Males de altura

O Celta de Marian Mouriño deulle en quince meses unha volta ao carpín da xestión do club que o seu pai levou en dezasete anos. Xirou 360 graos o proxecto deportivo, cesando ao sobrevalorado Benítez e apostando por Claudio Giráldez e o seu fútbol académico de canteira. Reorientou a comunicación, alicerzándoa sobre o éxito do himno da Oliveira de cen anos, o seu emprego inclusivo do galego e unha presenza creativa nas redes sociais, onde conta con máis de nove millóns de seguidoras en Tik-Tok (cifra asombrosa), dous millóns e medio en Facebook ou máis de medio millón en IG, que abriron o celtismo ao mundo. Desbloqueou as relacións co concello, que está deixando irrecoñecible aquel vello Balaídos, transformado nun fermoso coliseo ao xeito británico, e intenta unha saída negociada para o proxecto da cidade deportiva de Mos.

Porén, a dona do club non foi capaz de mitigar algunhas doenzas crónicas na historia celeste, dende eses incomprensibles hábitos deportivos de resucitar na competición aos que máis necesitados están ou a de que se cargue a atmosfera do club con conflitos institucionais, xusto cando mellor rula no deportivo. Males de altura, como os que sofren os montañeiros reducindo o seu nivel de osixeno en sangue, como o provocado esta semana polo apartamento fulminante de José Gainzarain e de Sonia García das súas responsabilidades como primeiros xestores corporativos e financeiros do club, tras o que non fai falta ser o inspector Caldas, se oculta un modelo distinto do que propiedade e os profesionais entenden como xestión óptima dunha sociedade anónima Deportiva (con maiúscula).

Como malestar provoca no celtismo informado o divorcio entre o club e a Asociación de Fútbol Afeccionado de Vigo (AFAVI), que hai pouco denunciou o incumprimento económico do convenio asinado en 2022 polo club e a súa fundación. Un conflito de calado, tanto pola importancia das cantidades reclamadas pola entidade presidida por Daniel Costas, como pola seria dificultade de renovar un acordo que finaliza o 30 de xuño, e do que todo indica que a actual dirección deportiva pretende desfacerse. Confrontación sobre o modelo de canteira celeste, que supoñería prescindir da actual achega formativa de 19 clubs modestos que traballan con 4.000 rapaces e rapazas, canteira viguesa da que saíron xogadores como Jony Otto, Rubén Blanco, Brais Méndez, Gabri Veiga ou máis recentemente de Fer López.

Mal de altura que sufriu a noite do luns co empate insuficiente coas Palmas, que non certifica a permanencia automática, pero mantén a igualdade da pelexa co Raio e o Mallorca como principais rivais para a praza da Conference League 25/26. Estado de vertixe que non afectou tanto a calidade do xogo defensivo e atacante, moi superior na primeira parte, como no acerto na definición, que tivo dúas veces na biqueira o infatigable Borja Iglesias. Iso si, coa excepción de Alfon, autor do gol celeste no tempo engadido da primeira, unha valiosa alfaia nun partido memorable do extremo albaceteño, aposta persoal de Giráldez, sen dúbida, un dos mellores e máis regulares celestes da tempada.

Mal de altura que afectou a propio Claudio superado na pizarra táctica polo vigués Diego Martínez Penas, o máis recente seleccionador da Galega, bo coñecedor do Celta que nos primeiros corenta e cinco minutos pechou as bandas celestes defendendo de forma compacta e ordenada. Batalla táctica que tivo o seu lance principal cando o míster visitante mudou coa reanudación a súa liña de tres centrais, deixando no vestiario a Bajcetic, outra valor da canteira celeste, propiedade do Liverpool, a quen Alfon toleara ao xeito Nolito. Co paso á defensa convencional, os canarios tardaron tres minutos en empatar nunha gran xogada de McBurnie finalizada por Moleiro. Claudio quedou obrigado a mover pezas, deu entrada a Beltrán, que contribuíu a achegar máis continuidade, e a Aspas, que ofreceu moi pouco. Con todo, os celestes gozaron novas oportunidades, clarísimas a do pase de Carreira que non atopou rematador, a de Moriba, que quedou asustado a porta baleira, ou o xutazo soberbio de Marcos Alonso despexado polo porteiro insular, que substituíu a Cillesen, gravemente lesionado nun choque con Borja.

E como é adoito, un despexo insuficiente de Starfelt nun ataque illado, foi aproveitado por Fabio Silva para superar a Guaita cun xute entre as pernas. O silencio cortouse no estadio, roto apenas pola festa dos seareiros e banco amarelo. Outro das clásicas celtadas do anfitrión amable! Por ventura, o VAR acudiu ao rescate dos de Aspas, dando por bo un empate que deixaba as cousas como estaban, nunha xornada na que todos xogaron  para nós.

Con corenta puntos e faltando aínda nove datas, a permanencia está feita, e o Celta de Claudio, a pesar do seu estraño mal de altura, ten a obriga de pelexar polo máximo. A iso enfróntase en Mallorca o sábado e despois co Espanyol de Manolo Gónzalez, outro gran adestrador galego, ex-condutor de autobús, formado como míster en Cataluña. Dúas oportunidades, que despois de retrasar un paso, poden permitir un novo salto. Upa, Celta!

Publicado en Faro de Vigo: 02/04/2025

500 días celestes felices

Nos minutos previos do enésimo partido sabático, o noso compañeiro de Río Alto, celtista cun carné de cincuenta e nove anos de antigüidade, lamentaba o pasamento de Herminio González Otero, aquel lateral do Carballiño, un loitador que pola banda dereita esgotaba até a derradeira pinga da suor. Lembramos aquel Celta da nosa infancia en Segunda até a temporada 68/69, na que Herminio era capitán, un fixo na defensa, con Las Heras e Quique Costas, un auténtico pulmón que chegaría á internacionalidade, ao que se engadiría Manolo, o noso gran capitán, gloria do celtismo con dezasete tempadas no equipo, outra alfaia da canteira do Morrazo, como o actual Merlín de Moaña.

