Onte 464: Vixencia dos blogs
A piques de finalizar o oitavo ano blogueando en galego de forma ininterrompida, continúo crendo que os blogs son a cerna da identidade dixital dos que participamos no procomún da rede. A irrupción da vertixe das redes sociais, informativas e profesionais semella que os foi colocando nun segundo plano, o que quizais provocou perda de audiencia e atractivo, mesmo a pesar de ser o soporte que utiliza de xeito máis xenuíno as utilidades do hipertexto. Porén, fronte a fraxilidade de Facebook e a inmediatez de Twitter, os blogs continúan sendo a referencia da memoria da rede, xa que en cadanseu arquivo gardan todo o traballo hipertextual do seu autor ou autora, unha utilidade aínda non substituída por ningún outro soporte. Ademais, os blogs son neste momento unha ferramenta didáctica e profesional imprescindible para compartir o traballo dixital. Razóns polas que para min é unha grande ledicia saber da incorporación recente á rede de blogs en galego de persoas tan amigas e tan admiradas como Agustín Fernández Paz ou Mercedes Queixas. Cadanseus blogs constitúen senllas alfaias valiosísimas para o hipertexto en lingua galega. Convido a visitalas decote. Benvidas e longa travesía!