na presentación no Ateneo de Pontevedra d’ O último día de Terranova lendo «A perpetuidade da aldraxe perfecta», o manifesto que publicará nos próximos días no número 26 da revista Luzes. O que Rivas denominou «a aldraxe perfecta» e «a aldraxe das aldraxes», a extensión da concesión de ENCE durante os vindeiros sesenta anos aprobada polo goberno en funcións, chama á mobilización de todas aquelas persoas non adscritas ao partido conformista. Foi, despois, a activista Carme Durán, quen presentou a Manuel Rivas e quen recomendou moi vivamente a lectura d’ O ultimo día de Terranova. Comezou saientando Rivas que «a novela comeza nun intre de apocalipse do que os protagonistas non foron informados, un día de derrota na súa vida, de afundimento». Continuou sinalando que, porén, «nesa derrota da linguaxe e da vida, aparecía a pulsión do desexo, un puxilato con Tánatos, que permite enfrontarse coa realidade». «O último día de Terranova naceu da necesidade de establecer unha simetría, un xeito de adestramento, de autodefensa,»

«A literatura ordena, permite deseñar un mapa onde pousar os principios de realidade, mais tamén é capaz de desequilibrar e cuestionar.» «Na novela existe unha psicoxeografía de espazos interiores, historias de idas e voltas sobre un un espazo de refuxio, que tamén é de asedio.» Reflexionou despois Rivas sobre o que foi aquí a serie negra: «Como sucede coa serie negra en España as chamadas “historias da Guerra” son a nosa verdadeira serie negra. Mais aínda cando a maior organización criminal, durante décadas, foi en España o estado. Na novela está isto presente co caso da poliomelite que demostrou que a ditadura, un estado corrupto, afectou tamén sobre os corpos. Como sinala Vicenzo Fontana, o libreiro narrador da novela, “o meu corpo é un manifesto”.» «Na novela fálase moito dos corpos, hai varios personaxes que son substitutos, que nos mergullan nunha realidade inquedante.»

«O gran drama no que sucumbe Terranova é que a realidade intelixente abanea e, pola contra, camiñamos cara a distopía, cara aqueles tempos difíciles dos que falaba Dickens, onde todo se medía polas cifras, onde todo o que non se pode vender obtendo beneficio non merece existir.» «Fronte a isto, na novela prodúcese unha rebelión das palabras que se converten en imaxes de desexo.»  «Como tamén un encontro entre a cultura popular e a cultura literaria, entre iguais. Hai un fío con libros anteriores, sobre todo con Os libros arden mal, ambos os dous historias dramáticas da cultura. Como lembra Walter Benjamin a racionalidade da cultura ten no seu envés a barbarie.»

Malos tempos para as letras

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo a reflexionar sobre a problemáticas dos autores e autoras xubilados, tras a reforma da Lei de pensións de 2012.

2016_1_22_26566s740xNon se entenden as razóns do goberno de Mariano Rajoy polas que tras a reforma da “Lei de pensións” de 2012 os ingresos dos escritores e escritoras por dereitos de autor e outras actividades profesionais, se superan o importe do salario mínimo interprofesional (hoxe arredor de 9.000 euros), son incompatibles coa percepción dunha pensión de xubilación. Dende a aprobación desta norma, promovida polos ministerios de Facenda e Emprego e Seguridade Social, os narradores, poetas, dramaturgos, ensaistas, científicos, investigadores están obrigados a renunciar a un dos dereitos que lle son propios: ou ben o da xubilación ou ben o das regalías que polas súas obras reciben anualmente dos seus editores. Obrígaselles a escoller entre o dereito a percibir unha pensión de xubilación que, tras desempeñar unha actividade laboral por conta allea ou despois de contribuír durante décadas ao réxime de aútonomos acáelles como calquera outro cidadán, ou a percibir as cantidades que lles corresponden como propietarios dos dereitos de explotación comercial dunha obra literaria, musical ou visual da que son autores ou autoras ao longo de toda a súa vida, protección que se alonga aos seus herdeiros e herdeiras durante setenta anos despois do seu pasamento.

