Soño roto

Na noite do pasado luns Javier Aguirre, o veterano adestrador do Mallorca, un dos mellores especialistas en xogar a non xogar, esa vella estratexia de pechar espazos e romper o ritmo do rival con continuas interrupcións e perdas de tempo, superou na pizarra táctica con claridade ao Carlos Carvalhal. Unha lección idéntica á que xa impartira na primeira volta, nunha noite de venres do mes de xaneiro no Estadi Mallorca Son Moix, partido rematado con idéntico resultado, un único gol a prol dos baleares, e un desenvolvemento na lameira viguesa moi semellante no que os celestes amosaron a súa falta de alternativas no actual cadro de xogadores (un mediocentro creativo) para atacar o antipático (como efectivo) sistema do adestrador mexicano de pechar con sete chaves o seu bloque baixo.

Unha derrota decepcionante para os celestes que esgota as súas (escasas) esperanzas para clasificarse na sétima posición ao tempo que os condena a procurar os seis puntos precisos para a permanencia no derradeiro tramo dun campionato irregular, pechando, ademais, o momento máis afortunado do período Carvalhal, sete partidos sen perder. Un paso atrás que a sabia bancada do Fragoso, curada en mil soños rotos, encaixou co seu respectuoso escepticismo.

E a verdade é que xa non saíu ben o Celta, como lle sucedeu tamén fronte Almería e Sevilla, onde xogou co marcador en contra, confuso dende os minutos iniciais na construción de xogo e lento na resolución dos duelos individuais. Un once inicial habitual, no que Carvalhal introduciu por vez primeira ao canteirán Miguel Rodríguez, o que foi recibido con entusiasmo pola bancada. Mágoa que o xove león de Redondela non tivese a noite soñada para semellante estrea, obrigado a defender e atacar nunha banda moi ampla onde sempre o incomodaron Maffeo e, sobre todo, Kang-In Lee, o mellor dos visitantes, unha auténtica tortura para Hugo Mallo, que acabou expulsado nos minutos de desconto.

Como tampouco foi a mellor noite para a maior parte dos compoñentes do cadro vigués, onde apenas destacaron a serenidade e afouteza nos minutos finais de Unai Núñez e a enerxía e cambio de ritmo que supuxo a entrada de Renato Tapia, autor dun excelente lanzamento á escuadra, no que debeu chegar o empate.  Secasí, cómpre recoñecelo, foi un partido mediocre, cando non insuficiente, no desempeño dalgúns dos nosos, como o do Pepiño Aidoo, moi apurado para suxeitar ao kosovar Muriqui, como o de Iago Aspas, atrapallado na condución e finalización do xogo, como o dun Gabri Veiga ausente, sen espazo para despregar a potencia das súas chegadas, ou como o de Luca de la Torre intranscendente, que non se atreveu en lance ningún a arriscar sequera algún pase ao espazo ou unha asociación con intencionalidade ofensiva.

Con todo, non foi a ausencia de compromiso a razón do frouxo partido dos celestes, se non máis ben a súa falta de recursos para atacar as dúas liñas do muro mallorquín, reducidos apenas aos centros de Galán que sempre atoparon a cabeza das torres visitantes. E se iso non abondase, nunha das contadas chegadas do Mallorca, tras lamentable perda de Aspas e erro consecutivo de portaría e metade da defensa, o balón quedou incomprensiblemente abandonado na área pequena, facilidade que non desperdiciou Amath para marcar e con 70 minutos por diante liquidar o partido. Nesta ocasión a lámpada de Carvalhal non funcionou e pesar de introducir no segundo acto toda a artillaría atacante dispoñible, incluídos Carles, Paciencia e Larsen, non atopou o xeito de entrar. Faltaban espazos, creatividade e xenialidade para dobregar a un rival que en momento ningún perdeu a súa disciplina táctica e a súa concentración. Carvalhal non atopou a prescrición necesaria para abrir as liñas dun dos equipos máis ásperos, incómodos e de xogo máis amarrado e competitivo dos que teñen pasado esta temporada por Balaídos.

Con esta derrota o Celta regresa a crúa realidade de loitar pola permanencia, o seu obxectivo, abandonando calquera outro soño. Con paciencia e recuperando a claridade e flexibilidade táctica non debe ter problemas para asegurala canto antes. Cómpre recuperar con realismo esa ilusión.

Publicado en Faro de Vigo 19/04/2023

Ansia insatisfeita

Non lle sentou todo o ben que debera o parón de dúas semanas ao Celta que non conseguiu máis que empatar cun Almería moi necesitado e sorprendentemente competitivo. Unha primeira parte na que foi a remolque, sobre todo tras dous erros de concentración defensiva clamorosos, e unha segunda na que dominou e dominou, mais coa pólvora mollada e escasa inspiración na puntería, caracterizaron un partido que deixa aos celestes a medias na táboa clasificatoria entre aqueles que loitan por escapar da queima do descenso e aqueloutros que procuran engancharse a derradeira esperanza europea, esa cobizada sétima praza da Conference League. Mais o Celta quedou a medias, tamén, e iso pode ser o máis decepcionante da tarde da Reconquista, no equilibrio entre a disciplina defensiva e a eficacia goleadora do seu xogo, virtudes que até agora caracterizaron a remontada encabezada no banco do Fragoso polo profesor Carvalhal.

Dende os primeiros minutos, o Celta amosouse inusualmente incómodo e impreciso na súa saída de balón, diante dun Almería que se presentou en Vigo con escasos complexos e cunha presión moi adiantada. Xa no minuto 2 de xogo os de Rubi avisaron a Iván Villar que non viñan de excursión a participar como espectadores na cerimonia do embarque do comandante Chalot na Laxe. E cinco minutos despois, Babic furou pola escuadra a portería viguesa cunha cabezada soberbia que calou a bancada viguesa. Un erro de marca nun balón lateral que había moitos meses non viamos en Balaídos. Co marcador a remolque, os de Carvalhal non se abaixaron e apenas transcorridos dous minutos Seferovic empurrou as redes unha asistencia precisa (e preciosa) de Gabri Veiga en carreira tras unha das súas galopadas vertixinosas pola banda dereita.

