Onte 520: Merdeiros de Vigo
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Cine, Etnografía, Festas, Onte, Recurso_didáctico, Vídeos, Vigo/por bretemasCada Entroido prodúceme maior fachenda a recuperación dos Merdeiros, a máscara tradicional do entroido vigués. Pasaron xa unha ducia de entroidos desque publiquei en Faro de Vigo (o 25 de febreiro de 2001) un artigo titulado «Escabicheiros de Vigo», no que daba conta desta máscara citada por Xocas nos seus traballos sobre o carnaval tradicional. Foron os membros da Asociación Veciñal de Teis os primeiros que intentaron recuperar o Merdeiro, proxecto no que logo se involucrou, dende 2004, ao cen por cen, a Asociación Cultural A Revolta, a grande artífice desta extraordinaria recuperación. Esta tarde estréase na rede un documental sobre este proxecto. Beizón a Xerardo Santomé, investigador do caso, e ao resto de recuperadores dos Merdeiros, fachenda viguesa.
ESCABICHEIROS DE VIGO
Galicia toda vive estes días o Entroido, o Antroido, o Carnaval, que tanto ten, a festa das festas de febreiro, o grande teatro da rúa, a parodia e a representación do mundo rutinario, o tempo da sensualidade da carne, dos praceres do comer e do beber.
Vigo posúe unha tradición entroideira que se remonta ás tres últimas décadas do século XIX. Xosé María Álvarez Blázquez deu conta en “La ciudad y los días”, un libro que é fonte inagotable de memoria local, dos grandes desfiles de comparsas que se celebraban na cidade dende o domingo de entroido ao mércores de cinza. Durante os catro días da festa, as comitivas carnavaleiras saían do Campo de Granada e baixaban por Pracer, seguindo polas rúas de Príncipe, Ramal e Victoria, ata chegar a Alameda, onde se instalaba un grande catafalco, unha monstruosa boca de dragón de onde saía o deus Momo e a súa corte de diaños. Daquela, os disfraces en voga eran os dos deuses mitolóxicos bufos: Orfeo, Baco, Saturno, Cupido, Venus, Xúpiter…, anque non faltaban tropas árabes, cosacos lanceiros, numerosos cabaleiros da cabalo e unha banda de música traxeada de indios guerreiros.
Dos Entroidos de hai cen anos conservamos vagas pegadas dunha máscara carnavalesca propiamente viguesa: a dos escabicheiros ou merdeiros. Xoaquín Lourenzo, o entrañable Xocas, dá conta destas figuras coas que no noso Barrio de Pescadores se satirizaban ou parodiaban cruelmente aos campesiños que viñan a Vigo a limpar os pozos negros e recoller os refugallos do peixe no peirao do Berbés, o escabiche.
Xocas describe a figura do escabicheiro como a dun enmascarado que se agachaba tras unha careta calquera e vestía traxe campesiño: camisa branca arremangada, chaleco e pantalón de pano a xogo, polainas e zapatillas brancas. A parte posterior do chaleco adoviábase cunha aplicación de tea que, como a dos cigarróns de Verín ou a dos peliqueiros de Laza, representaba símbolos astrais ou animais: o sol, a lúa, un burro, un galo, unha galiña… Na cabeza levaban un pucho hemisférico de pano branco cunha tira vermella ou verde no bordo e un sol ou unha lúa de pano cosidas no alto; sobre unha faixa azul, verde ou encarnada, pendurada dun cordel atado á cintura, abaneaba unha vasoira sen mango ou unha ristra de cebolas. O escabicheiro armábase sempre cunha vara e cun farol, que podían ser substituídos por unha vella vasoira ou por unha verza, xa que acostumaba a vagar en solitario polas rúas, choutando, como fan os Troteiros de Bande, diante da xente e botando para diante o seu colgarexo.
Os merdeiros ou escabicheiros desapareceron do Carnaval vigués antes da guerra civil, como tamén foron esmorecendo outros excesos da sátira e da enchenta das máscaras tradicionais, ao mesmo ritmo que se despoboaban as nosas aldeas. O carnaval urbano de bailes de casino e círculo recreativo, do bo gusto e das boas maneiras, de disfraces bonitos e caros, colleu a quenda nas preferencias dunha festa, fortemente enraizada na tradición cultural europea medieval que, a pesar das marxinacións e mesmo prohibicións que lle impuxo o franquismo, mantivo sempre o seu carácter popular e, en certa medida, transgresor e burlesco.
