Critico, felicito, propoño
«Critico, felicito, propoño» é o título da miña segunda colaboración en Sermos Galiza.
«Critico, felicito, propoño» é o título da miña segunda colaboración en Sermos Galiza.
Levounos case tres horas percorrer entre a babuxa o camiño entre Vigo e Viveiro. Foi un fermoso e moi concorrido serán poético no que presentamos, cunto a Marica Campo, Un niño no xardín, o quinto libro de poemas para nenos de Xoán Neira. Foi emocionante a intervención do autor que confesou ser moi rilkiano xa que «quedei abrazado a infancia para sempre e marcado pola natureza». Neira definiu o seu poemario como «un libro ecolóxico» e recomendou a súa lectura que permite «deterse nas pequenas cousas que a vida diaria non deixa tempo a ollar». A escritora Marica Campo comezou anunciando que «a poesía non debe faltar na equipaxe da vida. É tan necesaria coma o pan de cada día. É un pracer. Contrarresta a violencia e ensínanos a sentir cos outros». Logo defendeu a importancia educativa da poesía xa que «achega claves para entender a realidade, sendo necesaria para a comprensión do mundo e de nós mesmos, sen esquecer que contribúe a aprender a soñar, o obxectivo principal da educación». Marica dedicou a última parte do seu parlamento a glosar Un niño no xardín, unha mostra da mellor poesía infantil arredor dos reinos da natureza. Definiu o libro como «puro ecoloxismo» e abeizoou ao autor polo resultado emocional que provocan os seus poemas.
Marcos Pérez Pena pediume que en apenas trinta segundos expresase as razóns polas que Agustín Fernández Paz merece unha Homenaxe Nacional. Non hai dúbida que aos membros da Cerna de Prolingua –a promotora desta iniciativa civil aberta a todos os amigos e amigas, admiradores e admiradoras do escritor– moveunos o afecto e o desexo de expresar agarimo por quen tanto fixo polos proxectos colectivos a prol da dignidade da lingua e pola galeguización e renovación pedagóxica da escola nosa. Unha homenaxe, tamén, de estrita xustiza a unha persoa que representa unha extraordinaria dimensión moral. Durante case catro décadas, tanto nos proxectos colectivos nos que participou (dende Adarra e MCEPG, pasando polo Colectivo Avantar e Nova Escola Galega, até Prolingua), como no traballo profesional que desenvolveu como ensinante (na Coruña, Gernika, Mugardos e Vigo, até a súa xubilación), Agustín foi motor infatigable, referente de honestidade e racionalidade, así como de compromiso insubornable coas súas conviccións pedagóxicas, democráticas e galeguistas. E se a isto non abondase, como escritor foi capaz de desenvolver en case vinte e cinco anos unha obra narrativa de calidade, moi coidada, diversa e sempre engaiolante para o lectorado de todas as idades. Agustín é hoxe un dos escritores que conta con máis lectores e lectoras en galego, mais tamén con moitos seguidores nas outras comunidades onde foron traducidos a maior parte dos seus libros, sobre todo en Cataluña e Valencia. A Homenaxe Nacional do 30 será unha oportunidade para expresarlle a este mestre a nosa gratitude por tanto e tanto que lle debemos.
Nun día desacougante coma hoxe, esta peza convida ao optimismo e o compromiso.
Anunciamos o proxecto «Libro en rede», os contidos dixitais para Lingua e literatura de 2º de ESO nos que vimos traballando nos últimos meses. Para nós constitúe un chimpo, un xeito de reinventarnos profesionalmente como editores educativos, ao tempo que unha achega novidosa á construción do proxecto colectivo de escola dixital galega. Axiña publicaremos en aberto, na web de Xerais, unha unidade completa de mostra. A providencia laica fixo que onte nacese Comba, a filla de Anaír e Noli, os motores principais do proxecto do «Libro en rede» e dos materiais de didácticos de Lingua e literatura de Xerais durante a última década. Beizóns para eles dous e longa vida para a meniña que «envía bicos de cerdeira nova».
Os membros de Nova Escola Galega non puidemos agochar a satisfacción por recibir o Pedrón de Ouro 2012. Tras aquel Premio da Crítica Galicia de 1987 na modalidade de Iniciativas Culturais, recoñécese agora a nosa traxectoria de defensa do modelo de escola pública galega e de promoción da innovación e renovación pedagóxica. O Pedrón, como salientou Mariló Candedo, a nosa presidenta, é para nós aínda máis significativo cando coincide cos durísimos recurtes no ensino público e cando o modelo de galeguización educativa sofre un retroceso histórico. Nova Escola Galega é un proxecto colectivo e transversal de profesionais que asumimos como tarefa contribuír ao proceso de construción da nación dende o eido educativo. Facémolo dende a independencia e a autonomía con respecto ás organizacións políticas, sindicais e das administracións educativas, mais procurando sempre artellar redes colaborativas con outras organizacións profesionais, sociais e cívicas. Sabemos da importancia do Pedrón de Ouro, un recoñecemento que nos achega novos azos para continuar co noso afán.
