Onte 206: Nova Escola Galega, Pedrón de Ouro 2012

Nos días difíciles é cando máis se agradecen as boas noticias. Nova Escola Galega recibirá o domingo 20 de maio o premio Pedrón de Ouro. Recoñécese así o seu labor de tres décadas a prol da galeguización educativa e da renovación pedagóxica en todas as etapas e eidos do sistema educativo. Expreso a miña gratitude aos membros do Pedrón, unha institución galeguista que mantén rexo o seu ideal, que sei comparte o medio milleiro de membros de Nova Escola Galega que ao longo da nosa vida profesional e dende diversos eidos contribuímos con discreción, paciencia e humildade a pular contra vento e marea polo modelo de escola pública galega. Para NEG este Pedrón constitúe un aliciente e un compromiso para continuar a procura dunha escola instalada na lingua de noso, innovadora e renovadora, aberta en diálogo con tempo contemporáneo, iluminada na construción compartida do coñecemento polas luces da razón e polos valores da paz. Beizóns.

Onte 172: Outro paso

A declaración do Kursaal é outro paso da esquerda abertzale para asumir a súa incorporación ao proceso democrático. O feito de «amosar o profundo pesar pola dor causada por ETA» e de recoñecer que aos seus membros faltoulles «cara unhas vítimas a sensibilidade amosada con outras» son afirmacións que deben ser acollidas e valoradas de forma moi positiva xa que supoñen admitir o seu erro e o seu compromiso para convivir en igualdade con aquelas persoas que non pensan coma eles. Outro paso no proceso, agardamos que irreversible, da fin da violencia en Euskadi. Tócalle agora mover ficha a ETA que quedou emprazada pola declaración «a desfacer as súas estruturas militares e por as armas fóra de uso». Semella que hai motivos para a esperanza.

Onte 157: Crónicas de Homs

Mónica G. Prieto, unha xornalista de guerra, fundadora de Cuarto Poder, publica en Periodismo Humano unhas crónicas estremecedoras sobre o que está sucedendo en Siria dende hai máis de dous meses. O castigo que está recibindo a cidade rebelde de Homs é tremendo. Monica G. Prieto relata que, tras mes e medio de conflito armado, un dos obxectivos  dos ataques da artillaría e dos helicópteros do exército de Bashar Al Assad son as antenas parabólicas que manteñen o sinal de televisión e internet. Impedir que as filmacións deste masacre, realizadas por cámaras cidadáns, cheguen a todo o mundo por medio de internet, é un dos obxectivos da ditadura siria. O barrio de Baba Amr é un dos máis atacados como testemuña esta mensaxe desesperada solicitando axuda gravada por un cámara cidadán. Polo momento, a comunidade internacional mantense moi desimplicada do masacre de Homs, coa excepción dalgún amago de diplomático dos Estados Unidos e de Rusia, quizais polo feito de que Siria non é un país petroleiro ou quizais por manter o actual status quo con respecto ao conflito palestino e a hexemonía na área de Israel. Vendo os vídeos que Mónica G. Prieto publica nas súas informacións, podemos manter os ollos pechados diante de semellante salvaxada?

Onte 145: Coa pomba dona Paz na Pastora

Había tempo que non celebraba nun centro educativo o Día Escolar da non Violencia e a Paz, unha efeméride para min moi querida. O claustro de profesoras do CEI A Pastora de Cambados convidoume a que acompañase a Ramón Caride e Pepe Carreiro na presentación d’ A pomba dona Paz que se celebraría diante de máis dun centenar de cidadáns entre os tres e os cinco anos. Sabiamos que nos enfrontabamos a unha experiencia comunicativa moi díficil e, como agardabamos, o público puxo a proba coas súas preguntas todas as nosas habilidades oratorias. Ademais, aproveitei un anaco das dúas horas e media que compartimos neste magnífico centro de educación infantil público, para satisfacer algunhas saudades. Non puiden evitar demorarme na visita ás aulas organizadas por recunchos de traballo (o da biblioteca, o das computadoras, o do xogo simbólico…), coma sempre concibín a construción das aprendizaxes nesta etapa. Unha marabilla! Tras a presentación, no patio cuberto as seis aulas bailaron a canción da paz e soltaron media ducia de pombas que saíron coma foguetes a gañar o ceo do Salnés. Tiña moita razón Ramón Caride cando na dedicatoria deste magnífico álbum que presentamos escribiu: «A todos os nenos e nenas do mundo, para que a paz sexa o seu verdadeiro futuro.»

