Reforma educativa regresiva

No artigo da semana en Faro de Vigo analizo o que entendo son as liñas principais de regresión do anterproxecto da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) paprobada polo Consello de Ministros o venres pasado.

Cumpríronse os peores agoiros. O texto do anteproxecto de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) non permitirá o acordo parlamentario e da comunidade escolar arredor dun modelo estable e duradeiro de sistema educativo. Pola contra, o Goberno de Mariano Rajoy apostou por unha reforma educativa moi dura, de marcado cuño conservador, que anticipa a segregación temperá do alumnado, profundiza nas desigualdades sociais de orixe, aumenta a centralización das ensinanzas mínimas, ao tempo que consolida a redución de recursos destinados á educación pública, prevista no Programa de Estabilidade 2012-2015, até o 3,9 % do PIB, unha porcentaxe de comezos dos anos oitenta. Eis toda a terapia para un sistema que mantén unha taxa de abandono educativo temperá do 26,5 %, case o dobre da media europea (13,5 %), e uns niveis baixos do seu alumnado nas probas PISA.

É difícil agochar que o obxectivo de Wert é amparar á redución prevista dos investimentos en educación. Unha cifra desacougante, a perda do 1% do PIB en cinco anos (10.000 millóns de euros) que supoñerá a diminución do cadro do persoal docente (estímase en 40.000 persoas), o aumento do número máximo de alumnos por clase e o de horas que dan os profesores, a supresión de programas de apoio, a redución de servizos de comedor e transporte, así como o número de bolsas. Recortes que afectan aos centros públicos, mais tamén aos colexios concertados e ás Universidade públicas, pendentes dunha lei de “profunda” reforma. Recortes que na LOMCE quedan xustificados de forma ridícula, obviando o argumentario da planificación educativa internacional, cando di que “a calidade educativa debe medirse en función do ‘output’ (resultados dos estudantes) e non do ‘input’ (niveis de investimento, número de profesores, número de centros…)”. En contra de toda evidencia, Wert, ministro de talante liberal e moita labia, defende que con menos recursos e menos profesorado pode mellorarse a calidade educativa. Vivir para ver.

O modelo escollido na LOMCE para reducir as elevadísimas taxas de abandono educativo temperá levará a aumentar a desigualdade entre o alumnado. A introdución caprichosa de probas de avaliación en 3º e 6º de Primaria, que poden supoñer a repetición de curso; a segregación a partir dos quince anos, introducindo dous itinerarios curriculares e dúas titulacións diferentes, o académico e o de apliación profesional para a obtención do Graduado en ESO, sen vías de interconexión entre elas; como a dunha Formación Profesional Básica, para os fracasados en 2º e 3º de ESO, “castigados” sen titulación académica ningunha, son medidas que fan retroceder ao sistema educativo ao modelo anterior a LOXSE (1990). Segregación inxustificada, xa que hai países como Finlandia, o mellor colocado nos resultados de PISA, que manteñen o seu tronco común de ensinanzas até os 16 anos, o que amosa que a equidade non é incompatible cos bos resultados dos estudantes. Como tamén sabemos (estúdase nas primeiras clases de Socioloxía da Educación), que canto antes se segrege ao alumnado en itinerarios educativos diferenciados, haberá maior conexión entre o estatus socioeconómico e os resultados escolares. Haberá menos posibilidade de que a educación funcione como un instrumento de mobilidade social e de compensación de desigualdades. Esta segregación educativa que pretende introducir a LOMCE é un erro enorme, probablemente froito ideolóxico dunha dereita que a esta altura da deflacción xa non ten inconveniente en recoñecer como inevitable a división social entre ricos e pobres.

Regresión supón tamén a homoxeinización das ensinanzas mínimas, que a LOMCE pretende aumentar até o 75 % e no caso das comunidades con lingua cooficial, como Galicia, 65 %. Unha medida discutible, xa que colisiona coas competencias recoñecidas nos Estatutos de Autonomía, ao tempo que deseña un modelo educativo centralizado pola vía técnica do currículum e do deseño das “probas diagnósticas” (reválidas) de cada etapa. Regresións tamén presentes no auténtico tecnocidio dos contidos da ESO, no que diminúen o peso de disciplinas como a Tecnoloxía, Plástica, Música e Educación cívica; no recoñecemento da segregación por sexos (a pesar da sentenza do Tribunal Supremo) para subvencionar aos colexios do Opus Dei ou no menor peso dos Consellos Escolares na xestión dos centros, liquidando un modelo exitoso de dúas décadas de participación das familias nas comunidades educativas.

Non está de máis lembrar, como facía Federico Mayor Zaragoza estes días, que o obxectivo principal da educación, sobre a base ética da igual dignidade humana, é “formar a persoas libres e responsables”. Non atopamos referencia ningunha a esta idea no texto LOMCE, nin sequera no limiar. Mágoa!