Magnífica peza en defensa da Educación Pública. Eu tamén estudei na Pública.
Intereseime polo Programa Nacional de Reformas, o documento estratéxico que o Goberno elaborou de cara a cumprir os compromisos do Plan de Estabilidade. A verdade é que quedei pampo cando estudei os contidos educativos (entre as páxinas 182 até 195), nos que o Goberno asume a reforma da Educación Secundaria cuxa idea principal «é substituír 4º da ESO por un curso de carácter propedéutico, tanto no itinerario de bacharelato, como no itinerario da Formación Profesional de Grao Medio, que permita anticipar un ano a elección básica do itinerario». Tan importante decisión, que supón unha modificación substancial da estrutura do sistema educativo e dos contidos curriculares na fin da educación obrigatoria, xustifícase co obxectivo de reducir a taxa de abandono escolar temperán actual do 28,4% (2010) ao 23% (2015) e 15% (2020), o que de facto supón abandonar o obxectivo do 10% asinado na «Estratexia 2020 polo emprego e o crecemento». Apenas unha paxina (183-184), redactada con coidadosa ambigüidade e escasa concreción, abonda para poñer fin a dúas décadas do modelo de educación obrigatoria comprensiva e para anunciar unha importante reforma educativa. O documento asume como compromisos a reorganización da arquitectura do Sistema Educativo entre a actual ESO e os estudos postobrigatorios; a modificación dos actuais currículums do bacharelato, especialmente das materias instrumentais ou troncais; a posibilidade de modificar a actual Proba de Acceso á Universidade e outras probas anteriores de avaliación externa; a modificación dos Programas Iniciais de Cualificación Profesional; así como un amplo caixón de «Outras medidas», entre as que se citan «a promoción do bilingüismo e da segunda lingua estranexeira», a autonomía dos centros educativos ou «a problemática do persoal docente (novo sistema de selección do profesorado, mobilidade, estruturación de corpos, carreira e xornada)». En definitiva, na inocente redacción dun documento económico atopamos enunciados os epígrafes dunha contrarreforma educativa en toda regra. Volve con toda a forza o debate arredor da igualdade da educación.
Milleiros de persoas manifestáronse en diversas cidades galegas, convocadas por CC.OO e UGT, en defensa da educación e sanidade públicas. É moi difícil entender as razóns polas que as organizacións nacionalistas, tanto sindicais como a maior parte das políticas, non participan nestas convocatorias cívicas. Sei que sucederá outro tanto nas convocatorias galegas do Primeiro de Maio, nas que tampouco haberá unidade de acción sindical. Nun momento decisivo como o que vivimos, onde os recurtes dos dereitos laborais e sociais ameazan co derrube completo do estado do benestar, as organizacións nacionalistas galegas teñen a obriga de estar onde a maioría social, a menos que pretendan quedar nas marxes, unha situación que deixaría a agra aberta para o medre do PSOE e de Esquerda Unida.
As medidas educativas anunciadas polo ministro Wert están dirixidas máis a aforrar recursos (3.000 millóns de euros/ano) ca en mellorar a eficiencia do sistema educativo e reducir as taxas de fracaso escolar, só superadas por Portugal e Grecia. Non coñecemos sistema educativo ningún ca mellorase a súa calidade aumentando a ratio profesor/alumno nin empeorando as condicións de traballo do seu persoal docente. Sabemos que politicamente é moi doado zouparlle ao funcionariado docente como xa non podemos acreditar tampouco nas promesas de que estas tesoiradas afecten menos a Galicia, á que estatisticamente corresponderían preto dos 180 millóns euros, unha auténtica catástrofe para un sistema educativo moi disperso xeograficamente e con taxas aínda elevadas de fracaso. Ben sería que os responsables da consellaría de Cultura e Educación anunciasen a cantidade do retallazo que corresponde a Galicia, ao tempo que a xustificasen cos estudos que avalan a reorganización prevista para os cadros de persoal e a rede de centros. Non esquezamos que a educación é social e economicamente un sector estratéxico moi sensible no que cada sociedade aposta polo seu futuro e pola súa convivencia.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
