Onte 878: «A grande beleza»

A grande beleza, a película de Paolo Sorrentino, gañadora de catro premios do Cine Europeo 2013, comeza cunha cita tirada de Viaxe á fin da noite de Louis-Ferdinand Céline: «Viaxar é moi útil, fai traballar a imaxinación. O resto non son senón decepcións e fatigas. A nosa viaxe é por enteira imaxinaria. A iso debe a súa forza. Vai da vida á morte. Homes, animais, cidades e cousas, todo é imaxinario». Dende a primeira secuencia o director napolitano propón ao espectador que poña a traballar a súa imaxinación (e capacidade de abraio), mentres viaxa pola Roma actual da crise, decadente e aínda fermosa, guiada polo personaxe de Jep Gambardella, unha crápula moi elegante, xornalista a medio gas, escritor dunha única novela de mocidade, que á altura do seu sesenta e cinco aniversario esculca na súa soidade e na procura da inocencia daquel amor primeiro, un antídoto posible para evitar a decadencia e o fracaso. E a viaxe, a pesar dalgún exceso, ben paga a pena.

A grande beleza é unha película poética, escasamente narrativa, que homenaxea á tradición do cine italiano posterior ao neorrealismo, sobre todo a películas como a Dolce vita e o Amarcord de Fellini ou o Blow up de Antonioni. Porén, tras o paseo polos espazos máis fermosos e agochados de Roma na procura desa beleza eterna, atopamos uns personaxes extravagantes e cínicos, hedonistas e elitistas, alleos a calquera preocupación colectiva, que gozan das súas noites interminables nas súas terrazas e sotos privados, afastados da xente popular, que na película non aparecen sequera como atrezzo, o que contribúe a salientar a súa fuxida da realidade. Este grupo de monstros elegantes de moral cutre e utilitaria, que na soberbia e vacuidade das súas festas e performances camiñan cara un ocaso inevitable, representa esa «nada» que procuraba Flaubert como o mellor tema para unha novela.

A cerna da película está no conflito entre a finitude que o grupo artellado polo protagonista representa e a beleza inalterable e eterna das artes e da cidade concibida como o seu tesouro e peza principal. No entanto, as reflexións sobre a relixión, a morte, o amor, a soidade, o silencio e, sobre todo, o paso do tempo funcionan como contrapunto necesario achegando un aceno de melancolía e emoción capaz de evitar que tanta banalidade, por unha parte, e un exceso de ornamentalismo visual e sonoro, por outra, estraguen a película. Mención á parte merece a interpretación extraordinaria de Toni Servillo, a música engaiolante (da coral á electrónica), a excelente composición fotográfica ou algúns diálogos afortunados que fan a película aínda máis interesante e sutil.

Onte 871: A ladroa de libros

Sei que non é unha obra mestra, nin sequera unha fita redonda, mais A ladroa de libros, a película de Brian Percival baseada no best-seller xuvenil homónimo de Markus Zusak, paga a pena. A pesar do errado tratamento das linguas (a alemá non aparece por ningures), atribuíble á homoxeinizadora factoría estadounidense, a película consegue transmitir eficazmente o alento pola lectura, polos libros, pola escritura e, finalmente, mesmo pola creación literaria. As palabras constitúen o mellor antídoto contra a barbarie, simbolizada aquí pola queima de libros, mais tamén a mellor forma para combater o medo e a soidade. A lectura literaria, representada pola conquista que a protagonista realiza d’ O home invisible de H. Wellsé unha forma de coñecemento, mais tamén de curación.