Esta decantación entre pensión ou dereitos de autor é inxusta, xa que ningún cidadán pode ser obrigado a renunciar aos seus dereitos cívicos ou a propiedade dos seus bens. É, ademais, inxustificable, xa que esta incompatibilidade non existe noutros países da Unión Europea, onde é posible acumular o cobro da pensión de xubilación coas cantidades que os autores e autoras puidesen recibir pola súa actividade literaria ou artística (dereitos, premios, artigos, informes e conferencias). Como tamén resulta discriminatorio que para estes pensionistas da literatura, das artes e de todo o sector creativo se estableza un límite máximo para os seus ingresos artísticos, mentres non existe límite ningún para outras cantidades que puidesen percibir eles (como calquera outro pensionista) por intereses bancarios, alugueiros de pisos, rendas inmobiliarias ou rendementos do capital mobiliario. Discriminación que chega á máis aberta incoherencia cando esta incompatibilidade parece que non afectaría aos ingresos que puidesen percibir por dereitos de autor os seus herdeiros, o que alenta aínda máis a sospeita entre os membros dos diversos sectores da creación de que se trata doutra medida exemplarizante do goberno de Rajoy co tan “antipático sector da Cultura”.

Xaora, co argumento “incuestionable” das políticas de consolidación fiscal, que xustificaron todo tipo de recortes das políticas públicas, na pasada lexislatura retrocedéronse moitos anos nas políticas culturais en España. O polémico Wert non só pasará á historia por aprobar a LOMCE, sen contar co apoio da comunidade educativa, senón tamén por ser o primeiro ministro de Cultura que suprimiu a partida orzamentaria destinada a apoiar ás Comunidades Autónomas non seus programas de adquisicións de fondos para as bibliotecas públicas. Unha medida que deixou todo o esforzo dotacional en mans das CC.AA., mais que provocou a redución das adquisicións anuais nunha media cercana ao 8%, o que causou unha inevitable desactualización das coleccións. Un recorte inconcebible en calquera outro país da Unión Europea, onde se considera a rede de bibliotecas como un servizo básico, mais comprensible para quen considera a Cultura apenas como un reclamo turístico da chamada “Marca España”, abandonando o seu carácter de política pública esencial para promover o benestar, a convivencia e a diversidade cultural. Abonda con consultar os Orzamentos Xerais do Estado deste 2016 para comprobar que despois de cinco exercicios o sector cultural, con especial incidencia o do libro e a da lectura, continúa sendo obxecto dos máis duros recortes.

Estes recortes nas dotacións de bibliotecas, como as dificultades que se lle poñen aos profesionais da creación maiores de 65 para continuar a súa actividade, abondan nese dano colectivo, silencioso e profundo, sobre unha sociedade onde se minusvalora cada vez máis o papel das artes e das letras e se pretende prescindir da experiencia, madurez e sabedoría dos seus creadores maiores. Agardemos que o novo Goberno sexa capaz de recuperar o pulo da política cultural, abrindo un proceso de diálogo con todas as CC.AA. para volver dotar as bibliotecas públicas. Como esperamos acorde con todas as asociacións autorais (de escritores, músicos e artistas visuais) unha solución xusta para as persoas que ao remate da súa vida laboral activa pretendan continuar ofrecendo a súa achega ao acervo cultural e científico-tecnico da nosa sociedade. Este devalo para a cultura pode e debe ser evitado.

Onte 1556: Acordo acrobático

david_friedrichUn xornalista italiano cualificou como acrobático o acordo acadado onte entre JxS e Cup que investirá o luns a Carles Puigdemont como novo presidente da Generalitat durante os vindeiros dezaoito meses da que os asinantes denominan como «lexislatura de desconexión». Un acordo que tamén debe ser cualificado como histórico, xa que para os soberanistas supón, tras a suspensión por parte do Constitucional da declaración de independencia do 9 de novembro, a continuidade do «procès» e das medidas de desconexión con España alí previstas. Un acordo que, ademais, determinará o futuro inmediato da política española, tanto na formación do futuro goberno como no proceso de fragmentación e consolidación de novas forzas políticas, singularmente as artelladas arredor de Podemos.