E nesas memorias celtistas andabamos cando sobre o terreo de xogo apareceron os Cigarróns de Verín e os Boteiros e os Fulións de Viana, correndo coa dignidade e a orde da estirpe do entroido tradicional. Un espectáculo único no mundo, tan extraordinario como emocionante. Outra xenialidade do equipo de comunicación do Celta, como a presenza de Cupeiro no coliseo ou a creación de pezas coidadísimas na rede, que empregando de forma habitual a lingua galega están conseguindo viralizar o sentimento interxeracional de pertenza ao celtismo como comunidade e do Celta como indiscutible equipo para un país, tanto en Vigo, como no resto de Galicia. Unha intelixente estratexia de celtismo inclusivo que deixa lonxe a calquera dos clubs galegos de fútbol profesional. Espectáculo etnográfico tan memorable continuado, cando os equipos xa desfilaban no céspede, coa interpretación da «Oliveira», tres minutos e vinte segundos, que colocan a Balaídos á altura da parafernalia coral dos estadios da Premier.

Con semellante arroupamento inicial e coa continuidade no once de gala da proposta de canteira de Claudio Giráldez, o Celta conseguiu fronte ao Leganés a súa quinxentésima vitoria na casa, tras cincuenta e nove tempadas na elite. Un triunfo para historia. O que é o mesmo que dicir 500 días felices para, probablemente, millóns de persoas que vivimos ou simpatizamos co celtismo como emoción compartida no estadio, mais tamén nas casas, nos hospitais, nos centros de traballo ou educativos de toda Galicia e da súa diáspora.

Vitoria fronte ao difícil equipo pepinero, a novena (de catorce datas) desta temporada, a máis apertada e, quizais, a menos merecida das conseguidas na fortaleza do Fragoso. Unha vitoria con remonta incluída, tras outra saída vacilante dos nosos, sorprendidos pola verticalidade do Leganés, que aos vinte minutos, nun dos seus pases longos conseguiu que Juan Cruz por unha vez lle roubase con habilidade á carteira a Marcos Alonso para asistir dentro da área a Rosier que bateu a Guaita.

Outra vez, os de Claudio obrigáronse a recuperar o tempo perdido. Apenas seis minutos despois, Alfon aproveitou un erro na saída de balón dos visitantes e asistiu a Mingueza que marcou coa calidade e colocación dun xutazo ao pao longo. Un gol que nivelou o marcador, pero que non amedrentou nin moito menos aos visitantes que dinamitaron a paciente estratexia claudia. Foron até tres xogadas as que puxeron ao límite a un gran Guaita no seu quincuaxésimo partido como celeste, sobre todo cando desviou unha cabezada de Renato Tapia, ex-céltico que, como Óscar Rodríguez, tivo unha boa actuación. O Celta, atascado na saída de balón, parecía incapaz de crear superioridades. Mais no primeiro tempo engadido, un taco de fantasía de Iago Aspas, até entón gris no seu regreso, permitiu que Borja Iglesias, un loitador infatigable, conducise pola frontal e asistise con precisión a Alfon, o mellor dos nosos, que coa súa velocidade xutou superando ao gardameta. Un gol precioso na execución e tamén no seu valor na clasificación, que coloca discretamente ao Celta ás portas do soño europeo.

A segunda parte foi dun prolongado sufrimento dos celestes que, a pesar de cinco cambios, nunca foron capaces de dobregar aos visitantes que os asediaron na área. Certo é que puido ampliar o marcador cun terceiro tanto noutra xogada de tiraliñas, anulado por centímetros polo VAR, que na primeira parte obrigara ao árbitro a reconsiderar un penalti e unha tarxeta vermella, tras outra gran xogada de Borja rematada a raspelar a porta. Como foi un milagre que no tempo engadido os pepineros, que nunca renunciaron á igualada, estragasen dúas oportunidades goles que nos pareceron feitos. Minutos emocionantes no que o Celta foina virando mentres a bancada o sostiña reclamando o derradeiro asubío.

En definitiva, foi esta unha vitoria valiosa nun partido discreto, que sitúa aos de Giráldez petando nas portas do ceo, mentres o celtismo celebra outra das súas 500 semanas felices. Imaxinen o que pode sucedernos se continuamos puntuando de tres nas dúas próximas datas, onde xogamos contra Valladolid e As Palmas, rivais accesibles, aínda que moi necesitados? Gocemos, celtistas!

Publicado en Faro de Vigo: 10/03/2025

Gol en Balaídos

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á despedir a Grada de Gol, a derradeira peza do vello Balaídos:

O 14 de agosto de 2023 pasará historia do Celta pola estrea de «Oliveira dos cen anos», himno que Antón Alfaro compuxo para celebrar o seu centenario. Tema musical recoñecido con moitos premios, con case cinco millóns de reproducións en youtube, convertido en insignia do actual celtismo de canteira espallado por todo o mundo. Expresión emocional musical afortunada tanto do proxecto deportivo e empresarial da presidenta Marian Mouriño, como do sentimento da mocidade celeste, que asume con orgullo o celtismo galeguista como unha suma de ledicia e padeceres, renovado en cada partido nunha cerimonia de canto coral que fai tremer á abarrotada catedral da terra das abeleiras.

Himno de C. Tangana que substitúe ao tradicional de melodía rústica que acuñou o lema heroico (e afortunado) daquel Celta do ascensor de sube e baixa: «nobre xogo, afouteza e corazón». Tema creado en castelán, traducido con agarimo pola inesquecible lingüista e xestora deportiva Marta Souto, iniciando así o emprego modélico do galego como lingua vehicular de Balaídos, medida promovida polo alcalde Manuel Soto, ao abeiro da Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística de 1989.

Ademais do incrible precedente que supuxeron as pancartas en galego da peña Jaburú nos derbis co Coruña dos sesenta, fotografadas, probablemente, por Siorty e Magar, foi pioneira para a galeguización do Celta a achega d’ A Roda, grupo de canción tabernaria do que celebramos este ano o cincuenta aniversario da súa primeira actuación nun escenario no Iº Festival dos Xesuítas. Formado primeiro por Fito, Luis Vaamonde, Luis Domínguez, os irmáns Abalde, Piña e Queno, A Roda creou a mítica «Foliada do Celta», incluída en Falemos galego (1979), segundo elepé do grupo. Nacida do celme popular, obreiro, vigués e galeguista, que caracteriza o repertorio do grupo, a foliada celtista, coñecida tamén como «Díxolle ao sobriño o tío», converteuse no himno non oficial do sentimento da inquebrantable paciencia celtista («e chega outro ano e pasa tamén») durante as décadas difíciles de 1960 a 1990. Máis aínda, cando o grupo nacido nos bares do Vigo vello interpretou a foliada no estadio de Balaídos en xuño de 1982 para celebrar o ascenso memorable a Primeira de Milorad Pavic, adestrador serbio que, dúas temporadas antes, collera ao Celta en Segunda B.