As interpretacións de Geoffrey Rush e Emily Watson, a utilización da Morte como narradora (un recurso narrativo presente xa na novela de Zusak) e algunhas esceas memorables –como cando o xudeu agochado lle propón a Liesel, a heroína lectora, que lle describa o tempo que vai fóra, ou cando ela comeza a contar no refuxio antiáereo, engaiolando a súa veciñanza, mentres caen as bombas– abondan para recomendar vivamente esta película. Ademais, convén salientar o seu indubidable carácter de recurso didáctico, xa que pode axudar nas clases de lingua e literatura para abordar o tema do valor das palabras (vida) e da creación literaria coma mellor representación do mundo. Ideal para persoas letraferidas e para debater nos clubs de lectura de mozos e mozas.

Onte 865: Balada dun perdedor

Acabei a fin de semana indo ao cine para ver A propósito de Llewyn Davis, a película máis recente dos irmáns Coen. Gustoume. Tras unha narración circular, coma moitas das cancións folk, que rematan co verso inicial, os Coen ofrecen outro dos seus clásicos, a balada dun perdedor para o que non admiten outra saída co fracaso. Apenas algúns acenos de humor e unhas cantas chiscadelas de ironía (eis a sombra final de Dylan) alivian ao espectador desta comedia musical na que se homenaxea ao Nova York de comezos dos sesenta e aqueles folkies que non chegaron a mudar a historia da música. A fasquía clasicista da película abonda para salientar o laconismo dun persoanxe, Lewyn Davis, que representa un heroe melancólico, tan consciente do seu talento artístico coma incapaz de acertar nalgunha das súas relacións humanas. Só a impecable interpretación das súas cancións («Hang me, on hang me») alixeiran a atmosfera de dramático pesismismo que tingue toda a película. Os Coen non deixan espazo ningún para a compracencia nin para o inxenuo optimismo. Abonda con volver sobre as cancións.

Onte 700: «Costa da morte» ou a memoria da paisaxe humanizada

Costa da Morte, a película do vigués Lois Patiño, estreada esta fin de semana no 66º Festival de Locarno, competindo no apartado de «Cineastas do presente», xa é un dos cumes do emerxente «novo cine galego». Contando coa colaboración estreita da fotógrafa e cineasta Carla Andrade e utilizando como principais recursos creativos o plano panorámico fixo e moi aberto e o son en primeiro plano, Patiño ofrece durante case hora e media un relato visual dunha beleza excepcional e dun forte impacto emotivo. Unha peza de fronteira, unha hibridación entre o vídeoarte e o documentalismo clásico. En todo caso, unha película fermosa e memorable, engaiolante para ver, compartir e debater sobre ela.

Afastándose dos tópicos do documentalismo publicitario e da retórica historicista ou académica, Lois Patiño propón ao espectador unha ollada reflexiva, compartida e complexa sobre as relacións entre a paisaxe humanizada e a súa memoria. Un proceso de esculca, producido entre o abraio e a experiencia sensorial. A narración recorrente, case concéntrica, do desenvolvemento durante dous días e unha mañá de oficios vinculados ao entorno natural nas comarcas de Xallas e Nemancos, presentadas aquí como «Costa da Morte», apenas unha etiqueta. Os labores dos percebeiros, mariscadoras, mariñeiros, madeireiros e bombeiros forestais fundidos coa paisaxe natural na que se desenvolve, expresión do ciclo da natureza e da propia vida.

A paisaxe (de Monte Pindo a Malpica) é a protagonista dunha pelicula fermosa, elaborada por Patiño e Andrade na montaxe coa paciencia dos artesáns, na confección dos planos coa potencia visual do pintor e na toma de son coa meticulosidade dos técnicos de laboratorio. Para conseguir este sorprendente resultado, o retrato da memoria dunha paisaxe inevitablemente humanizada, Patiño recorre a utilización dunha composición panorámica, de xeometría áurea e de cromatismo potente, sobre a que se salientan os sons naturais e se identifican as conversas recollidas con micrófonos inalámbricos. Unha humanización da paisaxe presentada pola discreción da presenza dos seres humanos, nalgunhas ocasións apenas un punto, un sinal case imperceptible, noutras subliñada por algunhas secuencias non exentas de espectacularidade, como as dos percebeiros de Corme ou as finais do facho emitindo o seu sinal (luz) de axuda entre o solpor e o abrente do día.