Co marcador igualado, o Celta tivo vinte minutos de dominio, nos que se amosou determinante a facilidade de Carles Pérez para superar as dúas liñas andaluzas. Mais como os centrais celestes non tiveron o seu mellor día, o primeiro duelo que perdeu Aidoo en moito tempo facilitou que Arnau volvese a adiantar aos almerienses no 32´. E co marcador outra vez a remolque, foi Carles quen aproveitou unha perda andaluza en segunda liña para igualalo, poucos minutos antes do descanso, cun xutazo en carreira dende a frontal.

Tras a continuación, o Celta saíu decidido a resolver o partido, mais por moito que o intentou ao longo de 53 minutos non o conseguiu. E iso que dispuxo de múltiples oportunidades, algunhas auténticos goles feitos nas biqueiras de Aspas (cun pao no tempo engadido), de Gabri (a porta practicamente baleira), de Carles (onte outra vez o mellor dos nosos), do incansable Beltrán (dende a frontal) ou de Larsen e Paciencia (que tamén no engadido guindou un remate doado á grada de Gol), os dous dianteiros que entraron sen éxito para refrescar a puntería que continuaba mollada tamén para eles. Diante de semellante avalancha e insistencia viguesa, os de Rubi non perderon a orde e procuraron con continúas (e antipáticas) interrupcións do xogo romper o ritmo da vertixe no que se movía o cadro celeste. E mesmo tiveron as súas oportunidades aproveitando algunha fraxilidade da defensa viguesa, que nalgún despexo brandiño estivo a piques de estragar aínda máis o resultado.

O Celta teimou na posibilidade da remontada, confiou nas súas posibilidades até o derradeiro minuto, nunca baixou os brazos, o que é moi encomiable, mais foi incapaz de acadar o terceiro gol. O partido celeste foi unha ansia insatisfeita, unha proba de que o éxito no fútbol non se consigue só coa vontade, sendo precisos tamén outros ingredientes como a oportunidade e a inspiración propia e dos rivais, aos que ademais non son alleas outras variables do azar, que onte non acreditaron os de Carvalhal en cantidade idéntica a de partidos anteriores.

Con todo, semellante empate tan esforzado e traballadiño no primeiro partido de primavera permite continuar con todas as esperanzas, a primeira delas a de obter os sete puntos (dúas vitorias e un empate) suficientes para asegurar a categoría na primeira das tempadas do centenario. Velaí o obxectivo irrenunciable para o cadro do profesor Carvalhal.

Publicado en Faro de Vigo: 03/04/2023

Reviravolta

Nun partido práctico e moi sobrio fronte a un excelente Rayo Vallecano o profesor Carvalhal consolidou a reviravolta que dende a súa chegada arelaba para o Celta, esa volta lixeira sobre si mesma tan característica da nosa muiñeira. E Carvalhal está conseguindo amodiño os resultados que na tempada do centenario reorientan ao seu equipo na táboa, cada vez máis afastado das posicións de descenso e un pouco máis próximas ás aspiracións europeas. Mais tamén unha reviravolta que recupera a fiabilidade competitiva dun equipo que acredita unha solidez defensiva envexable, capaz nos tres últimos partidos de manter a porta a cero, cunha capacidade goleadora e produtora de xogo atacante explosiva, cun balance de seis goles nos dous partidos máis recentes na casa. Números óptimos o do adestrador bracarense que comezan a tranquilizar a unha bancada que nos minutos finais do partido de onte, a pesar da súa contención, entoou a rianxeira e o miudiño, amosando unha ledicia que hai meses non se gozaba na terra das abeleiras.

E reviravolta foi tamén a que en dous minutos máxicos, o 50 e 51, cando máis apertaban a Iván Villar os de Iraola, deu o Celta a un partido até entón moi igualado, controlado en boa medida polos vallecanos que souberon suxeitar no medio campo a Gabri Veiga, o xogador que concita todas as olladas. Minutos de presión na área celeste cos que o Raio saíu con todo na continuación, dispoñendo de dúas claras ocasións, incluída unha de Raúl de Tomas ao pao co cérbero de Aldán vencido. Afogo do que o Celta saíu como mellor sabe con Carvalhal, abríndose polas bandas e correndo, desta volta cun rapidísimo Javi Galán que conduciu pola esquerda para enviar a pelota rasa á área onde Aspas a cruzou ao pao longo. Un gol de alta escola do merlín de Moaña, que até entón aparecera dunha forma algo imprecisa no encontro, quizais anoxado dende o minuto de inicio do partido por non ter finalizado na rede un balón mallado de Gabri Veiga, outro dos destacados celestes de onte. Mais cando na bancada se festexaba o golazo de Aspas, Seferovic conduciu outra galopada, esta vez pola dereita, disparando sobre o porteiro, que afastou a pelota con tan mala fortuna que chocou nun dos defensas levándoa as redes. Un segundo tanto que veu coa emoción da revisión devagariño do VAR, o que finalmente fixo estourar a bancada.

