Tras os Xerais

Dende o pasado domingo andamos enleados poñendo orde en toda a información xerada polo serán dos Xerais. A verdade que estou moi satisfeito pola repercusión do acontecido na illa tanto na prensa impresa como nos medios electrónicos; tanto nas anotacións dos  blogs (todas tana agarimeiras con nós) como nos perfís de Facebook (a gran novidade desta edición), onde se están publicando moitas galerías de fotos e comentarios sobre o acontecido en San Simón. Ademais do arrollador discurso de Agustín, que afortunadamente comeza a viralizarse na rede (sobre todo no eido educativo), o éxito da comunicación do serán dos Xerais chámase Blogaliza. Goretoxo, Alfredo, Tati e Martin Pawley fixeron un traballo  marabilloso. Retransmitiron moi satisfactoriamente a cerimonia (empregando uns medios ben modestos), editaron decontado as pezas das intervencións da cerimonia, entrevistaron a ben de xente. Non podo estar máis que agradecido con eles. Beizóns. Tras todo este rebumbio, que amainará nuns días, volveremos ao noso traballo sobre os textos. Temos o obxectivo de poder presentar as obras premiadas na primeira semana de outubro. Daquela volveremos sobre elas.

A foto é de Pilar Ponte, que publicou no seu blog unha galeríafotográfica  preciosa.

Monolingüismo

Recomendo vivamente esta extraordinaria anotación de Juan Varela. Textos coma este de Juan ou moitos dos que publica Fermín Bouza no seu votoconbotas demostran que é imprescindible falar en Galicia coa mesma claridade que eles o fan sobre o que pretende facer o Goberno Feijóo coa lingua de todos. Unha inxección de autoestima e confianza na mobilización da cidadanía. Beizóns, Juan!

Beizóns, Xurxo!

Tras catro anos de traballo entusiasta á fronte da subdirección de programas, Xurxo Souto saíu da Radio Galega coa elegancia arroutada e idéntica paixón coa que realizou o seu primeiro saúdo en antena. Atrás queda o seu pulo e esforzo por modernizar e achegar a radio pública en galego (esa “rareza” no dial que debemos defender como primeiro patrimonio galego da comunicación) á mocidade e aos públicos urbanos. Eis o seu traballo monumental de apoio á música popular galega que, en boa medida debido a súa convicción nas súas posibilidades, vive o mellor momento da súa historia. Eis o seu apoio a iniciativas felices como a reinvención do teatro na radio. Eis as leccións diarias de radio fetén en Aberto por Reformas ou cada sábado ao mediodía en Mil ribeiras (para min un programa memorable, tanto dende o punto de vista  literario como musical). Eis o acerto de poñer en marcha o Extrarradio, o grande programa de Belén Regueira (hoxe por hoxe a primeira comuncadora do país). Eis o apoio proporcionado pola RG ás máis diversas iniciativas das industrias culturais… Todo o sector cultural galego (editores, escritores, músicos, actores… )  está en débeda con Xurxo Souto. Ben sería amosarlle o noso agradecemento nunha velada bonita. Beizóns, Xurxo, o noso ghaiteiro!

Beizóns para Belén

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/NYH_Pltivpo" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Únome aos milleiros de admiradores da intervención de Belén Regueira nos Mestre Mateo, comunicadora da que dende hai tempo somos seguidores rendidos. Belén sinala nestes dous minutos e medio memorables os vieiros que debemos seguir na defensa do galego: rigor na argumentación, coñecemento do problema, afouteza e simpatía na comunicacións. Beizóns, Belén!

Día internacional do libro e dos dereitos de autor

Con motivo do Día internacional do libro e dos dereitos de autor, hoxe ao mediodía presentaremos no Consello da Cultura Galega Do orixinal ao libro, o primeiro manual de edición técnica en galego que preparou o editor Juan L. Blanco Valdés. Jacobo Bermejo, presidente do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego acompañaranos nesta presentación. Este magnífico manual, prologado polo ortotipógrafo galego José Martínez de Sousa, proporciona boas doses de autoestima para o conxunto do sector editorial en Galicia ao tempo que fixa en galego os criterios dunha edición textual de calidade. Beizóns para Juan L. Blanco.