Xaora, este acordo amosa que tras un proceso de diálogo sen exclusións nunha negociación política os resultados poden ser raros ou imprevistos. Así sucedeu nas últimas corenta e oito horas catalás, fose por que ambas as dúas partes negociadoras precisaban acordar, xa que outras eleccións fundirían o «procès», a Mas e quizais á propia Cup (a Generalitat con certeza manexaría as súas enquisas), fose pola capacidade persuasiva dos mediadores da Asemblea Nacional Catalá (ANC) ou pola audacia, afouteza ou intelixencia dos protagonistas. Nese contexto enténdense que ambas as dúas partes sacrificasen algunhas das súas pezas, JxS a presidencia para Mas, a Cup dúas das súas actas e a composición do seu propio grupo parlamentario.

No entanto, é máis dificilmente explicable o patético exercicio de adanismo de Artur Mas anunciando e interpretando en clave persoal o acordo, tanto fachendeando de que «lograron o que as urnas non nos deron» como aludindo aos sacrificios dos que serán socios de lexislatura do seu partido, o mesmiño que el se compromete a refundar. Un espectáculo que imaxino avergonzou ás máis de tres mil persoas que participaron na última asemblea da Cup.

Secomasí, para comprender dende Galicia a complexidade do acordo e mesmo para non perder os detalles do contexto, é máis aconsellable ca nunca consultar as interpretacións que fan os diversos medios cataláns, o que non servirá, ademais, de vacina fronte a treboada unionista que con certeza se aveciña.

Onte 1543: Mensaxe descafeinada

Non estiveron moi finos os asesores de El-Rei nin na posta en escena nin nos contidos da súa mensaxe de nadal deste ano. A elección da sala do trono do Palacio Real expresa unha ostentosa grandilocuencia do monarca que, coa intención de distanciarse do estilo campechano do pai, faino tamén da cidadanía. Como a teimosa insistencia na unidade de España e «a grandeza da historia que nos une» amosa a súa incapacidade para entender a complexidade do proceso soberanista en marcha en Catalunya e en Euskadi. Xaora, probablemente, foron os seus silencios sobre a corrrupción e sobre a situación de precariedade e desigualdade na que vive unha parte da sociedade española o maior erro do discurso. Os chamamentos ao diálogo, as súas referencias a lacra da violencia machista ou a súa despedida nas linguas oficiais non puideron agochar un discurso escasamente social e no que faltou vontade rexeneradora. A de El-Rei Felipe VI pareceume unha mensaxe descafeinada, moi pegada ao discurso conformista enunciado tantas veces por un Rajoy en horas baixas.

 

Onte 1539: Esperanza incerta

resultados_xerais_2015

Os resultados das Xerais de onte provocaron a fragmentación do escenario político español, aínda que polo momento non é previsible nin a creba do réxime monárquico nin sequera a posibilidade da mudanza do modelo constitucional de 1978. Teño claro que Podemos soubo conectar coas ansias de cambio dunha parte do electorado farta da corrupción e dos recortes avalados polo modelo bipartidista, mais tamén cómpre recoñecer a importante resistencia do partido de Rajoy que cos seus resultados (123 actas no Congreso e maioría no Senado) podería intentar gobernar e, se non fose posible, canto menos bloquear nesta lexislatura calquera iniciativa de reforma constitucional.

En Galicia a Marea de Podemos tamén soubo conectar co voto do cambio entrando no espazo de todos os seus rivais. En Marea disputoulle a primeira praza ao PP nas provincias e cidades atlánticas (mesmo en Vigo, onde é a primeira forza), entrou no espazo do PSOE e noqueou á candidatura nacionalista. Un resultado excelente que, ás portas das Autonómicas do vindeiro outono, abre a posibilidade de artellar unha alternativa sólida e crible a Feijoo, que obtivo un pésimo resultado, xa que perdeu cinco actas e 250.000 apoios. Un éxito da Marea que, ademais, obrigará ao PSOE e ao BNG, se non queren quedar na irrelevancia, a refundar con radicalidade os seus proxectos, imaxe e liderados.