As voces, as linguas e o sons competindo coa imaxe dotan á paisaxe de historia, humanizándoa, procurando o seu celme e a súa memoria, expresando a vontade antropolóxica dunha fita que esculca na identidade primeira do país de noso, nesa fusión entre home e paisaxe na que Castelao atopaba a alma eterna de Galicia. Cine case naturalista, con escasos adovíos e trampas argumentais (coa excepción da discutible inclusión dun curro). Un camiño posible para un novo agromar dun cine galego que aposta máis pola creatividade ca por emular a imposible estratexia industrial dos tinglados televisivos.

Costa da Morte é outra fantasía desa humildísima factoría creativa de Zeitun Films, capaz de ofrecer nos últimos anos os éxitos internacionais do noso cine, con películas memorables como Todos vós sodes capitáns de Oliver Laxe, Arraianos de Eloy Enciso, O quinto evanxeo de Gaspar Hauser de Alberto Gracia ou esta tan sorprendente Costa da Morte. Agardo que a película de Patiño se poida gozar axiña nos festivais e salas galegas. Paga moito a pena.

Publicado en Galicia Confidencial.

Onte 677: Amnesty International 50 years

Grazas a Rafael Antón, extraordinario ilustrador vigués radicado en São Paulo (unha figura a recuperar para o país noso), descubrín esta peza marabillosa dirixida por Carlos Lascano e creada con motivo do cincuenta aniversario de Amnistía Internacional. Eis algunhas posibilidades creativas da stop motion. Magnífico recurso didáctico tanto polos seus contidos coma pola súa feitura.

Onte 675: «Costa da Morte», outro éxito de Zeitun Films

Costa da Morte (teaser 1) from lois patiño on Vimeo.

Soubemos onte que Costa da Morte, a primeira longametraxe (80 minutos) de Lois Patiño, foi seleccionada para participar na 66ª edición do  Festival Internacional de Cine de Locarno na súa sección competitiva «Cineastas do Presente». Un documental non estreado no que o realizador vigués realiza unha esculca sobre as relacións entre o ser humano e unha natureza impoñente utilizando as súas relacións visuais e sonoras. A participación de Costa da Morte en Locarno é unha nova proeza da produtora Zeitun Films, tras o éxito de Todos vós sodes capitáns de Oliver Laxe, Arraianos de Eloy Enciso e O quinto evanxeo de Gaspar Hauser de Alberto Gracia, películas multipremiadas en diversos festivais internacionais nos útimos tres anos. Un éxito ao que non é alleo o rigor e o coñecemento dos produtores, Felipe Laxe e Martin Pawley, que acreditan na «fantasía do novo cinema galego», simulando o eufemismo que decote utilizamos para referirnos ao noso sistema literario. A pesar da redución das axudas públicas e do escaso peso da creación fílmica nos estándares da cultura galega actual, as arriscadas propostas de Zeitun Films van abrindo o seu vieiro. Un síntoma esperanzador de vitalidade. Os nosos parabéns aos produtores e aos equipos de creación.

Onte 669: Proxecto «Nimbos»

A iniciativa de Martín Pawley de promover o proxecto Nimbos de creacións fílmicas arredor do libro de Díaz Castro adianta o que pode ser unha celebración ventureira do vindeiro 17 de maio. Polo que conta Pawley a resposta dos cineastas galegos está sendo moi ampla e xenerosa, aventurando a posibilidade de que algún destes novos nimbos de luz chegue de fóra de Galicia. Poesía e cinema concibidas como expresións artísticas xeradas pola luz dun poeta a reler. Agardaremos polas primeiras pezas que, polo que sabemos, axiña poderemos coñecer.