Onte 375: Proyecta

Sabiamos dende hai tempo da xestación da Plataforma Proyecta, unha iniciativa de educación dixital promovida pola Fundación Amancio Ortega Gaona. Onte foi o día no que comezou o lanzamento deste proxecto concibido para que o profesorado non universitario poida compartir obxectos e contidos educativos dixitais, ademais de contar con ferramentas para crealos e de espazos e materiais formativos sobre o proceso de dixitalización educativa e da utilización das TICS nas aulas. A pesar do pouco que puidemos navegar, a primeira ollada á plataforma aventura que Proyecta pode converterse axiña nun espazo de referencia no proceso de tránsito cara ao paradigma da educación hipertextual. Beizóns para o seu equipo de profesionais e longa e ventureira andaina!

Onte 372: Contrarreforma Wert

A reforma educativa do ministro Wert recentralizará os contidos das ensinanzas mínimas até o 75% do horario escolar, porcentaxe que baixará até o 65 en comunidades como Galicia con lingua oficial, satisfacendo así unha das vellas aspiracións das posicións educativas máis conservadoras. Outrosí sucederá co aval que recibirá o modelo de educación diferenciada (reivindicada polos centros de fomento do Opus Dei), a flexibilización das condicións de traballo do profesorado funcionario, o establecemento de senllas reválidas na Educación Secundaria e o adianto da segregación do alumnado aos 15 anos que conlevará a creación da Formación Profesional Básica. Con semellantes presupostos non é de adiviños agoirar outro fracaso do anceiado Pacto pola Educación. A de Wert é apenas unha contrarreforma carca e centralista. Tempos difíciles para o futuro da educación pública.

Onte 367: Ensinantes con xitanos

Os organizadores das XXXII Xornadas de Ensinantes con Xitanos convidáronme a pronunciar unhas palabras en lembranza de Xoán Vázquez, un dos promotores da asociación Chavós. O acto resultou moi interesante. Gustoume escoitar o relato que fixo Ana Veira –mestra de Ferrolterra e secretaria de Chavós até a súa desaparición en 2007– da experiencia de traballo educativo e social deste grupo durante vinte anos, desde o Colexio Público Chavorré Calé até a integración do seu alumnado nos centros ordinarios. Como agradecín que destacase a edición daqueles Materiais para unha práctica intercultural. O traballo da comunidade xitana, unha publicación multisoporte (unidade didáctica impresa, tres vídeos e un cedé interactivo e multilingüe), pioneira no seu tempo, que editamos en Xerais en 1999. Como foi tamén emocionante a intervención de Manolo Vila López, un mestre hoxe xubilado, referente na educación con xitanos no poboado do Carqueixo en Lugo. Vila insistíu na importancia da actitude militante en todo o traballo social e na necesidade de que sexan os xitanos os que asuman o protagonismo da súa historia e do futuro do seu pobo. Tras estas intervencións quedoume claro que, ademais de promover un enfoque global e intercultural do tema educativo xitano, cómpre continuar combatendo os prexuízos existentes sobre esta minoría e o periogoso virus do racismo, tantas veces latente na nosa sociedade. «Vivir o distinto para enriquecernos no común», o lema daquelas Xornadas de Ensinantes con Xitanos celebradas na Coruña en 1995 da man de Xoán Vázquez e o grupo Chavós, continúa sendo necesario.

Parques infantís

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a necesidade de incluír o arranxo dos espazos de xogos para a rapazada dentro das políticas de humanización urbana.

Unha das cuestións nas que máis adoito reparar cando visito por vez primeira unha cidade é como están organizados os espazos de xogo para a rapazada. Probablemente na cantidade e na calidade destas instalacións –sexan os “parques infantís, as “zonas verdes” ou espazos deportivos informais– atopemos algúns dos indicadores máis fiables da calidade de vida da cidade e do benestar da súa cidadanía. Por ventura, os espazos deste tipo cos que contamos en Vigo melloraron nos últimos vinte e cinco anos unha barbaridade, imitando ou importando as características e calidades daqueloutros que antes nos asombraban nas cidades do Reino Unido ou nos países escandinavos modélicos nesta cuestión.

A existencia destes espazos urbanos é un dereito da infancia recoñecido na “Convención dos Dereitos do Neno” asinada na ONU en 1989 que estipula que “Todo neno [toda nena] ten dereito ao xogo no fogar, na escola e no ambiente comunitario para que poida despregar as súas actividades lúdicas liberadoras”. Un xeito de expresar a importancia decisiva do xogo como celme definidor da vida infantil en todas as culturas e comunidades. Os nenos e as nenas xogan porque xogando se fan a si mesmos. Xogar é moi importante para eles xa que, ademais de lles proporcionar pracer, é o seu primeiro laboratorio, xa que contribúe a que poidan descubrise a si mesmos, a probarse, a explorar límites, a socializarse e, o que aínda é máis definitivo, a poder comprender a vida.

