Iniciativa cívica para o 14 de novembro

Onte anunciamos en Santiago un novo xesto das persoas que apoiamos o texto Galego patrimonio da Humanidade. O acto será o 14 de novembro, ás 12:00 horas, no Teatro Principal de Santiago.

A polémica da gratuidade do libro de texto

No artigo da semana reflexiono sobre os termos políticos nos que se realiza o debate arredor da gratuidade do libro de texto.

A doutrina Feijóo e os resultados da enquisa

As respostas do presidente Feijóo na entrevista de Galicia hoxe prefiguran moi claramente o que van ser os contidos do borrador do novo decreto de uso do galego, anunciado polo conselleiro de Educación para finais deste mes de setembro e agora polo presidente pra finais de ano.  Quen manda aquí? En todo caso, leamos devagariño a doutrina lingüística de Feijóo:

Do resultado da enquisa ós pais sobre o galego déronse distintas lecturas, como se vai plasmar no novo decreto?

Si pero a lectura que fai o Goberno é que a participación foi alta, que os pais que votaron ó PSOE e ó BNG participaron na enquisa e que esta sociedade o que dixo maioritariamente –computando, primaria, secundaria e infantil– é que na infantil sexan os pais os que elixan o idioma para aprender a ler e a escribir e que no resto da educación, os pais piden galego e castelán, un bilingüismo proporcional; e a minoría pronunciouse por que todo sexa en galego. Con estas vimbias e co consenso social contrastado nas urnas temos que construír o decreto. Agora a responsabilidade é da Consellería de Educación e sería bo que o puidésemos ter a finais de ano.

Non percibe que a partir do tema do decreto aumentou a crispación en torno ó idioma?

O galego non crea ningún problema na rúa, o problema está focalizado na educación. Se non liquidamos ese conflito poida que intoxique a convivencia e a cordialidade das linguas. E o que non entenda que neste momento a obsesión do Goberno de Galicia é que o galego sexa un signo de unión, de orgullo, de protección e de promoción da nosa cultura é que non entende o que estamos facendo ou estao entendendo e estao manipulando. Crispación ningunha.

En definitiva, tras varios meses de polémica, Feijóo non dá nin un paso atrás sobre o prometido; alén da utilización deste discurso ameazante e prepotente cos cidadáns discrepantes («liquidar o conflito») que resulta desolador por parte dun presidente. Cómpre tomar boa nota á hora de artellar as propostas alternativas.

Ollo: El Correo Gallego publica a mesma entrevista na súa versión en castelán cun titular estrondoso: «Galicia está de moda en España como alternativa a Zapatero».

A galiña azul e outros contos

No artigo da semana lembro a peripecia editorial d’ A galiña azul, o primeiro libro infantil do meu querido Carlos Casares, e reflexiono sobre o que entendo son as razóns da súa utilización política por parte da Xunta de Galicia para denominar á anterior rede de galescolas.

Este artigo, que fai o número 516 da serie Campo de Granada, coincide xustamente co décimo aniversario da miña colaboración semanal con Faro de Vigo, iniciada o 22 de agosto de 1999 con «La Favorita de Príncipe». Daquela nunca pensei que aquí chegariamos. Grazas aos responsables de Faro de Vigo que o fixeron posible.

Caja Madrid estuda a integración coa CAM e con Caixa Galicia

Hai tres semanas adiantabamos aquí as tres posibilidades que se barallaban sobre o futuro das Caixas de Aforros galegas. A pesar de que o presidente Feijoo manifestou cautelosamente que o seu Goberno non tiña unha posición adoptada sobre esta cuestión e que daría a sua opinión dentro duns meses, semella que pola información aparecida hoxe en El País e en Cinco días, Mariano Rajoy e Cristóbal Montoro verían ben a integración de Caixa Galicia nunha nova entidade na que se integrarían tamén Caja Madrid e CAM. As tres comunidades gobernadas polo PP unirían así as súas maiores caixas para crear unha entidade que se situaria por diante da «Caixa» catalana.

Con esta documentada información sobre a mesa, a pesar de que entramos en periodo vacacional moito me temo que Feijoo terá algo (moito) que dicir. É de supoñer que algo falarían Rajoy e Feijoo sobre esta importantísima cuestión nas touradas prontevedresas. Se esta fusión vai adiante, hai moitas preguntas a responder: Galicia resignáse a perder o seu primeiro instrumento financeiro? Que futuro lle agardaría a Caixanova?  A dimensión das caixas debe ser o único argumento para artellar as súas fusións? Estas noticias (polo momento, ben sabemos que deben ser consideradas como posibilidades) son outro síntoma de que continuaremos con ese proceso imparable de deconstrución industrial, financeira, lingüística…? Ou é posible que o se está cocendo realmente é a fusión das dúas caixas galegas, como sinala hoxe Público?

O dano está feito

Tras a comunicación dos resultados da consulta ás familias, no artigo da semana reflexiono sobre o escenario que se abre a partir de agora. Non teño dúbida que durante estes últimos meses o dano sobre o prestixio e a valoración social da lingua quedou feito, razón pola que recuperar ese terreo común perdido é a primeira tarefa que civicamente nos corresponde aos que cremos na civilidade galega. Artellar un novo discurso que amplíe o perímetro da apreta do idioma galego e restaure un grande consenso sobre o seu futuro é unha causa noble á que estamos convocados.

Novos argumentos e procedementos para o galego

Moi interesantes parecéronme as conclusións (poden baixarse aquí en pdf) do Vº curso de verán sobre Dinamización Lingüística «Traballando coa lingua». A actual presión galegófoba, como a aceleración do proceso de substitución lingüística, obrigan a crear novos argumentos para o noso discurso de fomento do galego. Precisamos tanto novos argumentarios –conciliadores e firmes ao mesmo tempo, para dirixirnos con garantías de ser escoitados polos diversos sectores sociais– como utilizar distintas ferramentas e soportes para comunicalos (dende os procedementos máis convencionais da sociedade analóxica aos de carácter audiovisual e informático, moi eficaces na rede e nas novas redes sociais). No entanto, isto non abondará se non somos capaces de volver vencellar o galego con valores sociais positivos, o que axudaría a desmontar tantos prexuízos e falsidades existentes sobre o galego (que son manexados de forma demagóxica polos sectores galegófobos) e, o que non é menos importante, aumentar o perímetro do abrazo da nosa lingua. No fomento do galego, cómpre pasar do antipático resistencialismo da cultura da manifestación e da consigna a unhas posicións máis proactivas e creativas, nas que coa maior xenerosidade e pluralidade utilicemos con intelixencia e sutileza todos os medios ao noso alcance. Non está de máis recordalo, ás portas de coñecer os resultados da enquisa de Feijoo e do inicio da nova campaña de GB (unha nova trampa para a Consellaría de Educación).