Convertéronse en himnos non oficiais tamén os temas de Keltoi, «1923 (2010)» e «Unhas cores e un sentimento (2016)». A banda viguesa de punk, liderada por Sime, actuou en Balaídos en 2012 para celebrar o último ascenso a Primeira (toquemos madeira!), tras un lustro en Segunda, daquel Celta de Sergio, Mallo, Lago, Oubiña, Alex López, Bermejo e Iago Aspas, entre outros. Repetidos na festa do centenario, os himnos de Keltoi representan o celtismo da afouteza orgullosa dun equipo para un país que nunca vai camiñar só.

Nas últimas seis décadas de celtismo entusiasta vividas na bancada de Río (Alto), onde adquirín parte da miña formación emocional, é a foliada da Roda o tema que máis pegada me deixou. Quizais pola acerto dos autores de exaltar a diversidade do celtismo, como emoción compartida dos seareiros de cada grada do vello Balaídos, anterior á reforma do mundial de 1982, cando aínda existía a pista de cinza que no descanso percorría Toniño. Identificación afortunada, xa que sabiamos que eran os señoritos de Tribuna os que sacaban o pano para dicirlle ao presidente que «a temporada que vén temos que cambiar de xente». Como eran os de Marcador –que non tivo cuberta até 1970, onde estaba instalado o marcador simultáneo «Dardo», no que seguiamos os resultados de Primeira cos seus anuncios– os algareiros que «máis se cabreaban e pedían a cabeza do señor adestrador». Ou que os de Río, un pouco señoritos, pero entendidos, eramos os que montabamos o lío, para intimidar ao equipo arbitral, que almorzara como deus manda no Mosquito.

Non esquezo que a foliada rodariana, lamentaba que os de Xeneral/e (Fondo, debaixo de Marcador) e os de Gol «como están tan separados non se decatan de nada», razón pola que «nunca protestan». Anomalía á que se pon remedio, tras o derradeiro partido de Gol do pasado venres, grada na que militaron o meu avó e o meu tío Suso dos que mamei o celtismo máis popular do Val do Fragoso, de Freixeiro a Mantelas. Gol onde colocaban as bandeiras sobre o perfil da viseira na orde clasificatoria de cada xornada, como lembro a imaxe do porteiro Fenoy marcando de penalti ou os dous goles salvadores do debut de Aspas co Alavés en 2009. Reducida, por fin, a distancia entre Gol e Marcador, agardo que cando se inaugure, previsiblemente, en 2027, a bancada pegada á lameira, completando así a nova e fermosa catedral do Fragoso, conviden a Tangana, Keltoi e A Roda a inaugurala. «Gol en Balaídos, marca Fer López, tras outra asistencia de Aspas…»

Oficio de Gol

O Celta de Claudio Giráldez abriu na noite do pasado venres o fachinelo dos soños cunha vitoria axustada e merecida diante dun Osasuna de Vicente Moreno superior durante case toda a primeira parte. Tres puntos –sete de nove nos tres últimos encontros–, que confirman a saída dos celestes do baixón na clasificación –quizais menos no xogo– coa que comezaron o ano 2025 e que con trece datas por diante –seis na casa con rivais accesibles– permite antes do entroido enxergar a cifra da corentena, onde está o obxectivo da tempada, a da permanencia, ampliando a trece as continuadas en Primeira, un fito na historia do club e do fútbol galego. Horizonte desexable para unha afección experimentada en mil padeceres na tolería da tómbola das cinco últimas xornadas, que reclama gozar (por fin!) dun final de liga tranquilo. Obxectivo realista para o propio proxecto de canteira dun club con proxección global, que precisa consolidar resultados e acumular experiencia para un cadro moi novo que da man do valente adestrador porriñés perdeu calquera asomo de inocencia.

Vitoria que coincidiu coa saudade da despedida da grada de Gol, cuberta pola viseira de formigón dende comezos dos setenta. Bancada construída sobre o espazo do primixenio fondo sur aberto, que permitía mirar os partidos a aqueles chaíñas capaces de gabear polas altísimas abeleiras que bordeaban as extremas do campo de fútbol da Florida  como testemuñan para a historia do celtismo máis acrobático e arriscado as fotografías de Magar. Grada onde xermolou en 1987 a peña Celtarras e na que se viviron días heroicos de celtismo acuático, anegada polas enchentes do Lagares, que nin respectaban a historia do túnel e escaleira de saída dos vestiarios. Grada do celtismo popular, protagonizou xornadas inesquecibles como a do debut de Iago Aspas en 2009, que marcou na portaría de Gol os dous goles salvadores ao Deportivo Alavés, iniciando as incribles estatísticas do Merlín de Moaña que nesta despedida tivo tamén o seu gol para a historia.

Sempre leal ao seu libro de novidades, Giráldez non repetiu once: mantivo a súa defensa habitual, que funcionou a un gran nivel; recuperou a Moriba como acompañante de Sotelo no centro, os dous cunha actuación correcta; mantivo nas bandas a Mingueza, moi discreto na primeira parte, e a Carreira, outra vez un dos mellores; sendo novidade na dianteira, xunto a Borja e Williot, a presenza de Fer López, unha luz que escintilea cada vez que toca a pelota, mellorando a xogada e convocando até tres rivais, substituído de forma prematura, tras ser amoestado. Como, por desgraza, os de Giráldez repetiron o que comeza ser un desagradable costume, o de entregar aos seus opoñentes, canto menos, a primeira media hora de xogo. Sucedeu co Betis e repetiuse co Osasuna, que asoballou ao Celta meténdoo na súa propia área durante o primeiro cuarto, obrigado a defender de forma angustiosa en bloque baixo coma se do derradeiro cuarto do partido se tratase. No segundo, a estratexia de Moreno non ofrecía dúbidas: lanzado polos medios que apagaron a Sotelo e Moriba, Bryan Zaragoza estiraba aos iruñeses que tiñan como referencia a Budimir, un dianteirazo que librou unha dura batalla con Starfelt, gañada polo celeste aos puntos. Por fortuna, nos minutos finais da primeira parte, os celestes conseguiron despregarse pola banda de Mingueza e Williot e xutar entre os tres paos nun par de ocasións, con todo, un pobre balance para aspirar a levar o partido.