O arranxo de espazos urbanos especializados para o xogo da infancia –“os parques infantís”– debe formar parte principal das políticas de humanización orientadas para potenciar a convivencia interxeracional e o desenvolvemento urbano sostible. Non está de máis insistir na idea de que humanizar as nosas rúas non pode consistir só en ampliar e empedrar as beirarrúas, renovar as acometidas e sumidoiros, plantar algunhas árbores e xardiñeiras con flores ou instalar novo e máis moderno mobiliario urbano. A pesar da súa necesidade e do pulo que proporcionan á actividade económica en plena recesión estas actuacións por si soas non abondan. Humanizar a cidade tamén é propoñer á cidadanía un novo modelo de mobilidade, que reduza de forma eficaz a utilización do vehículo privado e incite a camiñar polo rueiro. Humanizar é crear máis espazos de convivencia para as persoas adultas, facilitando a instalación de terrazas, colocando bancos ou creando, cando sexa posible, novas prazas ou sendas verdes peonís…

Como humanizar a cidade supón deseñar uns parques infantís que faciliten o desenvolvemento da actividade lúdica, da socialización e da conquista da autonomía dos picariños, un segmento da poboación moitas veces invisible para a clase política. Corresponde aos concellos a responsabilidade de crear espazos de xogo e lecer que, ademais de dispoñer de aparellos para que rapaces e rapazas de diferentes idades poidan arrandearse, saltar, escorregar ou gabear con completa seguridade, conten con elementos naturais (as árbores como a vexetación vizosa son imprescindibles) e cunha topografía irregular (non necesariamente plana) e de diversas texturas que favoreza as actividades lúdicas que desenvolvan a motricidade fina e a discriminación perceptiva dos seus usuarios. Hoxe, máis ca noutrora, cando se sacraliza o sedentarismo do xogo solitario de horas e horas diante das pantallas, as nosas crianzas precisan de saír da casa e vivir no “parque” con outras iguais a experiencia insólita do contacto directo coa terra e auga, enzoufándose con estes elementos ou xogando ao guá, como nós faciamos hai cinco ou seis décadas. En definitiva, a cidade ten a responsabilidade de contar con espazos ao aire libre seguros concibidos para facilitar a diversa tipoloxía de xogos en autonomía de nenos e nenas de diferentes idades, desque comezan a camiñar até que debutan nas actividades predeportivas.

Tras un período de moita preocupación municipal por esta cuestión, na que o concello de Vigo, moi implicado no programa de cidades educadoras, arranxou e modernizou máis dun centenar destes “parques infantís”, tanto do centro como do periurbano, precísase de maior atención no mantemento, seguridade e limpeza dos xa existentes (algúns, magoadamente, en condicións deplorables por mor do vandalismo e da invasión das súas instalacións por parte de cans) como de pulo para a ampliación ou creación doutros novos. Espazos para a infancia que poden ser complementados cos denominados “parques biosaudables”, un tipo de mobiliario urbano que semella facilita o exercicio físico de persoas maiores, e do que existen máis de trinta áreas en Vigo. Atender a esta demanda de picariños e maiores, de netos e avós, é unha aposta pola humanización real da nosa cidade. Paga a pena.

Onte 330: Novos contidos de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos

Non foi unha sorpresa a aprobación dos novos contidos de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos que entrarán en vigor o vindeiro setembro. Unha importante medida educativa escurecida polo recortazo dos 102.000 millóns de euros agochado por Rajoy na súa insólita primeira roda de prensa tras un Consello de Ministros. A preparación dos novos libros de texto de Xerais destas materias de e 4º de ESO, que rematamos a marchas forzadas estes días, deume oportunidade en familiarizarme cun currículum tinguido de espírito neoliberal. Eis un par de exemplos moi significativos para entender por onde van as cousas. En 2º de ESO, máis alá da «inevitable» reforma do bloque referido á socialización, onde cuestión tan controvertida para o PP como a do matrimonio quedou resolta co epígrafe «A familia no marco da Constitución Española», a cerna desta reforma conservadora está no bloque «As sociedades democráticas do século XXI». Aí introdúcense uns epígrafes específicos referidos a «Liberdade política e liberdade económica» e ao «Papel da iniciativa económica privada na xeración de riqueza e o fomento do espírito emprendedor». Porén, non atopamos referencia explícita ningunha ao papel do Estado como compensador de desigualdades e promotor da actividade económica. Apenas hai un epígrafe, sen dúbida imprescindible, dedicado ao «deber de transparencia na xestión pública». Con todo, estes novos contidos de EpC son apenas a primeira pedra da reforma educativa conservadora que se aveciña. Avisados quedamos por onde vai chegar o vento.

[Suso de Toro, «Reacción antipedagóxica», »El País Galicia» 29-06-2012]

O impulso pedagóxico é imprescindible se non queremos que o sistema educativo sexa unha máquina de anular persoas.