Onte 143: #twitterblackout

Fomos moitos os que onte non demos nin chío para así expresar a nosa queixa sobre a posibilidade que Twitter introduza unha censura selectiva sobre determinados contidos nalgúns países. A censura non pode ser aceptable en ningún país do mundo nin xustificable por tratarse dun servizo (até agora de publicación e acceso gratuíto, a pesar de que inclúe publicidade) proporcionado por unha empresa privada. Máis aínda, sendo a rede informativa mundial con máis usuarios , o papel de Twitter é capital na defensa da liberdade de expresión e na promoción e fomento dos valores da paz e dos dereitos humanos. Twitter supera fronteiras e valados nunha irmandade planetaria de linguas, culturas, estados e xeracións. Paga a pena defender que continúe funcionando con estes criterios nunha Rede neutral e de acceso libre.

A utopía como vieiro. Beizóns para Xosé Manuel Beiras

Non puiden acompañar ao grande Xosé Manuel Beiras na súa grande e merecídisima homenaxe nacional.
Esta intervención de Eduardo Galeano, reivindicando a utopía como vieiro, solicitando o dereito a soñar, reclamando o dereito ao delirio de soñar outro mundo (Galicia) posible, sei que lle gusta moito a Xosé Manuel.

Agradézolle a localización do vídeo a Carme Panero.

Día dos Dereitos Humanos

Magnífico traballo de Francesco Tonucci sobre os dereitos dos nenos e nenas. Un clásico.

Vía Ronseis.

Onte 57: Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos

O programa electoral educativo do PP anuncia a intención de eliminar a Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, a materia de sexto de Primaria, segundo e cuarto de ESO que algúns sectores ultraconservadores e católicos levan intentando dinamitar dende hai seis anos. Hostilidade que non foi refrendada polos tribunais (tanto polo Supremo, como por varios Superiores) que avalaron a validez dos contidos desta materia incorporada ao currículum da man da Lei Orgánica da Educación de 2006. Se goberna Rajoy, a EpCDH será substiuída por “outra con contidos baseados na aprendizaxe dos valores constitucionais e o coñecemento das institucións españolas e europeas”. Sen dúbida, unha materia do mesmo ámbito ca Cidadanía, mais cun enfoque curricular diferente. Pagaba a pena tanto rebumbio para isto? Agora só nos queda saber se continuará impartíndose Ciencias do Mundo Contemporáneo en Bacharelato, outra materia (neste caso científica e tecnolóxica) combatida polos conservadores, para rematar o proceso de deconstrución curricular. Semella que iso é o que pretende o Partido Popular. Acabásemos.

Onte 43: Construír a paz

Cando coñecín a noticia veume a cabeza decontado o sorriso de Suso Jares, alguén para quen estas serían unhas horas de esperanza. O anuncio de ETA do cese definitivo da súa actividade armada abre unha oportunidade para construír a convivencia no País Vasco dende a cultura de paz. Eis o grande reto que deben saber xestionar con prudencia e afouteza o  goberno tras as eleccións do 20-N como todos os partidos vascos, xa sen excepcións de clase ningunha. Esta é a hora da cultura da paz, este é o momento do protagonismo do diálogo e da mediación como accións transversais capaces de chegar a todos os espazos da sociedade de Euskalherría, con especial incidencia aos educativos, institucionais e, sobre todo, aos políticos. No entanto sabemos que non vai ser doada nin a reparación da dor das vítimas nin o proceso político que leve á disolución da organización terrorista, cuestións que en Irlanda custaron máis dunha década de esforzos ser superadas. Nin tampouco o será a necesaria reconciliación, baseada na construción dun relato común sobre o acontecido nestas décadas, de xeito que atenda á memoria das vítimas e sexa capaz de erradicar tanto sufrimento encistado en moitas familias vascas. Como non será doado superar as interferencias provocadas pola intolerancia dos sectores (sabemos que minoritarios, mais influíntes) produtores de odio, incapaces de asumir as consecuencias da irreversibilidade deste proceso. Este é, como acuñou Suso Jares, o momento de construír a paz dende a cultura da paz.

Enlaza Vigo

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño, ao fío do asasinato de Cristina González, a participación na marcha Enlaza Vigo que se celebrará o 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero.