Xaora, neste contexto de incerteza, onde manda a dinámica estatal sobre a galega, non sería descartable que Rajoy, se na investidura non conta coa abstención de Pedro Sánchez, apurase a xogada cunha nova convocatoria ao comezo da primavera onde quizais o PP podería construír unha maioría da que hoxe carece.

Onte 1530: «Luzes 24» Falamos o 21

especial-eleccións-212x300Aproveitei o serán de onte para papar deseguido as trinta e dúas páxinas da revista Luzes 24, o monográfico sobre as Eleccións Xerais do 20D. Apenas media ducia de traballos dese xornalismo esencial, que partilla información con vontade estilo, capaz de orientar ao lector entre a atmosfera de escuridade e conformismo centralista da actual campaña electoral.

Neste especial é indispensable a lectura do primeiro texto, «O que non foi», onde Sonia Vizoso reconstrúe unha crónica de urxencia do  malogrado proceso de unidade entre os partidos nacionalistas, movementos sociais e culturais e a esquerda rupturista. Como tamén o é «O ciclo do eterno retorno», o artigo no que sobre texto de X.A. Gaciño e fotos de Xurxo Lobato se reconstrúe o complexo proceso do nacionalismo galego dende os anos oitenta, sometido á confrontación constante entre o seu esforzo por facer a unidade e a tendencia de esfacela porparte da súa diversidade minifundista. Nunha revista onde por ventura son máis numerosas as voces femininas é moi valioso o artigo «Outro teito de cristal« de Claudia Morán, onde se abordan as razóns polas que a pesar de que cada vez son máis as mulleres que acceden a cargos de representación política, as portas do poder real seguen sendo territorio masculino. Pecha este Luzes 24 a recuperación dunha mostra daquela cartelaría política galega de hai tres décadas, dúas páxinas que nos axudaron a actualizar a memoria cun aceno de saudade pesimista.

Gustei moito deste monográfico de Luzes, un modelo do xornalismo que conta, ese que aborda con profundidade e independencia os problemas do común. O xornalismo de Luzes é posible e máis necesario ca nunca. Recomendo moi vivamente esta Luzes especial á venda en quioscos e librarías por 3,50 €.

Onte 1519: Debate polo centro

debate_el_pais_30-11-2015

O debate de onte organizado por El País amosou que PSOE, Ciudadanos e Podemos dirixirán todos os seus esforzos de campaña en engaiolar ao «electorado de centro».  Como o feito de que non fosen convidados nin a IU-Unidad Popular de Garzón nin ningún dos partidos nacionalistas proba que os poderes mediáticos da corte pretenden reconducir a inevitable fragmentación postbipartidista arredor dos partidos de Rivera e Iglesias. Xaora, a pesar de que Podemos abandonou a tese da creba democrática, o seu candidato foi o único que abordou con claridade unha proposta de reforma constitucional territorial como resposta ao «problema catalán», mentres Sánchez e Rivera competiron por quen defendía máis á unidade da nación española e unha estratexia máis recentralizadora. Nese contexto, non me pareceu un erro a incomparecencia de Mariano Rajoy, xa que así puxo en evidencia o seu perfil de claro favorito, mentres os seus tres rivais disputaron «un torneo» para dirimir que se facía co espazo do centro.

Recomendo a xenial crónica de Manuel Jabois.

Onte 1494: Dende Madrid

63656e7472616c697a616369c3b36eViaxar a Madrid e participar nunha xuntanza de toda unha xornada con persoas de diversas comunidades é un exercicio sempre saudable para coller perspectiva. Xaora, desta volta, volvín comprobar a supremacía do relato construído polos medios capitalinos, impresos ou audiovisuais, sobre o «problema catalán», incapaces de entender o que está sucedendo en Cataluña tras a sentenza do Constitucional sobre o Estatut. Con todo é tamén preocupante a ausencia dun relato alternativo doutra España posible que ninguén defende. Tras este novo relato monolítico da «España que se rompe», defendido con escasas variantes polo PP, PSOE e Ciudadanos, parece que se agocha unha intención recentralizadora moito máis severa da que hoxe podemos imaxinar. Coma sucedera tras o 23-F e a celebración do mundial de fútbol de 1982, cando se aprobou a LOAPA e se puxo freo á «exaltación da diversidade» lingüística e cultural dos anos da reforma Política, semella que a única resposta que dende Madrid se ofrece ao «desafío catalán» é máis centralización e máis uniformidade. Lonxe da creba democrática da que falan  Beiras e o grupo Sin permiso, enxérganse tempos de teimoso e reseso centralismo. Non parece mala idea refuxiarse en Invernalia, compartir reflexións, recabar azos e preparar unha longa e dura campaña.

