Onte 388: Cifras críticas para o libro galego (II)

A edición impresa que manexamos do estudo de Comercio Interior del libro en España 2011 amosa que o volume da edición e as vendas nas linguas cooficiais (catalán, éuscaro e galego) concéntrase entre o 80 % e o 90 % nos libros de Literatura, Texto, Literatura Infantil e Xuvenil e Ciencias Sociais. Así no caso dos libros editados en galego polos membros AGE o número dos publicados en 2011 destes catro xéneros (1.433) representa o 90,30 %, mentres que a súa facturación supuxo o 87,50 %.

A edición literaria en galego (399 títulos, 509.000 exemplares) supuxo o 25,10 % dos títulos e o 20,40 % dos exemplares fabricados, mentres que as súas vendas (2,84 millóns de €) supuxeron apenas o 13,20 % do total das do libro en galego.

A novela, cunha tiraxe media de 1.632 exemplares, continúa sendo o xénero privilexiado da edición literaria en galego, tanto en número de títulos (218, o 13,70 %), de exemplares (356.000, o 14,30 %) como na súa facturación (2,13 millóns de €, o 9,90 %). É interesante comparar estes datos do mercado da novela en galego cos do conxunto deste subsector de ficción en España, que en 2011 editou 12.642 títulos, imprimiu 56 millóns de exemplares e facturou 507 millóns de €. Se desagregamos máis as cifras, comprobamos que a edición de novela en castelán facturou 461 millóns de € (o 18,70 % do seu mercado), en catalán 41 millóns de € (o 16,90 % do seu mercado total), sendo en galego apenas os citados 2,13 millóns de €. Noutras cifras, o número de novelas en castelán multiplica as galegas por 50, o número de exemplares por 148 e a súa facturación por 216. Se facemos esta comparativa coa edición en catalán, o número de novelas editadas (1.038) quintuplica o das galegas, o número de exemplares fabricados (2.748.000) multiplícaas por oito e a facturación case por vinte. Ademais, se comparamos o mercado da novela en galego (2,13 millóns de €) co total do mercado libro en Galicia en 2011 (160,79 millóns de €) obtemos que a súa cota real no mercado galego do libro é do 1,32 %. Cifras que representan unha pelexa tan desigual como a que desputou David contra Goliat.

A edición de poesía e teatro en galego con 63 títulos en 2011 supuxo o 4,00 % do total, o 3,10 % dos exemplares editados e o 1,30 % da facturación. Mentres que a edición de ensaio e estudos literarios en galego, cunha tiraxe media de 647 exemplares, con 118 títulos representou o 7,40 % do total, o 3,10 % dos exemplares e o 2,00 % da facturación.

A edición infantil e xuvenil en galego con 439 títulos en 2011 supuxo o 27,70 % do total, o 26,10 % dos exemplares editados e o 18,90 % da facturación.  Mentres que a edición de libro de texto en galego con 487 títulos en 2011 supuxo o 30,70 % do total, o 37,20 % dos exemplares editados e o 53,00 % da facturación.

A edición de Ciencias Sociais en galego con 108 títulos en 2011 supuxo o 6,80 % do total, o 4,30 % dos exemplares editados e o 2,40 % da facturación.  Mentres que a edición de libros Científico técnicos en galego con apenas 30 títulos en 2011 supuxo o 1,90 % do total, o 1,40 % dos exemplares editados e o 0,70 % da facturación.

Paga a pena comparar estes datos de 2011 cos dispoñibles no estudo sobre comercio interior do libro galego en 2007. Neste período aumentou a produción de novela en galego, case duplicándose o número de títulos, que pasaron dos 113 de 2007 aos 218 de 2011, como tamén se triplicou o número dos exemplares producidos, que pasaron dos 113.000 de 2007 aos  356.000 de 2011; porén a facturación só se incrementou apenas nun 8,10 % (sen contar a suba de prezos), pasando de 1,97 millóns de € de 2007 a 2,13 millóns de 2011. No caso do libro Infantil e Xuvenil aumentou o número de títulos nun 17,95 %, que pasaron dos 418 de 2007 aos 493 de 2011, diminuíu o número dos exemplares producidos nun 15,00 %, que pasaron dos 759.000 de 2007 aos  652.000 de 2011; manténdose a facturación, en ambos ous dous exercicios arredor do 4 millóns €. Por último, no caso do libro de texto o número de títulos decreceu lixeiramente nun 2,60 %, pasando de  500 de 2007 aos 487 de 2011, aumentou o número dos exemplares producidos nun 16,83 %, que pasaron dos 796.000 de 2007 aos  930.000 de 2011; incrementándose a facturación nun 22,36 %, pasando dos 10,91 millóns de € de 2007 aos 11,35 millóns de 2011.