Como sucedera na primeira parte, os de Iraola co marcador en tan clara desvantaxe e con máis de media hora por diante, non perderon fe nas súas posibilidades. E así Raúl de Tomas volveu a probar a Iván, cada vez máis seguro, levando outro balón ao longueiro, o que non intimidou ao gardarredes celeste cada vez máis decidido, mesmo nos númerosos saques de recanto cos que os vallecanos procuraron furalo. Mais como xa sucedera diante do Valladolid, os de Carvalhal souberon xestionar con orde e con dedicación nas axudas o novo abafo, do que o Celta saíu no 85´cunha nova xenialidade de Aspas capaz de aproveitar un esvarón de Tejo e encarar velozmente a Dimitrievski cunha vaselina artística, outro golazo de moitos quilates do astro celeste, que con 11 tantos iguala a Joselu, tamén canteirán celeste como o bético Borja Iglesias, na cabeza dos goleadores que disputan o Zarra. E con semellante marcador, os de Carvalhal non perderon a concentración para manter a porta a cero, e mellorar o seu saldo xeral entre goles obtidos e encaixados. Un balance que puideron mellorar no 87’ tras unha excelente condución de Larsen que xutou sobre o pao longo onde non chegou por ben pouco Cervi, que como o noruegués se incorporara minutos antes para refrescar ao equipo.

Tras esta nova vitoria e unha actuación tan solvente de todas liñas, na que salientou a brillantez defensiva e a definición do merlín de Moaña, o Celta pode enxergar con maior tranquilidade o seu obxectivo principal de manter a categoría. Con todo, se mantén o nivel das recentes xornadas, sobre todo en Balaídos, nunha liga tan igualada podería aspirar a soñar. Mais coñecendo de onde vimos, iso non toca polo momento.

Faro de Vigo 12/03/2023

Historias do Celta

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar 100 historias do Celta de Eduardo Rolland:

Ás portas da celebración do centenario, o xornalista Eduardo Rolland publicou 100 anos de Historia do Celta. Un século escrito con afouteza e corazón (Ardemar Edicións 2022), libro no que ofrece medio cento de textos que resumen o primeiro século de fútbol celeste. Historias que contribuíron a forxar a identidade e o carácter do club nacido en Vigo coa intención de constituír un equipo de dimensión galega, competitivo a escala internacional, nunha disciplina que os entusiastas traballadores da Eastern Telegraph Company practicaban de forma afeccionada dende facía case tres décadas. Unha tradición futbolística pioneira, vinculada á dimensión portuaria da cidade, consolidada a partir de 1895, ano no que os empregados do Cable Inglés fundaron o Exiles Cable Club, o primeiro club de fútbol vigués. Práctica deportiva que adquiriría índole profesional coa creación dos dous clubs que se fusionarían o 10 de agosto de 1923: o Fortuna (1908) do campo de Bouzas e o Real Vigo Sporting Club (1914) da chamada “catedral” de Coia, entidade que a súa vez xurdira da fusión do New Club Vigués (1906) e do Sporting Club (1911). Clubs vigueses que dende 1906 até 1923 monopolizaron os títulos do Campionato de Galicia, o único oficial até a creación da Liga en 1929.

Rolland ofrece unha historia literaria e singular, renunciando a proporcionar estatísticas e clasificacións, coa intención de salientar así as figuras celestes máis icónicas (xogadores, adestradores e directivos), os acontecementos deportivos principais (fosen vitorias como derrotas inesquecibles) e os momentos críticos ou tráxicos dun club, que uniu o seu devir ao da propia cidade da que foi (e continúa sendo) o seu primeiro emblema no mundo. Relatos para os que o autor escolle a lingua galega, o que merece beizón, tanto por tratarse dunha achega importante para o catálogo do libro en galego, como pola coherencia coa propia historia dun club nacido para representar ao seu país. Velaí a escolla de nome entre as propostas de Breogán e Celta, tras un concurso popular auspiciado, como o proceso de fusión, por Manuel de Castro “Handicap” dende as páxinas de Faro de Vigo. Velaí a escolla do equipamento, en principio o vermello e branco da bandeira viguesa, pouco tempo despois, xa en competición oficial, mudado polo azul celeste e calzón branco, como sinalou Juan Baliño Ledo, o secretario da mesa fundacional do club, «xa que desde o principio sempre se quixo que o Celta representase a Galicia».

Utilizando a prosa fluída e documentada, tinguida das pingas de retranca de obras anteriores, como Galicia en guerra (Xerais 2006) e Reconquista (Xerais 2009), Rolland ofrece nestas prosas celestes algúns retratos memorables. Velaí o do inglés Francis Cuggy, primeiro adestrador, escollido entre os trinta nomes propostos pola Federación Inglesa de Fútbol, que acadou en dúas tempadas o campionato galego. Como inesquecible é o do escocés que se fixo chamar Míster Cowan, cuxo verdadeiro nome era William Raeside, todo un impostor que non abandonada o seu rostro flegmático e a súa pipa, co que o Celta fixo unha boa tempada (1927-1928), rematada cunha xira por Arxentina e Uruguai. Como merece lectura atenta a participación nesta historia celeste de Laureano Álvarez Rodríguez, aquel telépata madridista de orixe galega que de forma “desinteresada” prometía levar ao Celta de novo a primeira división, o que para Derviche «a directiva sopesaba contratar, como o bruxo de Pereiró e un famoso curandeiro», na mesma temporada (1959-1960) na que iniciaría unha das décadas máis decepcionantes da súa historia en segunda división, cando as “circunstancias adversas” mandaban, como salientaba Ramón Allegue “o Tigre Padrón”, o mítico gardameta celeste, autor doutra interesantísima historia do Celta, desta volta en primeira persoa, publicada por entregas nas páxinas dominicais do decano.

Rolland relata as tres finais de copa perdidas in extremis, como lembra o escándalo de Jaburú e a traxedia de Quinocho, rescata con saudade a era da rianxeira, os ascensos da esperanza, algunhas das vitorias máis contundentes dos derbis ou retrata con agarimo algúns dos mitos celestes de sempre: o león Ruiz, Sansón, Pahíño, Nolete, Ademir, o capitán Manolo, Gudelj ou o Mago de Moaña, entre outros. Como non esquece a traxectoria na competición europea, dende a maldición da primeira eliminatoria co Aberdeen (1971), a participación en Champions hai dúas décadas, a épica semifinal de Old Tratford (2017), como o feito de que en 2000 o Celta gañase a Copa Intertoto, o único título europeo do fútbol galego.

