A Deputación de Pontevedra abandona o libro galego

Os editores galegos somos profesionais pacientes e discretos. Porén, nalgunha ocasión temos  que petar na mesa. Iso foi o que fixemos hoxe cando, despois de cinco meses de intentar evitalo por todos os medios ao noso alcance, dimos a coñecer aos medios de comunicación a negativa do presidente e do deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra de asinar o convenio que dende hai vinte anos permitía que as novidades dos editores da provincia chegasen a algunhas bibliotecas públicas. Tras varios exercicios con recurtes no orzamento (nos tempos iniciais de Xosé Cuíña ascendía a cinco millóns de pesetas, que se duplicaron con Abeledo), esta decisión de Rafael Louzán de abandonar o apoio ao libro galego contrasta cos seus compromisos coa asociación Galicia Bilingüe. A verdade é que esta decisión non nos extraña, xa que hai dous anos, a Deputación de Pontevedra deixou de editar a magnífica colección Tambo de poesía, sen mediar, tampouco, explicación ningunha. Podemos continuar sendo optimistas? A cultura e a lingua galega teñen que ser sempre os eidos sacrificados polo actual PPdeG? Este é o galeguismocordial“, “amable”, ” inclusivo” (xa non son capaz de seguir tantos adxectivos pretendidamente acolledores) do partido de Rafael Louzán e Alberto Núñez Feijóo?

Actualización (03-06-2009): a noticia tivo repercusión nalgúns medios, eis os espazos que hoxe lle dedican Galicia hoxe e Xornal de Galicia.

Casa da Lectura

En varias ocasións temos gabado o gran traballo que realiza Espazo Lectura, un modelo de voluntariado pola lectura que traballa infatigablemente na comarca do Val Miñor. Hoxe, a asociación que preside Concha Costas, dá un paso moi importante coa inauguración da Casa da Lectura, un espazo para a convivencia lectora arranxado polos voluntarios e voluntarias na que fora Escola Infantil de Donas. As nosas beizóns para todos eles.

«Os ollos do Contomar»

Acredito que este libro é unha marabilla. Poucas veces gocei tanto da beleza da lectura como nestas fotografías de Manuel G.Vicente. Outrosí sucede cos textos, que constitúen unha antoloxía fulcral sobre a lectura, o libro e a biblioteca.

Beizóns para Espazo Lectura!

[recomendo baixar as primeiras 28 páxinas en pdf]

Día internacional do libro e dos dereitos de autor

Con motivo do Día internacional do libro e dos dereitos de autor, hoxe ao mediodía presentaremos no Consello da Cultura Galega Do orixinal ao libro, o primeiro manual de edición técnica en galego que preparou o editor Juan L. Blanco Valdés. Jacobo Bermejo, presidente do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego acompañaranos nesta presentación. Este magnífico manual, prologado polo ortotipógrafo galego José Martínez de Sousa, proporciona boas doses de autoestima para o conxunto do sector editorial en Galicia ao tempo que fixa en galego os criterios dunha edición textual de calidade. Beizóns para Juan L. Blanco.

O Día internacional do libro deste ano está, inevitablemente, presidido polo interese sobre as relacións entre as novas tecnoloxías e o libro. Onte fixen dúas pequenas entrevistas para senllos programas da TVG (os informativos e «Acompáñenos») onde esta cuestión aparecía como a principal preocupación das entrevistadoras. Insistín na fortuna que temos os editores contemporáneos de poder participar neste cambio do paradigma da comunicación cultural, que non se producía dnede ha imáis de cincocentos anos, ao tempo que o libro terá distintos futuros, na medida que coexistirán soportes analóxicos e dixitais durante un período que non sabemos aínda estimar.

Boa xornada do libro. Hoxe recomendo visitar as librarías e bibliotecas galegas. Estamos todos de festa.

U-la biblioteca

No artigo da semana crítico a falta de planificación estratéxica dos equipamentos sociocomunitarios en Vigo, ao tempo que rexeito adecisión do alcalde Caballero de ubicar a nova Biblioteca do Estado na Escola de Artes e Oficios.

Os nosos índices de lectura

No artigo da semana reflexiono sobre os índices de lectura máis recentes dos que dispoñemos. O repunte dos hábitos lectores, o incremento da lectura en galego, a mobilización lectora da mocidade e o importante papel das bibliotecas escolares e do sistema escolar neste proceso son algunhas das cuestiónas abordadas.

Aprimorar a lectura e a escritura

Alessandro Martins recompilou vinte e unha listas para aproimorar a lectura e a escritura que veu publicando no seu blog ao longo dos últimos anos. A pesar de que teñen un interese desigual, hai algunhas magníficas e útiles para ser empregadas na animación bibliotecaria. Eis o caso dalgunhas das listas sobre a animación da lectura: «Como aprendín a gustar da ler con once actitudes dos meus pais», «Os dez consellos para ler máis libros cada ano», «Os dez motivos para ler os clásicos», «Os doce consellos que facilitan o hábito da lectura». Como tamén as listas para aprimorar (que verbo bonito) a escritura, onde destacan «Os sete consellos de Gabriel García Márquez para escibir mellor». Esta recompilación de Martins é unha anotación para o arquivo. Moi útil. Grazas.

Bibliotecas de barrio

No artigo da semana expreso as miñas beizóns á consellaría de Cultura de Vigo pola súa aposta de creación de bibliotecas muncipais de barrio, que deben ir cubrindo a nefasta carencia bibliotecaria viguesa.