Onte 634: A BSO das meigas de Lupa

É unha marabilla o que está sucedendo coa banda sonora orixinal que David Alonso Garzón compuxo e gravou para As meigas de Lupa, a novela xuvenil de María Solar. Seleccionada primeiro e logo declarada finalista nos premios Jerry Goldsmith do Festival Internacional de Música de Cine de Córdoba, na categoría de mellor creación libre, onte coñecimos un vídeo de presentación deste orixinalísimo traballo audiovisual, no que colaboran de forma desinteresada un equipo de máis de 20 persoas entre técnicos e o grupo Achádego de teatro, unidos pola inspiración e o estímulo da lectura da novela de María Solar. Do que soubemos onte foi da peza de seis minutos na que se adianta o que será o booktrailer e a banda sonora, que acompañará a novela cando apareza a segunda edición, a comezos do vindeiro outono. É obrigado expresar a nosa gratitude a David Alonso Garzón por este incrible traballo que incita a mergullarse na lectura recuperando unha lenda do noso patrimonio de tradición oral. Paga a pena seguir este proceso creativo tan estimulante.

Onte 631: Cambia de papel

No marco do excelente programa do II Festival Primavera do Cine de Vigo asistimos á proxección de Cambia de Papel, o documental (35 minutos) de María Reimóndez, Luís Tosar e Kutti Revathi. Fuxindo dos perigos do naturalismo exotizante, o equipo de dirección consegue unha narración desde dentro do proceso de transformación dun grupo de mulleres excluídas de Tamil Nadu. Utilizando as cartas como ferramenta narrativa, cada unha das once protagonistas desvela na súa voz a súa experiencia de transformación. No caso das nove mulleres do distrito de Salem, onde a ONG Implicadas leva traballado dende hai quince anos coa súa contraparte PDI, relátase o seu proceso de empoderamento; no caso de María Reimóndez e Luís Tosar, membros de Implicadas, a súa experiencia de «transformarse para transformar». Todas e cada unha destas testemuñas teñen o seu celme intransferible, persoal e único. En todas cóntanse en primeira persoa cousas importantes, nalgúns casos moi importantes para o contexto da sociedade tamil. En todas hai unha reflexión que interpela á espectadora, que remoe o seu conformismo. Ademais, grazas a o traballo de montaxe moi minucioso de Jorge Coira, cada unha das historias vai enlazando coa seguinte, construíndose dende a voz da outra, un procedemento que permite identificar ese fío polo que as mulleres en situacións moi complexas son capaces de saír delas utilizando estratexias de colaboración e axuda. Unha raíz inequivocamente feminista impregna esta película fermosa capaz de desmontar os prexuízos e os tópicos que temos da pobreza ou da imaxe da India de National Geographic. Dende o afortunado título, toda a película é unha metáfora do cambio sementando gromos de esperanza. Parabéns a todas as persoas que participaron neste traballo colaborativo.

Onte 622: Comeza Cans 2013

Comezou onte a décima edición do Festival de Cans, unha das citas máis populares do calendario cultural galego. Outra volta será unha coidada mestura de cinema documental galego e música popular a que durante catro intensas xornadas moverá a milleiros de persoas, á velocidade de chimpín, polos vieiros da parroquia porriñesa situada ao pé do pianista pétreo. O engado de Cans está no agroglamur, unha esencia única creada por Alfonso Pato, o director do festival, capaz de contaxiar entusiasmo tanto a toda a súa comunidade parroquial, ao seu equipo de voluntarios e voluntarias, como a artistas e público que acuden aos eidos de Cans para verse e deixarse ver (como sucede en todos os grandes festivais polo mundo adiante). Os moi importantes recortes das axudas públicas, que puxeron en perigo a viabilidade desta convocatoria, foron suplidos en Cans 2013 con micropatrocinios privados e polo esforzo en recabar fondos propios dos organizadores. Unha boa oportunidade para achegarse estes días pola Louriña. Beizóns pola proeza á veciñanza de Cans e ao equipo organizador!