Como acostuma, Giráldez no vestiario simplificou a súa pizarra e cargou as pilas aos seus cun plan de partido máis nítido. E como acontecera co Betis, coa continuación ofreceu outra enerxía que fluía polos corredores de Mingueza e Carreira. Foi un remate soberbio do carrileiro vigués e outra chegada de Williot, as que anunciaron que o Celta ía a polo partido. Giráldez entendeu que a sintaxe do xogo obrigaba a introducir verbos transitivos. Fixo reaparecer a Aspas que en apenas tres minutos sacou da chistera un pase na liña de fondo sobre Borja que provocou que Torró o trabase. Penalti claro, transformado con solvencia polo capitán, que mirou sobre a grada de Gol, como fixera dezaseis anos antes, un exercicio que lembra o que se di en Mantelas «de quen de novo foi bailador, de vello dálle un xeitiño». Con vinte minutos por diante, Giráldez tirou do libro do oficio, confiando toda a responsabilidade a súa defensa, liña que modifica só en caso de continxencia. Marcos Alonso, Starfelt e Javi Rodríguez, os tres inmensos, souberon resistir as acometidas dos vermellóns e o perigo do seu balón parado. O adestrador de Cans amosaba outra vez a validez da súa estratexia de xogo paciente e creativo. Agradeceuno a bancada cunha despedida emocionada á grada de Gol, con foto para a historia incluída. Puro celtismo!

Publicado en Faro de Vigo: 23/02/2025

Isto é o Celta

Cunha vitoria épica, remontando dous goles en apenas dous minutos, o Celta supera de forma brillante o baixón de resultados de comezos de ano. Tres puntos que axudan a superar dúbidas, comprensibles se temos en conta as cifras da táboa clasificatoria, do que é un equipo de autor que demostrou ter personalidade, tamén paciencia e criterio técnico para derrotar nos trinta e cinco minutos finais a un Betis inzado por duplicado de estrelas internacionais no terreo de xogo e no banco de suplentes.

Un partido temido pola afección celeste que, tras o insuficiente desempeño diante do Athletic Club e do Valencia, obrigada xa a vixiar os resultados dos rivais metidos na lea do descenso. Como tamén polémico foi o peche do mercado de inverno con cinco saídas, entre elas as de tres internacionais con fichas elevadas, Bamba, Douvikas e Aidoo, apenas compensadas polo regreso de Iker Losada, capitán do Fortuna de quen o club prescindiu hai dúas tempadas. Baixas e altas, compensadas pola confianza cega do noso técnico nos valores da canteira, sobre todo de alfaias como Fer López. E abofé que este 3-2 diante dos difíciles béticos disipa toda esa bretemallada e recupera o entusiasmo dunha afección que está a partir un piñón co proxecto de Claudio e da presidenta Marian Mouriño.

Como acontece cada semana, o once de gala de Giráldez traía novidades, en boa medida provocadas polas sancións de Starfelt e Moriba, dous dos seus «fixos». Saíu o Celta con Carlos Domínguez e Javi Rodríguez na defensa, acompañados de Marcos Alonso, os tres con excelentes actuacións; Sotelo e Beltrán levando o tempo de xogo, que foron de menos a máis; Álvarez e Mingueza nas bandas, que estiveron máis discretos e Alfon, Durán e Losada, que formaban xa hai dúas tempadas a dianteira do Fortuna de Giráldez. Sete canteiráns, aos que cos trocos chegaron a decena, coa entrada decisiva de Fer López, a peza principal na remontada, de Carreira pola banda e de Borja Iglesias que se pegou con valentía cos centrais béticos nos minutos finais. E nin sequera fixo falta que desta volta reaparecese tras a lesión Iago Aspas, a quen lle abondou corrixir dende o saque de recanto a colocación da liña defensiva celeste, xenio e figura do que ven sendo o principal valor deste equipo con alma de orfeón. As pezas poden ser intercambiables, mais nunca se perde a paciencia nas circulacións longas nin as axudas nos minutos difíciles cando se defende en bloque baixo, como sucedeu onte cando máis apertaba o equipo de Pelegrini.

A verdade é que o Betis foi un óso moi duro de roer. Dende o inicio foi un partido fermoso, no que sempre houbo alternativas en ambas as dúas áreas, mais no que Giráldez intentou levalo ao territorio do desgaste e Pelegrini a liquidalo canto antes. Así na primeira media hora os verdibrancos asoballaron ao Celta, incapaz de sacar a pelota e lanzar aos seus extremos. Dirixido por un Isco imperial, movéndose por todos os espazos chegaron axiña os goles de Antony, tras un despexe defectuoso na área de Marcos Alonso, e de Diego Llorente nun saque de recanto deliñado por Isco que os celestes, sen as súas torres, defenderon mal. O partido puido quedar liquidado no 29’ cando Bakambu cabezou ao traveseiro ou cando despois Jesús Rodríguez xutou á cruceta. Mais os celestes non morderon o pó, e no terceiro cuarto anunciaron que irían pola remontada. Javi Rodríguez, avisou cunha gran cabezada que obrigou ao gardameta a chapar o balón na mesma liña de meta.

Tras a filípica de Claudio no tempo de lecer, e sobre todo coa entrada de Fer López e Williot no 60’, o panorama comezou a mudar, e xa eran os visitantes os que corrían detrás do balón e os nosos os que entraban pola bandas profundas. Non tardaron en chegar os dous golazos celestes que nivelaron o marcador, froito desa circulación paciente na que cre Claudio. Primeiro o xute pola escuadra de Beltrán no 62’, tras unha transición iniciada polo capitán na que asistiu Hugo Álvarez e participaron Williot e Marcos Alonso. O segundo, unha marabilla saída da luva de seda de Fer López, que engaiola con cada toque, sobre Hugo, que asistiu a Pablo na área pequena e que remachou ás mallas Javi Rodríguez.