Recomendo estes 100 anos de Historia do Celta, unha achega valiosa de Eduardo Rolland para a recuperación da memoria colectiva dun Celta centenario como para a historia da propia cidade de Vigo.

 

Gabri Veiga, alfaia celeste

Tras a rotunda vitoria diante do Valladolid (3-0), o Celta do profesor Carlos Carvalhal fixo recuperar a ledicia e o optimismo á bancada de Balaídos. Un auténtico partidazo tanto polo acougo clasificatorio que proporciona o resultado diante dun rival directo, ao que se lle iguala a diferenza de tantos e se lle mellora na xeral, o que ten o seu valor nunha liga igualadísima na que coa excepción do Elxe ninguén quedou descolgado, como pola clara consolidación da mellora en todos os eidos do xogo que se ven producindo dende a chegada do adestrador bracarense. Un balance aínda máis positivo se temos en conta a actuación destacada de onte dos xogadores da canteira, especialmente de Gabri Veiga que tras a súa memorable actuación, incluídos dous goles (e xa leva oito e tres asistencias!), saíu aclamado coma un heroe, sen menoscabo dos paradóns valiosísimos de Iván Villar no tempo engadido da primeira metade e da entrada na segunda do central Carlos Domínguez e do medio Hugo Sotelo, o que coa presenza na lameira dos veteranos Hugo Mallo e Iago Aspas permitiron recuperar o protagonismo canteirán que semellaba perdido.

Emporiso a enorme actuación de Gabri Veiga, probablemente unha das mellores da súa vida deportiva, a revelación do campionato, tanto polos seus números de estrela (e de selección) como polo modelo que representa de medio moderno potente, con condución, velocidade e chegada letal dende segunda liña, adquiriu na tarde de onte un carácter histórico. Unha actuación do porriñés que protagonizou a maior parte dos ataques combinatorios celestes de mérito, unhas veces lanzando a Aspas, Carles e Seferovic, outras empurrando cunha forza e ao tempo unha fineza imparable a defensa pucelá sobre a súa porta, outras xutando entre os paos cunha convicción e unha autoridade descoñecida para un rapaz de apenas vinte anos. Gabri avisou no minuto 9 cunha das súas arrincadas que onte quería que fose o seu día, o que reiterou no 16 cabezando cara atras sobre Seferovic no primeiro gol, tras unha xogada que comezou e logo foi tecida con paciencia pola dianteira celeste. Como insistiu Veiga no 17 xutando dende a frontal unha diagonal que recibira de Luca de la Torre. Mais sería no 31 cando marcou por vez primeira, cun xutazo soberbio dun balón que Carles abandonou na área, cando foi atrapado por un defensa en claro penalti, tras unha excelente combinación pola dereita de Hugo e Iago.

Tras o descanso, os de Pacheta non baixaron os brazos e obrigaron aos celestes a dar un paso atrás. Mesmo o marroquino Amallah marcou, aínda que o gol foi anulado polo VAR, tras unha espera inquedante por innecesaria. Xaora, iso non descentrou a Veiga na súa actuación estelar que no 63 aproveitou un rexeite na área, ao máis puro estilo de dianteiro finalizador, tras outra xogada moi traballada na que Aspas e Galán moveron a bola dunha a outra banda. Tanto que non conformou ao do Porriño que dous minutos despois xutou sobre a base do poste, o que puido ser o seu primeiro triplete en primeira. Mágoa! Tras a súa saída do campo no 69 no carrusel de trocos cos que Carvalhal quixo asegurar o resultado, o Valladolid foi esvarando na melancolía ao tempo que a bancada do Fragoso festexaba unha tarde inesquecible da súa nova alfaia, un xogador de moitos quilates polo que non é difícil aventurar que chegado o verán puxará algún equipo da Premier League.

Outra ledicia celeste é contar agora coa intelixencia do profesor Carvalhal no banco, tanto pola súa flexibilidade táctica e empatía co vestiario como pola súa facilidade para entender a gramática do fútbol celeste, unha combinación de  doses de identidade (canteira), afouteza (compromiso), disciplina (respecto polo colectivo) e xogo bonito (fútbol de salón), moi valorada pola afección celeste que onte, a pesar do excelente partido e do amplo resultado non despregou aínda a súa rianxeira. Con todo, tras once partidos Carvalhal sumou 16 puntos con 4 vitorias e 4 empates, números que de continuar a tendencia asegurarían, por custosa que estivese, a permanencia.

