Onte 501: Día George Orwell

Sempre tiven presente que foi George Orwell quen propuxo crear un ministerio da verdade en 1984. No seu ensaio Politics and English Language, no que estudaba as viaxes de Gulliver (1946), afirmaba que «a linguaxe política –que a pesar doutras diferenzas é igual en todos os partidos, desde os conservadores aos anarquistas– está deseñada para facer que as mentiras semellen veraces e respectablemente asasinas». Sentenza que non perdeu, magoadamente, actualidade ningunha e que coincide coa celebración do primeiro Día de George Orwell, creado pola Asociación Premio George Orwell e a editorial Penguin para lembrar cada 21 de xaneiro o pasamento do autor de A revolta dos animais. Unha historia fantástica (edición galega de Positivas, 1992) ou Homenaxe a Cataluña, entre outras obras memorables. Un autor que merece ser recuperado.

Onte 494: O home novo

Acompañei a Xesús Alonso Montero na presentación do seu libro máis recente no Liceo de Ourense. Diante dun centenar de persoas, o que foi definido polo doutor Manuel Peña Rei como “o mellor orador contemporáneo de Galicia, sucesor de Ramón Otero Pedrayo” debullou durante hora e cuarto as teses principais do seu ensaio sobre o Castelao filocomunista que viaxou a Unión Soviética de Stalin en 1938. O profesor relatou a súa viaxe á Unión Soviética hai cincuenta anos, cando participou no Congreso Mundial da Paz formando parte dunha delegación do PCE, xunto a outros intelectuais como José Agustín Goytisolo. Don Xesús confesou que regresara de Moscú pouco entusiasmado, mais convencido de que no capitalismo non se podería construír “o home novo” que procuraba o humanismo marxista. Moito máis decpecionante foi a súa viaxe a usia en 2005, cando foi convidado a ditar unhas conferencias polo Instituto Cervantes, na que aproveitou a preparar algúns materiais deste libro sobre Castelao. “Encontreime coa realidade das mafías, dos ricos e cunhas desigualdades que non se ven en ningún outro país. Ese é o peor rostro do capitalismo”. Rematou Alonso Montero reafirmando o seu compromiso co “home novo”, coma fixera hai cincuenta anos cando ingresou no Partido Comunista, e chamando a participar nos actos do centenario do nacemento de Santiago Álvarez que se celebrarán en San Miguel de Outeiro no vindeiro mes de febreiro.

Onte 442: O rastro que deixamos

Interesante e amenísima foi a conversa que mantivo Isabel Soto con Agustín Fernández Paz con motivo da presentación en Librouro d’ O rastro que deixamos. Editora e autor percorreron ao longo dunha hora os temas principais dunha obra singular no catálogo do vilalbés, onde con grande votade de estilo se mesturan páxinas de fermosa prosa memorialística con outras de ensaística sobre o oficio de escribir.

Comezou Agustín explicando a orixe do título que le prestou Siri Hustvedt, a autora de Todo canto amei. O título forma parte dun parágrafo que confesou lle impresionar e recolleu no seu caderno de citas: «As historias que contamos sobre nós mesmos só poden relatarse en pasado. O pasado remóntase cara a atrás desde onde agora nos atopamos, e xa non somos actores da historia senón espectadores que se decidiron a falar. En ocasións, o rastro que deixamos vaise sinalando con pequenas pedras como as que Hansel deixaba tras os seus pasos». Agustín dixo que «o libro naceu hai case tres anos da intención de recoller nun volume textos ensaísticos variados que garadaba no mes disco duro. Isabel Soto puxo orde naquel caos, naquela faramallada. Logo decidimos facer tres libros: o que hoxe presentamos de carácter memorialístico, que contén tamén unha reflexión sobre o oficio de escribir; un segundo sobre temas de lingua e lectura, ao que xa lle puxemos título, A patria da lingua; e un terceiro co resto dos textos sobre cómics e diversos temas». En todo caso, tanto para o autor como para a editora, «a obsesión foi que este primeiro libro se puidese ler como un libro de ficción».

Isabel Soto formuloulle varias preguntas arredor dos límites do que se entende por ficción e polo carácter selectivo da memoria. Fernández Paz insistíu en que para el «todo lugar, todo barrio é Macondo se sabe atopar o seu García Márquez que o conte», así como tamén en que «afondar no local é sempre universal; afondar nas propias raíces, no que é teu, afondar nelas para dende aí proxectarse». Agustín recoñeceuse discípulo do Grupo Nós na súa concepción de «Galicia célula de universalidade, unha peza máis do mosaico da humanidade, á que temos obriga de facer brillar». Mais tamén lamentou as «dificultades grandes que temos na cultura galega na distribución interior dos nosos contidos e sobre todo na exterior, para que as nosas obras chegue tan lonxe como permita a súa calidade». «Na escrita hai que contar a verdade, hai que afondar na túa vida, que é do se nutre o escritor, para que cautive a calquera lector de calquera lingua e calquera país».