Os de Giráldez souberon aguantar o bloque baixo con orde e tiveron a ambición de levar os tres puntos, dobregando aos béticos no 86’ nunha transición iniciada por Fer López, asistida por Carreira e finalizada nas redes por Williot que toca un defensa. O coliseo do Fragoso estalou entón de entusiasmo. Os rapaces fixérona outra vez. Isto é o Celta! Esa é a alquimia única dos padeceres e ledicias vividas nun mediodía frío cando as gaivotas sobrevoaban as gradas na procura de bocadillos e empanadillas. Isto é Balaídos, inmortal!

Publicado en Faro de Vigo: 09/02/2025

Coa batería descargada

Tras a eliminación de copa no Bernabeu no serán do pasado xoves, despois de 130 minutos de xogo ao máximo nivel de ansia e desempeño físico e emocional, o Celta quedou coa batería descargada e co tempo necesario para recargala ao cento por cento e contar coa capacidade suficiente para superar ao Athletic, o cuarto clasificado, tamén un dos equipos máis respectados (e acompañados) no coliseo do Fragoso. Secasí, no mediodía chuvioso de onte, diante dun discreto equipo bilbaíno, tamén eliminado nesta rolda de oitavos, aos de Claudio faltoulles a enerxía suficiente para competir con ese extra de entusiasmo e motivación que deu en Balaídos tan excelente resultado na primeira volta. Como tamén é certo que o Celta se presentou cun inhabitual estado emocional aplanado, tras padecer unha penosa actuación arbitral no partido de Copa, tanto a cargo dos colexiados no estadio como os da sala VOR, que sería decisiva para a clasificación do Real Madrid. Condicións precarias para os celestes, ás que, se non abondasen xa estas circunstancias, se engadiron as numerosas baixas fose polas lesións musculares de Aspas, Alfon e Fer López, pezas claves no cadro de Giráldez; pola sanción de Marcos Alonso; polas tres saídas do mercado de inverno, incluída a de Bamba, un dos dianteiros habituais de Giráldez, autor dun gol decisivo en Chamartín, tras un dos seus partidos máis notables; como a incerteza na que viven outros xogadores, como Douvikas, Mingueza, Cervi ou Aidoo pendentes dunha eventual saída neste mercado a última hora.

Diante de semellante panorama, ninguén pode negar a afouteza atrevida de Claudio Giráldez, a quen despois do roubo de copa coñecemos como mestre da retranca, revolucionando o once de gala cun elenco que máis parecía o do Celta Fortuna reforzado por Guaita, Beltrán, Cervi e Borja Iglesias, un equipo de canteira, ao xeito da Real ou (en menor medida) do propio Athletic, cunha idade media por baixo dos vinte e catro anos que se temos paciencia aventura un futuro máis que esperanzador. O adestrador de Cans buscou pernas frescas, dentro das escasas posibilidades coas que contaba. Con ese criterio, mudou de esquerda a dereita a súa tripla de centrais, dándolle toda a responsabilidade da saída do balón a Carlos Domínguez, Yoel Lago e Javi Rodríguez, unha decisión que cando foi anunciada no estadio deixou xeados a moitos seareiros sabidichos que polo baixiño cualificaba de ghamado ao técnico celeste. Nas bandas incorporou a Carreira e a Cervi, xogador que en cada mercado aparece entre as posibles saídas, mais a quen non se lle pode recriminar nunca o seu compromiso. O temón do xogo concedeullo ao xove capitán Beltrán e a Hugo Sotelo, que estreaba o 4 (de Borja Oubiña, entre outros), mentres que na tripla atacante contaba con Durán e Williot, na que sería a súa enésima oportunidade (por desgraza, outra vez desaproveitada), e no sacrificio de Borja disposto a volver pelexar corpo a corpo cos centrais visitantes.

Por desventura, este novidoso once non deu o resultado previsto polo equipo técnico celeste. Dende o inicio, o Athletic concedeu ao Celta a posesión, mais controlou o xogo en ambas as dúas áreas, gañou a maior parte dos duelos decisivos, disparou até en quince en ocasións entre os tres paos (o Celta apenas en tres) e dispuxo de media ducia de claras oportunidades de gol. Os irmáns Williams, entrando dende as bandas coma coitelas, foron un pesadelo para Guaita, que fixo tres paradas de moitísimo mérito; mentres Unai Simón non se estreou ao longo dos noventa e cinco minutos, algo incrible no que vai de tempada. Porén, por estraño que pareza, os goles dos leóns chegaron tras perdas celestes de forza ou concentración (perfectamente evitables). O que sucedeu tamén no gol de Hugo Álvarez, que fixo soñar coa remontada, cando faltaba aínda un cuarto de hora e apareceu o arco da vella entre as cubertas de Balaídos, orixinado por un esvarón de Adama na área, aproveitado con serenidade polo dianteiro ourensán que tras o descanso substituíra a Williot.

A derrota do Celta foi xusta, no seu peor partido dos xogados en Balaídos no que vai de liga. Desempeño mellorable provocado pola decepción vivida no Bernabeu, que o celtismo non esquecerá en moito tempo, ao que non foi allea esa perda de enerxía, tamén de determinación, de intensidade, de concentración e mesmo dese entusiasmo preciso para unha remontada que onte non chegou nin se soñou. Tres derrotas recentes, a de copa e as de liga co Raio Vallecano e co Athletic, que obrigan a reflexionar sobre como organizar o xogo co cadro de xogadores dispoñible, tras o peche do mercado, así como pode recuperar a chispa e o brillo un equipo hoxe exhausto no físico e triste no emocional. O Celta debe cargar a batería.

Publicado en Faro de Vigo: 10/01/2025

Canela!