Publicado en Faro de Vigo: 27/02/2023

Oblakazo

Cando baixabamos de Río Alto, un exercicio non exento de risco, non solucionado polo momento coa reforma do estadio, escoitei a moitos celtistas lamentar o inxusto do resultado dun partido no que o Celta mereceu moito máis, canto menos un empate. Con todo, o lamento non expresaba nin o desgusto nin o enfado de derrotas anteriores, máis ben un sentimento agridoce de xente que viu tamén como o seu equipo é cada vez máis competitivo para afrontar a segunda parte dun campionato moi igualado, que aínda vai dar moitas voltas. Lembrei, entón, o título dun romance memorable do escritor azoriano João de Melo moi acaído para expresar esa emoción colectiva que onte nos invadiu faltando apenas catro minutos de tempo engadido, que uns definirían entre a melancolía e o entusiasmo, para outros entre a tristeza e o orgullo, mais en ambos os dous casos a de «xente feliz con bágoas», que a pesar da derrota abandonou a bancada satisfeita, por contraditorio que isto puidese parecer.
E a verdade que fronte ao Atlético de Madrid as circunstancias e os azares do xogo adoitan nas últimas tempadas ser adversas para o Celta, que nos quince últimos partidos xogados cos do Cholo Simeone apenas acadou unha vitoria. Unha tendencia negativa que tampouco onte foi o Celta do profesor Carvalhal capaz de reorientar, a pesar de disputar un encontro dificilmente mellorable no referido a actitude, concentración e disciplina. Un partido no que tamén se dirimiu un duelo táctico de moita altura entre a flexibilidade táctica do míster bracarense, que introduciu no once inicial a Tapia como central, coa famosa superstición táctica de Simeone, adestrador teimoso, capaz de aguantar ao máximo a súa proposta, convencido de que os resultados chegarán por mantela. E probablemente iso foi o que lle sucedeu ao Atlético onte en Balaídos, mesmo a pesar de xogar con dez dende o minuto 70, o que non supuxo que aliviase a presión sobre os espazos de saída celeste nin dese un paso atrás, o que permitiu que no minuto 89 Memphis, que pisara a lameira poucos minutos antes, empurrara a media volta un balón que viña rebotado do celeste Carles Pérez e sobre o que Iván Villar, toda a tarde moi seguro, nada puido facer. Un auténtica carambola que valeu os tres puntos.
Foi a primeira parte moi igualada, na que os célticos estiveron máis cerca do gol cos atléticos, sobre todo nunha combinación entre Mingueza e Iago pola esquerda, xogadores que semellan entenderse cada vez mellor, e nun xutazo de Carles Pérez desviado por Oblak que no segundo acto tería unha actuación memorable, á altura da súa consideración como un dos mellores gardametas do mundo. E foi Iago Aspas quen no minuto 57 tivo a oportunidade máis clara dos nosos, cando nunha das súas galopadas encarou ao esloveno, furoulle devagariño a pelota baixo os brazos, mais cando xa pisaba a liña de meta o porteiro conseguiu desviala coas xemas dos dedos. Un deses goles fantasma que cantou a bancada, átonita fronte a xenialidade do cérbero colchoeiro. Como foi tamén o de Moaña quen botou a falta, que motivou a expulsión de Savic, guindándoa de forma maxistral contra o traveseiro. Minutos nos que o Celta moito premeu atopándose co muro infranqueable das luvas de Oblak, fose nun xutazo a perna mudada de Carles Pérez no 74, fose nunha intervención incrible cando detivo un disparo que a propia meta dirixira o seu compañeiro Reinildo. E así, grazas a semellantes intervencións do mellor xogador do encontro, cando se daba por inevitable a igualada, chegou a mazada do gol atlético nunha xogada afortunada, un deses tantos de chorra que incomodan a quen os padece.
Secasí, e a pesar da inesperada derrota, o Celta de Carvalhal saíu reforzado, tanto pola seriedade do seu xogo como pola competitividade amosada fronte a un dos cadros máis reforzados do actual campionato. As mudanzas e variantes que Carvalhal introduciu comezan a dar os seus froitos e a bancada do Fragoso a recoñecelos. Mágoa que onte topase cun oblakazo e perdese a concentración durante apenas uns segundos de mala fortuna.

Publicado en Faro de Vigo 13/02/2023

Toca remar

Comezou o Celta fronte ao Athletic Club en postos de descenso e rematou o partido décimo sexto, formando parte desa decena de equipos que cunha diferenza de apenas dúas vitorias loitarán pola permanencia que semella, tal como vai de baixiña a puntuación do pechacancelas, vai estar por riba dos corenta puntos. Unha primeira volta mediocre dunha das tempadas do centenario celeste na que a bancada do Fragoso asumiu con paciencia a caprichosa planificación deportiva da propiedade que deixou na bancada a Denís Suárez, o director de xogo da pasada liga, sen ser substituído por outro medio do seu nivel, ao tempo que recrutou media ducia de promesas e un par de veteranos que, con algunha excepción, aínda non callaron cando vai mediado o campionato. Un conformismo dos responsables do club, moi perigoso nunha liga igualadísima como a actual, que a dous días do peche nin sequera aproveitou a posibilidade do mercado de inverno sequera coa intención de ilusionar a un celtismo tan incansable como xeneroso na súa dedicación.

Como tampouco, até o partido de onte, a incorporación ao banco do doutor Carlos Carvalhal provocara unha clara reorientación da tendencia dos fracos resultados do equipo, a pesar de tratarse dun adestrador estudoso que polas súas características, a súa querenza polo bo xogo, pola flexibilidade e organización táctica e a súa aposta polos novos valores, como mesmo pola súa afinidade cultural e afectiva, mamada na súa Braga natal, podería construír no Celta un proxecto de longo alento. Un Carvalhal que na tarde de onte, coñecedor da transcendencia do encontro, arriscou moito de saída, cun novo debuxo que fixera saltar a asfixiante presión alta dos xogadores de Ernesto Valverde. E para iso non dubidou en deixar no vestiario a Mallo, Beltrán, Cervi e Larsen, habituais no once inicial celeste, debuxando un rombo inédito no medio do campo, con Tapia, Óscar, Gabri Veiga e Luca de la Torre, deixando unhas bandas longas para que corresen Carles Pérez e Javi Galán na procura dun solitario Iago. Un plan de partido que deu resultado no primeiro minuto de xogo, nunha explosiva carreira do extremo catalá finalizada cun xute cruzado que superou ao porteiro. Un golazo de fermosa factura, anulado a instancias do VAR, que amosou que o Celta onte pretendía tirar de orgullo e moita velocidade para saír canto antes da súa delicada situación.