Agardamos contar axiña cos datos proporcionados polo Estudo do Comercio Interior do libro en galego 2011, encargado pola AGE e a Secretaria Xeral de Cultura da Consellaría de Educación e Cultura para poder interpretalos máis acaidamente.

Onte 386: Cifras críticas para o libro galego (I)

Coñecimos onte o contido de senllos informes –Comercio Interior del libro en España 2011 (versión definitiva, impresa) e El sector del libro en España 2010-2012) que amosan a actual situación crítica da edición do libro en Galicia e en galego. Varios son os indicadores recollidos en ambos os dous informes de referencia para o «Observatorio de la Lectura y el Libro» do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, que amosan o retroceso do sector tanto no seu volume de edición e facturación como na perda de empregos directos e indirectos.

A edición en Galicia baixou o último ano un 28,8% pasando de editar 4.754 títulos en 2010 a 3.384 en 2011, mentres que en comunidades como Madrid e Cataluña, que concentran o 60% da edición,  aumentou e no conxunto do estado incrementouse nun 2,1%, até os 116.851 títulos, fenómeno en boa medida explicable debido á edición en soportes distintos ao papel. No entanto, o número de títulos editados polos membros da AGE increméntase nun 2,03 % pasando dos 2.115 (1.566 en galego, 520 en castelán e 27 noutras linguas) do ano 2010 aos 2.156 de 2011 (1.587 en galego, 540 en castelán e 28 noutras linguas); tendencia que se mantén no incremento do 0,14 % do número de exemplares fabricados que en 2011 acadan os 3.360.000. Cifras que permiten que a tirada media baixe apenas un 1,76 %, pasando dos 1,589 exemplares por títulos en 2010 aos 1.561 de 2011.

A edición en galego diminuíu no mesmo período, segundo a Panorámica de Edición Española de 2011 en 16,3% (2.130 títulos) e segundo o Comercio Interior del Libro nun 5,22 %, pasando de 2.028 (1.566 en Galicia, 320 en Madrid, 139 en Cataluña e 4 noutras comunidades) en 2010 a 1.922 os títulos publicados polos editores privados en 2011 (1.587 en Galicia, 265 en Madrid, 67 en Cataluña e 3 noutras comunidades). Datos que amosan que os editores privados galegos manteñen o seu nivel de edición en galego, mentres que baixa o número de títulos na nosa lingua editados fóra de Galicia. A pesar de non contar con datos comparativos con respecto ao ano anterior, é salientable que en 2011 foron editados en galego por editores privados 2.497.000 exemplares, o que supón o 74,31 % dos publicados en Galicia, sendo a súa tirada media de 1.573 exemplares por título.

A facturación do comercio interior do libro en España en 2011 diminuíu nun 4,1 % con respecto ao ano anterior, situándose nos 2.772, 34 millóns de euros, dos que estima corresponden o 5,8 % a Galicia, 160,79 millóns de euros. A facturación das editoras privadas galegas foi de 26,86 millóns de euros, o que supón un decrecemento do 13,3 %, o maior sufrido polos diversos gremios pertencentes a FGEE. Decrecemento que dende 2009 –ano que marcou o teito da facturación do noso sector (33,68 millóns €) coincidindo co inicio da lexislatura que agora finaliza– supón un 25,42 % e dende 2010 o 20,25 %.