Un dos éxitos do Celta desta tempada é a comuñón da afección co adestrador e o seu cadro técnico, os mellores coñecedores do estado do alcoube da Madroa e Afouteza, que cada vez con maior frecuencia sorprende coa aparición de novas alfaias. Sendo así, tras a actuación de Fer López no partido de Copa no Helmántico, dando un recital de xogo e dous goles en apenas vinte e sete minutos, o elegante mediapunta cocheno do Fortuna quería aliñado xa en Primeira, anhelo da afección que Claudio entendeu perfectamente, convertendo o partido co temible Mallorca de Jagoba Arrasate na oportunidade axeitada para incorporalo no once de gala, aproveitando para darlle descanso (merecido e necesario) ao mesmo Iago Aspas. Debut, porén, agredoce dun rapaz de vinte anos con trazos de figuriña, que fai soñar ao celtismo con contar decontado con relevo da canteira para o Merlín de Moaña, noite que pasará a historia pola desventura dunha lesión, probablemente unha inoportuna escordadura de nocello, apenas transcorridos corenta minutos, tras unha actuación moi prometedora e solvente, na que cada vez que tocaba a pelota foi para mellorar a xogada, o que promete moitas outras actuacións memorables no futuro.

Coa excepción desta estrea de Fer, Claudio aliñou fronte ao equipo balear o que ven sendo a súa defensa preferida, onde se consolida con todo merecemento o canteirán Javi Rodríguez, cada vez máis seguro na contención e protagonista no ataque, nunha noite na que os seus compañeiros Starfelt e Marcos Alonso, estiveron tamén a un nivel óptimo, completando o partido a porta baleira (un éxito a salientar), tras unha batalla durísima nas alturas cos manghallóns visitantes o canadense Larin e o kosovar Muriqui. Como tampouco sorprendeu o míster de Cans coa aliñación de Moriba, que co seu sentido vertical do xogo e as súas cacheiradas dende a segunda liña achega sempre ao equipo moito picante ofensivo, xunto a do capitán Fran Beltrán, o noso xigante discreto, que fixo outro dos seus partidos memorables, chusando a pelota onde era necesario en cada momento e gañando ducias de duelos. Como era previsible que Claudio mantivese a Mingueza e a Hugo Álvarez nas bandas, hoxe por hoxe dúas das pezas máis cobizadas da competición, coa intención de combinar coa novidosa tripla atacante que, ademais do canteirán debutante, formaron Williot, na noite da sexta feira un pouco furaolas de máis, e Borja Iglesias que librou unha batalla tremenda (e desigual) cos centrais visitantes, moi consentidos polo árbitro.

Con estes vimbios, o Celta saíu moi intenso e concentrado disposto co seu característico xogo asociativo e presión alta a conter unha proposta antagónica de fútbol directo e moi físico dos discípulos de Jagoba. Unha confrontación táctica na que os de Giráldez souberon ser moi pacientes, comprometidos en disputar os duelos e procurar corridas de transición. Pasada media hora, na disputa dun deses balóns gañados por Beltrán, tras un saque de banda de Mingueza, e acelerados pola habilidade de Fer, primeiro sobre Williot e despois de Moriba, o esférico chegou a banda de Hugo Álvarez que coa súa desvergoña habitual xutou ao pao longo. Un gol coral, pura canela, caneliña da boa!, como dicimos en Vigo para expresar unha virghallada, unha excelente xogada. Gol que decidiu aos visitantes a dar un pase adiante, nuns minutos de certo descoido dos nosos, coincidindo coa lesión de Fer, que por fortuna foron superados grazas as intervencións de Guaita que atallou unha gran cabezada de Raíllo e dous remates de Larin.

O descanso sentoulle ben aos celestes, que saíron centradísimos, xa con Aspas na lameira, para defender os centros laterais e o previsible xogo desordenado dos visitantes. O de Moaña asumiu a responsabilidade da dirección do xogo, que con paciencia e sen perder orde e intensidade, acabou aburrindo aos visitantes, que xa introduciran no terreo a toda súa artillaría aérea. Coa entrada de Alfon e Douvikas, que achegaron novos azos, e coa expulsión de Raíllo, chegaron máis oportunidades, como a que no 80’ aproveitou Aspas para marcar o segundo, tras outra transición coral. Marcador que puido ampliar Douvikas até en dúas oportunidades, cando a bancada cantaba a rianxeira (que con tanto respecto se utiliza en Balaídos) e os de Claudio facían en cada xogada barro coas orellas. Outra noite feliz en Balaídos, onde se percibe unha identificación extraordinaria entre o celtismo, que en cada partido abarrota o torreiro do Fragoso, e un equipo no que funciona a alquimia de Claudio de xuntar futbolistas veteranos de calidade con canteiráns de moito futuro formados na escola celeste. Unha tempada na que abonda, tanto para o club como para o celtismo, aspirar ao acougo e a gozar en Balaídos deste xogo canela.

Publicado en Faro de Vigo 08/12/2024

Karnix celta

Abraham Cupeiro, o xenial músico e recuperador de instrumentos  perdidos no tempo, nunha participación memorable na previa do sábado sobre a lameira de Balaídos, convocou co son grave do seu karnix, trompeta celta da Idade de Ferro, ao celtismo a compartir unha nova fazaña de afouteza fronte ao líder, o temible Barcelona de Hansi Flick, hoxe un dos equipos en mellor forma de Europa. Probablemente, o musicólogo lucense e celtista de estirpe non imaxinaba que o seu chamamento celta sería a banda sonora inesquecible para outra noite heroica do Celta de Claudio Giráldez, que fixo un gran partido, e xa van uns cantos na catedral do Fragoso, un empate que soubo a pouco, forxado en cinco minutos incribles, apenas deslucido por dous erros defensivos de vulto do valiosísimo Mingueza, na mesma semana que o catalán debutou como internacional, paradoxos inevitables deste apaixonante xogo de pelota. Un encontro no que, non obstante, a tripla defensiva celeste estivo a un grandísimo nivel, mellor ca a tripla ofensiva, superando en numerosas ocasións a que semellaba infranqueable estratexia blaugrana do fóra de xogo, unha lección táctica soberbia do cadro técnico do adestrador de Cans, que superou aos visitantes en case todas as fases do encontro.