Secasí, foi un espellismo, xa que os leóns foron tecendo a súa rede que colocaban practicamente á altura da área galega, impedindo que o Celta se estirase e fose capaz de sacar o balón do seu propio terreo. Con todo, Carles e Luca de la Torre realizaron un par de carreiras xeitosas até a liña de fondo, sen consecuencias entre os tres paos, nunha primeira parte que resultou intranscendente para ambos os dous equipos. Por ventura, Carvalhal non se conformou coa igualada e coa continuación deixou no vestiario a Tapia e Óscar, onte (como ao longo de todo o campionato) moi pouco afortunados. A entrada de Beltrán contribuíu a coser ao equipo e a de Larsen a abrir fendas entre os centrais vascos para que Iago puidese coarse e tecer paredes co dianteiro noruegués. O Celta foise estirando e enredando  coa súa tea ao Athletic até que no minuto 70 un servizo excelente de Luca, que Larsen moi fino deixou pasar agachándose, chegou a Iago que soubo gañarlle a posición aos centrais e conseguiu bater a Simón. Outra peza de ourivería do Merlín de Moaña, a novena no que vai de campionato, que resultou por ventura decisiva, como xa o fora nas vitorias anteriores celestes.

Con vinte e cinco minutos por diante, o Celta tirou de afouteza e soubo defender con orde e serenidade o resultado, mesmo sen renunciar a volver a collerlle as costas aos bilbaínos. Un exercicio defensivo óptimo, deixando a porta a cero, moi esperanzador para facer fronte a unha emocionante segunda volta do campionato na que aínda hai moito que roer entre unha decena de equipos. A este Celta orgulloso de Carvalhal, que agardamos sexa reforzado cun dianteiro, tócalle remar e remar.

* Publicado en Faro de Vigo 30/01/2023

Adeus Rikitrí

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao peche da taberna Rikitrí:

Coa fin de ano pechou a taberna Rikitrí da rúa Hernán Cortés 14. Dende hai trinta e cinco anos rexíaa Arximiro Rodríguez Carballido, «Miro», que collera o traspaso da Casa Anuncia aberta a comezos da década de 1940. Dende entón a Rikitrí nunca perdeu o sabor dunha taberna de toda a vida, durante o día un lugar acolledor de conversa agradable para tomar unha chiquita ou unha caña, onde se reunían os empregados e veciñanza das proximidades de María Berdiales e Urzaiz, pola noite parada segura de noctámbulos e solitarios na procura da última. Da man do bo de Miro dende 1987 converteuse tamén nun dos templos celtistas da cidade, tanto por ser sede da peña celtista homónima (formada por sesenta persoas), como pola decoración dos teitos con bufandas do Celta e doutros equipos cos que xogou en liga e competición europea e das paredes con equipamentos e fotografías coas que é doado reconstruír a historia do noso equipo nas catro décadas de entre séculos. Como foi tamén a barra humilde da Rikitrí un espazo onde decote se falaba galego con orgullo e se debatía con paixón sobre o futuro incerto do noso primeiro equipo como da propia cidade.

Miro quixo para a Rikitrí que fose tamén un espazo para celebrar a ledicia e a cultura nosa, organizando as polbeiras dos sábados, recitais poéticos ou verbenas e concertos nos que participaron artistas como Alberto Cunha, Acordeireta, Os residuos atractivas ou Zurrumalla, grupo de música tradicional que lle dedicou un pasacorredoiras. Con todo, sempre foi a remada de nadal convocada cada serán de noiteboa e noitevella a actividade máis singular e emblemática desta entrañable tasca viguesa. Dende hai tres décadas máis de medio cento de persoas protagonizaban esta extraordinaria performance ocupando o medio e medio da rúa Hernán Cortes, remando cos seus corpos ao compás dos seus berros, festexando así a amizade e a ledicia coma se fosen participantes dunha competición de traíñas ou yolas no escenario da ría. Unha remada popular que co peche da Rikitrí dificilmente poderá repetirse, sexa pola merecida xubilación de Miro como pola posta en marcha dun proxecto de urbanización que prevé construír dous edificios e unha praza que comunique de forma peonil as rúas de Hernán Cortés e María Berdiales coa rúa Simón Bolivar, o que obrigará a derrubar o edificio da taberna e outros da súa contorna.

Un peche inevitable o da Rikitrí que nos provoca un aceno de doce melancolía, como a propia despedida que reza na porta da tasca na que Miro agradece no remate da súa andaina o cariño, o ánimo e o apoio recibido da súa clientela, que define como «persoas Xeniais, Marabillosas, Fenomenais». Este adeus da Rikitrí supón a testemuña da desaparición dunha comunidade informal que cada día facía cidade, mais que por ventura formará parte da memoria emocional das persoas que vivimos alí momentos de lecer e compañía. Emporiso as tabernas, tascas, bares ou cafés forman parte do sistema nervioso de cada cidade, xa que máis alá do consumo de bebidas e tapas son espazos necesarios para facilitar o benestar emocional e a socialización da veciñanza e das persoas que nos visitan. Un fenómeno vigués moi característico estudado polo escritor José G. Barral Sánchez en Por catro perras (Cardeñoso, 2007), a primeira guía de tabernas e tascas de Vigo, prologada polo lembrado Xosé Ramón Iglesias. Nas páxinas da obra formidable de Barral está a Rikitrí, xunto a outras tabernas clásicas viguesas como Elixio da travesía da Aurora (hoxe na súa terceira etapa da man de Poldo Celard), o Bar Chavolas da rúa Cesteiros, o Bar Pereira da rúa Ecuador, o Racimo no Couto Piñeiro, o Bar Primavera da Ronda, o Estanco de Bembrive, o Porco da rúa Real, entre tantas outras.