A conversa tamén abordou o papel da literatura para cambiar o mundo e cambiar a vida. «A postura optimista témola que manter mentres esteamos vivos. As vellas toupas continúan traballando no proceso de mudar o mundo. Hainas en moitas frontes. Aí están as ferramentas do cambio. Os membros da nosa xeración fixemos o que puidemos. No mundo do ensino algunhas cousas mudaron, deixamos a semente dun traballo que hoxe está nos libros de texto e se acepta de forma común». No entanto, tamén afirmou, valorando o que sucede na actualidade, «o fácil que é destruír e o difícil que é construír».

As preguntas finais xiraron arredor da realción coas súa sobras. Fernández paz confesou que «non hai ningún libro do que me sinta plenamente satisfeito», aínda que amosou a súa preferencia por algúns títulos como Aire negro, O único que queda é o amor, Fantasmas de luz e Non hai noite tan longa.

Onte 412: LIBROX

Continúan chegando as novidades de fin de ano. Onte anunciamos a comercialización de «LibroX», a nova colección que presentamos para «facilitar o acceso á lectura en tempos de crise». Deseñada e preparada na súa totalidade polo departamento de edición de Xerais, tanto os interiores como as magníficas cubertas do xenial Miguel Vigo, foi concibida coa intención de que ofrecer unha serie versátil, flexible, dinámica e de libros con prezos asequibles (entre os 7,50 € e os 12,50 €). En definitiva, libros con vocación de conectar cun lectorado amplo. Libros xeitosos de non ficción que pretenden abrir ocos, temas e enfoques atrevidos para divertir, para reflexionar, para consultar, para cociñar, para mellorar o emprego da lingua, para incitar á lectura… Ese é o espírito que acreditan os dous primeiros títulos. Do G ao Z de Manuel Veiga, un breve dicionario humorístico e indignado, un novo xeito de presentar o ensaio con vontade inequivocamente popular. Outrosí sucede con Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez de Carlos Callón, outro libro de vontade eminentemente práctica destinado a mellorar a nosa calidade lingüística e a superar algúns prexuízos sobre o emprego do galego. Agardamos con expectación as opinións e a acollida do público. Mentres preparamos dous novos títulos para final do inverno.

Onte 365: A narrativa xuvenil

Dentro das actividades do IX Curso de Formación Continua As Literaturas Infantís e Xuvenís Ibéricas presentamos o libro A narrativa xuvenil (2000-2011), coordinado por Blanca Roig, Isabel Soto e Marta Neira. Outra nova achega da Rede Lijmi que consolida unha biblioteca de referencia sobre a LIX ibéricas, tanto no que atinxe aos estudos monográficos como ao valioso banco de textos críticos para axuda de mediadores. Non foi esta unha presentación de trámite dun proxecto felizmente consolidado, a pesar da redución dos escasos apoios recibidos. Tras a excelente presentación do libro que realizou Alexia Dotras, no debate suscitouse a polémica  sobre a conveniencia de reeditar en coleccións literarias para persoas adultas títulos que inicialmente o foron en coleccións xuvenís, como é o caso de Aire negro de Agustín Fernández Paz. Unha polémica moi interesante que, en todo caso, remite ao carácter de fronteira, de idade media, dun xénero que sempre foi moi difícil de definir, ao tempo que o compromiso dos editores coa ampliación do público para os textos dos nosos autores. No debate (moi animado) lembrei a aspereza (un eufemismo) co que no outono de 1994 foron recibidos os nosos primeiros catro títulos da colección Fóra de Xogo pola crítica literaria galega daquela. Hoxe, a pesar da existencia, aínda, dalgúns prexuízos, aquel comportamento seitario é impensable. Nas dúas últimas décadas, a nosa LIX gañou prestixio, visibilidade e milleiro de lectores e lectoras. Un éxito colectivo!

Onte 360: «La semilla inmortal»

Relín algúns dos capítulos de La semilla inmortal. Los argumentos universales en el cine, un ensaio de Jordi Balló e Xavier Pérez, que hai unha década me recomendou Agustín Fernández Paz. Dende entón, frecuento as páxinas dun libro que é para min unha gozada . Máis de trescentas páxinas nas que se fai un repaso aos vinte argumentos fundacionais da ficción, presentes nas obras literarias canónicas e logo desenvolvidas polo cinema ao longo do século XX. Vinte argumentos nos que para os autores residirían a cerna de calquera ficción literaria ou cinematográfica nas súas máis diversas variacións. Aquí aparece «a viaxe na procura dun tesouro», sementado na historia de Jasón e os argonautas na procura do vellocinio dourado e desenvolvido na pantalla por Spielberd en Indiana Jones ou nas road movie e outros filmes de fronteira. «O retorno do expatriado», nacido da Odisea, desenvolto en películas tan diferentes como Paris, Texas ou Centauros del desierto. «A fundación dunha nova patria» presente nos versos da Eneida, desenvolta en tantos westerns, concibidos como instrumento de afirmación nacionalista. «A experiencia do intruso benfaitor», o Mesías bíblico, presente en epifanías fílmicas de Pasolini ou Bergman. A outra cara: «a intromisión do maligno», aparecido do mito da serpe que agocha o espírito do mal, levado á ficción en Drácula e Nosferatu. «A venganza», argumento que provén da Orestíada, presente en tantas vaqueiradas. «A loita dialéctica de contrarios», representada pola historia de Antígona, desenvolta en tantas películas que denuncian a guerra e a represión institucional… E así ate vinte. Un libro fascinante para achegarse ao cinema dende os territorios máis literarios onde están as sementes inmortais, as palabras que para Platón achegan o máis alto grao de felicidade para o ser humano. Un ensaio dos que paga a pena revisitar. As persoas afeccionadas ao cinema e a novela moito gozarán.