Desde hai vinte e tres anos o Entroido vigués recuperou o seu pulo perdido, ó que non foron alleos os esforzos de colectivos veciñais na creación de comparsas, como a dos benditos Tarteiras, ou o labor calado, pero eficacísimo, que realizaron os centros escolares na revitalización da festa. O apoio municipal na organización dos desfiles de comparsas e a entronización do Meco para presidir o Entroido supuxo a definitiva consolidación do noso Carnaval popular.
“Mascarita, mascarita!: coñéscesme?”, velaí o contrasinal do Carnaval de noso, o de milleiros de fundas de Citröen e de humildes maruxos, os disfraces máis populares entre a rapazallada toda, que baixa insubmisa ao Centro a pasear a súa alegría provocadora. O Meco, no que queimaremos tódalas nosas ruindades, perplexo debe estar por ser obrigado a abandonar o seu catafalco na Porta do Sol; a mesma decepción que teríamos os celtistas se fósemos obrigados a abandonar a gloriosa Praza da América para celebrar os inminentes campionatos de Copa e UEFA. Velaí vai esta cidade sen criterio e sen memoria. Feliz Entroido, escabicheiros de Vigo!
Artigo publicado na sección «Campo de Granada», Faro de Vigo, 25-02-2001
Onte 419: De samaíns e magostos
/en Etnografía, Festas, Onte, Recurso_didáctico/por bretemasEn boa parte das escolas galegas de infantil e primaria celebrouse onte a festa de Samaín, a exaltación cabaceira de bruxas e espíritos, que sinala a entrada simbólica no tempo de inverno. Mágoa que o invasivo reclamo comercial do Halloween confunda tanto a moitos dos nosos pequenos. Polo que vimos no serán de onte polas rúas viguesas, algúns asumen esta festa coma un xeito de entroido de dráculas, vampiriños e outras xentes que meten medo. Sen menoscabo ningún do interese educativo do Samaín, no que levo acreditado dende hai anos, corremos o perigo de que co seu apoxeo desnaturalizado en jaloüín perdamos a celebración do Magosto, a humilde festa comunal dos zonchos e das castañas, tan ensarillada na cultural tradicional de noso. Máis alá dos intereses comerciais do jaloüín e compañía, precisamos dun criterio educativo para orientar á nosa rapazada no que son os símbolos da nosa tradición e identidade colectiva, non vaia ser que perdamos polo camiño tanto magostos coma samaíns. Con todo, celebremos na noite de santos a defuntos a festa das cabazas. Agardo que contribúa a iluminarnos, tamén aos maiores, entre tanta confusión e incerteza.
Onte 346: Nas Fragas do Eume
/en Cultura, Etnografía, Eventos, Galerías de fotos, Medio_Ambiente, Museos, Onte, Persoal/por bretemasFoi unha xornada marabillosa a que gozamos nas Fragas do Eume. Ao mediodía visitamos a primeira edición do ETNOeume, unha feira de cultura tradicional xenuína, de auténtica estirpe, cunha importante presenza dos xogos populares e das actividades económicas artesanais. Unha organización comunitaria, baseada na participación veciñal, que constitúe unha alternativa ao modelo neofolclórico das chamadas «feiras medievais» que abrollan no país como cogomelos franquiciados de chourizos á grella e licor café. Esta feira forma parte do proxecto do Museo Etnográfico da Capela, promovido dende hai décadas polo incansable Secundino García Mera, sendo un dos modelos museísticos máis potentes de posta en valor da memoria da cultura tradicional agraria que coñecemos no país. A súa organización e contidos lembráronme os museos folk ingleses, que tanto sempre me gustaron. Merece unha visita moi demorada. Á tarde fixemos unha abraiante camiñada polas Fragas, seguindo o Eume dende os Altos de Fortandión até o Mosteiro de Caveiro, regresando monte arriba pola congostra de Ventureira. É innegable que o incendio da pasada semana santa deixou unha pegada desoladora nalgunhas zonas das fragas, sobre todo nas máis elevadas, onde é probable que afectase de forma irreversible a algún dos endemismos; mais tamén o é que a densidade do dosel arbóreo protexou os espazos de ribeira onde sentimos todas as fragrancias. Mágoa que non exista aínda un proxecto de protección integral dunha das alfaias dos noso patrimonio natural, como tampouco unha vontade de integración do parque natural nas actividades económicas e no desenvolvemento da comarca. Non esqueceremos este día nas fragas nin acollida tan agarimeira de Xabier, María Xesús e Daniel.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- Os Baltar18 de Decembro de 2024 - 4:17 p.m.
- AVE polo Miño17 de Decembro de 2024 - 7:05 a.m.
- Doutrina 79/201011 de Decembro de 2024 - 9:04 p.m.
- Casal11 de Decembro de 2024 - 8:49 p.m.
- Fusilados no Castro11 de Decembro de 2024 - 8:41 p.m.