Librarías de calidade

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a situación da libraría cultural e educativa, ao fío da publicación dos datos do estudo de Comercio Interior do Libro 2014 e da aprobación do Selo de Libraría de Calidade.

sello-calidad-librerias-logo-postA publicación recente do informe sobre o “Comercio Interior do Libro en España” correspondente ao ano 2014 demostra negro sobre branco a mudanza do que é, aínda, o primeiro sector das nosas industrias culturais. No entorno das diversas crises, dende a económica e de devaluación interna, que provocou a diminución do consumo privado, até a de hibridación do libro, sometido a un proceso inevitable de dixitalización, dende 2008 ao pasado ano, a facturación no mercado interior do libro diminuíu en España mil millóns de euros (un 31,06 % en seis anos), o que supuxo, tamén, noventa millóns de exemplares menos vendidos. Xaora, a pesar deste retroceso, en 2014 o sector do libro vendeu en España 153 millóns de exemplares, acadando unha facturación a prezo de capa de 2.195 millóns de euros, dos que 147,18 corresponderon a Galicia (o 6,7 % do mercado español) e 21,05 millóns ao libro editado en galego.

Endebén, a metade desa facturación, uns 1.101 millóns de euros, realizouse nas librarías e cadeas de librarías, que continúan sendo en España a canle principal de comercialización do libro, moi por riba das grandes superficies, dos quioscos, da venda por internet ou por procedementos de telemercadotecnia. Secomasí, no entorno das crises económica e de hibridación, as librarías perderon dende 2008 o 27 % da súa facturación, arredor de 404 millóns de euros, sobre todo debido á diminución do mercado literario, no que se perderon 250 millóns de euros, como do libro de texto, sometido a un proceso constante de depreciación e mudanza por parte da administracións educativas. Un retroceso que tamén se produciu en Galicia, cuxa rede de librarías estimamos facturou o pasado ano arredor de 70 millóns de euros, dos que 12,58 corresponden ao libro galego, que a pesar da súa cativeza supón case o 18 % do mercado libreiro de noso. Devalo do mundo da libraría que levou o peche de case un milleiro destes estabelecementos, mais tamén á apertura doutros douscentos que apostaron por crear novos modelos de hibridación das súas actividades, compartindo a venda de libros coa doutro tipo de produtos ou cos servizos de cafetaría.

A pesar das chamadas apocalípticas que alertan da desaparición do libro impreso, ás que non son alleos os intereses dos distribuidores dixitais, apenas tres xigantes estadounidenses, e das empresas de telecomunicacións e servizos de internet, a libraría física continúa tendo futuro sempre que sexa un espazo comercial e cultural privilexiado mimado por cada comunidade local, coma tamén sucede coa biblioteca pública. Mais iso require por parte do sector da libraría unha aposta decidida pola modernización, a formación e a innovación adoptando estándares de calidade no seu servizo semellantes aos do entorno libreiro europeo como aos que xa se utilizan para outros sectores do noso mercado minorista, como os do vestiario ou deseño.

Nesa liña é unha boa noticia que o Ministerio de Educación Cultura e Deporte crease un Selo de Calidade de Librarías. Unha medida reclamada polo sector do libro que pretende consolidar as librarías como espazos culturais, fomentar a diversidade do patrimonio bibliográfico, concienciar sobre o papel esencial da libraría, estimular o seu compromiso de mellora permanente do seu servizo, ademais de identificar e garantir que as librarías así recoñecidas cumpren uns estándares de calidade.