Secasí, a partir de agora a de Miro formará parte da longa relación de tabernas viguesas da memoria, desaparecidas como as que ocupaban a praza do Berbés como o Bar Turista, Avencio, Canta Galo, Si Podo, Raúl, Girasol, Rápido ou Diego. Como desapareceu en 2018 o Bar Tapitas e outros sete que había na rúa de Santiago, onde aínda permanece aberto o Bar Nosa Terra. Como desapareceu a taberna da Viúda, onde se construíu o edificio do Colexio de Arquitectos, como hai poucos anos pecharon o Gazpara na praza da Princesa, o Bar Hipólito  e o Buraquiño de Travesas, a Cosechera e o Barajero na rúa Pi e Margall ou o Bar Mascato da rúa Llorente, preto de onde aínda reside a emblemática Casa Roucos, santuario de artistas e escritores vigueses. Como hai tempo que pechou a Casa Armando da calella das Angustias, da que aínda lembro o arrecendo dos callos os xoves e sábados, as mesas de mármore branco puído e as fotografías de viaxes do Celta, espazo de privilexio para os editores de Castrelos, Xosé María Álvarez Blázquez e Darío Xohán Cabana.

Adeus Rikitrí, beizón Miro por tantos anos de agarimo e presenza!

Handicap creou o Celta

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura de Handicap, o xornalista Manuel de Castro González que tanto contribuíu á creación do Celta:

Conversando co meu benquerido Tomás Ojea contoume como sendo un aprendiz de Vulcano vivira cerquiña o tráxico pasamento de Handicap, o xornalista deportivo creador do Celta. «Foi algo incrible que sucedeu na primeira Exposición Internacional de Galicia montada nos xardíns de Eijo Garay do Areal. Lembro que eu tiña dezaseis anos e había pouco que entrara a traballar na factoría de Espiñeiro. Leváronme á mostra para o mantemento da limpeza dunha caldeira que presentaba Vulcano». «Lembro –continuou o nonaxenario– que o sábado cando don Enrique Lorenzo me viu dixo: “chaval, mañá, non veñas con roupa de traballo, trae a túa que nos vai visitar Franco”». E non se confunde Ojea, xa que aquel domingo 27 de agosto de 1944, estaba prevista a presenza do xeneralísimo en Vigo para participar na clausura dos campionatos de atletismo do Frente de Juventudes e para inaugurar unha exposición que a Cámara de Comercio de Vigo preparara a correr para a visita do ditador. E tampouco erra cando recorda as circunstancias do accidente mortal de Handicap «arrollado de madrugada pola locomotora do tren do porto, ao quedarlle enganchado un zapato na vía, cando saía dos pavillóns da exposición á que fora a seguir as probas de iluminación».

Aquel pasamento aos 59 anos de Handicap, pseudónimo co cal firmou as súas crónicas Manuel de Castro González, marcou de tráxica lenda a traxectoria dunha grande figura viguesa, clave para promover a fusión entre os dous clubs da cidade o Fortuna e o Vigo Sporting, que se produciría o 10 de agosto de 1923 coa fundación do Celta de Vigo. Unha figura tamén pioneira do xornalismo deportivo vigués, que se ocupou do fútbol (e doutros deportes como a hípica, o rugbi ou a disciplina atlética do cross country) nas páxinas, primeiro de Letras y Deportes, a revista de Miguel de Zárraga, despois nas de Faro de Vigo, onde desenvolvería sempre a súa actividade dende a estrea o 16 de febreiro de 1909 cunha crónica dun partido entre o Vigo e o Exiles. Profesión na que Handicap tamén sería pioneiro na utilización do galego na sección «Notas deportivas» da revista Nós, como fixo coa memorable crónica (hoxe centenaria) do número de 26 de xuño de 1922 da final do campionato de «football» que no campo de Coia diante de «dez mil almas» xogaron o FC Barcelona e o Real Unión de Irún, partido que cualificou «dunha beleza futbolística esceucional».

Gerardo González Martín, autor dun libro sobre Handicap, considera que o fútbol comezou a xogarse no Malecón da Alameda en 1895. Mais a verdade é que haberá que agardar ao 19 de febreiro de 1905 para documentar na prensa o primeiro partido de fútbol celebrado en Vigo entre mariñeiros do buque Exmouth fondeado na ría e o Exiles FC dos cableiros ingleses residentes en Vigo. Como haberá que agardar ao 14 de maio do mesmo ano para o debut no Malecón do Vigo FC fronte ao cadro cableiro e meses máis tarde para a constitución do Club Foot Ball Fortuna que o 16 de xuño de 1906 desputará co Vigo FC o primeiro derbi vigués dentro do campionato galego. Primeiros pasos para os cadros do fútbol amateur vigués, que axiña contaron con cadanseu campo: o do CF Fortuna en Bouzas, nos terreos onde se instalaría Conservas Alfageme, ao que en tempos de camiños mal arranxados para a circulación, algúns seareiros chegaban desde a Ribeira en lancha; o do Vigo FC, que se fusionaría co Sporting Club en 1913, en Coia, preto do actual parque García Picher, lugar mítico para o balompé vigués, onde o 23 de setembro de 1923 debutaría o Celta fronte ao Boavista, ao que gañará por 8 a 2.

Cun espléndido palmarés de ambos os dous equipos, que lideraban os campionatos galegos, Handicap comprendeu que sendo Vigo a indiscutible capital deportiva de Galicia, o seu porto o primeiro da fachada atlántica e o fútbol un factor de modernización da propia cidade, «unha lufada de plena vida europea», en palabras do xornalista Manuel Lustres Rivas no xornal Galicia. Diario de Vigo (1922), os tempos esixían que Vigo, como sucedía en Barcelona, contase cun «equipo potente que levase as cores da bandeira de Galicia por toda España e polo estranxeiro» e dun gran estadio para vinte mil espectadores. Con semellante argumentario, as columnas de Handicap en Faro de Vigo, impregnadas co seu talante de facedor de acordos, conseguiron convencer a ambas dúas directivas e aos propios socios de cada entidade da necesidade da fusión, quedando apenas para a polémica o nome do novo club, as cores do uniforme e o deseño do escudo. Cuestións que segundo o avogado Juan Baliño, outro dos artífices do proxecto, solucionáronse de forma doada: o nome, botando man do resultado do concurso que Faro de Vigo organizara, no que Celta e Breogán contaban co maior número de adeptos;  o equipamento, empregando as cores da bandeira galega; e o escudo, adoptando a cruz de Santiago.