Cristina González Sacau, unha muller de 39 anos con dous fillos xemelgos de oito, foi asasinada na súa casa do Vao a mans de quen até hai poucos meses fora o seu home, Francisco Rafael Álvarez Martínez. Este é o segundo crime de violencia machista no que vai de ano en Galicia e o número 49 nesa lista negra de mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas durante 2011 en España. Apenas unhas horas máis tarde, nunha semana terrible de violencia contra as mulleres, foron asasinadas outras dúas, unha en Lanzarote e outra en Avilés, que engrosan a lista de 594 vítimas do terrorismo machista, desque no ano 2003 o actual Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade, iniciara esta estatística.

Como sucede decote, tras o homicidio do Vao, os testemuños do entorno da vítima e do acusado amosan a súa extrañeza polo sucedido. Unhas testemuñas afirman que “ninguén sospeitaba nada”, tras a separación recente da parella, despois de dezaseis anos de matrimonio, mesmo que a súa “era unha relación cordial” e compartían o mesmo avogado no seu proceso de separación. Outras subliñan que non existían denuncias previas de malos tratos nin o imputado tiña antecedentes penais ou consideran a quen se confesou, diante da policía e do xuíz, como autor do crime como “un home normal” e unha “persoa tranquila”. Un cadro de perplexidades sociais habitual neste tipo de crimes machistas nos que socialmente adoita non existir ameaza ningunha para a vítima que, como no caso de Cristina González, morre na sua propia casa a mans dunha persoa moi achegada a ela, neste caso o seu exhome, que mesmo franqueaba a porta do fogar a diario para visitar aos pequenos e tiña o seu taller de carpintaría a carón da propia casa. E, como adoita acontecer na maior parte destes casos, será o procedemento xudicial e os informes forenses quen finalmente aclare se o crime se produciu tras unha loita entre a parella e cales foron as súas circunstancias.

Porén, máis alá da resolución xudicial que dirima as responsabilidades do crime do Vao e da enorme traxedia que supón para ambas as dúas familias, é innegable que estamos diante doutro crime contra unha muller, que a sociedade nosa foi incapaz de evitar. Un doloroso fracaso colectivo que arrastramos, agochado tras un espeso silencio de décadas, e sobre o que a cidadanía non acadou un compromiso e unha implicación decidida para eliminar. Xa non abonda coa indignación cidadá, inevitablemente efémera, que provoca cada un dos casos desta forma inequívoca de terrorismo –hoxe en España un dos maiores problemas de seguridade cidadá (a pesar de que non sexa citado como tal, polos responsables políticos nin polas enquisas). Precísanse outras respostas políticas, institucionais e cidadás para un fenómeno que, debemos recoñecelo de vez, ten a súa orixe na profunda ideoloxía machista –aínda non superada e moi presente na sociedade nosa– que considera as mulleres como obxectos sexuais propiedade dos homes. Ese machismo, máis ou menos explícito, mesmo a pesar de varias décadas de valiosas políticas de igualdade, é o que continúa rexendo entre nós e de forma moi perversa a relación entre os homes e as mulleres, tanto entre as parellas maiores, como entre as novas, e o que constitúe algo moi alarmante, entre os propios adolescentes.

Non hai dúbida que a violencia contra as mulleres merece tolerancia cero e toda a sociedade debe corresponsabilizarse na utilización dos recursos públicos dispoñibles para evitala, desde as denuncias ao 016 até a posta en marcha das medidas previstas na Lei Integral contra a Violencia de Xénero. No entanto, tamén todos os comportamentos machistas merecen ser denunciados, dende a obxectalización da muller –tan presente na publicidade contemporánea e no próspero negocio da prostitución, que non sabe de crises– a calquera tipo de conduta discriminatoria, vexación, insultos, maltrato psicolóxico, desprezo ou falta de respecto contra as mulleres. Se somos capaces de erradicar de raíz ese tipo de comportamentos machistas, comezaremos a albiscar as posibilidades reais de diminuír de forma drástica as negras estatísticas de mulleres asasinadas. “Enlaza Vigo”, a iniciativa do activo Consello Municipal da Muller do concello de Vigo, pretende implicar o vindeiro 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero, a toda a cidadanía viguesa no compromiso de rematar co machismo e coa violencia. Esa cadea humana de mans entrelazadas ao longo das rúas viguesas esixirá un compromiso dos poderes públicos, dos medios de comunicación, mais tamén de cada unha das persoas, homes e mulleres, para erradicar esta lacra e tecer unha sociedade en igualdade. Unha cadea que será, tamén, unha homenaxe en silencio para Cristina González e o resto de vítimas que debimos ter evitado.