Para conseguir este selo de calidade é imprescindible que cada libraría cumpra unha serie de condicións en canto a súa actividade, xestión, instalacións e persoal. Requisitos mínimos que no caso dos fondos son, entre outros, o de levar aberta un mínimo de tres anos, que a venda de libros supoña o 60 % da súa facturación, conte con 6.000 referencias ou dispoña de fondos de 50 editoriais. Requisitos que obrigan a utilizar un sistema informatizado de xestión e pedidos, contar con web e participar nas redes sociais. Sendo imprescindible dispoñer dunha superficie de venda superior aos 40 metros cadrados e contar con persoal con formación e experiencia abonda para ofrecer asesoramento sobre a oferta existente na libraría. Sen esquecer que no eido da actividade cultural, a libraría debe organizar como mínimo seis eventos ao ano, sendo algún deles en colaboración con outros axentes culturais.

Neste momento crítico, a creación dun selo de calidade debería constituír un aliciente de competitividade e mellora para o sector da libraría cultural e educativa. Sen esquecer que debería ser adaptado ás necesidades do sector do libro galego, mais aínda cando Galicia conta con competencias exclusivas nesta materia. Xaora, a pesar das presas electorais e dos problemas competencias, a posta en marcha deste selo de libraría de calidade é un nova esperanzadora para o futuro do sector do libro e da edición.

Onte 1488: Librarías con selo de calidade

sellocalidadlibrerias

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte comunicou onte que xa está dispoñible «para todo o territorio nacional» a solicitude de Selo de Calidade de LIbrarías, unha medida incluída no seu Plan Integral de Fomento da Lectura. Os obxectivos deste selo, que reclama dende hai anos o sector do libro, son consolidar as librarías como espazos culturais, fomentar a diversidade do patrimonio bibliográfico, concienciar á opinión pública sobre o papel esencial da libraría, estimular o seu compromiso de mellora permanente do seu servizo, ademais de identificar e garantir que as librarías así identificadas cumpren uns estándares de calidade.

Para conseguir este selo de calidade cómpre que cada libraría se autoavalíe coa intención de coñecer se cumpre cos requisitos mínimos en canto a súa actividade libreira, xestión, instalacións e persoal. Requisitos mínimos que no caso dos fondos son, entre outros, o de levar aberta un mínimo de tres anos, que a venda de libros supoña o 60 % da súa facturación, conte con 6.000 referencias ou 2.500, se é unha libraría especializada, dispoña de fondos de 50 editoriais, ou 25 se é especializada. Requisitos que no que atinxe á xestión obrigan a estar ao corrente das obrigas fiscais, a utilizar un sistema informatizado de xestión e pedidos, contar con web e participar nas redes sociais. Sendo imprescindible, no referido ás instalacións e ao persoal, contar cunha superficie de venda superior aos 40 metros cadrados, sinalar as diversas seccións ou contar con persoal con formación e experiencia abonda para ofrecer asesoramento sobre a oferta editorial existente na libraría. Sen esquecer que no eido referido á actividade cultural, a libraría debe organizar como mínimo seis eventos ao ano, sendo algún deles en colaboración con outros axentes culturais.

O establecemento deste selo de calidade libreiro consitúe un aliciente de competitividade e mellora para un sector da libraría cultural e educativa que vive un momento crítico. Porén, é indubidable a precipitación electoral do MInisterio para poñelo en marcha cando xa rematou unha lexislatura desastrosa para o sector do libro. Como tamén o é o feito de que este selo deberá ser adaptado ás necesidades do sector do libro galego, mais aínda cando Galicia conta con competencias exclusivas nesta materia. No Simposio sobre o futuro das feiras do libro, que organiza o 12 de novembro a Asociación Galega de Editores no Consello da Cultura Galega, podería ser unha boa oportunidade abordar cales deberan ser os requisitos do selo de calidade da «Libraría Galega». Xaora, a pesar das presas electorais, a posta en marcha deste selo da libraría de calidade é un nova esperanzadora para o futuro do sector.