Pola volta da irmandiña

No artigo da semana pretendo achegar razóns que aconsellan a volta da Irmandiña. Non teño dúbidas de que a liquidación das seleccións absolutas de fútbol forma parte da estratexia da degradación identitaria acometida por Feijóo («deconstrución» ou «subtracionismo» no máis recente libro de Manuel Rivas). Triste goberno que até nos rouba a posibilidade de vivir durante noventa minutos ao ano a posibilidade de sermos donos de nós.

Os dilemas de Feijoo sobre a lingua

No artigo da semana abordo o que entendo é o dilema de Feijóo sobre a lingua: apoiar o negacionismo ou recuperar o espazo de consenso forxado arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística.

O Supremo nega que o sistema educativo galego discrimine ao castelán

A sentenza do Tribunal Supremo do 24 de outubro de 2009, da que soubemos esta mañá por Faro de Vigo e La Opinión da Coruña, debe axudar a recuperar o consenso arredor da utilización do galego como lingua vehicular no ensino non universitario . Particularmente importante resulta que este fallo negue que o sistema educativo galego discrimine ao castelán, desbotando os falaces argumentos da imposición lingüística utilizados polo PPdeG e polos sectores galegófobos cada vez máis nerviosos e decepcionados polo comportamento do presidente da Xunta, como se pode comprobar nesta carta ao director publicada tamén hoxe. Agardemos como retrucan os sectores galegófobos organizados diante desta sentenza do Supremo que nega dúas das súas principais aspiracións: a posibilidade de separación do alumnado por razón de lingua e a posibilidade de que as familias escollan os contidos do currículum que cursen os seus fillos. Unha sentenza que convirá estudar devagariño.

O texto da sentenza pode baixarse en pdf aquí (seis folios).

Recomendamos a lectura das valoracións de GPH e Prolingua sobre esta sentenza.

Lingua de liberdade, acto cívico, 14 de novembro

Galego Patrimonio da Humanidade convoca Lingua de liberdade, un acto cívico a prol da lingua galega o vindeiro sábado 14 de novembro, a partir das 12 horas, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

No acto, que estará conducido por Candido Pazó. intervirán representantes de colectivos sociais, os secretarios xerais de UXT, José Antonio Gómez, e CCOO, José Manuel Sánchez Aguión, ademais de Laura Sánchez Piñón, Pablo González  Mariñas, Henrique Monteagudo e Fermín Bouza.

Comunicado dos centros galegos de Suíza

Hoxe recibimos esta documentación en pdf dos centros galegos de Suíza protestando pola drástica redución de subvencións da Secretaría Xeral de Emigración. A unidade que expresan todas as asociacións é impresionante. Velaí a queixa da nosa Galicia emigrante.

Xurxo Souto o 18 de outubro na Quintana

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/2NI6FeDZCBY" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

A nosa historia facémola nós

Arquivamos estes documentos dunha xornada histórica. Hoxe milleiros e milleiros de persoas (moitas) construímos un dique cívico para amparar a lingua de todos e todas. Como salientou Xurxo Souto na súa intervención «a nosa historia facémola nós». Manter o actual estatuto xurídico para a nosa lingua e promover a restauración da súa cadea no eido familiar son dous exercicios de corresponsabilidade ao que estamos sen excepción todos e todas convocados. O futuro da lingua depende de nós.

Noticia emitida pola TVG ao mediodía.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/lVaE7Q40IJk" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

«A deleiba da lingua»

No artigo da semana, con motivo da manifestación de hoxe, recollo a liña argumental de Amin Maalouf sobre a diversidade cultural e lingüística como eixos dunha nova civilidade.

Amin Maalouf acaba de publicar A deleiba do mundo (Xerais 2009), un ensaio apocalíptico e ao tempo esperanzado no que identifica as razóns polas que neste inicio do novo milenio as nosas civilizacións emorecen e, ao tempo, propón as vías que puidesen evitar a regresión anunciada. O escritor franco-libanés –galardonado este ano pola Xunta de Galicia co Premio Compostela que recoñece o labor a prol da unidade europea e da preservación do seu patrimonio cultural– enuncia con toda a claridade o dilema que debe resolver a aventura humana ao longo deste século: “seguir pola vía das civilizacións enfrontadas, que se imitan e se uniformizan, ou crear unha soa civilización humana, pero que se desprega a través dunha infinita diversidade”. Para seguir a primeira, abonda con irnos á valga preguiceiramente, como facemos hoxe seguindo o modelo da homoxeinización cultural empobrecedora. Elixir a segunda vía precisa dun arreguizo, dun compromiso con dous principios, intanxibles e inseparables para Maalouf, “a universalidade dos valores esenciais e a diversidade das expresións culturais”.