Vigo: primeira biblioteca pública de barrio

Este é o mellor anuncio cultural que limos en Vigo na última década. Apostar pola creación de bibliotecas públicas é a medida máis futurista e revolucionaria que poden acometer as administracións locais. Hoxe a biblioteca pública convertiuse na primeira institución cultural de cada comunidade local, de cada barrio, de cada comunidade; ademais do seu carácter de infraestrutura esencial dentro dos equipamentos socio educativos. Ata agora, Vigo foi en cuestión de bibliotecas públicas un auténtico desastre; un modelo, nos congresos de bibliotecarios, dunha situación carencial límite. Afortunadamente, semella que Xesús López Carreira, o concelleiro nacionalista vigués de Cultura, tomou boa nota do modelo da rede municipal coruñesa de bibliotecas e aproveitando o Plan Estatal de Investimento Local arrisca coa posta en marcha da primeira biblioteca de barrio. Non teño dúbida que situación viguesa comezará así a reconducirse, ao que debe axudar, tamén, a creación da prometida biblioteca do estado (para a que non hai aínda ubicación). Agora o importante é que en decembro se abrirá esta primeira biblioteca do Calvario, logo a de Navia, logo… Iníciase, pois, un camiño de esperanza para a política de lectura pública en Vigo. Beizóns para Xesús López Carreira.

24 de outubro, Día da Biblioteca

O vindeiro 24 de outubro celébrase en Santiago o Día da Biblioteca. Con este motivo, Amigos do Libro Infantil e Xuvenil encargou a Agustín Fernández Paz o pregón da xornada e a Xosé Cobas o deseño do cartel, que se está distribuíndo en toda a rede bibliotecaria española. Un formidable traballo de Agustín e Cobas. Beizóns!

ONDE HAI UNHA BIBLIOTECA HAI UNHA LUZ
Agustín Fernández Paz

ABRE AS PORTAS e entra. Entra neste espazo que agarda por ti, neste ámbito onde cada palabra é un don que recibimos como agasallo. Percorre todos os recantos desta casa da liberdade, respira este aire que non sabe de fronteiras, déixate levar polo río de recendos que anuncia os tesouros da biblioteca.
Estamos nun lugar especial, sería imposible confundilo. Desde o ceo debe de verse como un punto de luz brillando coa intensidade maior, como un aleph que contén a memoria e os soños da humanidade. Unha luz, si. Unha luz que escintila coma un faro entre as tebras, co rítmico latexar dun corazón inmenso que expande ondas de liberdade e de esperanza polo territorio que a circunda.
Quizais poderiamos seguir vivindo se nos faltase este aire que fai vibrar todas as células do noso corpo, se cadra as persoas continuariamos coa nosa existencia rutineira se non existise a biblioteca, mais algún lugar decisivo ficaría baleiro no noso corazón.
Faltaríanos a enerxía que nos fai desexar unha vida mellor, unha cidadanía máis libre, unha sociedade máis xusta. Doeríanos non escoitar a voz das persoas que sufriron a historia e a das que a sofren agora mesmo; sería insoportable oír só as palabras dos que tentan dirixir e controlar as nosas vidas.
Para que isto non suceda, abre as portas e entra. Ábreas sempre, todas as portas, pois cada vez que o fas incorpóraste ao río subterráneo que alimenta a biblioteca, ao torrente de liberdade que a fai vivir e lle dá azos renovados.

ABRE OS LIBROS e mergúllate na auga da vida que abrolla irreprimible desde as súas páxinas. Déixate arrastrar pola fervenza de voces, de linguas, de recendos, de paisaxes. Non esquezas nunca o abraio que experimentamos nos anos da infancia, cando se nos revela a dimensión máxica que teñen as palabras e descubrimos que as páxinas dos libros poden conter o mundo enteiro.
Como as labregas que se afanan na rebusca de espigas entre os regos despois da ceifa, tamén os escritores recollen as palabras unha a unha e elaboran con elas o humilde pan dos seus textos. Deste xeito fan que cheguen ata nós, sempre novas e sempre sorprendentes, pois os libros posúen a insólita capacidade de revivir e reinventarse en cada nova lectura.
Todas as persoas necesitamos as historias, os soños, as palabras, talvez sexa unha característica inscrita no ADN da humanidade. Necesitámolas coma o comer, como beber auga, xaora que si. Para entendermos o mundo e para entendernos a nós mesmos, para soñar outros destinos, para loar os dons que a vida nos dá. Sabemos que non poderiamos vivir sen o alento da imaxinación e da creatividade, sen as palabras que expresan a variedade e a beleza dos nosos desexos e dos nosos sentimentos.
Por todo iso, abramos os libros. Eles conteñen os soños, as paixóns, os medos, os amores, as risas. Nas súas paxinas habita a inmensa variedade de sentimentos e experiencias da humanidade, das persoas que viven agora en calquera lugar do mundo e das que desapareceron hai moitos anos. Os libros: ríos de palabras que se nos ofrecen con xenerosidade para axudarnos a aprender o oficio de vivir, para cambiarnos a vida e implicármonos na transformación do mundo.

ONDE HAI UNHA BIBLIOTECA HAI UNHA LUZ que traspasa todos os muros, unha luz que se fai máis intensa cando medran as persoas que a incorporan ás súas vidas. As mesmas persoas que logo, ao saíren por rúas e prazas, levarán canda elas o reflexo desa luz, a semente dese mundo novo que algún día faremos agromar. Un mundo máis solidario, máis plural, máis culto, máis xusto. Un mundo onde non se escoite a voz adormecedora dos poderosos, senón as palabras múltiples e diversas de todas as persoas que habitamos esta casa común que é o noso planeta.