Onte 356: «El sueño del Rey Rojo», novo libro de Manguel

Estou enguedellado co novo libro de Alberto Manguel, El sueño del Rey Rojo, outra entrega do arxentino-canadiano arredor da lectura, que concibe como «a máis humana das actividades creativas». Desque en 1998 lin Una historia de la lectura, sigo con enorme interese cada un dos seus libros que publica con excelencia e agarimo Alianza. El sueño del Rey Rojo enlaza coa paixón carrrolliana de Manguel que expresara hai máis dunha década En el bosque del espejo,do que recolleu algúns ensaios. Ambos os dous títulos quedan unidos, ademais, en cadanseu subtítuo que fai referencia ás «palabras e o mundo», sintagma co que Manguel reivindica a dimensión ética da lectura e a súa condición intrinsecamente humana: «considero que somos, en esencia, animais lectores e que o arte da lectura, no seu sentido máis amplo, defínenos como especie». Para Manguel é a palabra impresa a que lle «dá coherencia ao mundo» sendo a experiencia da lectura a que permite que o libro mude de forma nas mans de cada lector ou lectora. A finalidade da lectura, unha das reflexións claves do volume, é «descubrir nun libro o rexistro da propia experiencia». Para Manguel «ler é a capacidade de entrar nun texto e exploralo ao máximo das nosas habilidades persoais, tomando posesión súa nun acto de reinvención». El sueño del Rey Rojo é un libro fermoso, que para min precisa dunha lectura a sorbiños, atenta e demorada. Moi recomendable para letraferidos e amantes da metalectura.

Onte 355: Adianto do libro de ensaios de Márkaris

O adianto que publicou El País do libro de ensaios (La espada de Damocles) de Petros Márkaris, dá moito que pensar sobre as consecuencias sociais da crise económica grega durante os tres últimos anos. Máis alá das similitudes e do carácter anticipatorio que puidese ter para nós o relato do que está sucedendo en Atenas, impresionoume que Márkaris insista na fractura social como primeira consecuencia desta auténtica guerra pola superviviencia que sofre un país sometido á ruína, á precariedade e ao desánimo colectivo. Alén das formacións políticas, o autor de Con el agua al cuello identifica indignado na sociedade ateniense catro partes (partidos): o 1º, o dos beneficiarios da crise (algúns grandes empresarios e banqueiros); o 2º, o dos honrados ou mártires («eses gregos que traballan duro, explotados por todas partes», autónomos e pequenos empresarios, dende taxistas a comerciantes); o 3º, o dos funcionarios, sindicalistas e pensionistas; e o 4º, o dos desesperanzados e desesperados (a maior parte universitarios sen traballo). Un panorama social desolador, froito deste proceso deflaccionario de empobrecemento provocado polo fracaso da unión monetaria e da política corrupta. Unha situación de emerxencia capaz de comezar a conmover á propia Angela Merkel que confesou onte que lle «doe o corazón» cando contempla os recortes nas pensións dos funcioanrios e traballadores helenos. Estaremos moi atentos á aparición do libro de Márkaris que os editores anuncian para o mes de setembro.

Onte 312: Daniel Pennac e a literatura industrial

Grazas a unha anotación de Txetxu Barandiarán cheguei a unha interesante entrevista en Clarín co meu admirado Daniel Pennac. Impactoume o titular, «O 99% da literatura industrial é lixo», máis pola clarificación que supón este sintagma novidoso («literatura industrial»), sen dúbida para referirse aos libros non literarios de lectura e venda rápida e masiva, ca pola súa valoración, que podería admitir matizacións e honrosas excepcións. Pareceume, tamén, valiosa a diferenciación que o autor de Mal de escola introduce entre os conceptos de «lector» e «ledor» («aquel que mantén unha relación intelectual co que le, que pode cuestionar»), así como a súa crenza na existencia da fisioloxía do lector («no acto de ler hai algo fisicamente delicioso») para explicar o tantas veces citado «pracer da lectura». Porén, entendo que a cerna do que está sucedendo co proceso imparable de frivolización e homoxeinización da edición internacional, denunciado por Pennac, non radica na perda do seu carácter artesanal –algo que ven sucedendo dende hai máis de tres década– nin sequera na evidente redución do espazo do literario no mundo do libro nin no tránsito cara o paradigma dixital. O fulcral reside en que o libro perdeu a súa condición de «ben cultural», sendo considerado agora coma outro produto de consumo máis das industrias do lecer. Un fenómeno que algúns editores expresamos como «o tránsito da industria editorial dos departamentos de Cultura e Educación ao de Lecer e Espectáculos». Unha mudanza decisiva.