Esta concepción de Maalouf supón volver pensar o mundo dende a primacía da cultura e, sobre todo, dende a identidade cultural de cada comunidade, que ten como compoñente insubstituíble a súa lingua. As súas palabras son a este teor inequívocas: “respectar unha cultura é animar o ensino da lingua que a leva, é favorecer o coñecemento da súa literatura, das súas expresións teatrais, cinematográficas, musicais, pictóricas, artesanais, culinarias, etc.” Para Maalouf é posible unha humanidade consciente do seu destino común, reunida arredor dos mesmos valores esenciais, pero (e volvemos roubarlle as súas palabras) “seguindo a desenvolver, máis que nunca, as expresións culturais máis diversas, as máis abundantes, preservando todas as súas linguas, as súas tradicións artísticas, as súas técnicas, a súa sensibilidade, a súa memoria, o seu saber.”

Esta preocupación pola primacía da cultura e a conservación da diversidade lingüística xa se concretara o pasado ano no estudo “Un reto proveitoso. Como a multiplicidade de linguas pode contribuír á consolidación de Europa” (dende entón Informe Maalouf) que dez intelectuais encabezados por el presentaron á Comisión Europea. “Se Europa ten sentido é porque pobos libres decidiron vivir xuntos e agardan que as súas linguas e as súas culturas se expandan en vez de reducirse ou desaparecer” é a idea trabe sobre a que se propón un novo modelo de plurilingüismo europeo. Para contrarrestar unha tendencia aparentemente imparable de utilización dunha única lingua europea, o Informe Maalouf propón que xunto á aprendizaxe da “lingua materna ou identitaria” e da “lingua de comunicación internacional”, cada un dos europeos opte ademais por unha “lingua persoal adoptiva” para ser aprendida con paixón e permitir o acceso a outra cultura. Unha vez máis, Maalouf aposta polo plurilingüismo e pola diversidade cultural como o mellor investimento para a convivencia e, neste caso, para o proceso de construción europea.

Este modelo maaloufiano de linguas que suman e enriquecen a cada un dos individuos e ao acervo común das comunidades ás que pertencen foi tamén o que impregnou as políticas lingüísticas levadas en Galicia durante as tres últimas décadas. Políticas prudentes de converxencia e integración que pretenden conseguir idéntica competencia nas dúas linguas cooficiais para que logo cada cidadán escolla nos diferentes ámbitos a que sexa da súa preferencia. Sobre este modelo forxáronse os acordos da Lei de Normalización Lingüística de 1983 e o Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004, as dúas pezas senlleiras que recollen os consensos forxados por todas as forzas políticas e sectores sociais arredor do uso e da aprendizaxe das linguas que falamos os galegos.

Fronte a este modelo consensuado de integración e de aposta pola diversidade lingüística (que no caso noso non pode ser máis que de decidida promoción da lingua galega en todos e cada un dos ámbitos da vida social, xa que sofre un perigo real de desaparición motivado por un proceso acelerado de substitución lingüística) abriuse camiño en Galicia un modelo negacionista de monolingüismo en castelán (presentado baixo a falsa aparencia de “bilingüe”) que contando co apoio do Goberno Galego e do seu presidente pretende dinamitar sen contemplación ningunha todos os consensos acadados sobre o uso e a aprendizaxe das linguas en Galicia. Algo verdadeiramente inaudito e irresponsable.

Hoxe en Compostela, milleiros de cidadáns galegos camiñaremos para reclamar que non se dinamite a esperanza dun pobo milenario que ten na súa lingua e na súa cultura a súa mellor contribución á aventura da humanidade.

Todos e todas a Compostela co futuro da lingua nosa!

Con todo o noso entusiasmo e maior esperanza estaremos o vindeiro domingo en Compostela para defender o futuro da lingua nosa. Non é este o momento de debater os matices sobre como foi organizada a convocatoria nin tampouco as diferenzas partidarias arredor do proceso de normalización do idioma; hoxe cómpre a maior unidade e xenerosidade para construír un novo dique cívico que preserve os consensos arredor da lingua acadados nas dúas últimas tres décadas. Os contidos da actual Lei de Normalización de 1983 e do Plan Xeral de Normalización de 2004 deben ser as posicións irrenunciables que eviten o retroceso que pretenden introducir os sectores galegófobos.

Non teño dúbida de que o resultado da manifestación do domingo pode ser decisivo para obrigar ao goberno de Feijóo a reorientar a súa política de deconstrución lingüística.

O domingo en Compostela, todos e todas co futuro da lingua nosa!