O estudo do comercio interior estima en 21,43 millóns de euros a facturación do libro editado en galego en 2011 polas editoras da AGE, cifra que só se pode comparar cos 21,98 millóns de euros do estudo de comercio interior do libro galego de 2007, até agora o último dispoñible. Cifra que amosa un claro estancamento do sector dende entón, que de ser corrixida a prezos constantes amosaría, tamén, un significativa retroceso superior aos dez puntos. Tanto no caso do libro editado en Galicia (26,86 millóns €) como o editado en galego (22,50 millóns €), as librarías independentes  continúan sendo a canle de facturación privilexiada, nun 55,8 % no primeiro caso e nun 53, 6 % no segundo. Convén reparar que relacionando as cifras, obtemos que a cota do mercado do libro en galego foi en Galicia no ano 2011 do 14 %.

O estudo de Comercio Interior de 2011 estima a perda de emprego no sector editorial privado galego nun 5,2 %, sendo 249 persoas as que forman parte dos cadros de persoal das empresas; diminuíndo de forma significativa o número de colaboradoras externas, que se reduce de forma moi significativa dende 2009, pasando das 14 de media por empresa até as 8 na actualidade.

Nunha segunda anotación, debullaremos os datos dispoñibles nestes informes estatais sobre a edición e facturación por xéneros do  libro editado en Galicia, agardando a próxima publicación do Estudo do Comercio Interior do libro en galego 2011, encargado pola AGE e a Secretaria Xeral de Cultura da Consellaría de Educación e Cultura.

Onte 383: A estratexia do estorniño

Gustoume moito a metáfora que Antón Lado utilizou na Rede de Coñecemento Compartido (#RedeCom) da Asociación Galega de Editores para expresar a estratexia que debe seguir o noso sector neste contexto de crise comercial e tránsito entre paradigmas de edición. Como sucede co comportamento dos estorniños, eses simpáticos chirlosmirlos que adoitan voar en bandos sobre as cidades desenvolvendo espectaculares manobras, os editores galegos debemos xuntar esforzos para facer visible a nosa oferta nos espazos públicos e nas redes sociais. Como sinalou Antón Lado na súa magnífica e clarificadora intervención «propagar información como activo cultural» constitúe no caso da edición en galego «un xeito de inventar o futuro». O traballo formativo compartido, a organización de novos espazos de comercialización en man común (Oulet do Libro Galego, Culturgal, caseta da Feira do Libro de Madrid, plataforma e-librogalego de distribución de contidos dixitais…), a presenza conxunta en feiras internacionais ou a elaboración consensuada dun desenvolvemento estratéxico sectorial constitúen elementos desa estratexia do estorniño na que pretendemos profundizar na Asociación Galega de Editores.

Foto de Álvaro Ballesteros.

Onte 371: The Joy of Books

Tras tres xornadas seguidas do intenso Seminario sobre edición de libro electrónico, impartido por Antón Lado e no que participamos trinta editores galegos, é inevitable para os que gozamos co arrecendo dos libros expresar un aceno de perplexidade, entre unha doce melancolía e un ilusionante entusiasmo. Vivimos un momento de tránsito, onde a pesar das incertezas sobre o modelo da cadea de valor do sector do libro debemos desenvolver un catálogo de lecturas, tanto impresas como electrónicas. No obstante, preparar unha oferta de referencia en lingua galega en formato dixital é hoxe un dos retos principais do sector da edición privada en Galicia. Sen dúbida, o excelente ciclo formativo de Antón Lado moito axudará en impulsala e orientala. O noso maior recoñecemento para el.