Desta volta, Claudio sorprendeu menos no seu once de gala, incorporando a Javi Rodríguez, cada vez máis seguro na tripla defensiva, na que Starfelt e Marcos Alonso xa son intocables, con senllas grandes actuacións, nun equipo que constrúe con paciencia infinita dende esa primeira liña de centrais. Xaora, gardou a sorpresa habitual coa aliñación Ilaix Moriba, peza clave na súa estratexia de superar por intensidade a Pedri e Casadó, o que resultou todo un acerto polo seu empuxe na creación de espazos no campo visitante, nunha das súas mellores actuacións coa camiseta celeste. Pulo ao que non foi alleo o traballo de zurcido invisible de Beltrán, un xogador incansable, inmenso no compromiso, responsable da cadencia de xogo céltico, ese metrónomo que impide a precipitación do xogo, que da man de Claudio está atopando o seu mellor rexistro e proxección. Como volveu o míster apostar por Bamba, probablemente pola gripe de Williot, unha escolla polo marfileño que, para unha parte da bancada, dende a súa chegada a Vigo, non acaba de convencer, dubidosa das expectativas creadas na súa fichaxe, sobre todo na finalización. Outrosí sucede coa presenza de Douvikas no eixe de ataque, que se intercambia decote con Borja Iglesias, internacional grego ao que non se lle ve completamente satisfeito co seu papel.

Con eses vimbios, Claudio teceu o seu cesto, que xa funcionou aos tres minutos, cando Mingueza como lateral esquerdo serviu un balón en diagonal sobre o punto de penalti que Aspas cruzou ao pao dereito lixeiramente desviado, unha desas asistencias que o mago de Moaña non adoita estragar. Primeiro aviso, ao que respondeu no 14’ de xogo o Barça cun servizo semellante de Koundé sobre Rapinha, que Mingueza deixou botar, o que permitiu que o brasileiro o canease para marcar cun xute sobre o pau dereito. Un erro do celeste que serviu de acicate aos nosos, que catro minutos despois puideron empatar cun xutazo á escuadra de Moriba despexado por Peña in extremis. Oportunidades das que dispoñería Bamba, que soubo collerlle as costas a Koundé, ás que respondeu Olmo cun xute ao longueiro, nun intercambio de golpes precioso, moi excitante para a bancada. Secasí, antes do descanso apareceu, o factor Soto Grado, o do árbitro caprichoso que se aforrou un claro penalti sobre Aspas e unha vermella a Gerard Martín, o que alporizou ao de Moaña, que recibiu cartón amarelo e puido ser expulsado de non ser acougado na banda polo propio Giráldez.

Non empezou ben a segunda parte, onde o Celta se fixo agardar sobre o terro, cando Lewandowski ampliou o marcador, tras outra perda inocente de Mingueza e un despexo insuficiente de Starfeldt, nun dos seus contados erros. Claudio introduciu entón os primeiros trocos, mentres Rapinha noutra das súas transicións puido liquidar o marcador cun terceiro gol, o que impediu o pao de forma milagreira. No entanto, os celestes lembraron a chamada do karnix de Cupeiro e procuraron un gol que os achegase, que naceu da insistencia de Alfon, –pouco despois de que os visitantes quedasen en inferioridade polo dobre cartón de Casadó–, que no 83’ aproveitou unha vacilación de Koundé. Gol que infundiu azos para un empate posible que chegou tras unha xogada coral moi traballada e finalizada por unha xenialidade de Hugo Álvarez, un caneo na área pequena con xute cruzado, nunha das súas actuacións máis discretas da temporada, outro paradoxo do bendito fútbol, que abriu o entusiasmo ao estadio todo. No tempo engadido, coa bancada sen ter paraxe, mágoa que o taco de salón de Borja fose interceptado por pouco por Peña, negándolle ao Celta a vitoria que merecía.

Publicado en Faro de Vigo: 25/11/2024

Media táboa

Tras a merecida vitoria fronte ao Getafe, moi curta para as numerosas ocasións das que dispuxo, o Celta de Claudio Giráldez supera o seu primeiro baixón de resultados da tempada e na altura da décimo segunda data, case superada a terza parte do calendario, colócase décimo nunha cómoda posición xusto en media táboa. Unha situación novidosa de tranquilidade para este celtismo, moi anovado pola rapazada, que na noite do luns expresou de forma deportiva tanto a súa solidariedade coas vítimas da catástrofe climática do País Valenciá, nunha xornada que a todas luces debeu adiarse, como o seu rexeitamento de xogar partidos entre semana, programados polos intereses da industria audiovisual internacional que gobernan o fútbol moderno, facendo caso omiso das necesidades de xogadores e seareiros.

Foi tamén a do luns a cuarta vitoria do Celta na casa, convertida polo cadro técnico de Claudio en fortín, nunha tempada até agora moi discreta lonxe de Balaídos, fronte a un rival incómodo e un adestrador José Bordalás que parecía lle tiñan collida a medida aos celestes. Enfrontamento, ademais, que tiña o interese engadido de comprobar como Claudio Giráldez ía derrubar na pizarra os dous muros dispostos inicialmente por Bordalás, nunha batalla que se sabía sería moi intensa para collerlle as costas aos visitantes. Con esa intención, o de Cans reforzou no once de gala a banda dereita coa entrada de Ristic para anular a Carles Pérez (o que conseguiu mentres estivo na lameira), de Beltrán no amplo espazo central e de Douvikas na punta. Mudanzas con respecto ao triste naufraxio de Butarque que deron resultado de contado, cando o dianteiro internacional grego, apenas transcorridos seis minutos de xogo, marcou de cabeza no segundo pao, tras unha marabillosa asistencia de Iago Aspas que centrou en carreira («coa súa perna mala») un globo que superou a altura do gardameta Soria. Unha marabilla de gol que obrigou a Bordalás a mudar o seu plan de partido.

Abofé que ao adestrador de Alacant hai que agradecerlle, en noite emocionalmente tan difícil para el, que co marcador en desvantaxe procurase cun xogo vertical o control da pelota para o seu equipo. Consegui que o Celta nunca estivese cómodo durante a primeira parte, obrigado a acurtar espazos e a defender a Uche e Álvaro, os dous dianteiros, que incomodaban a saída ordenada dos celestes, como lle gusta a Claudio. Labor na que foi extraordinario o desempeño de Starfelt (cada vez máis acertado), auténtico gladiador, e a contención e a saída de xogo proporcionada pola intelixencia en movemento de Marcos Alonso (unha fichaxe de auténtica categoría) nas situacións máis comprometidas. No entanto, a pesar de non monopolizar o balón como noutros partidos, o Celta puido ampliar o marcador antes do descanso cunha xogada marabillosa de Mingueza no 33’, que xutou ao pao longo despois de entrar caneando na área, outra das xogadas memorables do catalán, outra alfaia para Claudio.