O Día internacional do libro deste ano está, inevitablemente, presidido polo interese sobre as relacións entre as novas tecnoloxías e o libro. Onte fixen dúas pequenas entrevistas para senllos programas da TVG (os informativos e «Acompáñenos») onde esta cuestión aparecía como a principal preocupación das entrevistadoras. Insistín na fortuna que temos os editores contemporáneos de poder participar neste cambio do paradigma da comunicación cultural, que non se producía dnede ha imáis de cincocentos anos, ao tempo que o libro terá distintos futuros, na medida que coexistirán soportes analóxicos e dixitais durante un período que non sabemos aínda estimar.

Boa xornada do libro. Hoxe recomendo visitar as librarías e bibliotecas galegas. Estamos todos de festa.

Selo Violeta

Anxo e Gracia, os responsables de Trafegando ronseis, un dos nosos blogs amigos, tiveron a deferencia de agasallarnos con este selo violeta, un premio que, segundo os seus creadores brasileiros, pretende salientar a aqueles blogs que achegan algunhas sensacións cor violeta como «magia, encantamento, graciosidade, magnetismo... e tudo aquilo que parece mágico». Beizóns para eles dous.

Os promotores do selo violeta, que xa está correndo entre a marabillosa rede de blogs escolares galegos, establecen que as regras que se deben respetar para utilizalo son:
– Exhibir o Selo Violeta no seu blogue coas regras;
– Indicar cantos blogues consideras que merecen este selo;
– Avisar aos indicados, non te esquezas diso!;
– Escribir dous poderes máxicos que xa imaxinaches ter.

Eu que son ben guiado respectarei as tres primeiras, xa que a cuarta non consigo imaxinala, coa excepción de que consideremos como poderes máxicos desta brétemas o valor teimoso da tolerancia e o esforzo de atención que require a lectura. Ben sei que son moitos os blogs que visito merecedores deste selo por atesourar os mellores valores do fantástico e da maxia. Con todo escollo apenas tres moi achegados para que eles, se o consideran oportuno, continúen esta roda:  Arume dos Piñeiros, Días estranhos e Alfaias.

Carlos Oroza

Recomendo vivamente ler e arquivar a entrevista que Roxelio Garrido realizou ao poeta Carlos Oroza con motivo do seu setenta e cinco aniversario. Admiro moito a Carlos, o noso poeta camiñante. Cada encontro con el na rúa é unha beizón, a pesar de que el humildemente afirma que «Todas las tardes paseo mi derrota por las calles de Vigo, alguna vez me paro en la orilla y espero algún barco». Beizóns, Carlos!

A foto é de Nelson Villalobos.

Xabier DoCampo e Marcos Calveiro premiados

Noite entrañable a de onte no Carballiño. Creo que en liñas xerais foron uns premios ben atinados. O primeiro recoñecemento para Festina lente (agardo que virá algún máis) de Marcos Calveiro foi para nós unha noticia magnífica. O discurso do mestre DoCampo foi excepcional (prometeu subilo ao seu blog), unha defensa da lingua memorable. Beizóns!

Bibliotecas de barrio

No artigo da semana expreso as miñas beizóns á consellaría de Cultura de Vigo pola súa aposta de creación de bibliotecas muncipais de barrio, que deben ir cubrindo a nefasta carencia bibliotecaria viguesa.

Vigo: primeira biblioteca pública de barrio

Este é o mellor anuncio cultural que limos en Vigo na última década. Apostar pola creación de bibliotecas públicas é a medida máis futurista e revolucionaria que poden acometer as administracións locais. Hoxe a biblioteca pública convertiuse na primeira institución cultural de cada comunidade local, de cada barrio, de cada comunidade; ademais do seu carácter de infraestrutura esencial dentro dos equipamentos socio educativos. Ata agora, Vigo foi en cuestión de bibliotecas públicas un auténtico desastre; un modelo, nos congresos de bibliotecarios, dunha situación carencial límite. Afortunadamente, semella que Xesús López Carreira, o concelleiro nacionalista vigués de Cultura, tomou boa nota do modelo da rede municipal coruñesa de bibliotecas e aproveitando o Plan Estatal de Investimento Local arrisca coa posta en marcha da primeira biblioteca de barrio. Non teño dúbida que situación viguesa comezará así a reconducirse, ao que debe axudar, tamén, a creación da prometida biblioteca do estado (para a que non hai aínda ubicación). Agora o importante é que en decembro se abrirá esta primeira biblioteca do Calvario, logo a de Navia, logo… Iníciase, pois, un camiño de esperanza para a política de lectura pública en Vigo. Beizóns para Xesús López Carreira.