Onte 362: Por unha nova axenda para o sector do libro

Comparto a preocupación de Joaquín Rodríguez sobre o futuro do sector do libro. Dende hai meses, a crise de consumo comeza a bater de forma desoladora sobre as vendas de edición xeral nas librarías, as devolucións increméntanse (un feito que xa recoñecemos todos os editores e libreiros), aumentando a dependencia de ambos os dous sectores profesionais dos resultados da campaña de libro de texto e das lecturas prescritas polos centros escolares. Se non abondase, as previsións da campaña de Nadal non poden ser moi alentadoras, cando máis de dous millóns de funcionarios, onde está unha parte do mercado de lectores máis comprometidos, quedarán sen paga. Como é un feito incuestionable que o ecosistema de lectura dixital muda os protagonistas na cadea do libro, ao tempo que o mercado da distribución dixital se concentra nun 85 % arredor dos dous xigantes estadounidenses que operan en España (Amazón co 38 % e Apple co 20 % xa hexemonizan o mercado de e-books) e das tres cadeas de librarías (FNAC, Casa del Libro e El Corte Ingles), deixando apenas un 15 % ao resto de plataformas dixitais e iniciativas de editores e libreiros independentes. Neste entorno de mudanza e incerteza, a apelación de Joaquín Rodríguez de procurar unha saída cooperativa para poñer en valor o procomún dos sectores do libro semella debe ser atendida. Neste momento de tránsito imparable as estratexias individuais, como mesmo as sectoriais, amósanse insuficientes para sobrevivir e para facer fronte aos novos retos. O sector do libro no seu conxunto precisa deseñar unha nova axenda (non me gusta iso de «folla de rota»), que vaia máis alá das lexitimas preocupacións sobre a propiedade intelectual ou sobre a necesaria homoxenización da fiscalidade do libro. É o momento de pararse a reflexionar rachando límites coa intención de deseñar unha estratexia intersectorial (edición, libraría, distribución, autoría e mediación) e transversal (iniciativas públicas e privadas) que chante novos alicerces para o futuro de cada un dos sectores e das políticas de lectura.

Onte 348: Homenaxe a Germán Sánchez Ruipérez en Sanxenxo

Antes de acudir ao velorio de don Avelino, participei na homenaxe que o concello de Sanxenxo organizou en memoria de Germán Sánchez Ruipérez. O editor e mecenas da lectura, fundador de Anaya, merecía un recoñecemento en Galicia que, magoadamente, en vida nunca se lle tributou. Vencellado co país noso, desque en 1953 casara con Ofelia Grande Rodríguez, ourensá do concello de Esgos, Germán participou en 1979 na fundación de Xerais, xunto a Xulián Maure Rivas e a Camiño Noia Campos, apostando, durante os case vinte anos no que foi o seu presidente, polo desenvolvemento dun proxecto de profesionais da edición en galego. A incorporación de Xerais na fundación do Grupo Anaya en 1988 e a presenza de Germán no periplo por Galicia enteira das cerimonias de entrega dos Premios Xerais, nas que sempre pronunciaba un discurso en lingua galega, constituía o referendo anual deste compromiso cun proxecto editorial clave para entender a cultura galega durante as últimas tres décadas. Como sinalou na súa emocionante intervención Ofelia Grande de Andrés, a súa sobriña e sucesora no oficio de editora, «Germán foi un galego “consorte”», un sanxenxino que dende 1970 navegou polos mares da súa benquerida Arousa e con discreción e xenerosidade contribuíu ao proceso de modernización do sector editorial en Galicia. Onte en Sanxenxo, diante dalgunhas das súas máis vellas amizades, recoñececeuse esta valiosa achega.

Texto da miña intervención.

Galería de fotos de El Correo Gallego.

[Josep María Castellet, «Autorretrtato do editor ben educado», en «El País, 04-08-2012]

Eu creo que o editor ten que ser un oínte paciente, non ha de intervir de máis.

Onte 327: Un concepto sinxelo de edición

Agradezo a Xabier P. Igrexas que tuitease unha clarificadora definición do concepto actual de edición. Efectivamente, neste período de tránsito, se falamos de ficción, o produto da edición é a «historia» («relato» tamén valería); e, se falamos en termos xerais, acoutando a definición de Bob Mayer, o produto da edición é o contido (o texto ou hipertexto de lectura). O contido. Non o libro en papel, nin o electrónico, nin o audiolibro. O contido. O consumidor da edición é o lectorado. Non as librarías nin as as plataformas nin os distribuidores nin os departamentos comerciais. O lectorado. Os autores e autoras producen o contido. O lectorado consume o contido. Quen se coloca entre os autores e autoras e o lectorado ten obriga de engadir algún valor nesa intermediación. Eis o papel do editor.

[Esther Tusquets en «Confesiones de una editora poco mentirosa», RqueR editorial, 2005]

Existe un momento sublime para o editor: cando abre o orixinal dun perfecto descoñecido e atopa unha obra importante.