Trofeo orfos do mar

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar episodios da historia celeste comprometidos coa súa contorna:

Na visita ao Museo do Mar de Galicia de Alcabre, un dos museos vigueses con recendo máis intenso a salitre, que axudan a gozar da memoria do Vigo portuario, aconsello reparar en dous magníficos trofeos deportivos alí depositados: un dos «Teresa Herrera» do Deportivo da Coruña e o «Huérfanos del Mar» do Celta de Vigo. Dúas valiosas pezas de ourivaría galega do século XX de estilos moi distintos, a primeira tallada pola coruñesa xoiaría Malde da rúa Real da Coruña, seguindo a tradición da pratería compostelana; a segunda deseñada polos esmaltadores vigueses da familia Hernández, que dende 1926 abriron obradoiro na rúa do Príncipe, acuñando un estilo de ourivaría art déco e unha técnica única. Dúas xoias deportivas daqueles primeiros torneos amigables de fútbol de verán comezados na segunda metade da década de 1940, que nos seus brillos agochaban unha historia de días difíciles.

A peza viguesa corresponde ao «Trofeo Huérfanos del Mar» que o 19 de xuño de 1949 xogaron en Balaídos o Celta e o Benfica en beneficio do Orfanato Nacional Virgen del Carmen de Panxón. Unha copa que sobre un pé entallado de ondas e un fuste de escenas portuarias, no balón esmaltado e sostido entre dúas sereas represéntase a manobra de recollida do aparello. Unha imaxe coa que os ourives vigueses homenaxeaban a afouteza dos mariñeiros, nuns meses onde aínda estaba moi fresca a traxedia do Tito, un pesqueiro vigués dedicado á sardiña, que naufragou o 27 de decembro de 1948 e no que trinta e cinco dos seus mariñeiros resistiron durante dous días sobre o illote Boeiro, situado no extremo occidental da illa meridional de Cíes. Un relato do seu rescate por parte da tripulación do Limideiro,  reconstruído por Francisco Díaz Guerrero, o noso admirado primeiro cronista portuario de Faro de Vigo, nas páxinas do seu libro Naufraxios no mar de Vigo (Xerais, 2002), que tivera o tráxico prólogo da desaparición de dous tripulantes, o patrón de pesca Joaquín Blanco Rodal, que deixou viúva e cinco fillos de idades comprendidas entre os sete e os dezaoito anos, e o mariñeiro Francisco Barreiro Ruibal, solteiro.

O trofeo vigués tamén ten unha historia deportiva interesante. O Celta capitaneado por Yayo gañou por 2 goles a 1 a aquel temible Benfica de Francisco Ferreira, capitán do equipo e da selección lusa, e do que formaba parte Rogerio, considerado un dos mellores extremos esquerdos de Europa. Un partido no que segundo as crónicas os campións portugueses puxeron o xogo e a técnica e os celestes a rapidez e a cobiza. Unha actitude dos galegos que lles permitiu adiantarse na primeira media hora de xogo cun gol de Aretio e xa na segunda parte, tras o empate do lisboeta Coroña, que unha sensacional cabezada de Martín, tras un amago na área pequena de Hermidita, permitise deixar tan valioso trofeo para sempre en Balaídos. Con todo, o que hoxe é máis chocante daquel amigable benéfico, precedido por un encontro dunha selección de xogadores de fútbol modesto vigués con outra de compoñentes da Armada, é que o Celta saíse reforzado con tres xogadores do Deportivo da Coruña, que completara un gran tempada como segundo clasificado da Primeira división, o dianteiro arxentino Franco, o magnífico medio volante Martín, autor do gol decisivo e de quen os cronistas vigueses criticaron o seu abuso do caneo, e o poderoso central Ponte, que xunto co celeste Cabiño conformaron, até a súa saída lesionado, unha liña defensiva infranqueable para os lusos. Unha colaboración intergalega que ben merece ser recoñecida, o que non impedía a rivalidade nos derbis daquela moi igualados.

Estas historias miúdas agochadas no trofeo dos orfos do mar de 1949 amosan que en plena ditadura franquista o Celta de Vigo mantiña un compromiso coa súa contorna que ía máis alá da anécdota, o que por ventura se mantivo dende entón. Serva como exemplo que na recente exposición que a Deputación Provincial de Pontevedra trouxo á praza da farola (a viguesa praza de Galicia) sobre o Cincuentenario da Casa de Rosalía, chamaba moito a atención a reprodución da noticia que Faro de Vigo publicou o 24 de marzo de 1971 anunciando a doazón do Celta ao Patronato Rosalía de Castro dunha peseta por cada espectador asistente ao partido co Real Madrid, que finalmente supuxo unha achega nada desprezable de 35.000 pesetas. Como forma parte da historia deste compromiso o chamamento (en galego) co que os xogadores animaron a participar a afección na histórica manifestación viguesa da mañá do 4 de decembro de 1977 na que se reclamou Autonomía para Galicia, que pola tarde subliñaron saíndo ao campo alzando unha gran bandeira galega confeccionada nunha fábrica de pantalóns. Episodios que a pesar do maldito fútbol moderno non deben ser esquecidos pola afección celeste nin polos actuais propietarios e xestores do Real Club Celta SAD.