Tras o descanso, os visitantes nun saque lateral puideron empatar no 51’, o que impediu Guaita cunha intervención salvadora, que fixo espertar ao Celta cun par de transicións moi perigosas coa participación de Aspas, que rematou a base do pao a primeira e case a seguir outra na que abriu para Hugo e Douvikas, que non chegou a cabecear por moi pouco. Minutos de euforia celeste que provocaron a expulsión de Berrocal no 65’, por dobre amoestación, que sería xa determinante para o desenlace do partido. En superioridade e contando con Borja Iglesias e Hugo Álvarez frescos, o Celta contou con moitas máis oportunidades para liquidar o encontro: un gol anulado ao nove compostelán (por fóra de xogo milimétrico), un man a man co porteiro de Hugo Álvarez (algo descentrado) e unha xogada incrible de Aspas no 78’ na que despois de canear a non sei cantos rivais xutou de forma defectuosa. Secasí, como non conseguiu ampliar o marcador, e como resulta habitual no estadio do Fragoso, o Celta sufriu nos derradeiros minutos e sobre todo no derradeiro dos catro de engadido, no que Carlos Pérez cruzou unha pelota envelenadísima sobre area pequena celeste que por ventura non atopou quen a rematase.

En todo caso, vitoria indiscutible do que foi o Celta menos canteirán da tempada, que consegue por segunda vez manter a porta a cero, estabilizada por unha liña de tres centrais cada vez máis sólida e centrada, sobre a que Claudio parece que pretende ensamblar o resto de pezas que muda en función das necesidades e requirimentos dos rivais.

Publicado en Faro de Vigo: 06/11/2024

Marta Souto

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao pasamento de Marta Souto:

Marta Souto pasará a historia de Vigo polo seu traballo como primeira técnica de normalización lingüística do concello de Vigo dende 1992. Funcionaria comprometida co servizo público, será lembrada polas iniciativas que promoveu como a campaña «En galego vivo Vigo, en galego Vigo vai», iniciada no curso 1991-1992, na que colaboraban a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta e o concello de Vigo. Deseñada polo escritor Agustín Fernández Paz e destinada aos centros educativos vigueses pretendía modificar os prexuízos existentes no alumnado e familias arredor do uso e do status do galego, ademais de achegar aos docentes recursos para empregalo como lingua vehicular.

Unha campaña pioneira, que iniciaba tres décadas de colaboración cos centros escolares aos que dende o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) achegaba propostas de dinamización coas que pretendía vincular a tradición coa contemporaneidade, ao tempo que, como salientou a necrolóxica publicada pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), da que foi socia fundadora, «transmitir á mocidade unha visión en positivo da lingua galega». Froito desta angueira foi a creación do Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (CIOV) coa intención de poñer en valor a tradición oral e as novas formas de improvisación, como facía nos obradoiros que organizaba de regueifa, rap e beatbox.

Traballo de fomento do uso do galego que desenvolvía tamén sobre outros eidos que o Plan de dinamización lingüística de Vigo (2007) consideraba estratéxicos (o funcionamento do propio concello, os medios de comunicación, a inmigración, entre outros) coa intención de «facer normal o uso do galego en calquera ámbito da sociedade viguesa». Propósito co que o SNL colaborou de forma continuada coa Universidade de Vigo, fose coa realización de estudos sociolingüísticos como da publicación da colección «Toponimia do Val do Fragoso», iniciada en 2008 co volume de Coia de Iván Sestay Martínez, e da que xa se levan publicadas sete entregas doutras tantas parroquias viguesas. Enfoque colaborativo que Marta imprimiu a outras actividades promovidas polo seu servizo nos mercados municipais e comercios locais, nos programas de fomento da lectura en galego, como «No Nadal… un conto» e «Libros ao sol», no programa Apego de acollemento, na organización da formación en lingua galega, como nos cursos básicos «Achégate ao galego» ou no programa «En galego tamén outros mundos».

Debemos a súa intelixencia emocional e empatía o deseño das accións que consolidaron o uso do galego en Balaídos, iniciado polo speaker durante os mandatos da alcaldía de Manuel Soto, como a tradución do himno celeste ao galego ou a campaña «Gústame o galego de primeira», adaptación dunha iniciativa creada pola CTNL contando coa implicación do RC Celta SAD. Celtista afouta de vella raigame viaxou con aquel Celta de entre séculos, que asombraba nos estadios europeos, e foi comentarista lúcida e rigorosa nas súas intervencións na tertulia celtista semanal de Radio Vigo. Delegada provincial de Cultura durante o goberno bipartito (2005-2009) formou parte do equipo de Anxo Quintana (BNG), sendo a primeira muller que rexeu o deporte galego como directora xeral. Responsabilidade na que loitou arreo pola igualdade real no deporte, concretada na creación da selección feminina de fútbol, que debutou fronte a Catalunya en Balaídos en 2007, e no apoio á creación do colectivo Mulleres Deportistas Galegas. Sen esquecer o seu labor discreto que permitiu que Galicia formase parte da Declaración de San Mamés (29/12/2007), asinada por Ánxela Bugallo cos responsables deportivos de Euskadi e Catalunya, solicitando o dereito das súas seleccións deportivas a participar nas competicións internacionais.

Lembro con saudade a Marta Souto nas reunións que compartimos no Consello Social da Lingua nas que decote valorabamos con inquedanza os datos sobre o estado da lingua na cidade e o devalo do seu uso habitual por parte dos corporativos, incumprindo a modélica Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística de 1989. Para quen fixo do fomento da lingua galega unha causa de vida, doíanlle estes datos que representaban un retroceso moi decepcionante. Por ventura, sei que a pesar da crueldade da súa doenza viviu con entusiasmo estes meses esperanzados do Celta de Marián e Claudio, un Celta de canteira de xogo propositivo e un club vinculado e comprometido co país e a súa lingua como ela defendía. Foron a igualdade, a lingua e o deporte os afáns principais de personalidade xenerosa como a de Marta Souto. Afouta pioneira en todos eses eidos, tras o seu prematuro pasamento, merece ser recoñecida polo concello de Vigo como a modélica funcionaria pública que foi.